DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 11 de marzo de 2005 Páx. 4.245

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 41/2005, do 17 de febreiro, de regulamento do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia.

A Lei 3/2004, do 7 de xuño, crea o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, que o define como un ente de dereito público con personalidade xurídica e patrimonio propio e con plena capacidade e autonomía para o cumprimento dos seus fins, adscrito á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Ten como obxectivo xeral desenvolver un estrito e intensivo sistema de control sobre as características do medio mariño para darlle cumprimento formal á lexislación vixente en canto á produción de organismos mariños, obter os coñecementos científicos necesarios para a correcta xestión dos recursos mariños e protexer e mellorar a calidade das augas costeiras.

Constitúe o instrumento da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio das funcións de control da calidade do medio mariño, da aplicación das disposicións legais en materia de

control técnico-sanitario dos produtos do mar e da asesoría técnico-científica sobre pesca, marisqueo e acuicultura no ámbito das zonas de produción en augas competencia da Comunidade Autónoma.

A súa natureza, fins, organización, funcións e potestades administrativas, así como os seus recursos, réxime financeiro e persoal, atópanse regulados na dita lei, se ben en determinados aspectos, en particular a súa organización, require o seu adecuado desensolvemento regulamentario.

A Lei 3/2004 dispón expresamente as vías regulamentarias para o seu adecuado desenvolvemento. No seu artigo 2.4º establece a posibilidade de atribución mediante o regulamento de novas funcións que deben ter a categoría de potestades administrativas, o artigo 7 traslada ao regulamento a determinación do funcionamento e o réxime de adopción de acordos do Consello de Administración, na disposición adicional primeira establécese que a data de inicio da actividade do instituto se fixara regulamentariamente así como os bens que por esta mesma vía sexan determinados e, finalmente, nas disposicións transitorias recóllese a necesidade de que o regulamento fixe diversos prazos para a adopción dunha serie de medidas de regularización da situación do persoal.

Independentemente das ditas remisións concretas ao regulamento, a disposición derradeira primeira faculta o Consello da Xunta de Galicia para ditar cantas normas sexan precisas para a aplicación da lei, fixando un prazo de tres meses desde a entrada en vigor desta para que proceda a aprobar o decreto de desenvolvemento da lei, requisito necesario para o inicio das actividades do instituto.

Por todo isto, e en uso das habilitacións específicas, así como da xenérica contida na referida disposición derradeira primeira, dítase o presente decreto, como regulamento de desenvolvemento da Lei 3/2004.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos e logo de deliberación do Conselo da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de febreiro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposciios xerais

Artigo 1º.- Réxime xurídico.

1. De acordo co establecido na Lei 3/2004, do 7 de xuño, o Instituto Tecnolóxico de Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) é un ente de dereito público con personalidade xurídica e patrimonio propio e con plena capacidade e autonomía para o cumprimento dos seus fins, adscrito á consellería competente en materia de pesca, coas potestades administrativas e funcións que se lle atribúen no artigo 2 da citada Lei 3/2004. O Intecmar regúlase polo disposto na citada lei, no presente decreto, e nas demais normas de desenvolvemento que se diten.

Capítulo II

Consello de Administración

Artigo 2º.-O presidente.

1. O Consello de Administración será presidido polo presidente do Intecmar ou a persoa en quen delegue.

2. Correspóndenlle, en canto a presidente do Consello de Administración, as seguintes funcións:

a) Acordar a convocatoria das sesións e a fixación da orde do día.

b) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

c) Asegurar a regularidade das deliberacións.

d) Darlles o visto e prace ás actas e certificacións de reunións.

e) Coordinar a actuación dos membros do consello, así como das comisións que, se é o caso, puidesen crearse dentro del.

f) Calquera outra que lle delegue especificamente ou lle encomende o Consello de Administración.

3. Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade, a falta de delegación específica, o presidente será substituído polo vicepresidente.

Artigo 3º.-O secretario.

1. A consellería competente en materia de pesca nomeará un secretario que actuará con voz pero sen voto. Este nomeamento poderá recaer en persoa adscrita á estrutura administrativa do Intecmar.

2. Son funcións do secretario:

a) Efectuar a convocatoria das sesións do Consello de Administración por orde do presidente, así como as citacións aos seus membros.

b) Recibir os actos de comunicación dos membros do Consello de Administración.

c) Levantar acta das sesións, dar fe dos acordos e expedir as certificacións, todo iso co visto e prace do presidente.

d) Custodiar os libros de actas.

e) Calquera outra que lle encomende o presidente do Consello de Administración e estea relacionada co funcionamento do propio consello.

Artigo 4º.-Vogais.

1. A consellería competente en materia de pesca nomeará catro vogais que deberán ter a condición de persoal funcionario ou persoal laboral fixo ao servizo da Administración autonómica.

2. O vogal representante do persoal será nomeado polo Consello de Administración por proposta do órgano ou órganos que representan o persoal do Intecmar.

3. A duración dos cargos de vogais será de 4 anos, podendo ser reelixidos por periodos iguais.

Artigo 5º.-Vacantes.

1. Os vogais aos que se refire o artigo 4º.1 poderán ser cesados pola consellería comptente en materia de pesca. Os vogais aos que se refire o artigo 4º.2 poderán ser cesados polo Consello de Administración por proposta do órgano ou órganos que representan o persoal do Intecmar.

2. As vacantes que se produzan no Consello de Administración deberán ser cubertas dentro do mes seguinte á data en que a vacante se producise, polo procedemento previsto en cada caso.

Artigo 6º.-Comisións.

1. Para o exercicio das funcións do Consello de Administración poderá crearse, dentro del, unha comisión delegada, así como comisións de estudo e proposta.

2. A creación de comisións, así como a determinación da súa composición, funcións ou cometidos, correspóndelle ao propio Consello de Administración.

Artigo 7º.-Convocatoria e sesións.

1. O Consello de Administración reunirase, cando menos, catro veces ao ano, logo de convocatoria do seu presidente. A convocatoria producirase por iniciativa deste ou se o solicita, polo menos, un terzo dos seus membros.

2. Salvo en casos de urxencia, cada convocatoria realizarase con, polo menos, corenta e oito horas de antelación á data da correspondente sesión e, á mesma, deberá acompañarse a orde do día. En caso de necesidade, cuando así o requiera a urxencia do asunto a xuízo do presidente, citaranse aos membros do Consello de Administración polos medios axeitados, con vinte e catro horas de antelación como mínimo.

3. O Consello de Administración quedará constituído cando concorran, polo menos, a metade dos seus membros, ademais do presidente e o secretario, ou quen os substitúan. De non alcanzarse tal maioría en primeira convocatoria, quedará constituído en segunda, sendo suficiente entón a concorrencia da terceira parte dos citados membros, ademais do presidente e do secretario, ou quen os substitúan.

4. Entre a primeira e a segunda convocatoria deberán transcorrer, polo menos, vinte e catro horas, podendo ser a propia orde da convocatoria inicial a que inclúa unha referencia a ambas.

5. Non obstante, quedará validamente constituído o Consello de Administración cando, sen terse cumprido os anteriores requisitos de convocatoria, asistan á reunión todos os seus membros e así o acorden por unanimidade. Neste caso, unha vez constituído o órgano, a orde do día deberá acordarse por maioría absoluta dos seus membros.

6. Os vogais poderán delegar o seu voto, mediante escrito dirixido ao presidente do Consello de Administración, en calquera dos membros do consello con excepción do secretario.

7. Os membros do consello que fagan constar en acta o seu voto contrario a un acordo adoptado quedarán exentos da responsabilidade que, chegado o caso, puidese derivar. Se os acordos consistisen en formular propostas, peticións ou reclamacións a outro órgano da Administración, os votos particulares dos membros teranse que facer constar expresamente na documentación que hai que presentar.

8. Os acordos adoptaranse por maioría de votos. En todos os supostos, o voto do presidente dirimirá os empates.

9. O cargo de membro do Consello de Administración non será retribuído, sen prexuízo da percepción das axudas de custos e indemnizacións que sexan fixadas de acordo coa normativa aplicable, por asistencia ás reunións que teñan lugar.

10. Pertencer ao Consello de Administración non xerará, en ningún caso, dereitos laborais.

Capítulo III

O director

Artigo 8º

1. O director do Intecmar será nomeado e, se é o caso, destituído, polo Consello da Xunta de Galicia por proposta do conselleiro competente en materia de pesca.

2. O cargo de director do Intecmar será incompatible con calquera actividade pública ou privada, nos termos previstos na vixente lexislación sobre altos cargos.

3. O director será o órgano encargado da dirección e xestión do ente público.

4. Polo seu cargo, actuará como vicepresidente do Consello de Administración. Deberá asistir ás sesións do Consello de Administración con voz e con voto. Poderá exceptuarse a súa presenza cando pola materia que se vaia tratar así o requira e por proposta do presidente do Consello de Administración.

Capítulo IV

Patrimonio

Artigo 9º

1. Para o desempeño das súas funcións, adscríbense ao Intecmar todos os bens que ata a data estaban afectos ao Centro de Control do Medio Mariño.

2. A dita adscrición está sometida á normativa patrimonial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo V

Normas de dereito supletorio

Artigo 10º.-No non previsto neste decreto será de aplicación o réxime establecido con caracter xeral na lexislación sobre procedemento administrativo.

Disposicións adicionais

Primeira.

1. O Consello de Administración, nun prazo non superior a un mes a partir da súa constitución, deberá establecer e aprobar as directrices xerais e os plans de actuación do Intecmar, as normas de réxime interno, o cadro de persoal e o seu réxime retributivo así como a organización dos servizos.

2. O Consello de Administración dará inicio ás actividades do Intecmar nun prazo non superior a tres meses a partir da entrada en vigor do presente decreto. Na data de inicio da actividade do ente público extínguese o Centro de Control do Medio Mariño como dirección xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, subrogándose o ente público en todos os procedementos e as relacións xurídicas, excepto as de natureza laboral, que se rexerán polo disposto nas disposicións transitorias da Lei 3/2004, correspondentes á antes citada dirección xeral.

Segunda.-As responsabilidades e funcións do persoal determinaranse, en tanto non se aprobe o convenio colectivo do persoal do Intecmar, tendo en conta o establecido no convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, as cales, xunto coa organización e estrutura dos servizos, serán recollidas nun Manual de Calidade, elaborado de acordo co establecido na norma UNE-EN ISO/IEC 17025, o cal será elevado polo director ao Consello de Administración para a súa aprobación.

Disposicións transitorias

Primeira.-O persoal funcionario de carreira da Xunta de Galicia ao que se refire a disposición transitoria primeira, punto 1, da Lei 3/2004, disporá dun prazo de seis meses, a partir do inicio de actividades do ente público, para optar, mediante escrito dirixido ao presidente do Intecmar, por integrarse no cadro de persoal do ente público como persoal laboral fixo del, con recoñecemento, en todo caso, da antigüidade que lle corresponda, quedando no seu corpo de orixe na situación de excedencia voluntaria por incompatibilidade prevista no artigo 55.1º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, contando coa preceptiva autorización da Dirección Xeral da Función Pública.

Segunda.-O persoal laboral fixo da Xunta de Galicia a que se refire a disposición transitoria terceira, punto 1, disporá dun prazo de seis meses, a partir da data de inicio de actividades do ente público, para optar, mediante escrito dirixido ao presidente do Intecmar, por integrarse no cadro de persoal do ente público como persoal laboral fixo del, con recoñecemento, en todo caso, da antigüidade e dos dereitos laborais de todo tipo que lle correspondan, quedando no seu grupo e categoría de orixe na situación de excedencia voluntaria por incompatibilidade pre

vista no artigo 24.5º do IV Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, contando coa preceptiva autorización da Dirección Xeral da Función Pública.

Terceira.-Os órganos de goberno do Intecmar deberán constituírse no prazo dun mes desde a entrada en vigor deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro competente en materia de pesca para que dite as disposicións precisas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de febreiro de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL