DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 16 de marzo de 2005 Páx. 4.456

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 8 de marzo de 2005 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de axudas para o fomento da propiedade industrial, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2005.

No marco dunha economía que cada vez máis se basea nos coñecementos, a propiedade industrial é un factor clave na estratexia empresarial. A cotío aparecen no mercado novos produtos, marcas e deseños creativos que son o resultado dunha innovación e creatividade continuas.

A utilización dos mecanismos da propiedade industrial preséntase como un instrumento para promover a competitividade económica, construída a partir de apostas estratéxicas na investigación, no desenvolvemento, na innovación e na mercadotecnia.

As empresas con visión de futuro teñen que facer fronte ao reto de extraer o valor latente da súa propiedade industrial e utilizalo eficazmente na súa estratexia comercial. A protección dos activos de

propiedade industrial e a súa xestión eficaz son factores determinantes para o aumento da súa competitividade e a súa vantaxe estratéxica.

Na nosa comunidade autónoma, a utilización do sistema de propiedade industrial por parte do tecido empresarial é sensiblemente inferior á media do Estado español, creándose con isto unhas condicións de competitividade desfavorables respecto a outras comunidades autónomas. Así mesmo, as pequenas e medianas empresas non sempre explotan plenamente a súa capacidade innovadora e creativa por non dispor dos recursos necesarios para a xestión destes activos intanxibles.

Por todo isto faise necesario dispor dunha ferramenta que fomente a protección e a utilización do sistema de propiedade industrial por estas empresas, como instrumento de mellora competitiva e, con este fin, ponse en marcha o presente réxime de axudas.

Nesta convocatoria establécese un procedemento de concesión en que as solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de entrada e ata o esgotamento do crédito dispoñible. Así mesmo, co fin de simplificar os trámites administrativos e, en consecuencia, facilitar o acceso ás axudas, optouse por unificar todo o proceso do gasto (realización e pagamento), de tal forma que soamente se presente unha solicitude de subvención unha vez se teñan realizados e pagados os gastos subvencionables.

En consecuencia e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto a aprobación das bases reguladoras dos apoios financeiros destinados ao fomento da protección e utilización da propiedade industrial, así como a convocatoria destas axudas para o ano 2005.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

Para a concesión das axudas que regula esta convocatoria destinaranse os créditos globais correspondentes ás aplicacións orzamentarias que se mencionan, coa seguinte distribución:

AplicaciónDenominaciónAno 2005

(euros)

08.03.432-A.770.0Industrialización proxectos de I+D. Accións complementarias para a innovación.150.000

08.03.712-B.772.1Apoio á innovación en tecnoloxías de proceso.150.000

TOTAL .....................300.000

Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán solicitar as axudas reguladas nesta convocatoria as microempresas, pequenas e medianas

empresas (PEME), calquera que sexa a súa forma xurídica, que teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, así como aqueloutras que teñan algún centro produtivo na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que os conceptos para os cales solicitan a subvención teñan aplicación directa nestes centros produtivos.

Para a clasificación das empresas segundo o seu tamaño, actuarase de acordo coa recomendación da Comisión Europea do 6 de maio de 2003 (DOCE do 20 de maio), sobre definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (esta definición recóllese no pé do anexo IV desta orde).

O documento acreditativo de cumprir os requisitos de PEME deberá formar parte da documentación que se xunte á solicitude de subvención (letra f do artigo 6º.1 desta orde).

2. Non obstante, non poderán ser beneficiarios das axudas reguladas nesta convocatoria:

a) Aqueles solicitantes que incorran nalgunha das incompatibilidades descritas no artigo 12º desta orde.

b) Aqueles solicitantes en que concorra algunha das circunstancias relacionadas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (este artigo recóllese no pé do anexo V desta orde).

c) Aqueles solicitantes que realicen actividades relacionadas coa produción, transformación ou comercialización dos produtos agrícolas (produtos da terra, da gandaría e da pesca) que figuran no anexo I do Tratado da Unión Europea.

O documento acreditativo de non incorrer en ningunha destas tres (3) exclusións deberá formar parte da documentación que se xunte á solicitude de subvención (letra g do artigo 6º.1 desta orde).

Artigo 4º.-Conceptos e gastos subvencionables.

1. Serán obxecto de apoio no ámbito da presente orde os seguintes conceptos:

a) Solicitude de títulos de propiedade industrial (invencións, deseños industriais e signos distintivos), ante as oficinas nacionais, rexionais ou internacionais. Dentro deste concepto inclúense todos os trámites dos procedementos correspondentes á concesión de novos títulos, así como á transformación ou extensión territorial de títulos existentes.

Terán a consideración de gastos subvencionables, segundo a forma de actuar ante as ditas oficinas, os seguintes:

* Cando se actúe directamente: os importes das taxas asociadas aos trámites citados.

* Cando se actúe con representante externo: os gastos de consultoría asociados a estes trámites (gastos de preparación e presentación das solicitudes asociadas aos trámites citados).

A empresa solicitante de subvención por este concepto deberá ser a peticionaria ou a titular dos títulos de propiedade industrial correspondentes.

b) Mantemento de títulos de propiedade industrial (invencións, deseños industriais e signos distintivos),

ante as oficinas nacionais, rexionais ou internacionais. Dentro deste concepto inclúense todos os trámites dos procedementos correspondentes á renovación de calquera título, así como á posta en explotación de patentes ou modelos de utilidade.

Terán a consideración de gastos subvencionables, segundo a forma de actuar ante as ditas oficinas, os seguintes:

* Cando se actúe directamente: os importes das taxas asociadas aos trámites citados.

* Cando se actúe con representante externo: os gastos de consultoría asociados a estes trámites (gastos de preparación e presentación das solicitudes asociadas aos trámites citados).

A empresa solicitante de subvención por este concepto deberá ser a titular dos títulos de propiedade industrial correspondentes.

c) Inscrición de transmisións de títulos de propiedade industrial (invencións, deseños industriais e signos distintivos), ante as oficinas nacionais, rexionais ou internacionais. Dentro deste concepto inclúense todos os trámites dos procedementos correspondentes á inscrición de transmisións de títulos de propiedade industrial.

Terán a consideración de gastos subvencionables, segundo a forma de actuar ante as ditas oficinas, os seguintes:

* Cando se actúe directamente: os importes das taxas asociadas aos trámites citados.

* Cando se actúe con representante externo: os gastos de consultoría asociados a estes trámites (gastos de preparación e presentación das solicitudes asociadas aos trámites citados e gastos de apoio legal en contratos de licenza).

A empresa solicitante de subvención por este concepto deberá ser a cedente ou cesionaria dos títulos que se transmitan.

d) Acceso ás fontes de información tecnolóxica.

Terán a consideración de gastos subvencionables os seguintes:

* Os importes dos servizos prestados pola Oficina Española de Patentes e Marcas ou polo Servizo Galego de Propiedade Industrial en relación coas buscas ou informes de antecedentes rexistrais (invencións, deseños industriais e signos distintivos), efectuadas con carácter previo á solicitude de novos títulos de propiedade industrial.

* Os gastos de consultoría relativos á preparación e realización das peticións das buscas ou informes citados no punto anterior.

* Os gastos de consultoría correspondentes á elaboración de informes sobre o estado da técnica, efectuados con carácter previo á solicitude de patentes ou modelos de utilidade, para determinar a súa posible patentabilidade, sempre que estes informes sexan realizados por entidades externas, habilitadas ou con recoñecida experiencia para isto.

e) Viabilidade industrial de invencións ou deseños industriais que aínda non se puxesen en explotación.

Terán a consideración de gastos subvencionables os seguintes:

* Os gastos de consultoría correspondentes á elaboración de estudos de viabilidade técnico-económica relativos ao desenvolvemento, industrialización e comercialización dunha invención ou deseño industrial, sempre que estes estudos sexan realizados por entidades externas, habilitadas ou con recoñecida experiencia para isto.

* Os gastos de consultoría correspondentes ao establecemento dunha relación contractual do titular da invención ou deseño industrial cun socio empresarial, que permita o desenvolvemento industrial da dita invención ou deseño, sempre que estes servizos sexan prestados por entidades externas, habilitadas ou con recoñecida experiencia para isto.

A empresa solicitante de subvención por este concepto deberá ser a titular da invención ou do deseño industrial obxecto do estudo e, ademais, esta titularidade deberá estar baseada nun título de propiedade industrial xa concedido ou en trámite de concesión.

2. Os conceptos subvencionables deberán estar realizados dentro do presente ano 2005 e, así mesmo, con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda. O prazo límite para a presentación de solicitudes está regulado no artigo 6º.3 desta orde.

3. En ningún caso se incluirá entre os gastos subvencionables o imposto sobre o valor engadido (IVE).

Artigo 5º.-Contía das axudas.

A axuda que se concede asume a forma de subvención a fondo perdido e a súa contía será do 70% dos gastos subvencionables, coa limitación establecida no parágrafo seguinte.

A suma das subvencións percibidas por un mesmo beneficiario, resultado de presentar unha ou varias solicitudes ao abeiro desta orde, non poderá superar os 30.000 euros.

Artigo 6º.-Solicitudes, documentación e prazos.

1. As solicitudes formalizaranse no modelo recollido no anexo I desta orde, debendo acompañar a seguinte documentación:

Documentación administrativa:

a) CIF da entidade solicitante ou NIF en caso de empresario individual.

b) Documento público acreditativo do poder co que actúa o solicitante e fotocopia do seu DNI (en caso de poder mancomunado deberán achegarse as fotocopias dos DNI de todos os representantes).

c) Declaración de axudas obtidas ou solicitadas, para a mesma finalidade, en calquera outra administración, organismo ou ente público ou privado, que se deberá formular segundo o modelo recollido no anexo III desta orde. Se é o caso, para as axudas concedidas deberá presentarse copia da resolución de concesión.

d) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento da subvención, en que conste a razón social e CIF do titular, así como o código de banco, código de sucursal, díxito de control e código de conta corrente.

e) Certificados acreditativos de estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Declaración de cumprimento dos requisitos de PEME, de acordo co exixido no artigo 3º.1 desta orde, que se deberá formular segundo o modelo recollido no seu anexo IV.

g) Declaración de non incorrer en ningunha das tres (3) exclusións citadas no artigo 3º.2 desta orde, que se deberá formular segundo o modelo recollido no seu anexo V.

Documentación xustificativa dos gastos:

h) Cadro de gastos, que se deberá formular segundo o modelo recollido no anexo II desta orde, onde se recolla a relación de gastos, de acordo coa clasificación de conceptos subvencionables detallada no artigo 4º.1 desta orde.

i) Xustificantes de pagamento dos gastos (para cada un dos gastos que se recollan no anexo II):

* Copia do documento que acredite a realización do trámite correspondente ante a oficina de propiedade industrial de que se trate e documento bancario acreditativo do pagamento da taxa ou prezo asociado, cando se trate de conceptos incluídos nas letras a), b), c) e, se é o caso, d), do artigo 4º.1 desta orde.

* Cando existan gastos de consultoría, as facturas dos provedores polos servizos prestados e os documentos acreditativos do pagamento destas facturas.

* Cando se trate de conceptos incluídos nas letras d) e e) do artigo 4º.1 desta orde, unha copia dos informes, estudos ou acordos contractuais para os que se solicita subvención.

j) Calquera outro documento que se requira, para a determinación e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

2. Estas solicitudes, con toda a documentación relacionada no punto anterior, dirixiranse ao conselleiro de Innovación, Industria e Comercio e presentaranse, por duplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e copia simple), nos rexistros do Servizo Galego de Propiedade Industrial (Segapi), dos servizos centrais ou das delegacións provinciais da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2005 (inclusive), salvo que se producise o suposto de esgotamento do crédito dispoñible recollido no artigo 8º.1 desta orde.

4. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, sobre protección de datos de carácter persoal, a Consellería de Innovación, Industria e Comercio garante a confidencialidade dos datos recollidos na documentación establecida para as solicitudes de axuda.

Artigo 7º.-Rectificación da solicitude.

Se a solicitude non reúne os requisitos exixidos ou non se presentan os documentos sinalados, requirirase o interesado para que, no prazo de 10 días hábiles, rectifique a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se lle terá por desistido da súa petición, logo de resolución, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Procedemento de concesión.

1. A concesión das axudas efectuarase respectando a orde de entrada das solicitudes, ata esgotar o crédito dispoñible, e o procedemento substanciarase de acordo coas normas xerais dos procedementos administrativos iniciados por solicitude dos interesados, tendo en conta as seguintes regras:

* O procedemento entenderase iniciado desde a data en que a correspondente solicitude se presentase, nalgún dos lugares previstos no artigo 6º.2 desta orde, contándose desde a dita data o prazo máximo para resolver e notificar a resolución expresa da solicitude.

* En caso de emenda da solicitude, conforme o previsto no artigo 7º desta orde, a orde de entrada, para efectos de concesión da axuda, virá determinada pola data de presentación do escrito de emenda ou do oficio polo que se presenten os documentos preceptivos, nalgún dos lugares previstos no artigo 6º.2 desta orde.

* Sempre que se cumpran os requisitos determinados nas bases reguladoras e ata o esgotamento do crédito dispoñible, as solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outras solicitudes.

* No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes, presentadas en rexistros diferentes, a orde de entrada virá determinada polo número e data de entrada no rexistro do Servizo Galego de Propiedade Industrial (Segapi).

2. Correspóndelle á Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial a instrución do procedemento de concesión de subvencións, quen desenvolverá de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formular a proposta de resolución.

3. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poñerase de manifesto aos interesados ou, se é o caso, aos seus representantes que, no prazo de 10 días poderán alegar e presentar os documentos e xustificacións que estimen pertinentes.

4. Non obstante, poderase prescindir do trámite ao que se refire o punto anterior cando non figuren no

procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 9º.-Resolución.

1. Á vista da proposta de resolución, o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio resolverá motivadamente o que proceda respecto á concesión, total ou parcial, ou a denegación da subvención solicitada.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de seis (6) meses. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a resolución expresa, o interesado poderá entender a súa solicitude desestimada por silencio administrativo.

3. As resolucións estimatorias, en todo ou en parte, deberán ser aceptadas expresamente polos interesados no prazo de dez (10) días naturais contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, mediante a presentación, en calquera dos lugares relacionados no artigo 6º.2 desta orde, do escrito de aceptación, que haberá de formularse segundo o modelo recollido no anexo VI desta orde. No caso contrario entenderase que renuncia á subvención concedida e procederase de conformidade co establecido no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo do dereito ao exercicio dos recursos que procedan.

4. Todas as subvencións concedidas serán publicadas no Diario Oficial de Galicia, con expresión dos datos exixidos no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, unha vez que finalice o prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta orde.

Artigo 10º.-Pagamento da subvención.

O pagamento realizarase directamente aos beneficiarios mediante transferencia bancaria, unha vez que estes presenten o escrito de aceptación da subvención correspondente, conforme o establecido no artigo 9º.3 desta orde.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a:

a) Acreditar a realización dos conceptos para os que se solicita subvención. Estes documentos acreditativos deberán formar parte da documentación que se xunte á solicitude de subvención (letra i) do artigo 6º.1 desta orde).

b) Acreditar que está ao día das súas obrigas tributarias estatais e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Estes documentos acreditativos deberán formar parte da documentación que se xunte á solicitude de subvención (letra e) do artigo 6º.1 desta orde).

c) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano outorgante, ás de control financeiro que corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas e, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

d) Comunicarlle ao órgano outorgante a solicitude ou obtención de axudas ou subvencións para a mesma finalidade procedentes de calquera outra administración, organismo ou ente público ou privado. Esta comunicación deberá formar parte da documentación que se xunte á solicitude de subvención (letra c) do artigo 6º.1 desta orde), e, no caso de que houbese variacións desde esta presentación ata a data en que se notifique a resolución de concesión, deberá efectuarse unha nova comunicación.

e) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Artigo 12º.-Incompatibilidades.

As axudas reguladas nesta orde serán incompatibles con calquera outra outorgada, para a mesma finalidade, por calquera outra administración, organismo ou ente público ou privado.

Artigo 13º.-Reintegro da subvención.

1. Non se poderá exixir o pagamento da subvención concedida e procederá o reintegro, total ou parcial, da contía percibida, xunto cos xuros de demora percibidos desde o seu pagamento, nos casos seguintes:

a) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

b) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

c) Incumprimento das condicións impostas ao beneficiario con motivo da concesión da subvención.

2. O procedemento de reintegro tramitarase de acordo co establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As cantidades que os beneficiarios deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 14º.-Fiscalización e control.

A concesión das axudas reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos establecidos no capítulo V do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas, así como, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 15º.-Réxime sancionador.

As infraccións administrativas cometidas en relación coas axudas reguladas nesta orde sancionaranse de

conformidade co disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no capítulo VII do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 16º.-Réxime de recursos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse:

a) Recurso potestativo de reposición, perante o órgano que as ditou ou debeu ditalas, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación ou a partir daquel en que se produza o acto presunto.

E, todo isto, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer, se é o caso, calquera outro que consideren procedente.

Artigo 17º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ao disposto:

* Na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

* No texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

* No Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

* No Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

* Na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

* Na Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2005.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio