DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 10 de marzo de 2005 Páx. 4.117

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 7 de marzo de 2005 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a empresarios sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2005.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación, o exercicio das cales lle corresponde hoxe en día á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ao abeiro do disposto no Decreto 301/2004, do 22 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

A Xunta de Galicia, a través da consellería con competencias en materia de emprego, vén convocando anualmente un marco de axudas á contratación por

conta allea, ao abeiro dos sucesivos plans de fomento do emprego, en atención a programas propios e a programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo, na actualidade incorporados ao Programa Operativo Integrado de Galicia para o período 2000-2006.

No marco da estratexia europea para o emprego, e co obxectivo de favorecer a creación de novos empregos estables e a inserción laboral de persoas en desemprego, así como para contribuír ao desenvolvemento e crecemento de pequenas unidades productivas, en Galicia estableceuse un programa específico para apoiar e incidir naquelas empresas sen asalariados, que con potencialidade para a creación de emprego, non adoptan tal decisión polo risco ou carga que pode supoñer a contratación do seu primeiro traballador e o cambio na dimensión do seu negocio, o que ten unha especial relevancia nesta comunidade autónoma polo significativo número de microempresas nas que se detecta tal situación. Pola súa propia definición e polas condicións exixidas, as contratacións incentivadas mediante este programa supoñen, en todo caso, un incremento neto do emprego e do emprego fixo.

Nesta orde regúlanse os incentivos á contratación indefinida do primeiro traballador fixo de empresarios sen asalariados. As axudas previstas nesta orde están amparadas na súa adecuación ao dereito comunitario pola autorización da Comisión Europea C (-2002) 1884 fin do 22-5-2002. Cando se trate de empregos ligados a un investimento polo seu sometemento ao Regulamento (CE) nº 70/2001 da Comisión do 12 de xaneiro de 2001 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado da CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas (DOCE L10; 13-1-2001).

Co obxecto de incidir no favorecemento de inserción de colectivos desfavorecidos, as contratacións para poder seren subvencionables, deberán realizarse con desempregados que no momento da súa contratación estean inscritos no Servizo Público de Emprego e que pertenzan a determinados colectivos que presentan dificultades ou desvantaxes particulares para acceder ao mercado de traballo.

No contexto de apoiar o emprego feminino e xuvenil, increméntanse os incentivos cando o traballador desempregado contratado sexa un mozo menor de 30 anos e amplíase a porcentaxe para o cálculo do importe da subvención en caso de traballadoras ata o 40% da base mínima do grupo de cotización.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras e a convocatoria deste programa axustaranse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e no que resulte de aplicación, a Lei 38/2003 do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Nos vindeiros anos, as axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, logo da aprobación do proxecto de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o exercizo correspondente. Para o exercicio 2005 a dita determinación recóllese na disposición adicional sexta desta orde.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto, finalidade e principios de xestión.

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2005 dos incentivos á contratación indefinida, a tempo completo ou a tempo parcial, incluídos os fixos-descontinuos, do primeiro traballador por parte dos empresarios sen asalariados, coa finalidade de impulsar a capacidade de creación de emprego das pequenas empresas e favorecer a inserción laboral de desempregados.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000 do 21 de novembro, e nesta orde.

3. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións.

1. Poderán ser obxecto de subvención as contratacións indefinidas iniciais que se realicen con traballadores desempregados, inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da súa contratación indefinida inicial e pertenzan a algún dos colectivos desfavorecidos relacionados no artigo 3º desta orde.

2. Os contratos indefinidos para que poidan ser obxecto de subvención deberán formalizarse por escrito e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

3. Cando se trate de contratacións a tempo parcial, a contía dos incentivos previstos nesta orde serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria legal.

4. Para efectos das axudas consideradas nesta orde, terán a consideración de desempregados aqueles que estean inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da contratación e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

Artigo 3º.-Colectivos desfavorecidos.

Para os efectos desta orde terán a consideración de colectivos desfavorecidos con maiores desvantaxes para o acceso ao mercado de traballo os seguintes:

a) Menores de 25 anos ou que finalizaran a súa educación a tempo completo nos dous anos anteriores a súa contratación e que non tivesen antes un primeiro emprego fixo remunerado.

b) Desempregados, cun tempo en desemprego igual ou superior a doce meses dos anteriores dezaseis, ou durante seis dos anteriores oito, se fose menor de 25 anos.

c) Desempregados que no momento da contratación estean incorporados e manteñan a condición de beneficiarios do Programa Labora: Xuventude con Experiencia, segundo o establecido no Decreto 148/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o dito programa (DOG nº 83, do 30 de abril), modificado polo Decreto 26/2003, do 16 de xaneiro (DOG nº 15, do 23 de xaneiro) e polo Decreto 300/2004, do 22 de decembro (DOG nº 251, do 28 de decembro).

d) Mulleres desempregadas.

e) Desempregados que non obtiveran unha cualificación de ensino secundario superior ou o seu equivalente.

f) Desempregados maiores de 50 anos.

g) Desempregados pertencentes a colectivos en risco de exclusión social:

* Perceptores da renda de integración social de Galicia, ou persoas que non poidan acceder á mesma ben por falta do período exixido de residencia ou empadroamento ou ben por ter esgotado o período máximo da percepción legalmente establecido.

* Persoas que participen ou participasen en procesos de rehabilitación ou reinserción social de drogodependentes debidamente acreditados ou autorizados.

* Penados ou ex-reclusos que non tiveran antes un primeiro emprego fixo remunerado tras un período de privación de liberdade.

* Persoas que teñan acreditada pola Administración competente a condición de vítima de violencia doméstica por parte dalgún membro da unidade familiar de convivencia.

* Mozos que estean ou estiveran ata a súa maioría de idade baixo tutela ou garda da Administración autonómica.

* Traballadores inmigrantes que pasen a ser residentes da comunidade autónoma e persoas que formen parte de colectivos ou minorías cuxas características poidan condicionar as súas posibilidades de integración social.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as empresas privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos autónomos e as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezcan de personalidade xurídica, que contraten con carácter indefinido ao seu primeiro empregado para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que iniciasen a actividade cunha antelación mínima dun ano ao comezo da prestación de servizos polo traballador e que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde e non incorran nas circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

No caso de sociedades civís e comunidades de bens deberán nomear un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación.

2. Para estes efectos, entenderase que se trata do primeiro empregado cando na empresa, nos 24 meses anteriores á contratación indefinida, non prestasen servizos traballadores por conta allea, agás con contratos de duración determinada ou temporal que, no seu conxunto, non superen os 180 días.

3. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, agás que a relación deveña de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial.

Artigo 5º.-Exclusións e contratacións de familiares.

1. Exclúense dos beneficios regulados nesta orde:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta a disposición.

b) As contratacións realizadas con traballadores que, nos 24 meses anteriores á data de contratación, prestaran servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

O disposto no parágrafo precedente será, tamén, de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador con empresas ás que a solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

c) Traballadores que finalizasen a súa relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 51 e 52 c) do Estatuto dos traballadores.

d) Non poderán acceder a estas axudas as cooperativas e sociedades laborais pola contratación do seu primeiro asalariado.

2. Sempre que se reúnan os requisitos e demais condicións exixidos nesta orde e poidan ter a consideración de asalariados, os incentivos establecidos no artigo 6º tamén poderán ser de aplicación ás contratacións do primeiro traballador fixo que se realice co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive. En todo caso, nestes supostos, e como condición indispensable na solicitude de axuda, deberá declararse expresamente a condición de familiar do traballador contratado e cumprir os requisitos establecidos nos artigos 2º e 3º desta orde.

Artigo 6º.-Axudas.

As empresas que contraten con carácter indefinido o seu primeiro traballador de acordo cos requisitos e condicións establecidos nesta orde, poderán obter unha axuda, pagadoira dunha soa vez, que consistirá nunha subvención por unha contía equivalente ao importe do 30% da base mínima do grupo de cotización ao que pertenza o traballador contratado, establecida para o ano de cada convocatoria, calculada sobre tres anualidades, ata un máximo de 6.000 euros, se o contrato se realiza a xornada completa, ou a parte proporcional se se realiza a tempo parcial.

Cando a contratación se realice con mozos menores de 30 anos, a dita porcentaxe abrangue o 35% e o límite incrementarase ata 6.300 euros.

Cando a dita contratación se realice con mulleres, a dita porcentaxe elevarase o 40% e o límite incrementarase ata 6.600 euros.

Capítulo II

Competencia e procedemento

Artigo 7º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións presentadas ao abeiro desta orde, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, corresponderalles aos delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais respecto das contratacións que se realicen para prestar servizos en centros de traballo radicados na respectiva provincia.

Artigo 8º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións recollidas nesta orde dirixiranse ao órgano competente para resolver e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As axudas desta orde solicitaranse nos dous meses seguintes á data en que se inicie a relación laboral.

O prazo para a presentación das solicitudes de axudas finalizará o 30 de setembro de 2005 aínda que nesta data non transcorreran dous meses desde a celebración do contrato obxecto de subvención

3. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais www.xunta.es/conselle/as/index.htm.

4. Para a presentación de solicitudes de axudas, os beneficiarios poderán contar coa información e o asesoramento da rede de técnicos de emprego coordinada pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais (www.tecnicosempregogalicia.xunta.es).

Artigo 9º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a esta orde e deberán ir acompañadas, por duplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia debidamente compulsada, da seguinte documentación:

1. Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF e, se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

2. Alta no imposto de actividades económicas ou, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda, e documentación que acredite que se trata da creación do primeiro posto de traballo de carácter fixo (vida laboral da empresa referida aos 24 meses anteriores á data da contratación indefinida do traballador polo que solicita a subvención, incluíndo todas as contas de cotización).

3. DNI do traballador.

4. Documentos acreditativos das características que determinen a súa pertenza ao correspondente colectivo.

5. Documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego e do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral na Tesouraría Xeral da Seguridade Social, así como contrato

de traballo e a alta na Seguridade Social do traballador contratado.

6. Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo III).

7. Declaración da estrutura da empresa e do emprego (anexo IV).

8. Ficha de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (anexo V).

9. Documentación acreditativa de que se encontran ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

10. Documentación acreditativa de que se encontran ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, agás que o beneficiario achegue á solicitude a debida autorización (segundo o modelo do anexo VI) para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas.

Artigo 10º.-Instrución e tramitación.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 3/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, considerarase desistido da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Artigo 11º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización polas respectivas intervencións das propostas emitidas polos correspondentes servizos, as resolucións serán ditadas polo órgano competente por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e deberán serlles notificadas aos interesados. As resolucións, de concesión ou denegación, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de seis meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con

carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12º.-Xustificación do pagamento.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas ou subvencións quedará condicionado á presentación, no prazo e nos termos e na forma que se establezan na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela, entre a que deberá figurar declaración complementaria da establecida no artigo 9º.6 desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

2. Non obstante o sinalado no punto anterior, a documentación exixida para a fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude, a opción do interesado. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da axuda.

3. Non poderá realizarse en ningún caso o pagamento da subvención en tanto o beneficiario non figure ao corrente do cumprimento das súas obrigas tributarias estatais ou autonómicas e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto coa Administración da comunidade autónoma artigo 78.8º do texto refundido modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Artigo 13º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. As axudas previstas nesta orde para as contratacións indefinidas por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. As ditas axudas son compatibles, se é o caso, con incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

2. Os beneficios establecidos á contratación indefinida nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

3. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 78.8º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 14º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde:

1. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a

concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

2. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

3. Manter no seu cadro de persoal fixo os traballadores contratados ao abeiro desta orde, por un período mínimo de tres anos.

No suposto de extinción da relación laboral do traballador polo que se concedese a subvención, a cobertura do posto por un novo traballador, que deberá reunir os requisitos do traballador substituído, terá que realizarse dentro do mes seguinte ao da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria ao órgano competente que concedese a axuda, dentro dos 20 días seguintes á substitución. Esta nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda.

Esta obriga manterase durante tres anos desde a data de realización do contrato indefinido obxecto de subvención.

E, cando se trate de empregos ligados a un investimento, deberán manter os postos de traballo durante un período de cinco anos.

4. As empresas beneficiarias, co fin de garantir o mantemento do posto de traballo estable creado obxecto de subvención, deberán presentar, dentro do primeiro trimestre de cada ano, unha declaración do mantemento do emprego xunto co TC2 do mes de decembro do ano anterior.

A dita obriga manterase durante os tres anos seguintes a aquel no que se concedeu a axuda ou subvención.

5. Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, conforme a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Artigo 15º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Artigo 16º.-Revogación e reintegro.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 17º.-Seguimento e control.

As delegacións provinciais, poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde, agás aqueles que de acordo co artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atopan en poder da Administración actuante.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos.

Cuarta.-A comprobación da condición de beneficiario do Programa Labora: Xuventude con Experiencia será realizada directamente polo órgano xestor das axudas.

Quinta.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

Sexta.-No exercicio 2005, as axudas recollidas nesta orde, entre outras, financiaranse con cargo aos créditos que figuran nas aplicacións orzamentarias

16.02.241A.470.2, código de proxecto 2002 14 439 cun crédito de 3.142.692 euros, 16.02.241A.470.3, código de proxecto 2002 14 823 cun crédito de 6.300.000 euros, 16.02.241A.470.4, código de proxecto 2005 00 361, cun crédito de 10.000.000 de euros, 16.02.241A.470.4, código de proxecto 2005 00 362, cun crédito de 5.000.000 de euros, 16.02.241B.470.0, código de proxecto 2002 14 105 cun crédito de 940.218 euros, 16.02.241B.470.0, código de proxecto 2002 14 106 cun crédito de 5.533.562 euros, 16.02.241B.470.1, código de proxecto 2002 14 444 cun crédito de 3.845.563 euros, e 16.02.241B.470.2, código de proxecto 2004 00 340 cun crédito de 1.289.865 euros. Estas contías están recollidas na Lei 13/2004, do 29 de decembro de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005 e constitúen o importe global para o financiamento desta orde, e das demais ordes que establezan as bases das medidas de fomento do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio

a emprendedores, autoemprego e economía social, incluídas nos programas orzamentarios 241 A, 241 B e 241 V.

Así mesmo, os créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Disposicións transitorias

Primeira.-As solicitudes de axudas a empresarios sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo realizadas ao abeiro das ordes de convocatoria correspondentes a exercicios anteriores que quedaran pendentes de resolución no momento da entrada en vigor desta norma, e sempre que reunisen os requisitos legais establecidos nelas, poderán ser atendidas con cargo aos créditos orzamentarios para o exercicio 2005 e resolveranse en función da normativa que lles era de aplicación no momento da presentación da solicitude.

Segunda.-As contratacións do primeiro traballador fixo celebradas por empresarios sen asalariados realizadas con anterioridade á data de entrada en vigor desta orde, solicitaranse respectando os prazos e demais requisitos establecidos na Orde do 25 de febreiro de 2004, e poderán ser atendidas con cargo aos créditos orzamentarios que financian esta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2005.

Belén Prado Sanjurjo

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais