DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 10 de marzo de 2005 Páx. 4.107

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 2 de marzo de 2005 pola que se convocan licenzas por estudos para o curso 2005-2006 destinadas a funcionarios docentes non universitarios e se aproban as súas bases de concesión.

O artigo 55 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece que os poderes públicos prestarán unha atención prioritaria ao conxunto de factores que favorecen a calidade e mellora do ensino, citando entre estes factores a cualificación e formación do profesorado.

Pola súa vez a citada lei, no seu artigo 56, determina que a formación permanente constitúe un dereito e unha obriga de todo o profesorado e unha responsabilidade das administracións educativas e dos propios centros. Indica que, periodicamente, o profesorado deberá realizar actividades de actualización científica, didáctica e profesional nos centros docentes, en institucións formativas específicas, nas universidades e, no caso do profesorado de formación profesional, tamén nas empresas.

A mesma lei mencionada, na disposición adicional terceira, indica que as administracións educativas, co fin de asegurar a necesaria calidade do ensino, proverán os recursos necesarios para a inclusión de licenzas por estudos ou outras actividades nos plans institucionais de formación permanente do profesorado, para asegurar a todos os profesores ao longo da súa vida profesional a posibilidade de acceder a períodos formativos fóra do centro escolar.

No momento actual cobra unha especial importancia a formación do profesorado a través de períodos longos en que se reforce, complete ou actualice a súa formación inicial. Nalgúns colectivos a formación programada a través de actividades curtas e puntuais non parece suficiente, polo que se considera conveniente ofertar esta modalidade formativa de máis longa duración para favorecer que os profesionais amplíen a formación na súa especialidade, realicen proxectos de investigación, e mesmo acaden unha nova titulación, especialmente naqueles casos en que é exixida pola normativa vixente.

Por todo o exposto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

* Convocatoria.

Artigo 1º

Convócanse licenzas por estudos retribuídas para o curso 2005-2006, dirixidas a funcionarios docentes de carreira que pertenzan aos corpos detallados no artigo terceiro, destinados actualmente e durante o próximo curso 2005-2006 en centros docentes, en equipos de orientación específicos, en centros de formación e recursos, nos servizos centrais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos servizos provinciais de Inspección educativa, dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo as condicións e a distribución por corpos e modalidades que se establecen e relacionan no anexo I desta orde.

Artigo 2º

Convócanse, así mesmo, licenzas sen retribución para os devanditos funcionarios, que poderán ser concedidas por períodos de seis ou de doce meses ininterrompidos cada tres anos, sempre que non o impidan as necesidades do servizo. Así, outorgaranse todas as licenzas sen retribución económica aos aspirantes que cumpran os requisitos xerais establecidos nesta convocatoria agás os sinalados nos puntos cinco, seis e sete do artigo catro.

Non se poderá pedir na mesma convocatoria unha licenza retribuída e unha non retribuída.

* Candidatos.

Artigo 3º

Os corpos aos que se refire o artigo precedente son os que se detallan a continuación:

a) Mestres.

b) Profesores de ensino secundario.

c) Catedráticos de ensino secundario.

d) Profesores técnicos de formación profesional.

e) Mestres de taller de artes plásticas e deseño.

f) Profesores de artes plásticas e deseño.

g) Catedráticos de artes plásticas e deseño.

h) Catedráticos de música e artes escénicas.

i) Profesores de música e artes escénicas.

k) Profesores de escolas oficiais de idiomas.

l) Catedráticos de escolas oficiais de idiomas.

ll) Corpos e escalas docentes declaradas a extinguir.

m) Inspectores de educación e inspectores ao servizo da Administración educativa.

* Condicións.

Artigo 4º

Os candidatos das licenzas deberán reunir os seguintes requisitos agás as excepcións do artigo dous:

1. Estaren en situación de servizo activo e prestando servizos ininterrompidos durante os cursos 2003-2004 e 2004-2005, e no 2005-2006 seguiren tendo destino en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou nos servizos provinciais de Inspección educativa.

2. Ter, como mínimo, tres anos de antigüidade como funcionario de carreira nos corpos e escalas que se detallan no artigo 3º desta orde, dos que, cando menos, un fose exercido no corpo actual. Para estes efectos computaranse os servizos ata o 31 de agosto de 2005.

3. Non estar destinado en comisión de servizos durante o curso académico para o que se solicita a licenza. Para tales efectos será de aplicación o disposto no artigo 14º.4 desta convocatoria.

4. Non estar destinado en adscrición temporal no exterior durante o curso 2004-2005 nin durante o período para o que se solicita a licenza. Para tales efectos será de aplicación o disposto no artigo 14º.4 desta convocatoria.

5. Obter como mínimo catro puntos na epígrafe 1.2 do baremo que figura no anexo IV a esta convocatoria.

6. Non ter gozado de licenza por estudos outorgada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

7. O gozo dunha licenza por estudos é incompatible con programas europeos, estadías formativas en empresas e actividades formativas no estranxeiro; polo que, se un solicitante obtén praza en calquera destas convocatorias, deberá notificalo con carácter de urxencia e por escrito á directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

* Solicitudes e documentación.

Artigo 5º

Os candidatos ás licenzas por estudos retribuídas que se convocan deberán presentar a súa solicitude segundo o modelo do anexo II e segundo o procedemento establecido nos artigos 6º e 7º.

Os candidatos ás licenzas non retribuídas deberán presentar unicamente a folla de servizos nas condicións sinaladas no punto un do artigo sexto e mais a fotocopia compulsada do título de funcionario de carreira, xunto coa solicitude (anexo II), na que indicarán o período solicitado.

Artigo 6º

Para os solicitantes das licenzas retribuídas á solicitude xuntaráselle a seguinte documentación:

1. Folla de servizos, segundo modelo do anexo IX, debidamente cuberta polo/a solicitante e fotocopia compulsada do título administrativo de funcionario de carreira (non o título de mestre, diplomado ou licenciado), pechada o 31 de agosto de 2005.

2. Proxecto de estudos ou de traballo de investigación que se pretenda realizar durante o período da licenza, segundo o contido do anexo III. Unicamente se poderá solicitar unha das modalidades.

3. No caso de solicitudes de licenzas por estudos para obter por primeira vez o título de licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou estudos equivalentes; diplomado, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou estudos equivalentes, deberá presentarse promesa ou declaración xurada de non ter previamente unha titulación equivalente ou superior.

4. Acreditación dos méritos académicos, profesionais ou de calquera índole que se considere conveniente alegar. Estes serán xustificados mediante os documentos que se especifican no anexo IV desta orde.

5. No caso das licenzas por cuadrimestres (modalidade 4 e 5) deberase especificar o cuadrimestre que se prefire; de non facelo, adxudicaráselle automaticamente o primeiro.

* Prazo de presentación.

Artigo 7º

As solicitudes, xunto coa documentación expresada anteriormente, deberán presentarse no prazo dun mes, contado a partir do seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, a través do rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sendo imprescindible que na instancia apareza a data de recepción no organismo público correspondente. Se, en uso deste dereito, o expediente é remitido por correo, é necesario que se presente en sobre aberto para que sexa datado e selado polo funcionario de correos antes de que se proceda á súa certificación. Todos os participantes deberán presentar relación numerada e asinada da documentación entregada, seguindo a orde que aparece no indicado anexo IV. Non serán tidos en conta nin valorados os méritos e

servizos alegados e non xustificados debidamente, nin os que aleguen fóra do prazo ao que se refire este artigo.

As oficinas receptoras remitiranlle os expedientes á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, San Caetano, s/n, 15781, Santiago de Compostela, dentro das corenta e oito horas seguintes á súa recepción.

* Valoración profesional.

Artigo 8º

O profesorado que solicite licenza retribuída deberá presentar no Servizo de Inspección de Educación da delegación provincial correspondente, no mesmo prazo de presentación da documentación citada no artigo anterior e independentemente dela, a seguinte documentación:

1. Solicitude de informe segundo o modelo que aparece como anexo V a esta orde, co fin de que o Servizo de Inspección emita o informe correspondente de acordo co anexo VII a esta orde.

2. Fotocopia da instancia de solicitude da licenza por estudos (anexo II).

Artigo 9º

No caso dos inspectores de educación ou inspectores ao servizo da Administración educativa que soliciten licenza retribuída presentarán, no mesmo prazo indicado no artigo anterior, a solicitude de informe (anexo VI) dirixida ao subdirector xeral de Inspección, acompañada da fotocopia do modelo de informe (anexo VIII).

Artigo 10º

1. Vistas as solicitudes, os servizos de Inspección de Educación emitirán informe, segundo o modelo recollido no anexo VII desta convocatoria, e deberán remitilo directamente ao presidente da comisión seleccionadora dentro dos sete días naturais seguintes ao da presentación da documentación aludida no artigo 6º.

2. Este informe referirase aos seguintes aspectos:

a) Organización da súa actividade docente (programación, metodoloxía, utilización de recursos, criterios de avaliación, actividades extraescolares, etc.).

b) Participación no funcionamento dos centros (traballo cos equipos docentes, departamentos, seminarios, colaboración cos órganos de goberno, titorías, etc.).

c) Participación en programas educativos de innovación.

3. O informe dos profesores solicitantes que estean destinados en comisión de servizos, liberados sindicais, etc., referirase ao período docente anterior ao destino en comisión de servizos.

4. O resultado deste informe traducirase nunha valoración global de 0 a 1,5 puntos, segundo se especifica no apartado 2.2 do anexo IV.

* Comisión de selección.

Artigo 11º

1. A selección dos candidatos realizaraa unha comisión integrada polos seguintes membros:

-Presidente: o secretario xeral ou persoa en quen delegue.

-Vogais: ata un máximo de catro vogais, con categoría de subdirector xeral, xefe de servizo ou membros da Inspección educativa.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

-Os sindicatos integrantes da mesa sectorial de persoal docente non universitario poderán nomear un representante para asistir ás sesións da comisión.

-A comisión poderá solicitar a incorporación de asesores especialistas aos seus traballos, limitándose os devanditos asesores a prestaren a súa colaboración.

2. A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos previstos nos puntos 2, 3 e 5 do baremo do anexo IV.

Ás reunións desta subcomisión poderán asistir representantes das organizacións sindicais con representación na mesa sectorial de persoal docente.

3. Para os efectos previstos no artigo 26.2º do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, esta comisión considérase incluída na categoría primeira.

* Resolución da convocatoria.

Artigo 12º

Para as licenzas retribuídas a comisión seleccionadora realizará unha preselección segundo a puntuación obtida conforme o baremo que figura como anexo IV desta convocatoria e tendo en conta, ademais, os seguintes criterios prioritarios, para efectos de outorgar a puntuación correspondente:

1. Na modalidade 1 (teses de doutoramento) terase en conta como criterio prioritario a súa relación co currículo das áreas ou materias de todas as etapas educativas. Excluiranse automaticamente aquelas teses de doutoramento que non se atopen na fase final da súa elaboración, polo que a persoa que dirixe a tese deberá xustificar que a súa presentación, para súa defensa, se realizará durante o período da licenza.

2. Nas modalidades 2, 3 e 4 (primeira licenciatura, enxeñaría ou arquitectura; primeira diplomatura, enxeñaría técnica, arquitectura técnica; segunda licenciatura, enxeñaría ou arquitectura) daráselles prioridade a aquelas solicitudes relacionadas con algunha das distintas áreas do currículo da educación secundaria obrigatoria, materias do bacharelato ou módulos dos ciclos formativos así como ás de pedagoxía, psicoloxía ou psicopedagoxía.

Excluiranse os solicitantes que no momento de presentar a documentación:

a) Teñan só pendente unha ou dúas materias para rematar a licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou estudos equivalentes; primeira diplomatura, enxeñaría técnica, arquitectura técnica ou estudos equivalentes.

b) Teñan pendente, para rematar, ademais dun curso completo (ou número equivalente de materias) outras tres ou máis materias.

Para estes efectos consideraranse superadas todas as materias das que o solicitante estea matriculado no momento de presentar a documentación ata un máximo dun curso completo.

Considerarase como unha materia aquela que ten a duración dun curso académico ou entre doce e quince créditos. A comisión poderá facer as equivalencias pertinentes segundo a duración deles.

3. Na modalidade 5, licenzas de proxectos, estes centraranse en traballos de investigación directamente relacionados co ámbito de traballo docente dos solicitantes e coas necesidades do sistema educativo, tendo en conta o seguinte:

a) Realizaranse, preferentemente, sobre algún dos seguintes ámbitos:

-Elaboración de materiais curriculares relacionados coas distintas áreas e materias do currículo.

-Elaboración de materiais curriculares ou recursos educativos para favorecer a integración do alumnado inmigrante.

-Elaboración de recursos educativos multimedia interactivos.

-Elaboración de materiais curriculares que contribúan á utilización da lingua galega no ensino.

-Atención á diversidade.

-Orientación educativa, psicopedagóxica e profesional.

-Mellora da calidade da educación.

-Dirección e organización dos centros docentes.

-Aplicación das tecnoloxías da información e da comunicación ás áreas, materias e módulos do currículo.

-Temas transversais do currículo no ensino non universitario.

-Mellora da competencia comunicativa nas linguas estranxeiras. Neste caso, primarase a inmersión lingüística nun país da Unión Europea, para adquirir o dominio da súa lingua e coñecer a súa realidade sociocultural.

b) No caso de que o proxecto de investigación ou innovación, nesta modalidade, sexa realizado por un equipo só poderá dispoñer de licenza retribuída o/a coordinador/a del.

c) A elaboración do proxecto deberá facerse segundo se indica no anexo III.

d) A comisión poderá convocar os interesados para a realización dunha entrevista.

No caso das licenzas de proxectos para os funcionarios dos corpos de inspectores, poderán centrarse, ademais dos temas referidos anteriormente, en temas relacionados coas funcións da Inspección educativa.

4. En caso de empate entre os funcionarios, este dirimirase atendendo sucesivamente aos seguintes criterios:

a) Maior puntuación na epígrafe 1.2 do baremo.

b) Maior puntuación na epígrafe 2.1 do baremo.

5. En ningún caso poderá excederse o número total de licenzas retribuídas establecido coa distribución indicada no anexo I.

Artigo 13º

1. A relación dos preseleccionados, tanto para as licenzas retribuídas como non retribuídas, farase pública nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e das delegacións provinciais, así como no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (www.edu.xunta.es) na internet, abríndose un prazo de dez días naturais para efectuar reclamacións ante o presidente da comisión. Transcorrido este prazo, unha vez resoltas as reclamacións, a comisión seleccionadora remitiralle ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a proposta de resolución da concesión de licenzas por estudos, xunto coa acta ou actas definitivas en que se indicarán as valoracións outorgadas a cada un dos candidatos, así como a relación final dos seleccionados para as licenzas retribuídas; engadirase á acta unha lista cos beneficiarios das licenzas non retribuídas.

2. No mesmo prazo establecido no parágrafo anterior, poderán presentarse renuncias á concesión das licenzas por estudos perante a mencionada comisión seleccionadora.

Artigo 14º

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará a resolución definitiva de licenzas por estudos no Diario Oficial de Galicia, expedindo, así mesmo, as credenciais singulares correspondentes.

2. Unha vez resolta esta convocatoria non se admitirán renuncias ás licenzas concedidas, agás casos de excepcional gravidade e libremente apreciados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999

(BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

4. No caso de que un profesor obtivese simultaneamente un posto en réxime de comisión de servizos, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria concederá a licenza ou ben a comisión atendendo ás necesidades do servizo.

5. As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de tres meses, desde a data de publicación desta orde.

* Períodos de duración das licenzas retribuídas por estudos.

Artigo 15º

1. O período improrrogable de duración das licenzas dun curso completo será, como máximo, do 1 de setembro de 2005 ao 31 de agosto de 2006, para o profesorado de educación infantil e de educación primaria, e desde o 15 de setembro de 2005 ao 14 de setembro de 2006, para os corpos do profesorado de ensino secundario, mestres que impartan docencia no primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria, ensinos do réxime especial e inspectores.

2. Nas licenzas cuadrimestrais das modalidades 4 e 5, a duración dos cuadrimestres establécese do seguinte xeito:

a) Para o profesorado de educación infantil e de educación primaria:

-Primeiro cuadrimestre: do 1 de setembro de 2005 ao 31 de decembro de 2005.

-Segundo cuadrimestre: do 1 de xaneiro de 2006 ao 30 de abril de 2006.

-Terceiro cuadrimestre: do 1 de maio de 2006 ao 31 de agosto de 2006.

b) Para o profesorado que imparta docencia no ensino secundario e nas ensinanzas de réxime especial:

-Primeiro cuadrimestre: do 15 de setembro de 2005 ao 14 de xaneiro de 2006.

-Segundo cuadrimestre: do 15 de xaneiro de 2006 ao 14 de maio de 2006.

-Terceiro cuadrimestre: do 15 de maio de 2006 ao 14 de setembro de 2006.

c) Para funcionarios dos corpos de inspectores:

-Segundo cuadrimestre: do 1 de xaneiro de 2006 ao 30 de abril de 2006.

-Terceiro cuadrimestre: do 1 de maio de 2006 ao 31 de agosto de 2006.

3. Cando a licenza por estudos retribuída fose solicitada para poder gozar dunha bolsa concedida por algún organismo oficial, e o período de duración non coincida co do curso académico 2005-2006, poderá autorizarse o desfrute desta durante doce meses consecutivos, sen pasar, en ningún caso, a data do 31 de decembro de 2006, e sempre que as necesidades do servizo o permitan.

* Documentación xustificativa.

Artigo 16º

Ao longo do período de licenzas por estudos, os profesores beneficiarios das licenzas retribuídas presentarán perante o Servizo de Formación do Profesorado da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a seguinte documentación:

1. Para a modalidade 1 enviarase entre o 16 e o 31 de marzo resumo do traballo realizado ata esa data.

2. Para as modalidades 2, 3 e 4 enviarase:

a) Durante os meses de outubro e novembro de 2005, orixinal ou fotocopia compulsada do xustificante da matrícula no centro no que se realizarán os estudos e pagamento das taxas desta.

b) Para as modalidades 2 e 3 certificado de asistencia ás clases feito por cada profesor referido ata o 15 de marzo de 2006, que se remitirá entre o 16 e o 31 do dito mes, ou declaración xurada de non ter clases presenciais, se é o caso.

c) No caso da modalidade 4 ao ser cuadrimestral, certificado de asistencia ás clases feito por cada profesor, ou declaración xurada de non ter clases presenciais, se é o caso, que se enviará do 1 ao 8 do terceiro mes en que goce a licenza.

d) Para a modalidade 5, ao ser cuadrimestral, enviarase do 1 ao 8 do terceiro mes en que goce a licenza, resumo do traballo realizado ata esa data.

3. No prazo dun mes, contado desde a finalización do período da licenza por estudos, e como documentación xustificativa dela, enviarase, segundo a modalidade, a seguinte documentación:

a) Para a modalidade 1: orixinal ou fotocopia compulsada do xustificante de ter depositada a tese para a súa lectura.

b) Para as modalidades 2, 3 e 4: certificación académica orixinal ou fotocopia compulsada dela dos estudos realizados. No caso dos beneficiarios da modalidade 4, o prazo de presentación estenderase ata o remate do curso académico.

c) Para a modalidade 5: un orixinal da memoria do proxecto realizado e unha copia da mesma en soporte informático, que comprenderá o conxunto

de disquetes ou CD-ROM necesarios. Os arquivos de texto estarán elaborados cun procesador estándar para ordenador persoal. Tamén poderán incluírse arquivos de follas de cálculo, de base de datos, de ilustracións, debuxos ou gráficos.

4. Unha vez rematado o prazo de presentación das documentacións xustificativas das licenzas, reunirase a comisión para facer a avaliación destas. O resultado acadado comunicaráselles aos interesados por escrito.

* Situación administrativa e compromisos dos seleccionados.

Artigo 17º

Durante o tempo de duración da licenza por estudos os profesores seleccionados recibirán os emolumentos correspondentes ás súas retribucións básicas e complementarias, agás no caso das licenzas non retribuídas.

Os beneficiarios dunha licenza por estudos manterán para todos os efectos os dereitos administrativos. O profesorado beneficiario de licenza sen retribución, deberá aboar as cotizacións correspondentes ao funcionario e á Administración.

Artigo 18º

A concesión de licenzas por estudos con retribución implicará a incompatibilidade con calquera outra actividade pública ou privada, excepto para aqueles funcionarios docentes que teñan concedida unha compatibilidade con anterioridade á publicación desta orde. A concesión dunha licenza non retribuída admitirá simultaneidade con outras axudas económicas.

Artigo 19º

O incumprimento do disposto nesta convocatoria poderá dar lugar á rescisión da licenza por estudos ou á posible incursión en responsabilidades disciplinarias de acordo co vixente Regulamento do réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

* Seguimento.

Artigo 20º

A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais efectuará o adecuado seguimento e control dos estudos e traballos que se realicen durante o período da licenza, e poderá solicitar directamente, a través de entrevista, ou por medio da Inspección educativa, información sobre o traballo realizado e sobre o que queda pendente, de tal xeito que o non cumprimento do establecido no proxecto inicial poida dar lugar á rescisión da licenza.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria disporá das memorias e dos traballos realizados de acordo coa lexislación vixente sobre propiedade intelectual.

2. Os autores para poder publicar pola súa conta os devanditos traballos, deberán solicitar e contar coa autorización previa da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, facendo constar na correspondente publicación que o traballo foi realizado durante unha licenza por estudos retribuída pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Esta mención figurará tanto no caso de que a publicación do traballo sexa total como parcial.

3. Co fin de que as investigacións poidan ser coñecidas polo profesorado, para contribuír á mellora do ensino, os traballos que estime de especial interese a comisión de avaliación poderán ser difundidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

* Retirada de documentación.

Artigo 21º

Unha vez transcorridos tres meses desde a data de publicación da resolución definitiva, os interesados, ou os seus representantes legais, poderán retirar a documentación ante o presidente da comisión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar as instrucións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Distribución das lincenzas por estudos retribuídas que se convocan para o curso 2005-2006 segundo

as modalidades e corpos ou escalas do profesorado

Modalidades

Todos os corpos

agás mestres

e inspectores

Corpo de

mestres

Corpos de

inspectores

1. Teses de doutoramento (curso completo)841

2. Primeira licenciatura, enxeñaría,

arquitectura ou estudos equivalentes

(curso completo)

525-

3. Primeira diplomatura, enxeñaría

técnica, arquitectura técnica ou estudos

equivalentes (curso completo)

5--

4. Segunda licenciatura, enxeñaría,

arquitectura ou estudos equivalentes

(cuadrimestral)

10-1

5. Proxectos (cuadrimestral)60501

Totais88793

ANEXO III

Esquema do contido do proxecto de estudos

e documentación complementaria, segundo o caso

Modalidade:

1. Teses:

1.1. Título da tese.

1.2. Informe da persoa que a dirixe, en que se especifique a data do comezo do traballo e que este se atopa en fase final da súa elaboración. Neste informe farase constar que a presentación da tese, para a súa defensa, se realizará durante o período da licenza, dato que deberá constar no informe con total claridade e seguridade, xa que de non ser así, dará lugar á exclusión inmediata do solicitante.

1.3. Traballo xa realizado.

1.4. Traballo que realizará durante o período da licenza.

1.5. Certificación académica orixinal ou fotocopia compulsada de ter aprobados os créditos correspondentes á tese de doutoramento.

1.6. Certificación orixinal ou fotocopia compulsada do departamento no que estea inscrita a tese.

2. Primeira licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou estudos equivalentes.

2.1. Escrito en que se especifique claramente as materias que lle faltan para obter a licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou estudos equivalentes, concretando a que curso pertencen.

2.2. Certificación académica orixinal do curso 2004-2005, dos estudos realizados ata a data, correspondentes á licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou estudos equivalentes que solicita, en que conste, se é o caso, as materias en que estea matriculado no curso 2004-2005.

2.3. Fotocopia do plan de estudos que está a seguir.

2.4. Centro no que proxecta realizar os estudos: nome, enderezo, localidade, provincia, país e teléfono.

3. Primeira diplomatura, enxeñaría técnica, arquitectura técnica ou estudos equivalentes:

3.1. Escrito en que se especifique claramente as materias que lle faltan para obter a diplomatura, enxeñaría técnica, arquitectura técnica ou estudos equivalentes, concretando a que curso pertencen.

3.2. Certificación académica orixinal do curso 2004-2005, dos estudos realizados ata a data, correspondentes á diplomatura, enxeñaría técnica, arquitectura técnica ou estudos equivalentes que solicita, en que consten, se é o caso, as materias nas que estea matriculado no curso 2004-2005.

3.3. Fotocopia do plan de estudos que está a seguir.

3.4. Centro no que proxecta realizar os estudos: nome, enderezo, localidade, provincia, país e teléfono.

4. Segunda licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou estudos equivalentes:

4.1. Escrito en que se especifique claramente as materias que lle faltan para obter a licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou estudos equivalentes, concretando a que curso pertencen.

4.2. Certificación académica orixinal do curso 2004-2005, dos estudos realizados ata a data, correspondentes á licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou estudos equivalentes que solicita, en que consten, se é o caso, as materias en que estea matriculado no curso 2004-2005.

4.3. Fotocopia do plan de estudos que está a seguir.

4.4. Centro no que proxecta realizar os estudos: nome, enderezo, localidade, provincia, país e teléfono.

4.5. Especificar claramente o cuadrimestre que se prefire; de non facelo adxudicaraselle automaticamente o primeiro.

5. Proxectos:

Presentarase un proxecto sobre o estudo que se vaia realizar durante o período da licenza en que os profesores concretarán o traballo que van iniciar, determinando os aspectos do deseño e, de xeito especial, como serán levadas a cabo as fases de implementación e avaliación.

Neste proxecto, que poderá ser tanto de carácter organizativo como curricular, farase constar:

-Título do proxecto.

-Participante/s. Datos persoais e profesionais.

-Deseño do traballo que se vai realizar: xustificación baseada no contexto, obxectivos, contidos, metodoloxía, temporalización, recursos, organización de responsabilidades e tarefas para a posta en marcha e síntese do proceso de avaliación. Se se tratase de elaboración de materiais e non fose posible contrastalos na aula, especificaríanse as condicións para a súa aplicación. No caso de que xa existise un traballo persoal (ou de equipo) previo, en relación co proxecto que se presenta, engadirase un breve resumo das realizacións previas, indicarase a fase na que se atopa e desenvolverase o resto dos aspectos.

-Mencionarase de xeito explícito a relación co traballo de aula ou coa organización do centro, se é o caso.

-Os traballos ou investigacións que supoñan unha actuación en centros docentes ou noutras institucións públicas ou privadas, xuntarán certificado de conformidade da dirección do/s centro/s co visto e prace da Inspección educativa, ou autorización dos responsables das institucións, se é o caso.

-O proxecto terá unha extensión máxima de 20 páxinas.

-Deberase especificar claramente o cuadrimestre que se prefire; de non facelo adxudicaráselle automaticamente o primeiro.

ANEXO V

Modelo para solicitude de informe

para licenza por estudos

Curso 2005-2006

Don/Dona

Corpo

NRP DNI

Centro de destino Teléfono

Localidade

Disciplina ou especialidade

Solicítalle:

Ao Servizo de Inspección da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o informe correspondente ao punto 2.2 do baremo da orde de convocatoria.

En, de de 2005.

(Asinado)

(Para que o/a funcionario/a do rexistro o remita ao citado Servizo de Inspección Educativa).

ANEXO VI

Modelo para solicitude de informe

para licenza por estudos para inspectores

Curso 2005-2006

Don/Dona

Corpo

NRP DNI

Centro de destino Teléfono

Localidade

Disciplina ou especialidade

Solicítalle:

Á Subdirección Xeral de Inspección Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o informe correspondente ao punto 2.2 do baremo da orde de convocatoria.

En, de de 2005.

(Asinado)

(Para que o/a funcionario/a do rexistro o remita á citada Subdirección Xeral de Inspección Educativa).

ANEXO VII

Modelo de informe

Curso 2005-2006

Servizo de Inspección da Delegación Provincial

da Consellería de Educación e Ordenación

Universitaria

Don/Dona

Corpo

NRP DNI

Centro de destino Teléfono

Localidade Provincia

a) Organización da súa actividade docente:

b) Participación no funcionamento do centro:

c) Participación en programas educativos de innovación:

Total da valoración outorgada de (0 a 1,5) puntos.

En, de de 2005.

O/a inspector/a

Visto e prace

O delegado provincial

ANEXO VIII

Modelo de informe para inspectores

Curso 2005-2006

Subdirección Xeral de Inspección Educativa

da Consellería de Educación e Ordenación

Universitaria

Don/Dona

Corpo

NRP DNI

Sede de destino Teléfono

Localidade Provincia

a) Función de avaliación:

b) Función de asesoramento e información:

c) Función de control:

d) Colaboración na formación permanente do profesorado:

Total da valoración outorgada de (0 a 1,5) puntos.

En, de de 2005.

O subdirector xeral de Inspección Educativa

Visto e prace

O director xeral de Centros e Ordenación Educativa