DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 14 de marzo de 2005 Páx. 4.322

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 4 de marzo de 2005 pola que se convocan bolsas e axudas para a asistencia a congresos, simposios, seminarios ou similares e cursos de verán, destinadas a estudantes universitarios.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31º, establece como competencia plena da Comunidade

Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro, Diario Oficial de Galicia do 17 de febreiro) transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (Diario Oficial de Galicia do 8 de abril).

A Lei 11/1989, do 20 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do Sistema Universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pretende continuar, con esta orde, a política de bolsas e axudas para a asistencia a congresos, simposios, seminarios ou similares e cursos de verán, destinadas a estudantes universitarios.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta convocatoria ten por obxecto facilitarlles aos estudantes universitarios de segundo ciclo, terceiro ciclo (1º e 2º ano da etapa de formación) ou recentemente titulados, tanto licenciados como diplomados universitarios, nalgunha das universidades do Sistema Universitario de Galicia, a asistencia a congresos, simposios, seminarios ou similares e cursos de verán organizados por universidades públicas, privadas ou outras institucións de recoñecido prestixio académico, en que se traten aspectos relacionados coas materias obxecto de estudo na súa titulación ou doutoramento.

Artigo 2º.-Orzamento.

Para a concesión das axudas convocadas nesta orde destinarase a cantidade total de 52.596 euros, para a que existe crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria 07.05.322C.480.2 de acordo coa Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

As cantidades antes citadas poderán incrementarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

a) Poderán optar a estas bolsas e axudas:

-Os estudantes universitarios de segundo ciclo.

-Os estudantes universitarios de terceiro ciclo (1º e 2º ano da etapa de formación), é dicir, aos que fai referencia o artigo 6º do Real decreto 778/1998, do 30 de abril, polo que se regula o terceiro ciclo de estudos universitarios.

-Os universitarios recentemente titulados no curso académico 2003-2004 e posteriores, tanto licenciados como diplomados universitarios, nalgunha das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia.

b) O importe máximo de cada bolsa non poderá superar os 2.000 euros segundo sexa a nota media do expediente académico, o lugar en que se vaia realizar a actividade e se presenta ou non comunicación ou póster, podéndose conceder como máximo, dúas bolsas por solicitante.

c) Só se concederán axudas para aquelas actividades que teñan unha duración mínima de 30 horas acreditadas pola entidade organizadora.

d) Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado e coa concesión doutras bolsas ou axudas destinadas para o mesmo fin concedidas por outras administracións públicas ou outras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais.

Artigo 4º.-Período.

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2005.

Artigo 5º.-Solicitudes.

a) As solicitudes, segundo o modelo ED432A que se publica como anexo a esta orde, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito, a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.

b) As solicitudes, segundo o modelo ED432A, deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

-Copia do DNI/NIF do solicitante.

-Certificación académica oficial ou copia compulsada dos estudos de titulación en que figure, expresamente, a nota media final do seu expediente.

-Programa das actividades do evento, especificando horas de duración, lugar e datas de celebración.

-Declaración xurada do solicitante en que conste a vinculación existente entre as materias obxecto de estudo e as actividades a que quere asistir.

-Documento facilitado pola entidade bancaria en que conste o código de conta cliente do solicitante.

-Declaración de conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma actividade, perante as distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados.

-Resumo das comunicacións ou pósters que, de ser o caso, presente o solicitante.

c) O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Comisión de avaliación.

A selección dos bolseiros será realizada por unha comisión de avaliación integrada por:

-Presidente:

-O director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

-Vogais:

-Pola Universidade de Santiago de Compostela, o vicerreitor competente na materia.

-Pola Universidade da Coruña, o vicerreitor competente na materia.

-Pola Universidade de Vigo, o vicerreitor competente na materia.

-Un representante do Servizo de Coordinación do Sistema Universitario de Galicia.

-Secretario:

-Un representante da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

En caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

a) Os servizos da Dirección Xeral de Universidades comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporán a lista de solicitudes, admitidas e excluídas, sinalando as causas de exclusión, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos das súas delegacións provinciais, nos vicerreitorías de estudantes das universidades de Galicia e na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es/portal/index.jsp

Esta lista estará exposta do 6 ao 19 de maio de 2005 podendo os interesados, durante ese mesmo prazo, formular reclamación para emendar erros e falta de documentos, ante a Dirección Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición logo de resolución, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992.

b) Terán preferencia aqueles solicitantes que presenten comunicación ou póster entre todos os solicitantes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e teñan a documentación completa no prazo sinalado

A comisión avaliadora, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, elaborará unha relación de bolseiros beneficiarios que recibirán unha axuda económica, tendo en conta os seguintes criterios de selección:

1. Solicitantes que presenten comunicación ou póster en función do lugar de celebración:

-En Galicia: mínimo 75 euros, máximo 250 euros.

-En España/Portugal: mínimo 100 euros, máximo 400 euros.

-Resto de países europeos: mínimo 150 euros, máximo 600 euros.

-Resto de países: mínimo 200 euros, máximo 1.000 euros.

2. Solicitantes que non presenten comunicación ou póster en función do lugar de celebración:

-En Galicia: mínimo 30 euros, máximo 100 euros.

-En España/Portugal: mínimo 50 euros, máximo 200 euros.

-Resto de países europeos: mínimo 75 euros, máximo 300 euros.

-Resto de países: mínimo 100 euros, máximo 450 euros.

3. Segundo sexa a nota media do expediente académico do solicitante, a contía máxima para percibir, non poderá superar os 1.000 euros, distribuídos do seguinte xeito:

-Matrícula de honra: 4 puntos: mínimo 100 euros, máximo 1.000 euros.

-Sobresaliente: 3 puntos: mínimo 75 euros, máximo 500 euros.

-Notable: 2 puntos: mínimo 50 euros, máximo 300 euros.

-Aprobado: 1 punto: mínimo 25 euros, máximo 150 euros.

c) Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución en que constará a relación de beneficiarios, a relación de suplentes, de ser o caso, e a de solicitudes excluídas coas causas de exclusión.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 8º.-Xustificación.

Os beneficiarios, no prazo máximo de 10 días naturais posteriores á finalización da actividade ou desde a publicación da resolución, no caso de terse celebrada esta antes da súa publicación, deberán presentar a seguinte documentación:

1. Declaración complementaria do conxunto das axudas, tanto das concedidas como das pendentes de resolución.

2. Fotocopia compulsada do certificado ou acreditación de asistencia á actividade para a que lle foi concedida a axuda traducido a algunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma.

3. Fotocopia compulsada do certificado ou acreditación de ter presentado comunicación ou póster traducido a algunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma.

Artigo 9º.-Pagamento.

As axudas concedidas faranse efectivas mediante libramento único e directo aos beneficiarios, trala presentación, dentro do prazo establecido, da documentación xustificativa de asistencia ao evento concedido.

Non se poderá exixir o pagamento da axuda ou subvención concedida e procederá ao reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o seu pagamento, segundo o disposto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de acordo coa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario, segundo o disposto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de acordo coa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Terceira.-As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral de Universidades de acordo coa lista de suplentes que se estableza na resolución.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral ou da universidade correspondente en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, producindo efectos desestimatorios a falta de resolución.

Sexta.-Os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para ditar, no ámbito das súas competencias as disposicións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde adaptase ás normas básicas do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE do 18 de novembro), xeral de subvencións e ás do seu desenvolvemento, igualmente aos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro de acordo coa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria