DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 09 de marzo de 2005 Páx. 3.985

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 3 de marzo de 2005 pola que se clasifica como de interese social a Fundación Sabiria.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Sabiria, con domicilio na Coruña.

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Sabiria foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o trinta de decembro de dous mil catro, ante o notario Miguel Jurjo Otero, co número catro mil oitocentos noventa e dous do seu protocolo por Sabiria Corporation, S.L., actuando no seu nome e representación Marcelo Alejandro

Castelo Rivas na súa condición de administrador único da dita entidade.

3. A fundación ten como obxecto, segundo establece o artigo seis dos estatutos, fomentar o desenvolvemento da sociedade do coñecemento co impulso das tecnoloxías, particularmente das da información e as comunicacións, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e, desde Galicia, mais aló desta comunidade autónoma. Para iso implicarase mediante a difusión, a promoción, o asesoramento e o impulso relativos ao bo uso das tecnoloxías da información e as comunicacións no tecido social, universitario, empresarial e das administracións públicas, propiciando un estado de reflexión permanente na nosa sociedade para lograr o seu avance contribuíndo á redución da brecha dixital e do coñecemento.

4. O padroado da fundación estará integrado por Marcelo Alejandro Castelo Rivas como presidente, José Manuel Chacón Rodríguez como vicepresidente e Javier Quiroga Darriba como secretario.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elévalle ao conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese social da Fundación Sabiria, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese social e a súa adscrición á Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 2 de marzo de 2005.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese social a Fundación Sabiria, adscribíndoa á Consellería de Innovación, Industria e Comercio, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2005.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO