DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 09 de marzo de 2005 Páx. 3.986

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 28 de febreiro de 2005 pola que se declara de interese galego a Fundación Manuel Fraga Iribarne e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 22 de febreiro de 2005 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a Orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, do 16 de febreiro de 2005, pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Manuel Fraga Iribarne, adscribíndoa á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 4 dos seus estatutos, ten como obxecto:

a) A conservación e uso proveitoso da casa natal de Manuel Fraga en Vilalba (Lugo), facendo dela museo, arquivo, biblioteca e centro de actividades onde se reúnan e utilicen as pertenzas e libros achegados principalmente por quen dá nome á entidade, así como a documentación produto da súa longa e fértil vida intelectual e pública e o que con ela estea relacionado, poñendo todo iso á disposición dos estudosos e especialmente de historiadores e politólogos.

b) A realización e axuda á realización de estudos e investigacións científicas sobre a obra persoal e a produción escrita de Manuel Fraga, e sobre o pensamento humanista cristián en que se fundamentan ambas, así como sobre o ámbito das ideas que, dentro e fóra de España, inspiraron e acompañaron o seu pensamento político.

Por iso, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Manuel Fraga Iribarne xa que os seus estatutos cumpren as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordenar a inscrición da Fundación Manuel Fraga Iribarne no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-Esta fundación queda sometida ao disposto na normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, quedando obrigada a renderlle contas anualmente ao protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento da finalidade fundacional, así como a presentarlle o proxecto de orzamento ao protectorado, con anterioridade ao inicio do exercicio económico para o que se formula e debendo solicitar as preceptivas autorizacións do protectorado.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2005.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación

Social e Turismo