DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 09 de marzo de 2005 Páx. 3.979

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE conxunta do 25 de febreiro de 2005, das consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e de Emigración, pola que se establece e se regula o programa de axudas para estudos universitarios destinadas a emigrantes galegos ou aos seus descendentes.

A Consellería de Emigración é o órgano da Administración da comunidade autónoma ao que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, relacións coas comunidades galegas no exterior e política de apoio á inmigración nacional e estranxeira en Galicia.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asumiu as competencias que en materia de universidades lle foron transferidas á comunidade autónoma polo Decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro; DOG do 17 de febreiro de 1988). Estas competencias fóronlle asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril).

En consecuencia, a Consellería de Emigración, a través da Dirección Xeral de Emigración e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, manifestan o interese en promover un programa que contribúa ao financiamento de estudos universitarios nas universidades do Sistema Universitario de Galicia.

Con este programa preténdese que aquelas familias galegas residentes no exterior poidan ofrecerlles aos seus fillos a posibilidade de realizar estudos para obter unha titulación universitaria en calquera das tres universidades de Galicia. Búscase deste xeito que estes mozos poidan formarse no eido cultural e educativo galego, no seo das súas institucións académicas, para desenvolver posteriormente o seu labor profesional tanto en Galicia como no país de residencia dos seus pais, ao mesmo tempo que se contribúe ao fortalecemento das súas orixes galegas.

Por todo isto, e desde os principios e obxectivos expostos, e no exercicio das facultades conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Programa de axudas para estudos universitarios destinadas a emigrantes galegos ou aos seus descendentes:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse bolsas de estudo destinadas aos galegos, aos seus fillos e netos, con residencia familiar

no estranxeiro, con especiais aptitudes para o estudo, con insuficiencia de medios económicos e que desexen realizar estudos universitarios de 1º ciclo, 1º e 2º ciclo, ou 3º ciclo (etapa de formación) coa consecución das correspondentes titulacións nalgunha das universidades do Sistema Universitario de Galicia.

Neste programa, terán preferencia aqueles alumnos que pretendan seguir estudos de 1º e 2º ciclo. Os estudantes de 3º ciclo (etapa de formación) deberán comezar o período lectivo dentro do ano 2005.

Non se concederán axudas para a realización de mestrados, cursos de especialización nin para estudos propios das universidades. Tampouco poderán optar aqueles alumnos que teñan realizada a etapa de formación dun curso de doutoramento ou estean en posesión dun título de doutor, nin aqueles que cursen unha 2ª titulación universitaria, agás cando desexen acceder a titulacións de segundo ciclo e a segundos ciclos doutros estudos universitarios, desde calquera primeiro ciclo universitario.

Así mesmo, todos os trámites necesarios para matricularse na universidade do SUG elixida deberán ser realizados directamente polos propios solicitantes.

Artigo 2º.-Finalidade.

A súa finalidade será axudar a cubrir durante o curso 2005-2006 os gastos académicos derivados dos seus estudos, da estadía e manutención e da viaxe de ida e volta entre o lugar da súa residencia no estranxeiro e a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas presentadas ao abeiro desta orde correspóndelles, conxuntamente, ao conselleiro de Emigración e ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 4º.-Orzamento e contía das axudas.

1. Para a concesión das bolsas destinarase un total de 200.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 17.02.213-A.480.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005. Para a dita finalidade a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, transfire a cantidade de 100.000 euros á Dirección Xeral de Emigración da Consellería de Emigración.

Porén, a cantidade total destinada ás bolsas poderase incrementar de acordo coas dispoñibilidades de crédito das dúas direccións xerais convocantes.

2. A contía máxima de cada axuda non poderá superar a cantidade de 5.800 euros.

Artigo 5º.-Requisitos.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser galego, fillo ou neto de galego.

b) Que os seus pais ou titores legais carezan de medios económicos suficientes para acadar a finalidade deste programa.

c) Que os seus pais teñan fixada a súa residencia no estranxeiro.

d) Posuír un rendemento académico suficiente de acordo cos criterios e comisión de avaliación indicados no artigo 10º.

e) No caso de desexar cursar estudos de 1º ciclo e 1º e 2º ciclo no Sistema Universitario de Galicia, deberán ter desenvolvidos todos os seus estudos con continuidade nos sistemas educativos oficiais vixentes e estaren cursando, no momento da convocatoria, estudos de grao medio no seu último curso, ou estudos universitarios de primeiro ou segundo ciclo sen que estes finalizasen.

No suposto de desexar cursar estudos de 3º ciclo (etapa de formación) nas tres universidades do SUG, deberán ter rematados os seus estudos universitarios de 1º e 2º ciclo nos anos 2002, 2003, 2004 ou 2005, agás os beneficiarios desta axuda na convocatoria anterior.

f) Os alumnos de 1º e 2º ciclo deberán matricularse dun curso completo, ou como mínimo de 60 créditos, nunha universidade do Sistema Universitario de Galicia nunha titulación de carácter oficial e validez nacional, agás naqueles casos en que por razóns académicas non sexa posible e poida xustificarse documentalmente.

Os alumnos de 3º ciclo (etapa de formación) deberán estar matriculados en todos os créditos necesarios en cada un dos cursos da etapa de formación.

g) Incorporarse en Galicia ao comezo do curso académico 2005/2006 ou, de non ser posible, no momento de matriculación efectiva e, en todo caso antes, do 10 de novembro de 2005. A este respecto deberá presentarse nas datas anteriormente indicadas na Consellería de Emigración ou na de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 6º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes, segundo o modelo oficial (que se publica como anexo a esta orde, e ao dispor dos interesados nas dependencias da Consellería de Emigración e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nos enderezos da internet http:www.xunta.es/conselle/em e no http:www.edu.xunta.es) presentaranse, xunto coa documentación correspondente, indistintamente, no rexistro xeral da Consellería de Emigración ou da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria; ou ben por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

As solicitudes e documentación correspondente remitiranse, segundo opte o solicitante por dirixila, a:

-Consellería de Emigración. Dirección Xeral de Emigración. Rúa dos Basquiños, 2, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

-Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Dirección Xeral de Universidades. Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios. Edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

2. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 30 de setembro de 2005.

Artigo 7º.-Documentación.

Os solicitantes das axudas deberán presentar a seguinte documentación:.

a) Solicitude segundo o modelo normalizado do anexo I.

b) Copia do DNI ou doutro documento acreditativo da nacionalidade do solicitante.

c) Documento acreditativo da súa condición de galego ou ascendencia galega.

d) Documentos xustificativos da residencia dos seus pais no estranxeiro.

e) Copia da declaración da renda da unidade familiar correspondente ao exercicio de 2004. No caso de traballar por conta propia ou non estar suxeito á declaración ante Facenda, deberase achegar documentos xustificativos dos ingresos da unidade familiar no ano 2004.

f) Certificación académica, ou copia compulsada, dos estudos universitarios realizados polo solicitante, na que conste a súa duración, en anos académicos, materias cursadas e cualificacións obtidas. No caso de estudos validados, deberán presentar a certificación académica de idénticas características para os estudos de orixe.

Os alumnos que inicien o 1º curso dos seus estudos universitarios deberán achegar a certificación que acredite que reúnen os requisitos para poder acceder á universidade. Os alumnos con estudos validados por formación profesional deberán presentar o expediente académico.

En todos os casos a xustificación documental das cualificacións debe abranguer os 3 últimos cursos académicos. Tamén se poderá achegar a escala de notas aplicada polos centros onde realizou os seus estudos.

g) Copia do xustificante de matrícula correspondente ao curso académico 2005-2006. Para os alumnos de 3º ciclo, que non lles sexa posible a presentación deste documento, deberán achegar o certificado do secretario do departamento en que conste a admisión do solicitante no programa de doutoramento.

h) Declaración de conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas tanto de entidades públicas como privadas para a mesma finalidade con indicación da súa contía (anexo II da orde).

i) Documento facilitado por unha entidade bancaria en España a nome do interesado, en que conste o código conta cliente, comprensivo dos códigos que identifican o banco, a oficina, o díxito de control e o número da conta en que se aboará o importe da axuda.

Todos os documentos teñen que ser oficiais, expedidos polas autoridades competentes, acompañados da súa tradución se están nun idioma distinto ao castelán ou galego, e legalizados mediante apostila ou vía diplomática.

Artigo 8º.-Tramitación.

1. Unha vez comprobado se todas as solicitudes presentadas reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria, elaboraranse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas sinalándose as causas de exclusión. Estas listas poderán ser consultadas:

-Nos taboleiros de anuncios da Consellería de Emigración e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Nos centros de información universitaria das tres universidades do SUG.

-Nos enderezos da internet da Consellería de Emigración (http:www.xunta.es/conselle/em) e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (http:www.edu.xunta.es).

As listas provisionais de admitidos e excluídos estarán expostas desde o 20 ao 31 de outubro (ambos os dous incluídos) de 2005. Os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formular as reclamacións e emendar erros e faltas de documentos ante a Dirección Xeral de Universidades e a Dirección Xeral de Emigración, presentando, se é o caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión considerarase que o interesado desiste da súa petición procedendo ao arquivo do seu expediente sen máis trámite.

2. Se algún dos certificados ou xustificantes de carácter académico requiridos non puidese presentarse no prazo sinalado, o solicitante deberá achegar, dentro dese prazo, unha declaración xurada debidamente acompañada de documentos xustificativos expoñendo as causas desta imposibilidade sen prexuízo de que a presenten no mesmo momento en que esta se emita que en todo caso debe ser antes do 10 de novembro.

Artigo 9º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente: o subdirector xeral de Universidades.

Vogais:

-A subdirectora xeral de Programas Sociais da Dirección Xeral de Emigración.

-O xefe do Servizo de Apoio e Orientación da Dirección Xeral de Universidades.

-A vicerreitora de Estudantes da Universidade de Santiago de Compostela.

O vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo.

-A vicerreitora de Ordenación Académica da Universidade da Coruña.

Secretario: o xefe do Servizo de Atención Social aos Emigrantes da Dirección Xeral de Emigración, que actuará con voz e voto.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral correspondente ou da universidade en virtude da súa representación.

Se a comisión de valoración considerase que algún dos documentos achegados lle presentase dúbidas ou non acreditase suficientemente o conxunto dos requisitos e condicións referidos, poderá requirir do interesado que achegue no prazo de 10 días o documento ou documentos aclaratorios pertinentes.

Artigo 10º.-Selección.

A selección dos beneficiarios será realizada pola comisión avaliadora atendendo aos seguintes criterios:

-Valoración do expediente académico do interesado en función das materias aprobadas, as súas cualificacións e o número de materias/créditos por curso da titulación.

-Valoración das circunstancias económicas da unidade familiar en que se atope integrado o beneficiario.

-País de procedencia, con especial atención aos residentes en países máis afastados ou en situación de crise económica e a aqueles solicitantes que comezan os seus estudos en Galicia.

Artigo 11º.-Resolución.

1. Efectuada a selección pola comisión avaliadora, esta elevará informe proposta aos conselleiros de Educación e Ordenación Universitaria e de Emigración para que resolvan.

2. O prazo máximo para resolver será de nove meses, que comezarán a contar desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro,

de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 12º.-Pagamento.

Para o aboamento das axudas convocadas nesta orde, e de acordo co estipulado nos artigos 15 e 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, poderase acordar no momento da concesión un anticipo de pagamento de ata un 80%, librándose o 20% restante no momento en que o beneficiario presente os documentos acreditativos de cursar os estudos, así como declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

O pagamento ao beneficiario faráselle mediante transferencia bancaria ou cheque bancario nominativo.

Artigo 13º.-Obrigas dos bolseiros.

Os beneficiarios das axudas quedan obrigados ao seguinte:

-Incorporarse á universidade en que se van realizar os estudos ao comezo do curso académico 2005/2006 ou, de non ser posible, no momento de matriculación efectiva e, en todo caso, antes do 10 de novembro de 2005.

-Residir durante o curso académico na Comunidade Autónoma de Galicia, agás os beneficiarios acollidos a programas de intercambio que posúan as universidades do SUG.

-Remitir á Dirección Xeral de Emigración, ao finalizar o curso académico, e sempre antes do día 30 de outubro de 2006, unha certificación académica dos estudos realizados durante o desfrute da bolsa.

-Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar a entidade concedente e as de control financeiro que realice a Intervención Xeral da comunidade autónoma e os procedementos fiscalizadores do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 14º.-Incompatibilidades, seguimento, modificación da resolución de concesión e revogación.

Estas bolsas son incompatibles coa percepción de prestacións de desemprego de nivel contributivo ou

do subsidio por desemprego de nivel asistencial, coa realización dun traballo remunerado, co desfrute de calquera outro tipo de bolsas ou axudas, tanto de institucións públicas como privadas que teñan a mesma finalidade.

Estas bolsas son compatibles coas axudas Erasmus, Séneca-Sicue e con aquelas concedidas especificamente en aplicación de convenios de intercambio entre as universidades do SUG e outras do exterior.

A solicitude desta axuda supón o compromiso de aceptar que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Emigración fagan as comprobacións que consideren precisas para asegurar o cumprimento do contido e condicións do programa en caso de concesión.

Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a comunicarlle á Consellería de Emigración, no momento en que se produza calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a realización dos estudos, podendo esta consellería adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

Procederá a revogación das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000.

Disposición adicional

Única.-Delégase no director xeral de Emigración e no director xeral de Universidades a competencia para coñecer e resolver, conxuntamente, a concesión ou denegación das axudas presentadas ao abeiro desta orde.

De conformidade co establecido no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as resolucións administrativas que se adopten por delegación indicarán expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante. A delegación será revogable en calquera momento polo órgano que a conferise.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse o director xeral de Emigración da Consellería de Emigración e o director xeral de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para ditar as resolucións que sexan necesarias para o cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2005.

Celso Currás FernándezAurelio Miras Portugal

Conselleiro de EducaciónConselleiro de Emigración

e Ordenación Universitaria