DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 10 de marzo de 2005 Páx. 4.164

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 10 de marzo de 2005 pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILE) ou como iniciativas de emprego rural (IER) cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2005.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asumiu as funcións e os servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación, correspondéndolle o seu exercicio, hoxe en día, á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ao abeiro do disposto no Decreto 301/2004, do 22 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

En consecuencia, e dentro do ámbito funcional da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, correspóndelle a convocatoria, regulación específica, xestión e control das axudas e subvencións ás iniciativas de emprego antes xestionadas polo Instituto Nacional de Emprego e reguladas na actualidade pola Orde ministerial do 15 de xullo de 1999.

A importancia cualitativa destas iniciativas exixe unha selección anterior dos proxectos a través da súa cualificación previa e inscrición rexistral, así como unha definición das súas características e clases. Na estratexia común de reforzar e dar un novo pulo e enfoque integral do programa de iniciativas de emprego, na comunidade autónoma elevouse a rango de decreto a norma reguladora das iniciativas de emprego e as súas clases e do procedemento para a súa cualificación e inscrición rexistral (Decreto 9/2000, do 12 de xaneiro; Diario Oficial de Galicia nº 18, do 27 de xaneiro; corrección de erros nº 24, do 4 de febreiro).

A necesidade de favorecer a desaceleración da perda de emprego no sector primario e o necesario desenvolvemento e diversificación do tecido empresarial galego no contorno territorial, xustifican o deseño dun programa dirixido a fomentar a iniciativa emprendedora co fin de potenciar o crecemento económico e do emprego no ámbito local e no medio rural, articulando unha colaboración entre a Xunta de Galicia, as administracións locais de carácter territorial e a iniciativa privada, coa finalidade de facilitar e fomentar a aparición de empresas innovadoras xeradoras de emprego.

Nesta liña de acción, e tendo en conta a Estratexia Europea do Emprego, articúlanse medidas de apoio á posta en marcha de iniciativas de emprego nas que se integran, conxugan e complementan as axudas transferidas e outras propias non como simple adición, senón como reflexo dun modelo que pretende potenciar e reforzar o estímulo para a súa implantación en canto instrumentos dinamizadores da actividade económica e do emprego, de significativa importancia para o desenvolvemento local e rural.

Débese destacar que na mesma liña que no conxunto dos programas de fomento do emprego, a sub

vención á creación directa de emprego estable increméntase, cando se incorpore unha muller, un mozo menor de 30 anos, ou unha persoa con discapacidade.

Tamén cómpre salientar o tratamento específico que se lles outorga ás actividades produtivas que se inscriban no ámbito dos denominados novos viveiros de emprego, ao preverse, para estes supostos, un incremento do 10% na contía de todos os tipos de axuda recollidos na orde de convocatoria.

Así mesmo, establécese un incremento das axudas no caso de que os beneficiarios estean incorporados e manteñan a condición de beneficiarios do Programa Labora: Xuventude con Experiencia, sexan traballadores procedentes de empresas en crise ou sexan desempregados pertencentes a colectivos en risco de exclusión social.

As actuacións previstas nesta orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo nun 70%, no Programa Operativo Plurirrexional Iniciativa Empresarial e Formación Continua, agás a axuda para o inicio e posta en marcha da actividade que está cofinanciada nun 75% polo Fondo Social Europeo no Programa Operativo Integrado de Galicia 2000-2006.

As bases reguladoras destas axudas e a súa convocatoria axústanse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Para os vindeiros anos, as axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, logo da aprobación dos proxectos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio correspondente. Para o ano 2005 a dita determinación recóllese na disposición adicional sexta desta orde.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto, finalidade e principios de xestión.

1. Esta orde, en desenvolvemento do Decreto 9/2000, do 12 de xaneiro, polo que se regulan as iniciativas de emprego e as súas clases, así como o procedemento para a súa cualificación e inscrición rexistral, ten por obxecto fixar as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións establecido pola

Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, coa finalidade de fomentar e promover a creación de empresas innovadoras, económica e financeiramente viables, que xeren emprego estable no ámbito local e no medio rural, mediante o financiamento parcial dos custos necesarios para a posta en marcha daqueles proxectos empresariais previamente cualificados como iniciativas locais de emprego (ILE) ou como iniciativas de emprego rural (IER) e inscritas no rexistro administrativo habilitado para o efecto na Dirección Xeral de Promoción do Emprego e nas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, e proceder á súa convocatoria para o ano 2005.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e nesta orde.

3. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as empresas privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos autónomos e as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como iniciativa de emprego, local ou rural ou, de ser o caso, no prazo que se estableza na resolución de cualificación, en atención ao disposto no artigo 3 do Decreto 9/2000, do 12 de xaneiro, sempre que cumpran as condicións e requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.

No caso de sociedades civís e comunidades de bens deberán nomear un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación.

2. Entenderase que unha empresa está constituída desde o momento da súa inscrición no correspondente Rexistro Mercantil, ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas. Cando se trate de empresario individual ou comunidade de bens, cando cause alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda.

3. Entenderase que inicia a súa actividade produtiva cando cause alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, desde a data de alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda.

Capítulo II

Modalidades de axuda

Artigo 3º.-Tipos de axuda.

1. Ao abeiro do programa de promoción de iniciativas de emprego regulado na presente orde poden solicitarse os seguintes tipos de axudas:

a) Subvención á creación directa de emprego estable.

b) Subvención para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

c) Apoio á función xerencial.

d) Subvención financeira.

e) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

2. Terán a consideración de accións subvencionables as que se produzan no primeiro ano de actividade empresarial e sempre que observen as previsións específicas contidas nos artigos seguintes para os diferentes tipos de axuda.

3. Para os efectos das axudas recollidas nesta orde terán a consideración de desempregados aqueles que figuren inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, e pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

Cando se trate de traballadores autónomos, para os efectos deste programa, tamén terán a consideración de colectivo beneficiario os que, figurando inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social, realicen un traballo por conta allea cunha prestación de servizos inferior ou igual a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais.

Artigo 4º.-Subvención á creación directa de emprego estable.

1. A creación de postos de traballo estables de carácter indefinido que sexan ocupados por desempregados inscritos como tales no Servizo Público de Emprego ou polos beneficiarios aos cales se refire o último parágrafo do nº 3 do artigo anterior, incentivaranse cada un deles cunha subvención de ata 4.800 euros. A subvención incrementarase no suposto dunha muller desempregada ata 5.400 euros. Estes incentivos xerais terán un incremento de ata 300 euros no suposto dun mozo ou dunha moza desempregada menor de 30 anos. Para o suposto dun desempregado con discapacidade, a subvención poderá acadar a contía de 6.000 euros.

Cando a dedicación sexa a tempo parcial as contías destes incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo, en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, na xornada ordinaria legal.

2. Cando a dedicación inicial se realice a tempo parcial e se transforme con posterioridade a tempo completo, a empresa poderá solicitar a diferenza entre a contía que se percibiu inicialmente e a que corresponde por dedicación a tempo completo, sempre que a dita modificación se produza dentro do primeiro ano da actividade.

3. Cando se trate de contratacións indefinidas de traballadores por conta allea, esta axuda, de ser o caso, será compatible coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato obxecto de subvención.

4. Non se poderá conceder esta axuda cando se trate de traballadores que prestasen servizos na mesma empresa en virtude dun contrato de carácter temporal.

5. O prazo de presentación de solicitudes de subvención á creación de emprego estable será de dous meses desde a data da alta no correspondente réxime da Seguridade Social. Non obstante, deberá ser respectado o prazo xeral establecido no artigo 12º.3 desta orde, aínda que nesta data non transcorresen dous meses desde a data de alta na Seguridade Social.

Artigo 5º.-Subvención para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

1. Para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación, poderá concedérselles ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego unha subvención equivalente ao 50 por 100 dos custos laborais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social por todos os conceptos, correspondentes a un ano como máximo.

2. Quedan excluídos deste tipo de axudas as contratacións ou incorporacións dos titulares ou socios da empresa cualificada como iniciativa de emprego.

3. A subvención, que se concederá por unha soa vez, terá como límite máximo, por todas as contratacións, a contía de 18.000 euros, e estará condicionada á xustificación pola empresa de que, coas contratacións obxecto de subvención, se suplan carencias ben identificadas para o desenvolvemento da actividade empresarial e o bo fin dela.

4. Esta subvención é incompatible, para o mesmo traballador, coa establecida no artigo 4º, e é compatible, se é o caso, coas bonificacións de cotas á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60% do custo salarial anual.

5. O prazo de presentación de solicitudes da subvención para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación, será de dous meses desde a data da alta no correspondente réxime da Seguridade Social. Non obstante, deberá ser respectado o prazo xeral establecido no artigo 12º.3 desta orde, aínda que nesta data non transcorresen dous meses desde a data de alta na Seguridade Social.

Artigo 6º.-Apoio á función xerencial.

1. Para o acompañamento na instalación da empresa, poderase financiar o apoio ás funcións xerenciais para axudar o promotor ou empresario na toma de decisións necesarias para o funcionamento da empresa. O dito apoio poderá consistir nas seguintes modalidades:

a) Axuda por titoría, entendéndose por tal o acompañamento técnico que un experto alleo á empresa, persoa física ou xurídica que reúna garantías de solvencia e profesionalidade, lle preste ao promotor ou empresario nas súas actividades xerenciais durante un prazo de tempo determinado.

b) Axuda por formación, que incluirá os cursos que o promotor ou empresario poida recibir para obter e mellorar os seus coñecementos sobre a función xerencial.

c) Axuda pola realización externa de estudos e informes sobre a actividade para que o promotor ou empresario poida dispoñer de mellor información sobre os bens ou servizos obxecto de produción, incluíndose nesta epígrafe os estudos de mercado, organización, comercialización, diagnose e outros de natureza análoga.

2. O gasto orixinado polo apoio á función xerencial deberá producirse no prazo dun ano desde o inicio da actividade da empresa. A contía da subvención de apoio á función xerencial, que se pagará por unha soa vez, será de ata o 75 por 100 do custo dos servizos recibidos cun límite máximo de 12.000 euros polo conxunto das modalidades de asistencia técnica previstas.

3. As solicitudes de apoio á función xerencial deberanse presentar no prazo xeral establecido no artigo 12º.3 desta orde.

Artigo 7º.-Subvención financeira.

1. A subvención financeira ten por finalidade promover a creación de postos de traballo, mediante a redución dos xuros de préstamos para financiar os investimentos en activo fixo que sexan necesarios para a creación e posta en marcha das empresas cualificadas como iniciativas de emprego. Non obstante, poderase destinar ata un 25% do préstamo para financiar o activo circulante.

Os préstamos, para seren subvencionados, deberán ser concedidos por entidades financeiras que teñan subscrito un convenio, para tal fin, coa Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

2. A subvención, pagadoira dunha soa vez, será como máximo o equivalente á reducción de catro puntos do xuro fixado pola entidade de crédito que conceda o préstamo sen que, en ningún caso, o tipo de xuro que deba satisfacer o beneficiario, despois de calculada a subsidiación, poida resultar inferior a un punto. A contía calcularase como se a subvención se devengase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia.

Esta subvención ten como límite a contía máxima de 5.100 euros por emprego estable creado para os colectivos de beneficiarios previstos no artigo 3º.3 desta orde.

3. As solicitudes de subvención financeira deberán presentarse con anterioridade ao inicio da execución do proxecto de investimento, e no prazo xeral establecido no artigo 12º.3 desta orde.

Artigo 8º.-Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

1. Para que unha iniciativa de emprego poida beneficiarse da axuda prevista neste artigo ten que supoñer, cando menos, a creación directa de emprego estable para un desempregado que pertenza a algún dos colectivos beneficiarios previstos no artigo 3º.3 desta orde.

2. Esta axuda consistirá nunha subvención de ata un 60% dos gastos necesarios para o inicio e a posta en marcha da actividade. O importe máximo desta axuda determinarase en atención ao número de postos de traballo estables creados, de acordo coa seguinte escala:

-De 1 a 2 postos de traballo: ata 12.000 euros.

-De 3 a 10 postos de traballo: ata 24.000 euros.

-De 11 a 20 postos de traballo: ata 36.000 euros.

-21 ou máis postos de traballo: ata 48.000 euros.

En ningún caso o importe da axuda poderá superar a contía de 6.000 euros por posto de traballo estable creado. Este límite máximo por posto de traballo poderá ser excepcionado no caso das iniciativas de emprego rural sempre que a dita excepción estea amparada na propia definición e características do plan de actuación sectorial correspondente.

Para a determinación da contía valorarase o volume do investimento do proxecto e a incidencia social e sobre o emprego no contorno xeográfico no que se desenvolva a actividade.

3. Esta axuda, que se concederá por unha soa vez, irá destinada a sufragar os gastos necesarios derivados da posta en marcha da actividade e do funcionamento da empresa, sempre que se produzan antes de que transcorra un ano dende o inicio da súa actividade. Os gastos subvencionables serán a compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, arrendamento do local e maquinaria, man de obra empregada na reforma ou adecuación do local, publicidade e subministracións.

En ningún caso serán subvencionables, a través da axuda regulada neste artigo, os gastos que poidan ser considerados como investimento en activo fixo.

4. As solicitudes de axuda para o inicio e posta en marcha da actividade deberán presentarse no prazo xeral establecido no artigo 12º.3 desta orde.

Artigo 9º.-Actividades vinculadas aos novos viveiros de emprego.

1. As empresas cualificadas como iniciativas de emprego terán dereito a un incremento do 10 por 100 da contía das subvencións reguladas nesta orde, cando a súa actividade produtiva principal se inscriba dentro dos ámbitos dos viveiros de emprego

no marco da definición e interpretación que establece a Comisión Europea, que a continuación se relacionan:

a) Servizos da vida diaria:

-Os servizos a domicilio (preparación e distribución de comidas a domicilio; acompañamento e prestación doutros servizos a persoas maiores no seu domicilio; servizos a persoas enfermas no seu domicilio; servizos de limpeza e pasada de ferro; servizos administrativos).

-Coidado dos nenos (coidado e educación de nenos por debaixo da idade escolar, actividades deportivas, recreativas e culturais para nenos en idade escolar).

-Novas tecnoloxías da información e da comunicación (como servizos a particulares no eido da cultura, da saúde, da comunicación, do lecer, como telemedecina, formación a distancia, teletraballo; servizos ás empresas: información económica, servizos comerciais, contabilidade a distancia, asistencia especializada, ou como servizos públicos: teleservizos, acceso a bases de datos, servizos administrativos de información).

-Axuda para a inserción da mocidade en dificultades e con desarraigamento social (axudas nos deberes escolares; centros de inserción profesional; educación na rúa; empresas de inserción).

b) Os servizos de mellora do marco de vida:

-Mellora da vivenda (rehabilitación de vivendas deterioradas; mantemento das vivendas).

-A seguridade (servizos de vixilancia e acollida; instalación de materiais de seguridade; aparcadoiros; televixilancia).

-Transportes colectivos locais (novas formas de organización dos transportes colectivos; servizos especializados con determinados colectivos de usuarios).

-A revalorización dos espazos públicos urbanos (rehabilitación de espazos públicos e barrios; mantemento de espacios públicos; iniciativas económicas e comerciais en zonas vellas das cidades).

-Os comercios de proximidade (comercios en zonas rurais; comercios nos barrios urbanos non céntricos; puntos comerciais multiservizo en zonas desfavorecidas).

c) Servizos culturais e de lecer:

-O turismo (turismo rural e cultural e outros novos fenómenos turísticos; servizo de acompañamento e acollida turística; novos servizos turísticos telemáticos).

-O sector audiovisual (produción e distribución de películas; produción e distribución de emisións televisivas; televisión interactiva; acceso a distancia a bibliotecas e museos).

-A valorización do patrimonio cultural (creación e restauración de lugares de interese cultural; servizos de difusión da cultura e acollida turística).

-O desenvolvemento cultural local (actividades de valorización dos recursos e actividades culturais locais como música, folclore, teatro, gastronomía, artesanía).

d) Os servizos de ambiente:

-A xestión dos residuos (recollida selectiva e tratamento dos residuos; actividades de investigación para a reutilización dos materiais recuperados; novas técnicas de automatización do tratamento dos residuos).

-A xestión da auga (realización e xestión de infraestruturas de xestión da auga; servizos de investigación tecnolóxica e transferencia de saber facer; asistencia á xestión de infraestruturas locais; explotación turística e deportiva das reservas hidráulicas).

-A protección e mantemento das zonas naturais (actividades de protección e mantemento das zonas rurais; actividades de investigación agronómica; creación e xestión de parques e reservas naturais).

-A normativa, o control da contaminación e as instalacións correspondentes (produción de bens e servizos ligados a tecnoloxías menos contaminantes; desenvolvemento e aplicación de novas tecnoloxías de economía da enerxía; mellora da xestión dos sistemas de control da contaminación e o ruído).

2. O incremento do 10 por 100 establecido no punto anterior, en todos os tipos de axudas previstos nesta orde, aplicarase sobre o importe que correspondería de tratarse doutra actividade, con independencia de que, como consecuencia da aplicación do incremento se superen ou non os límites porcentuais ou cuantitativos previstos para cada tipo de axuda.

Artigo 10º.-Incremento dos incentivos.

As contías das axudas reguladas nos artigos 4º, 7º, 8º e, se é o caso, co incremento establecido no artigo 9º desta orde, incrementaranse nun 10 por 100, nos casos de desempregados que, téndose en conta para o cálculo da subvención, no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social, concorran algunhas das seguintes circunstancias:

a) Estean incorporados e manteñan a condición de beneficiarios do Programa Labora: Xuventude con Experiencia, segundo o establecido no Decreto 148/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o dito programa (DOG nº 83, do 30 de abril), modificado polo Decreto 26/2003, do 16 de xaneiro (DOG nº 15, do 23 de xaneiro), e polo Decreto 300/2004, do 22 de decembro (DOG nº 251, do 28 de decembro).

b) Traballadores desempregados por mor dalgunha das causas previstas nos artigos 51 e 52 c) do Estatuto dos traballadores.

c) Desempregados en situación de risco de exclusión social pertencentes a algún dos seguintes colectivos:

-Perceptores da renda de integración social de Galicia ou aqueles que non poidan acceder a esta, ben por falta do período exixido de residencia ou empadroamento, ou ben por ter esgotado o período máximo de percepción legalmente establecido.

-Persoas que participen ou participaran en procesos de rehabilitación ou reinserción social de dro

godependentes debidamente acreditados ou autorizados.

-Penados ou ex-reclusos que non tiveran antes un primeiro emprego fixo remunerado tras un período de privación de liberdade.

-Mulleres procedentes de casas de acollida que presenten problemas adicionais de inserción ou reinserción laboral, así como as persoas que teñan acreditada pola Administración competente a condición de vítima de violencia doméstica por parte dalgún membro da unidade familiar de convivencia.

-Mozos que estean ou estiveran ata a súa maioría de idade baixo a tutela ou garda da Administración autonómica.

-Traballadores inmigrantes que pasen a ser residentes da comunidade e persoas que formen parte de colectivos ou minorías, cuxas características poidan condicionar as súas posibilidades de integración social.

Estes incrementos aplicaranse con independencia de que, como consecuencia da súa aplicación, se superen ou non os límites porcentuais ou cuantitativos previstos para cada tipo de axuda.

Capítulo III

Competencia e procedemento

Artigo 11º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as axudas e subvencións previstas nesta orde, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, corresponderalles:

a) Aos delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, cando a actividade para a que se solicita subvención se vaia desenvolver no respectivo ámbito provincial.

b) Ao director xeral de Promoción do Emprego, cando a actividade para a que se solicita subvención se vaia desenvolver en máis dunha provincia desta comunidade autónoma, e cando se trate de iniciativas de emprego apoiadas por un departamento da Xunta de Galicia.

Artigo 12º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións dirixiranse ao órgano competente para resolver e serán presentadas por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais www.xunta.es/conselle/as/index.htm.

3. As solicitudes de axudas deberán presentarse antes de que transcorra un ano dende que se iniciou a actividade da empresa. Non obstante, deberán respectarse os prazos específicos establecidos nos artigos anteriores para cada tipo de axuda. Para o caso de que na resolución de cualificación se concedese unha ampliación do prazo para iniciar a actividade, as solicitudes de axudas deberán presentarse antes

de que transcorran dous anos desde a data da cualificación, e sempre que no dito prazo iniciasen a actividade.

Para o ano 2005 o prazo xeral de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 2005.

4. Para a presentación de solicitudes de axudas os beneficiarios poderán contar co asesoramento dos técnicos de emprego da rede coordinada pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais (www.tecnicosempregogalicia.xunta.es).

Artigo 13º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde e deberán ir acompañadas por duplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia compulsada, da documentación, común e específica, que se relaciona:

1. Documentación común para todos os tipos de axuda:

a) Se o solicitante é persoa física: DNI e acreditación do número de identificación fiscal, e se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante que actúa en nome da entidade e NIF da empresa.

b) De tratarse de persoa xurídica, escritura de constitución e inscrición no Rexistro Mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas, alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, alta no Censo de Obrigados Tributarios no Ministerio de Economía e Facenda.

No suposto de que se solicite a subvención financeira con anterioridade ao inicio da actividade, esta documentación deberá achegarse na fase de xustificación do pagamento.

c) Se é o caso, documentos acreditativos das circunstancias que determinen a pertenza aos colectivos establecidos no artigo 10º desta orde.

d) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (segundo o modelo do anexo IV). Ou, de ser o caso, unha declaración de que non se solicitaron nin percibiron outras axudas ou subvencións (no modelo de solicitude).

e) Documentación acreditativa de se encontraren ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

f) Documentación acreditativa de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que o beneficiario achegase coa solicitude a debida autorización para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor (segundo modelo do anexo V).

g) Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular da conta (segundo o modelo do anexo VII).

2. Documentación específica:

a) Subvención á creación directa de emprego estable para desempregados:

-Declaración do número de empregos estables de carácter indefinido ocupados por colectivos beneficiarios e relación nominal deles, con indicación da data de incorporación efectiva (segundo o modelo anexo III).

-DNI e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego das persoas incorporadas á empresa, así como do tempo de permanencia en situación de desemprego segundo os datos do informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

-Documentos acreditativos da incorporación efectiva con carácter indefinido e altas no correspondente réxime da Seguridade Social.

b) Subvención para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

-Memoria descritiva da necesidade da contratación de expertos, número e perfís profesionais deles, funcións que van realizar en relación coas categorías profesionais, e custos laborais totais.

-Contratos de traballo e altas na Seguridade Social.

c) Subvención ao apoio á función xerencial:

-Memoria descritiva da medida de apoio solicitada na que consten, entre outros, a xustificación da súa necesidade para o desenvolvemento da actividade empresarial e o orzamento desagregado por conceptos, a proposta dos servizos que se van desenvolver e o calendario previsto para súa realización, así como a conformidade da empresa, entidade ou persoa física que vai prestar o apoio e a aceptación do solicitante.

-Documentación acreditativa da solvencia profesional da empresa, entidade física ou xurídica, que prestará ou xa prestase o servizo de apoio.

d) Subvención financeira:

-Memoria económica do proxecto que inclúa o orzamento de investimentos e o plan de financiamento en relación coa finalidade ou obxecto da axuda.

-Contrato de préstamo ou, no seu defecto, compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, no que figuren as características e se faga constar que a operación se acolle ao convenio subscrito para tal fin (segundo o modelo do anexo VI).

-Plan de investimentos xunto coas facturas proforma ou orzamentos dos activos fixos e, se é o caso, xustificantes dos activos circulantes que se financiarán co préstamo.

-Declaración do número de empregos estables creados e relación nominal das persoas que os vaian ocupar, con indicación daqueles polos que se solicita a subvención (segundo o modelo anexo III).

e) Axuda para o inicio e a posta en marcha da actividade:

-Memoria descritiva da actividade e orzamento dos gastos necesarios para o inicio e a posta en marcha

da actividade, con indicación daqueles aos que se vai destinar a subvención, así como das fontes de financiamento.

-Declaración do número de postos de traballo estables creados e relación nominal das persoas que os vaian ocupar, con indicación daquelas polos que se solicita a subvención (segundo o modelo anexo III).

Artigo 14º.-Instrución e tramitación.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Artigo 15º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización polas respectivas intervencións das propostas emitidas polos correspondentes servizos, as resolucións serán ditadas polo órgano competente, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, e deberán serlles notificadas aos interesados. As resolucións de concesión ou de denegación deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de seis meses que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra delas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 16º.-Xustificación do pagamento.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presen

tación por duplicado exemplar, un deles orixinal ou copia compulsada, no prazo, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación común e específica que se exixa de forma expresa nela, entre a que deberá figurar a relacionada nos puntos seguintes:

A. Documentación común para todos os tipos de axuda:

-Documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da actividade para a que se concedeu a subvención segundo o tipo de axuda.

-Declaración complementaria da establecida no artigo 13º.1 d) desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos. Ou, de ser o caso, de que non solicitaron nin percibiron outras axudas e subvencións.

B. Documentación específica:

a) Subvención ao apoio á función xerencial:

-Facturas da empresa, entidade ou persoa física, acreditativas do custo do servizo recibido.

-Informe escrito da actuación de apoio desenvolvida e, para o caso de consistir na elaboración dun estudo de mercado ou similar, presentarase copia del.

-Certificación da empresa, entidade ou persoa física, da finalización do servizo de apoio prestado, coa aceptación ou conformidade da empresa solicitante cos servizos recibidos.

b) Subvención financeira:

-Copia do contrato de préstamo, de non se xuntar á solicitude.

-De tratarse de persoa xurídica, escritura de constitución e inscrición no Rexistro Mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas, alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, alta no censo de obrigados tributarios no Ministerio de Economía e Facenda, de non se xuntar á solicitude.

-Documentos acreditativos da incorporación e alta no correspondente réxime da Seguridade Social das persoas que se incorporan á empresa para ocuparen postos de traballo estables.

-DNI e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego das persoas incorporadas á empresa, así como do tempo de permanencia en situación de desemprego segundo os datos do informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

-Facturas, escrituras públicas, contratos ou calquera outro documento acreditativo de que o importe do préstamo subvencionado foi destinado a financiar os investimentos obxecto da subvención.

O beneficiario, no prazo de 30 días desde a data en que teña coñecemento do pagamento efectivo da subvención, ten que presentar certificación expedida pola entidade financeira, acreditativa da amortiza

ción do principal do préstamo na contía subvencionada.

c) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade:

-Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención.

-Documentos acreditativos da incorporación e alta no correspondente réxime da Seguridade Social dos traballadores que ocupen os empregos estables creados tidos en conta para o cálculo da subvención.

-DNI e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego das persoas incorporadas á empresa, así como do tempo de permanencia en situación de desemprego segundo os datos do informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

2. Malia o sinalado no artigo 13º e no parágrafo anterior deste artigo, a documentación exixida para a fase de pagamento, común e específica, poderá presentarse xunto coa solicitude á opción do interesado. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da axuda.

3. Cando concorran varias axudas ou subvencións só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, tanto na fase de solicitude coma na de xustificación do pagamento.

4. Non poderá realizarse en ningún caso o pagamento da subvención en tanto o beneficiario non figure ao corrente do cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Capítulo IV

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 17º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. As subvencións ou axudas reguladas nesta orde non poderán ser, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, de tal contía que superen o 80% do custo total da actividade subvencionada que vai desenvolver o beneficiario.

2. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de axuda previstos nesta orde.

3. As subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles coas axudas establecidas nos programas de apoio a iniciativas de emprego de base tecnolóxica, de promoción do emprego autónomo, de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e do de promoción do emprego autónomo das persoas con discapacidade, de dinamización do emprego feminino e xuvenil nos concellos rurais así como no programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, agás que se trate da axuda para a adquisición da condición de socio traballador dunha cooperativa de traballo asociado ou dunha sociedade

laboral, convocados pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

4. A axuda á creación directa de emprego estable e a subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación serán incompatibles coas establecidas nos diferentes programas de fomento da contratación por conta allea convocados pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais. Os ditos incentivos serán compatibles, de ser o caso, con axudas ou bonificacións ás cotizacións á Seguridade Social.

Artigo 18º.-Exclusións.

Exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde:

a) Os empregos de carácter estable realizados con desempregados que, nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social prestasen servizos mediante un contrato indefinido en empresas ou grupos de empresas, nas que participaran persoas ou entidades, que pola súa vez, sexan promotoras da empresa solicitante.

b) Os promotores que nos seis meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova actividade estivesen de alta como traballadores autónomos en calquera réxime da Seguridade Social.

c) Así mesmo, serán excluídos os solicitantes que incorran nalgunha das prohibicións que aparecen recollidas no artigo 13º.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 19º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Son obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións:

a) Realizaren a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar de maneira que faga fe.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza, e en todo caso con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, conforme a

redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

2. As empresas beneficiarias destas subvencións deberán cumprir, respecto dos distintos tipos de axuda, as seguintes obrigas:

a) Subvencións á creación directa de emprego estable: as empresas beneficiarias, co fin de garantir o mantemento dos postos de traballo estables creados que fosen obxecto de subvención, deberán presentar dentro do primeiro trimestre de cada ano unha relación da variación das altas e baixas do persoal adscrito.

A dita obriga manterase durante os tres anos seguintes a aquel no que se concedeu a axuda ou subvención.

Cando no período de tres anos, desde a data da incorporación á empresa, se produza o cesamento dalgún traballador, a empresa beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante no prazo dun mes, polo menos, en tempo de dedicación igual ao anterior, debendo pertencer o novo traballador a algún dos colectivos de beneficiarios deste programa, polo que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao do que causase baixa, o que deberá ser comunicado ao órgano que concedeu a axuda dentro dos 20 días seguintes á substitución. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda.

b) Subvencións para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación: as empresas deberán manter no seu cadro de persoal o experto técnico contratado, como mínimo, polo tempo subvencionado, e se se produce o cesamento do traballador, a empresa beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante no prazo dun mes, polo menos, en tempo de dedicación igual ao anterior, o que deberá serlle comunicado ao órgano que concedeu a axuda dentro dos 20 días seguintes á substitución. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda.

Deberán presentar no prazo de dous meses desde a finalización do período subvencionado:

-Unha memoria das actividades realizadas polos expertos.

-Recibos dos salarios e boletíns de cotización á Seguridade Social (TC2) dos expertos técnicos contratados, correspondentes ao período subvencionado.

c) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade: as empresas deberán enviar unha breve memoria do desenvolvemento da actividade dentro do primeiro trimestre de cada ano e referida ao ano anterior. A dita obriga manterase durante os tres exercicios seguintes a aquel no que se concedeu a subvención.

Artigo 20º.-Modificación da resolución concesoria.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión de axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou interna

cionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, a súa revogación.

Artigo 21º.-Revogación e reintegro.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, conforme a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, e no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 22º.-Seguimento e control.

As delegacións provinciais e a Dirección Xeral de Promoción do Emprego poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 23º.-Axudas baixo condicións de mínimis.

Os incentivos establecidos nesta orde quedan sometidos ao réxime de axudas de mínimis, polo tanto non poderán exceder os límites cuantitativos (100.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento CE nº 69/2001, da Comisión da Unión Europea, do 12 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de mínimis (DOCE nº L10, do 13 de xaneiro).

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais levará a cabo a función de control, así como da avaliación e seguimento deste programa.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Ademais, os técnicos de emprego que realizan os labores de acompañamento e asesoramento colaborarán nas actuacións de seguimento e avaliación das empresas cualificadas como ILE ou IER unha vez iniciada a súa actividade.

Segunda.-A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cum

primento das condicións exixidas para os diferentes tipos de axuda previstas nesta orde, agás aquela que de acordo co artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atope en poder da Administración actuante.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias e no director xeral de Promoción do Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos.

Cuarta.-A comprobación da condición de beneficiario do Programa Labora: Xuventude con Experiencia realizarase directamente polo órgano xestor das axudas.

A comprobación da condición de minusválido realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que fose recoñecida por outras administracións distintas da propia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinta.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

O pagamento das axudas e subvencións reguladas nesta orde financiarase con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o exercicio correspondente.

Sexta.-No exercicio 2005 as axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias: 16.02.241A.470.1, código proxecto 2003 00452, cun crédito de 2.000.000 de euros; 16.02.241A.470.4 código de proxecto 2005 00358, cun crédito de 4.000.000 de euros, 16.02.241A.470.4 código de proxecto 2005 00361, cun crédito de 10.000.000 de euros, 16.02.241A.470.4 código de proxecto 2005 00362, cun crédito de 5.000.000 de euros, 16.02.241B.470.0 código de proxecto 2002 14109, cun crédito de 918.788 euros e 16.02.241B.470.2 código de proxecto 2004 00340, cun crédito de 1.289.865 euros.

Estas contías están recollidas na Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, e constitúen o importe global das aplicacións para o financiamento desta orde, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a empresarios sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede a súa convocatoria para o ano 2005, da orde pola que se establecen

as bases reguladoras do programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais e a súa convocatoria para o ano 2005, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2005, e das demais ordes que establezan as bases reguladoras e a convocatoria dos programas de promoción do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a emprendedores, autoemprego e economía social, incluídos nos programas orzamentarios 241A, 241B e 241V.

Así mesmo, os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Disposicións transitorias

Primeira.-As solicitudes de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego ou como iniciativas de emprego rural realizadas ao abeiro das ordes de convocatoria correspondentes a exercicios anteriores, que quedaran pendentes de resolución no momento da entrada en vigor desta orde e sempre que reunisen os requisitos legais establecidos nelas, poderán ser atendidas con cargo aos créditos orzamentarios para o exercicio 2005, en función da normativa que lles era de aplicación no momento da presentación da solicitude.

Segunda.-As actuacións subvencionables ao abeiro do réxime de axudas e subvención ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego ou como iniciativas de emprego rural, realizadas con anterioridade á data da entrada en vigor da presente orde, solicitaranse respectando os prazos, requisitos e demais condicións establecidas na Orde do 28 de febreiro de 2004, e poderán ser atendidas con cargo aos créditos orzamentarios que financian esta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2005.

Belén Prado Sanjurjo

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA