DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 14 de marzo de 2005 Páx. 4.344

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 8 de marzo de 2005 pola que se convoca unha Xornada sobre o sistema de actuación de concesión de obra urbanizadora.

Dentro do Plan de Actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2005 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración coa Revista de Derecho Urbanístico y Medio Ambiente, unha xornada sobre o sistema de actuación de concesión de obra urbanizadora, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Tras a STXCE do 12 de xullo de 2001 (asunto proxecto escala 2001), a figura do axente urbanizador foi obxecto dunha importante discusión doutrinal, que tamén tivo manifestación na xurisprudencia dos tribunais superiores de xustiza. Desde

esta polémica, preténdese achegar solucións ao debate xurdido, pero, por outra banda, esta actividade ten unha perspectiva práctica fundamental. Por iso, centrándose no urbanismo galego, afrontaranse cuestións prácticas como as diferentes posibilidades de actuación e a forma de contratar a obra urbanizadora ou ben a responsabilidade e a retribución do urbanizador.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-A posición do urbanizador: urbanismo concertado e contratación administrativa. Precedentes xurisprudenciais.

-Características básicas do sistema na lexislación galega. Distinción e experiencia doutros modelos autonómicos.

-Iniciativa propia ou privada. Especial referencia á execución privada. Réxime xurídico dos documentos que hai que presentar: proposición xurídico-económica, documento de condicións económicas e anteproxecto de urbanización.

-Tramitación procedemental do sistema de concesión de obra urbanizadora.

-Réxime de responsabilidade e retribución do urbanizador.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e data: a xornada convocada desenvolverase no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo, sito na Praza da Estrela-Concepción Arenal nº 8, da citada cidade, o día 29 de marzo de 2005.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o mércores, día 23 de marzo de 2005.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública, Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemen

to administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 28 de marzo, de 8.30 a 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento da xornada, así como o de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselle, ao remate da xornada, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a el, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2005.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública