DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 10 de marzo de 2005 Páx. 4.148

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 9 de marzo de 2005 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2005.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación, cuxo exercicio lle corresponde hoxe en día á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ao abeiro do disposto no Decreto 301/2004, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica desta.

A posta en marcha do programa de iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais constituíu un paso cualitativo nas actuacións das políticas activas da Xunta de Galicia, dirixidas ao fomento da creación de postos de traballo baseados, neste caso, na introdución de novos procesos ou produtos no mundo empresarial e no uso intensivo da tecnoloxía.

Aquelas entidades galegas en que se desenvolven traballos de investigación, e moi especialmente no ámbito universitario, son un valiosísimo recurso que debe ser aproveitado para a posta en marcha de iniciativas empresariais de alto valor engadido que sexan capaces de xerar riqueza e emprego de calidade. Este tipo de proxectos ten unha importancia moi significativa en rexións como Galicia, xa que ofrece a oportunidade de prosperar na nova economía do coñecemento mediante a utilización intensiva deses dous factores que son a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

Nesta estratexia o programa de apoio ás IEBT configúrase como un instrumento para a dinamización da vocación emprendedora no trinomio investigación, tecnoloxía e emprego, para aproveitar o potencial de investigadores e titulados universitarios, principalmente, que pretendan xestionar o seu propio negocio, e propiciar a transferencia do amplo coñecemento creado, principalmente, en universidades e centros de investigación, en proxectos xeradores de novas actividades e novos postos de traballo.

A estrutura normativa deste programa desenvólvese en dúas ordes: a Orde do 23 de febreiro de 2001 (DOG nº 47, do 7 de marzo) pola que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica e se regulan os instrumentos e mecanismos de apoio e de avaliación técnica, así como os requisitos e condicións que deben reunir os proxectos e o procedemento para a súa cualificación e inscrición no rexistro de IEBT, e a orde que regula as bases e a convocatoria anual do réxime de axudas económicas dirixidas ás IEBT.

Co obxecto de promover a creación de novos empregos, este programa establece un incentivo por cada emprego creado, graduándose a súa contía en atención á existencia de determinados gastos.

Nesta orde fíxanse as bases reguladoras do réxime de axudas económicas dirixido ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) e se procede á súa convocatoria para o ano 2005, que se axusta ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o establecido na Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, e no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Para os vindeiros anos, as axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, logo da aprobación dos proxectos orzamentarios xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio correspondente. Para o exercicio 2005 a dita determinación recóllese na disposición adicional sexta da orde.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade e principios de xestión.

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas previamente cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, coa finalidade de impulsar e facilitar a posta en marcha de iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), mediante o financiamento parcial dos custos necesarios para a creación de emprego en proxectos empresariais innovadores de contido científico e/ou tecnolóxico, previamente cualificados como IEBT e inscritos no rexistro administrativo habilitado para o efecto na Dirección Xeral de Promoción do Emprego, en virtude do establecido na Orde do 23 de febreiro de 2001 pola que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), e proceder á súa convocatoria para o ano 2005.

2. As solicitudes, tramitación e concesión desta axuda axustarase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e nesta orde.

3. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as empresas privadas que teñan a consideración de Pemes de acordo co establecido na normativa europea de aplicación, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos autónomos e as sociedades civís e comunidades de bens aínda que carezan de personalidade xurídica e que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT ou, de ser o caso, no que se estableza na resolución de cualificación, en atención ao disposto nos artigos 3 e 12 da Orde do 23 de febreiro de 2001 pola que se establece un programa de apoio ás IEBT, sempre que se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.

No caso de sociedades civís e comunidades de bens, deberán nomear un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiarios, lle corresponden á agrupación.

2. Entenderase que unha empresa está constituída desde o momento da súa inscrición no correspondente Rexistro Mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas. Cando se trate de empresario individual ou comunidade de bens, cando cause alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda.

3. Entenderase que inicia a súa actividade produtiva cando causen alta no imposto de actividades económicas, ou ben cando cause alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda.

Capítulo II

Modalidades de axuda

Artigo 3º.-Tipos de axuda.

1. No programa de promoción de iniciativas de emprego de base tecnolóxica recóllense os seguintes tipos de axudas:

a) Axuda á creación directa de emprego estable.

b) Subvención para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

c) Apoio á función xerencial.

d) Axuda financeira.

e) Axuda en función da existencia de gastos para o inicio e posta en marcha da actividade.

f) Axuda para o mantemento do emprego.

2. Para os efectos da axuda recollida nesta orde terán a consideración de desempregados aqueles que figuren inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da

Tesouraría Xeral da Seguridade Social no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

3. Cando se trate de traballadores autónomos, para os efectos deste programa, tamén terán a consideración de colectivo beneficiario os que, figurando inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social, realicen un traballo por conta allea cunha prestación de servizos inferior ou igual a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais.

4. As IEBT para poderen beneficiarse destas axudas deberán, no momento de iniciar a súa actividade produtiva, segundo o disposto no artigo 2º.3 desta orde, incorporar, como mínimo, un titulado universitario desempregado por cada catro traballadores.

Artigo 4º.-Axuda á creación directa de emprego estable.

1. A creación de postos de traballo estables de carácter indefinido, que sexan ocupados por desempregados de acordo coa definición dos nº 2 e 3 do artigo anterior, incentivarase cada un deles cunha subvención de ata 5.100 euros. No suposto de que sexa ocupado por unha traballadora, o incentivo incrementarase nunha contía de ata 600 euros.

Cando o posto de traballo o ocupe un desempregado con título universitario, o incentivo será de ata 5.400 euros e, de tratarse dunha muller con titulación universitaria, de ata 6.000 euros.

Cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías destes incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria legal.

2. Cando a dedicación inicial se realice a tempo parcial e se transforme con posterioridade a tempo completo, a empresa poderá solicitar a diferenza entre a contía que se percibiu inicialmente e a que corresponde por dedicación a tempo completo, sempre que a dita modificación se produza dentro dos dous primeiros anos da actividade.

3. Cando se trate de contratacións indefinidas de traballadores por conta allea, esta axuda, de ser o caso, será compatible coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato obxecto de subvención.

4. Poderán ser obxecto da modalidade de axuda prevista neste artigo os postos de traballo estables de carácter indefinido creados antes de transcorreren dous anos desde a data de inicio da actividade, co límite xeral de 49 traballadores, agás que na cualificación do proxecto como IEBT se tivese en conta un número superior, de acordo co disposto na disposición adicional segunda da Orde do 23 de febreiro de 2001 pola que se establece un programa de apoio a IEBT (DOG nº. 47, do 7 de marzo).

5. Non se poderá conceder esta axuda cando se trate de traballadores que prestasen servizos na mesma empresa en virtude dun contrato de carácter temporal.

6. O prazo de presentación da solicitude desta axuda será de dous meses contados desde a data en que se inicie a relación laboral en virtude da alta no correspondente réxime da Seguridade Social. Non obstante, deberá respectarse o prazo xeral establecido no artigo 12º.3 desta orde, aínda que nesta data non transcorresen dous meses desde a data de alta na Seguridade Social.

Artigo 5º.-Subvención para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

1. Para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación poderá concedérselles ás empresas cualificadas como IEBT unha subvención equivalente ao 50% dos custos laborais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social por todos os conceptos, do primeiro ano, máis o equivalente ao 35% dos custos laborais totais correspondentes ao segundo ano, cando a contratación teña unha duración igual ou superior a dous anos, ou a parte proporcional se é inferior a dous anos.

2. Quedan excluídos desta modalidade de axuda os contratos realizados cos titulares ou socios da empresa cualificada como IEBT.

3. A subvención só poderá solicitarse durante o primeiro ano de actividade e concederase por unha soa vez, tendo como límite máximo por todas as contratacións a contía de 30.000 euros, e estará condicionada á xustificación pola empresa de que, coas contratacións obxecto de subvención, se suplan carencias para o desenvolvemento da actividade empresarial e a boa fin dela.

4. Esta modalidade de axuda é incompatible, para o mesmo traballador, coas establecidas nos artigos 4º e 9º desta orde, e é compatible, se é o caso, coas bonificacións de cotas á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que entre ambas as dúas poidan superar o 60% do custo salarial anual. Os expertos técnicos que sexan desempregados inscritos como demandantes de emprego e sexan contratados con carácter indefinido non poderán ser computados para os efectos do cálculo da axuda financeira e da axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

5. O prazo de presentación de solicitudes desta axuda será de dous meses contados desde a data en que se inicie a relación laboral indefinida en virtude da alta no correspondente réxime da Seguridade Social. Non obstante, deberá ser respectado o prazo xeral establecido no artigo 12º.3 desta orde, aínda que nesta data non transcorreran dous meses desde a data de alta na Seguridade Social.

Artigo 6º.-Apoio á función xerencial.

1. Para o acompañamento na instalación da empresa e coa finalidade de favorecer a permanencia dos novos empregos creados, poderán ser obxecto de apoio as funcións xerenciais para axudar o promotor ou empresario na toma de decisións necesarias para

o funcionamento da empresa. O dito apoio poderá revestir as seguintes modalidades:

a) Axuda por titoría, entendéndose por tal o acompañamento técnico que un experto alleo á empresa, persoa física ou xurídica que reúna garantías de solvencia e profesionalidade, presta ao promotor ou empresario nas súas actividades xerenciais durante un prazo de tempo determinado.

b) Axuda por formación, que incluirá os cursos que o promotor ou empresario poida recibir para obter e mellorar os seus coñecementos sobre a función xerencial.

c) Axuda pola realización externa de estudos e informes sobre a actividade para que o promotor ou empresario poida dispoñer de mellor información sobre os bens ou servizos obxecto de produción, incluíndose nesta epígrafe os estudos de mercado, organización, comercialización, diagnose e outros de natureza análoga.

2. O gasto orixinado polo apoio á función xerencial deberá producirse no prazo de dous anos desde a constitución da empresa, e sempre que non transcorrese máis dun ano desde o inicio da actividade.

3. A contía do incentivo para o apoio á función xerencial, que se pagará por unha soa vez, será de ata o 75 por 100 do custo dos servizos recibidos, cun límite máximo de 12.000 euros polo conxunto das modalidades de asistencia técnica previstas.

4. As solicitudes deberán presentarse no prazo xeral establecido no artigo 12º.3 desta orde.

Artigo 7º.-Axuda financeira.

1. A modalidade de axuda financeira ten por finalidade favorecer a creación de postos de traballo, mediante a redución dos xuros de préstamos para financiar os investimentos en activo fixo que sexan necesarios para a creación e posta en marcha das empresas cualificadas como IEBT. Non obstante, poderase destinar ata un 25% do préstamo para financiar o activo circulante.

Os préstamos, para seren subvencionados, deberán ser concedidos por entidades financeiras que teñan subscrito un convenio, para tal fin, coa Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

2. Esta axuda, pagadoira dunha soa vez, será como máximo o equivalente á redución de catro puntos do xuro fixado pola entidade de crédito que conceda o préstamo sen que, en ningún caso, o tipo de xuro que deba satisfacer o beneficiario, despois de calculada a subsidiación, poida resultar inferior a un punto. A contía calcularase como se a subvención se devengase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia.

A contía máxima desta axuda non poderá ser superior a 5.100 euros por emprego estable creado durante o primeiro ano de actividade para os colectivos definidos no artigo 3º.2 e 3 desta orde.

3. As solicitudes de subvención financeira deberán presentarse, en todo caso, con anterioridade ao inicio da execución dos proxectos de investimento, respectando pola súa vez o prazo xeral establecido no artigo 12º.3 desta orde.

Artigo 8º.-Axuda en función da existencia de gastos para o inicio e posta en marcha da actividade.

1. Esta modalidade consistirá nunha axuda de ata un 60% dos gastos necesarios para o inicio e posta en marcha da actividade, e concederase por unha soa vez. O importe máximo desta modalidade de axuda determinarase en atención ao número de postos de traballo estables que se van crear durante o primeiro ano de actividade para os colectivos definidos no artigo 3º.2 e 3 desta orde, de acordo coa seguinte escala:

-De 1 a 2 postos de traballo: ata 18.000 euros.

-De 3 a 10 postos de traballo: ata 30.000 euros.

-De 11 a 20 postos de traballo: ata 42.000 euros.

-21 ou máis postos de traballo: ata 54.000 euros.

En ningún caso o importe desta axuda poderá superar a contía de 9.000 euros por posto de traballo estable creado.

Para a determinación da contía valorarase o volume do investimento do proxecto e a incidencia social e sobre o emprego no contorno xeográfico en que se desenvolva a actividade.

2. Esta axuda, que se concederá por unha soa vez, irá destinada a sufragar os gastos necesarios derivados da posta en marcha da actividade e do funcionamento da empresa sempre que se produzan antes de que transcorra un ano desde o inicio da actividade: compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, arrendamento do local e maquinaria, man de obra empregada na reforma ou adecuación do local, publicidade, subministracións; así como outros gastos que por razón da actividade, sempre que estean debidamente xustificados, sexan necesarios para a posta en marcha da actividade.

En ningún caso serán subvencionables, a través da axuda regulada neste artigo, os gastos que poidan ser considerados como investimento en activo fixo.

3. A solicitude deberá presentarse no prazo xeral establecido no artigo 12º.3 desta orde.

Artigo 9º.-Axuda para o mantemento do emprego.

1. Poderán concederse axudas para o mantemento dos postos de traballo estables creados para os colectivos definidos nos números 2 e 3 do artigo 3º desta orde, durante os dous primeiros anos de actividade, en función da existencia de gastos de alugamento do local onde se desenvolve a actividade.

2. O incentivo será de ata 90 euros por posto de traballo estable e mensualidade, cun máximo do 80% dos ditos gastos na súa imputación mensual, cun límite máximo de 18.000 euros por proxecto e anualidade ou a parte proporcional en cómputo mensual.

3. As solicitudes de axudas en función da existencia de gastos de alugamento do local presentaranse a medida que o beneficiario vaia realizando o pagamento dos recibos, de acordo cos prazos establecidos no punto seguinte.

4. As solicitudes deberán presentarse no prazo xeral establecido no artigo 12º.3 desta orde.

Artigo 10º.-Beneficiarios do programa Labora: Xuventude con Experiencia.

A contía das axudas reguladas nos artigos 4º, 7º, 8º e 9º desta orde incrementarase nun 10% no caso daqueles desempregados que, téndose en conta para o cálculo da subvención, no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social, estean incorporados e manteñan a condición de beneficiarios do programa Labora: Xuventude con Experiencia, segundo o establecido no Decreto 148/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o dito programa (DOG nº 83, do 30 de abril), modificado polo Decreto 26/2003, do 16 de xaneiro (DOG nº 15, do 23 de xaneiro), e polo Decreto 300/2004, do 22 de decembro (DOG nº 251, do 28 de decembro), con independencia de que como consecuencia da aplicación deste incremento se superen ou non os límites porcentuais ou cuantitativos previstos para cada tipo de axuda.

Capítulo III

Competencia e procedemento

Artigo 11º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións presentadas ao abeiro desta orde, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, corresponderalle ao director xeral de Promoción do Emprego.

Artigo 12º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións dirixiranse ao órgano competente para resolver, e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais www.xunta.es/conselle/as/index.htm.

3. As solicitudes de axuda deberán presentarse antes de que transcorra un ano desde que se iniciou a actividade da empresa. Non obstante o anterior, as modalidades de axuda á creación directa de emprego estable e axuda para o mantemento do emprego poderán solicitarse durante os dous primeiros anos de actividade. En todo caso, deberán respectarse os prazos específicos establecidos nos artigos anteriores para cada tipo de axuda.

Para o ano 2005, o prazo xeral de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 2005.

4. De acordo co previsto no artigo 4 da Orde do 23 de febreiro de 2001 pola que se establece un programa de apoio ás IEBT, na presentación das solicitudes os beneficiarios poderán contar co asesoramento dos técnicos especializados en IEBT, da rede coordinada pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais (www.tecnicosempregogalicia.xunta.es).

Artigo 13º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde e deberán ir acompañadas por duplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia compulsada, da documentación, común e específica, que se relaciona:

1. Documentación común para todas as modalidades de axuda:

a) Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do número de identificación fiscal, e se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante que actúa en nome da entidade e NIF da empresa.

b) De tratarse de persoa xurídica, escritura de constitución e inscrición no Rexistro Mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas. Cando se trate de empresario individual ou comunidade de bens, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda, alta no imposto de actividades económicas, ou ben alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda.

No suposto de que se solicite a subvención financeira con anterioridade ao inicio da actividade, a documentación deberá achegarse na fase de xustificación do pagamento.

c) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (segundo o modelo anexo VI), ou, de ser o caso, unha declaración de que non se solicitaron nin percibiron outras axudas ou subvencións (no modelo de solicitude).

d) Declaración da súa condición de PEME e de mantemento do emprego (segundo o modelo anexo VII).

e) Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular da conta (segundo o modelo anexo VIII).

f) Documentación acreditativa de se encontraren ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

g) Documentación acreditativa de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, agás que o beneficiario achegase coa solicitude a debida autorización para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor (segundo modelo anexo IX).

2. Documentación específica:

a) Axuda á creación directa de emprego estable:

-Relación nominal dos traballadores contratados polos que se solicita subvención, con indicación de se son ou non titulados universitarios, con expresión da data de incorporación efectiva (segundo o modelo anexo III).

-DNI e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego das persoas incorporadas á empresa, así como do tempo de permanencia en situación de desemprego segundo os datos do informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social. E, se é o caso, certificación académica de terminación dos estudos ou copia compulsada do título universitario.

-Documentos acreditativos da incorporación efectiva con carácter indefinido na empresa e altas no correspondente réxime da Seguridade Social.

b) Subvención para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

-Memoria descritiva da necesidade da contratación de expertos, número e perfís profesionais deles e funcións que se van realizar en relación coas categorías profesionais e custos laborais totais.

-Contratos de traballo e altas na Seguridade Social.

c) Subvención ao apoio á función xerencial:

-Memoria descritiva da medida de apoio solicitado, na cal consten, entre outros, a xustificación da súa necesidade para o desenvolvemento da actividade empresarial e o orzamento desagregado por conceptos, a proposta dos servizos que se van desenvolver e o calendario previsto para a súa realización, así como a conformidade da empresa, entidade ou persoa física que vaia prestar o apoio e a aceptación do solicitante.

-Documentación acreditativa da solvencia profesional da empresa, entidade física ou xurídica, que prestará ou xa prestase o servizo de apoio.

d) Axuda financeira:

-Memoria económica do proxecto que inclúa o orzamento de investimentos e o plan de financiamento en relación coa finalidade ou obxecto da axuda.

-Contrato de préstamo ou, no seu defecto, compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, no cal figuren as características e se faga constar que a operación se acolle ao convenio subscrito para tal fin (segundo modelo anexo V).

-Plan de investimentos xunto coas facturas pro forma ou orzamentos dos activos fixos e, se é o caso, xustificantes dos activos circulantes que se financiarán co préstamo.

-Declaración do número de empregos estables creados e relación nominal das persoas que os vaian ocupar, con indicación daqueles que hai que ter en conta para o cálculo da subvención (segundo modelo anexo III).

e) Axuda en función da existencia de gastos para o inicio e posta en marcha da actividade:

-Memoria descritiva da actividade e orzamento dos gastos necesarios para o inicio e posta en marcha da actividade, con indicación daqueles aos que se vai destinar a subvención, así como das fontes de financiamento.

-Declaración do número de postos de traballo estables creados e relación nominal das persoas que os vaian ocupar, con indicación daqueles que hai

que ter en conta para o cálculo da subvención (segundo o modelo anexo III).

f) Axuda para o mantemento do emprego.

-Memoria dos gastos de alugamento, imputables a cada unha das mensualidades para as que se solicita a axuda para o mantemento do emprego, e a acreditación documental da súa existencia.

-Declaración do número de postos de traballo ocupados polos colectivos de beneficiarios e relación nominal deles, en cada unha das mensualidades polas que se solicita subvención (segundo o modelo anexo IV).

-DNI e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego das persoas incorporadas á empresa, así como do tempo de permanencia en situación de desemprego segundo os datos do informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social. E, se é o caso, certificación académica de terminación dos estudos ou copia compulsada do título universitario.

Artigo 14º.-Instrución e tramitación.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán do interesado para que, nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Artigo 15º.-Resolución.

1. Logo da fiscalización polas respectivas intervencións das propostas emitidas polos correspondentes servizos, as resolucións serán ditadas polo órgano competente por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, e deberán serlles notificadas aos interesados. As resolucións, de concesión ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de seis meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase a resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formu

larse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 16º.-Xustificación do pagamento.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación por exemplar duplicado, un deles orixinal ou copia compulsada, no prazo, nos termos e na forma que se sinale na resolución de concesión, da documentación común e específica seguinte:

A. Documentación común para todos os tipos de axuda:

-Documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da actividade para a que se concedeu a subvención segundo o tipo de axuda.

-Declaración complementaria da establecida no artigo 13º.1 c) desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas e subvencións (segundo modelo anexo VI).

B. Documentación específica:

a) Subvención ao apoio á función xerencial:

-Facturas da empresa, entidade ou persoa física, acreditativas do custo do servizo recibido.

-Informe escrito da actuación de apoio desenvolvida e, no caso de consistir na elaboración dun estudo de mercado ou similar, presentarase copia del.

-Certificación da empresa, entidade ou persoa física, da finalización do servizo de apoio prestado, coa aceptación ou conformidade da empresa solicitante cos servizos recibidos.

b) Axuda financeira:

-Copia do contrato de préstamo, de non se xuntar á solicitude.

-DNI e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego das persoas incorporadas á empresa, así como do tempo de permanencia en situación de desemprego segundo os datos do informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e, se é o caso, certificación académica da terminación dos estudos ou copia compulsada do título universitario.

-Documentos acreditativos da incorporación e alta no correspondente réxime da Seguridade Social das persoas incorporadas á empresa para ocuparen postos de traballo estables.

-De non achegarse con anterioridade, se o solicitante é persoa xurídica, escritura de constitución e inscrición no Rexistro Mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas. Cando se trate de empresario individual ou comunidade de bens, alta

no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda, alta no imposto de actividades económicas, ou ben alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda.

-Facturas, escrituras públicas, contratos ou calquera outro documento acreditativo de que o importe de préstamo subvencionado foi destinado a financiar os investimentos obxecto da subvención.

O beneficiario, no prazo de 30 días desde a data en que teña coñecemento do pagamento efectivo da subvención, ten que presentar certificación expedida pola entidade financeira, acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

c) Axuda en función da existencia de gastos para o inicio e posta en marcha da actividade:

-Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención.

-DNI e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego das persoas incorporadas á empresa, así como do tempo de permanencia en situación de desemprego segundo os datos do informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e, se é o caso, certificación académica da terminación dos estudos ou copia compulsada do título universitario.

-Documentos acreditativos da incorporación e alta no correspondente réxime da Seguridade Social dos traballadores que ocupen os empregos estables creados tidos en conta para o cálculo da subvención.

d) Axuda para o mantemento do emprego.

-Documentación acreditativa da situación de alta no correspondente réxime da Seguridade Social dos traballadores que ocupen empregos estables nas mensualidades polas que se solicita subvención.

2. Malia o sinalado no artigo 13º e no parágrafo anterior deste artigo, a documentación exixida para a fase de pagamento, común e específica, que sexa de posible achega, poderá presentarse xunto coa solicitude á opción do interesado. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e pagamento da axuda.

3. Cando concorran varias modalidades de axudas, só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, tanto na fase de solicitude coma na de xustificación do pagamento.

4. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres o beneficiario non estea ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma.

Capítulo IV

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 17º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. Os incentivos económicos establecidos nesta orde serán complementarios e compatibles entre si,

agás no disposto no artigo 5º.4, e con calquera outra axuda da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 78.8º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. O límite máximo dos incentivos establecidos nesta orde será equivalente ao 55% dos custos salariais totais dos postos de traballo xerados pola nova actividade correspondentes a dúas anualidades.

3. Non se poderán imputar os mesmos gastos para as distintas modalidades da axuda previstas nesta orde, agás naqueles casos en que só se toman como referencia para o cálculo da contía do incentivo.

4. As subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles coas axudas establecidas nos programas de iniciativas locais de emprego e de iniciativas de emprego rural, de promoción do emprego autónomo, de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e de promoción do emprego autónomo das persoas con discapacidade e o programa de dinamización do emprego feminino e xuvenil en concellos rurais, así como no programa de promoción do emprego en cooperativas e sociedades laborais, agás que se trate da axuda para a adquisición da condición de socio traballador dunha cooperativa de traballo asociado ou dunha sociedade laboral, convocados pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

5. A axuda á creación directa de emprego estable e a subvención para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación serán incompatibles coas establecidas nos diferentes programas de fomento da contratación por conta allea convocados pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais. Os ditos incentivos serán compatibles, de ser o caso, con axudas ou bonificacións ás cotizacións á Seguridade Social.

Artigo 18º.-Exclusións.

Exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde:

a) Os empregos de carácter estable realizados con desempregados que, nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social, prestasen servizos mediante un contrato indefinido en empresas ou grupos de empresas, en que participasen persoas ou entidades que, pola súa vez, sexan promotoras da empresa solicitante.

b) Os promotores que, nos seis meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova actividade, estivesen de alta como traballadores autónomos en calquera réxime da Seguridade Social.

c) Así mesmo, serán excluídos os solicitantes que incorran nalgunha das prohibicións que aparecen recollidas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 19º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Son obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións:

a) Realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención durante un tempo mínimo de cinco anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberán acreditar de maneira que faga fe.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvención, axudas, ingreso ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ás de control financeiro que lle correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) As empresas deberán manter os postos de traballo creados e que serviron de cálculo para as distintas modalidades de axuda pola creación de empregos estables durante un período mínimo de cinco anos.

e) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, conforme a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

2. As empresas beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde deberán cumprir, respecto das distintas modalidades de axuda, as seguintes obrigas:

a) Subvención á creación directa de emprego estable: as empresas beneficiarias, co fin de garantir o mantemento dos postos de traballo estables creados que fosen obxecto de subvención, deberán presentar, dentro do primeiro trimestre de cada ano, unha relación da variación das altas e baixas do persoal adscrito.

A dita obriga manterase durante os tres anos seguintes a aquel en que se concedeu a axuda ou subvención.

Cando no período de tres anos, desde a data da incorporación á empresa, se produza o cesamento dalgún traballador, a empresa beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante no prazo dun mes e, polo menos, en tempo de dedicación igual ao anterior, debendo reunir o novo traballador o requisito de pertencer a algún colectivo beneficiario e, de ser o caso, a condición de posuír titulación universitaria,

o que deberá ser comunicado ao órgano que concedeu a axuda dentro dos 20 días seguintes ao da substitución. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda por creación de emprego.

b) Modalidade de axuda para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación: as empresas deberán manter no seu cadro de persoal o experto técnico contratado, como mínimo, polo tempo subvencionado, e presentar no prazo de dous meses desde a finalización do período subvencionado:

-Unha memoria das actividades realizadas polos expertos.

-Recibos dos salarios e boletíns de cotización á Seguridade Social (TC2) dos expertos técnicos contratados, correspondentes ao período subvencionado.

No suposto de cesamento do experto técnico contratado, a empresa beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante no prazo dun mes e, polo menos, en tempo de dedicación igual ao anterior, o que lle deberá ser comunicado ao órgano que concedeu a axuda dentro dos 20 días seguintes ao da substitución. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda.

Artigo 20º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión de axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 21º.-Revogación e reintegro

Procederá a revogación da axuda, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, e no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 22º.-Seguimento e control

A Dirección Xeral de Promoción do Emprego poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 23º.-Réxime de axudas

Como axuda ao emprego ligada a unha nova actividade e a un novo investimento, queda sometida á normativa europea relativa ao desenvolvemento rexional, e seralle de aplicación o réxime de exención establecido no Regulamento (CE) nº 70/2001 da Comisión, do 12 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas (DOCE nº L10, do 13 de xaneiro).

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais levará a cabo a función de control, así como da avaliación e seguimento deste programa.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Ademais, os técnicos especializados en IEBT que realizan os labores de acompañamento e asesoramento colaborarán nas actuacións de seguimento e avaliación das empresas cualificadas como IEBT unha vez iniciada a súa actividade.

Segunda.-A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas para os diferentes tipos de axuda previstas nesta orde, agás aquela que de acordo co artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atope en poder da Administración actuante.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais no director xeral de Promoción do Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos.

Cuarta.-A comprobación da condición de beneficiario do Programa Labora: Xuventude con Experiencia será realizada directamente polo órgano xestor das axudas.

Quinta.-A concesión das axudas e subvencións previstas para o ano 2005 nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

Sexta.-No exercicio 2005 as axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 16.02.241B.470.0, código de proxecto 2002 14109, cun crédito de 918.788 euros; 16.02.241B.470.2, código de proxecto 2004 00340, cun crédito de 1.289.865 euros.

Estas contías están recollidas na Lei 13 /2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, e constitúen o importe global para o financiamento desta orde e da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a empresarios sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2005; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais e a súa convocatoria para o ano 2005, e das demais ordes que establezan as bases reguladoras e convocatoria dos programas de promoción de emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a emprendedores, autoemprego e economía social, incluídos nos programas orzamentarios 241A, 241B e 241V.

Así mesmo, os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de promoción do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Disposicións transitorias

Primeira.-As solicitudes de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), realizadas ao abeiro das ordes de convocatoria correspondentes a exercicios anteriores, que quedasen pendentes de resolución no momento da entrada en vigor desta norma e sempre que reunisen os requisitos legais establecidos nelas, poderán ser atendidas con cargo aos créditos orzamentarios para o exercicio 2005, en función da normativa que lles era de aplicación no momento da presentación da solicitude.

Segunda.-As actuacións subvencionables ao abeiro do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), realizadas con anterioridade á entrada en vigor desta orde, solicitaranse respectando os prazos, requisitos e demais condicións establecidos na Orde do 27 de febreiro de 2004, e poderán ser atendidas con cargo aos créditos orzamentarios que financian esta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2005.

Belén Prado Sanjurjo

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais