DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 16 de marzo de 2005 Páx. 4.472

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CENTRO DE ESTUDOS XUDICIAIS E SEGURIDADE PÚBLICA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2005 pola que se convocan 4 cursos de salvamento e socorrismo acuático.

Dentro do programa de actividades que o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia ten previsto realizar no ano 2005, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2005, do 4 de xaneiro, do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, anúnciase a celebración de 4 cursos de salvamento e socorrismo acuático, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dotar o persoal voluntario de protección civil dunha formación teórico-práctica que lle facilite a realización das tarefas que teña encomendadas, adquirindo unha maior destreza e coñecementos suficientes no salvamento e socorro de persoas en situacións difíciles.

Segunda.-Destinatarios.

Os cursos van dirixidos aos membros das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia que previamente superasen o curso básico de protección civil e teñan dominio dos tres estilos de natación seguintes: crol, de bruzos e de costas.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para cada curso é de 30.

2. Duración e data: os cursos terán lugar durante o ano 2005, en datas que se confirmarán coa suficiente antelación ao seu inicio e cunha duración de 80 horas lectivas.

3. Lugar: determinarase en función da localización dos solicitantes que superen as probas de acceso.

Cuarta.-Proba de acceso.

Todos os aspirantes pasarán unha proba selectiva para optaren á realización do curso. A dita proba, na cal se avaliará o dominio de natación nos tres estilos, así como nadar 200 metros estilo libre, farase no Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia en día e hora que oportunamente e coa suficiente antelación se comunicará aos interesados.

Quinta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 4 de abril de 2005.

4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionalas en orde prioritaria. Este será requisito indispensable para ser admitido na proba de acceso ao curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo, fax, etc. á sede da Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia: Avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada e fax nº 986 59 09 88 ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexta.-Contido.

Nel trataranse diversos temas relacionados cos seguintes puntos:

a) Introdución. Conceptos xerais.

b) Salvamento acuático. Socorrismo acuático.

c) Técnicas de extracción de accidentados. Salvamento acuático en espazos naturais.

d) Primeiros auxilios. Soporte vital básico.Soporte vital básico pediátrico. Traumatismos. Picaduras e mordeduras. Lesións por axentes externos.

e) Proba de avaliación e superación do curso.

Sétima.-Relación de admitidos.

1. A relación de participantes admitidos para a realización do curso esporase no taboleiro de anuncios do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública

de Galicia, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación á celebración do curso. Tamén poden confirmar a súa admisión chamando ao teléfono 986 59 00 21.

2. Os seleccionados deberán presentar un certificado médico de non padeceren enfermidade nin estaren afectados por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das prácticas de salvamento acuático.

Oitava.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Novena.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos prácticos.

Novena.-Modificacións.

O Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia poderá modificar o desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 1 de marzo de 2005.

José Antonio Vázquez Taín

Director do Centro de Estudos Xudiciais

e Seguridade Pública de Galicia