DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 14 de marzo de 2005 Páx. 4.326

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 7 de marzo de 2005 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de once bolsas para estadías de persoal dos departamentos de estudos galegos de universidades de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa colaboración en proxectos de investigación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

O artigo 1 do Decreto 454/2003, do 26 de decembro (Diario Oficial de Galicia do 19 de xaneiro), en harmonía co artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, establece a competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a promoción e ensino da lingua galega e o fomento da investigación.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu artigo 22, establece que o Goberno galego asumirá a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización da lingua galega, asesorará a Administración e os particulares, e coordinará os servizos encamiñados a conseguir os obxectivos que esa mesma lei determina.

Dentro do plan de actividades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para 2005 figura a convocatoria pública de bolsas de investigación para realizar proxectos concretos sobre lingüística, literatura, antropoloxía e historia galegas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, centro que debe servir de lugar de conexión e relación para os estudos que se fagan en Galicia e noutras comunidades.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no artigo 3 do Decreto 25/1993, do 11 de febreiro (Diario Oficial de Galicia nº 34, do 19 de febreiro) de creación e posta en funcionamento do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, modificado polo Decreto 330/1997, do 13 de novembro (Diario Oficial de Galicia nº 227, do 24 de novembro).

Por todo isto, apróbanse as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

O concurso ten por obxecto a adxudicación de once bolsas de estadías e participación en actividades nos proxectos de investigación, que aparecen como anexo I, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, destinadas a licenciados/as ou estudantes dos dous últimos anos de licenciatura, vinculados a universidades de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia que teñen centros de estudos galegos por convenio coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Segunda.-Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

-Unha asignación mensual que será de 600 euros, 700 euros ou 750 euros, coa retención fiscal que corresponda, segundo procedan de universidades españolas, da Unión Europea, ou doutros países do mundo, respectivamente. A percepción desta dotación será compatible coa do soldo habitual percibido, pero non con outro tipo de bolsa ou axuda para o mesmo plan de traballo.

-Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes.

Para o gasto que se proxecta habilitarase o crédito adecuado e suficiente na partida orzamentaria 07.06.353E.480.3 por unha contía máxima total de sesenta e un mil cincuenta euros (61.050 euros) para pagamento das mensualidades e para pagamento da asistencia sanitaria, correspondentes aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente logo do informe do director de investigación, sempre que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Terceira.-Duración.

O período de gozo das bolsas será dun mínimo de dous meses e dun máximo de sete, tendo en conta que a data tope é o 31 de decembro de 2005.

A data de incorporación ao centro será dentro dos vinte días seguintes ao da notificación da adxudicación. Se o adxudicatario ou adxudicataria non se incorporase no prazo establecido perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa de atraso debidamente xustificada e así apreciada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través do director xeral de Política Lingüística.

Cuarta.-Requisitos xerais.

a) Non ter sido separado anteriormente do servizo de ningunha administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

b) Ser estudante dos dous últimos anos de licenciatura ou licenciado/a de calquera das universidades coas que a Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten subscrito convenios de colaboración para a promoción e estudo do galego.

c) Non poderán participar nesta convocatoria persoas que, reunindo estes requisitos, resultasen beneficiarios destas bolsas en máis dunha ocasión en concursos anteriores do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes formularanse no modelo que se xunta como anexo II e irán dirixidas ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e entregaranse na sede do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (estrada Santiago-Noia, km 3, A Barcia, 15896 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será de corenta días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Canda o formulario entregarase a seguinte documentación:

-Currículo, acompañando documentación que avale a totalidade dos méritos alegados.

-Certificación académica persoal completa.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada en que conste que non dispón doutra bolsa para o mesmo fin e que non se atopa separado do servizo de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

-Plan de traballo, sempre relacionado cos proxectos que aparecen no anexo I, que se pretende levar a cabo no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (1.000 palabras de extensión máxima) e duración prevista da estancia no propio centro.

-Informe do profesor director do departamento de estudos galegos da universidade de orixe que lle dirixe o proxecto.

-Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas, ou concedidas, para un mesmo proxecto, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Todos os documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas, en versión galega ou castelá.

Vistas todas as solicitudes daráselles aos solicitantes un prazo de 10 días para emendar a falta de documentación; transcorridos estes días sen a devandita emenda arquivaranse eses expedientes.

Sexta.-Comisión de valoración.

A avaliación dos proxectos e dos méritos alegados e acreditados polos solicitantes levaraa a cabo unha comisión nomeada polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria. Estará presidida polo director xeral de Política Lingüística e composta, ademais, por catro vogais, actuando como secretaria a xefa do servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

A comisión considerará como solicitudes de especial interese aquelas presentadas por estudantes universitarios que estean a participar nas actividades que se estean a desenvolver no departamento de estudos galegos da súa universidade, dentro das áreas de investigación das que se ocupa o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes que non estean acreditados documentalmente.

O presidente da comisión elevará informe sobre os candidatos seleccionados e suplentes, se é o caso, para a súa proposta ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para o seu nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia. Esta resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de reposición nun prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición

contencioso-administrativa.

As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de seis meses

desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sétima.-Baremos para a selección dos bolseiros/as.

-Titulación do solicitante e expediente académico: ata un máximo de 4 puntos.

-Currículo do solícitante e experiencia investigadora en proxectos de investigación similares: ata un máximo de 4 puntos.

-Interese do proxecto: ata un máximo de 2 puntos.

En caso de empate terase en conta o expediente académico, en segundo lugar o currículo e complementariamente o interese do proxecto do/a candidato/a.

Oitava.-Obrigas.

Os/as bolseiros/as participarán nas actividades que lles encomende a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (a través da Dirección Xeral de Política Lingüística), tendo como centro de referencia o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en horario habitual de xornada de mañá ou tarde.

O incumprimento por parte do bolseiro/a dalgunha das condicións recollidas nestas bases suporá a perda da bolsa concedida e, de ser o caso, o reintegro das cantidades xa cobradas.

En todo caso, tendo en conta o artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o/a bolseiro/a ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

A condición de bolseiro/a non dará lugar a relación contractual ningunha, nin laboral nin adminstrativa coa Xunta de Galicia.

Unha vez finalizada a bolsa presentarase un informe da actividade realizada co visto e prace do director do proxecto.

Novena.-Esta resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Queda facultado o director xeral de Política Lingüística para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde réxese pola normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, de subvencións e polos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo a redacción dada pola

Lei 14/2004, do 29 de decembro, e pola normativa de desenvolvemento.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

-Fraseoloxía galega. Dicionario e cadernos.-Identidade galega.

-Dicionarios de literatura galega.-Informe de literatura galega.-Tradución automática.-Bibliografía de lingüística galega.-Análise morfolóxica e sintáctica automática.-Corpus de referencia do galego actual.-Estudos de terminoloxía.-Edicións facsimilares de revistas literarias.-Síntese e recoñecemento de voz.-Narrativa recuperada (literatura galega).-Poesía recuperada (poesía galega).-Lírica medieval.-Prosa galega medieval.