DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 09 de marzo de 2005 Páx. 3.987

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 2 de marzo de 2005 pola que se crean determinados ficheiros automatizados de datos de carácter persoal existentes no Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), como organismo autónomo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

O artigo 20.1º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro), especifica que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderán facerse por medio da disposición xeral correspondente, publicada no Boletín Oficial del Estado ou diario oficial que corresponda.

Na súa virtude, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo

DISPÓN:

Primeiro.-Mediante a presente orde créanse os ficheiros especificados no anexo que se achega con ela, e que conteñen a información exixida no artigo 20.2º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal para as disposicións de creación dos ficheiros.

Segundo.-O titular do órgano responsable destes ficheiros adoptará as medidas de xestión e organización que sexan necesarias, asegurando a confidencialidade, os dereitos e as obrigas recoñecidos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Terceiro.-Os datos de carácter persoal, rexistrados nos ficheiros do organismo autónomo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, denominado Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), aos que se refire o anexo só serán utilizados para os fins expresamente previstos e polo persoal debidamente autorizado.

Cuarto.-Os datos só poderán ser cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei.

Disposición adicional

No caso de cesións dos datos aos servizos de estatística das administracións públicas, haberá que aterse, ademais, ao disposto na normativa vixente sobre materia estatística.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2005.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

ANEXO

Ficheiros de nova creación da Consellería

de Cultura, Comunicación Social e Turismo

* Foro.IGAEM, Sistema de foros do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais.

a) Finalidade do ficheiro e uso previsto: proporcionar o intercambio de ideas, opinións, preguntas e información relacionada coas distintas actividades do instituto a través de diversos foros temáticos, que se levarían a cabo e serían coordinados polas distintas unidades de produción dependentes deste organismo.

b) Persoas ou colectivos sobre os que se pretende obter datos de carácter persoal (ou que resulten obrigados a subministralos): todas aquelas persoas que queiran participar nos foros e se conecten por vía internet a este servizo.

c) Procedemento de recollida de datos: formulario web.

d) Estrutura básica do ficheiro: base de datos.

e) Cesión de datos (ou transferencia de datos prevista a países terceiros): ningunha.

f) Órgano/s responsable/s do ficheiro:

-IGAEM.

-Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

g) Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos que constan no ficheiro poderán exercerse, se é o caso, ante a unidade de produción responsable do ficheiro (Centro Dramático Galego -CDG-) nas súas dependencias sitas na Rúa Nova, nº 34, 15705 de Santiago de Compostela.

h) Medidas de seguridade: nivel básico.

i) Datos de carácter persoal recollidos no foro temático:

-Datos de carácter identificativo: nome, apelidos, correo electrónico.

-Datos relativos ao emprego: ocupación.

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE

E VOLUNTARIADO