DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 07 de marzo de 2005 Páx. 3.776

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 1 de marzo de 2005 pola que se convocan os premios da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural 2005.

O recoñecemento do esforzo que no eido agrario e alimentario están a realizar persoas e entidades nun labor diario, a miúdo pouco recoñecido, foi o que motivou á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural a crear os premios agrarios.

Este ano, coa cuarta convocatoria, quérese seguir a recoñecer o importante traballo que levan a cabo persoas e entidades en todos os eidos relacionados co mundo agrario galego valorando, nas sete categorías desta convocatoria, a traxectoria e o quefacer diario para a mellora do sector na nosa comunidade. Co obxectivo de que estes premios contribúan á divulgación, mellora e impulso do sector,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria.

Convocar os premios da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural 2005 «Premios Agrarios 2005» e aprobar as súas bases que se publican como anexo I a esta orde.

Artigo 2.º-Financiamento.

Os gastos que deriven serán sufragados con cargo á partida 09.04.615A.640.1 dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o 2005.

O importe global máximo para o ano 2005 é de 60.000 euros.

Artigo 3º.

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.

Contra esta convocatoria, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da súa publicación, sen prexuízo de que se poida interpoñer recurso potestativo de reposición ante este órgano, no prazo dun mes contado a partir do seguinte á súa publicación, cos efectos previstos nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.

Para os efectos establecidos nos artigos 42.2º e 43.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes será de 6 meses, contados desde a publicación desta convocatoria.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2005.

José Antonio Santiso Miramontes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

ANEXO I

Bases que rexen a convocatoria dos premios da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural 2005.

Primeira.-Finalidade.

Os premios da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural pretenden recoñecer e valorar iniciativas no eido da investigación, da información e divulgación agraria, actividades desenvolvidas polas mulleres e os mozos no mundo agrario, o esforzo do mundo asociativo e a procura da excelencia na calidade agroalimentaria.

Así mesmo, preténdese recoñecer a traxectoria profesional de persoas ou entidades na súa dedicación ao mundo agrario.

Segunda.-Modalidades.

Establécense as modalidades que se describen a continuación:

1. Labor informativo e/ou divulgador. Valorarase o traballo realizado neste senso sobre temas agrarios e alimentarios de Galicia difundido nos medios de comunicación escrita, radio, televisión e internet.

2. Traballo de investigación. Valoraranse os traballos de investigación ou experimentación sobre temas agrarios ou alimentarios de interese para Galicia.

3. Muller rural emprendedora. Este premio está dirixido a todas as mulleres que realicen actividades relacionadas co desenvolvemento rural en Galicia.

4. Iniciativa de agricultor novo. A convocatoria deste premio vai dirixida ás persoas físicas menores de 40 anos, residentes en Galicia e que haxa máis de 3 anos que se incorporasen á actividade agraria levando a cabo iniciativas de modernización na nosa agricultura.

5. Entidade asociativa agraria. Este premio vai dirixido ás entidades agrarias que actúen no territorio da Comunidade galega. Nesta modalidade o xurado valorará especialmente as iniciativas postas en marcha xunto coa traxectoria da entidade.

6. Calidade alimentaria. A convocatoria deste premio diríxese cara ás empresas agroalimentarias galegas que polo seu esforzo acadasen, no seu conxunto, uns altos niveis de calidade tanto nos temas de innovación, produción, sanidade, ambiente e outros.

7. Distinción honorífica. Este premio vai dirixido a persoas ou entidades que de xeito relevante dedicasen a súa actividade cara ao mundo agrario ou alimentario galego.

Terceira. Documentación que hai que presentar.

Todas as candidaturas irán xunto coa seguinte documentación:

-Solicitude asinada segundo o modelo (anexo II).

-Fotocopia do DNI do solicitante ou representante.

-Fotocopia do NIF da empresa.

-Memoria explicativa das actividades feitas.

-Documentación que acredite a identidade do solicitante: estatutos vixentes, composición do capital social.

-Documentación acreditativa das actividades realizadas que permitan valorar a candidatura, así como calquera outro material que considere oportuno.

-Declaración de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Cuarta.-Presentación.

1. Os concursantes nas modalidades 1, 2, 3, 4, 5 e 6 poderán presentarse a si mesmos ou ben ser propostos pola calquera órgano da Administración, colectivo, entidade xurídica, asociación, etc., achegando a documentación que se especifica na base anterior.

2. Os interesados que xa participasen nas anteriores convocatorias e non reclamasen a devolución dos traballos presentados e que desexen participar nesta convocatoria, só necesitan presentar unha nova solicitude e unha nova declaración (anexo III) admitíndose o resto da documentación presentada en anos anteriores.

Quinta.-Participación nas modalidades 1 e 2.

1. Ao premio ao labor informativo e/ou divulgador poderán optar os autores dos traballos publicados ou emitidos ata a data de remate do prazo de presentación de solicitudes en calquera medio de comunicación, así como os autores de obras de estudo editados nese prazo.

2. Poderán optar ao premio ao traballo de investigación os autores que presenten obras en calquera idioma oficial da Comunidade Autónoma galega e que fosen feitos ou presentados nos últimos 5 anos ata a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, debendo ir xunto cun certificado do director do estudo ou do investigador principal.

3. Os autores dirixirán dúas copias (fotocopias, vídeos, gravacións, ...) indicando a que premio opta. Se o traballo se publicou con pseudónimo ou sen asinar, haberá que presentar un certificado que acredite quen é o autor. No caso de traballos radiados ou televisados presentarase tamén un certificado do director da emisora en que conste a data de emisión e mais o autor.

Unha vez realizada a resolución destes premios, os orixinais non premiados quedarán á disposición dos seus autores, que poderán recollelos no prazo de dous meses desde a entrega de premios.

Sexta.-Participación na modalidade 7.

En relación coa participación na modalidade 7, distinción honorífica, será necesario que as candidaturas veñan propostas e avaladas por entidades, asociacións, órganos administrativos ou colectivos xunto cunha memoria, informe ou calquera outro documento que resulte explicativo das motivacións e méritos que se considere concorrentes na persoa ou entidade que se propón.

Os membros do xurado poderán presentar candidaturas nesta modalidade xunto coa correspondente memoria ou informe.

Sétima.-Fases.

1. Presentación de solicitudes.

As solicitudes presentaranse desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta orde ata o 31 de maio de 2005 na Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, situada no edificio administrativo San Caetano, 15771 Santiago de Compostela, ou por calquera dos procedementos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A participación nesta convocatoria supón a aceptación de todas as bases que se establecen nela.

2. Admisión.

Non poderán concorrer a esta convocatoria as persoas incursas nas circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

A adxudicación de premios a quen non reúna estes requisitos dará lugar a que se instrumente o seu reintegro e derivarán as responsabilidades que correspondan segundo os artigos 78 e 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. Xurado.

O xurado para a adxudicación destes premios será nomeado polo conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e constituirano persoas de recoñecido prestixio.

O xurado terá en conta para a valoración das candidaturas, ademais dos indicados na base primeira, os criterios de transcendencia, notoriedade, persistencia e exemplaridade.

O xurado poderá solicitar informes sobre calquera das candidaturas presentadas aos servizos da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural que tanto pola razón da materia ou pola súa situación puidese ter coñecemento sobre elas.

4. Instrución e resolución.

A instrución do procedemento será realizada pola Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria nos termos previstos no artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

O xurado, establecido no punto anterior, fará o exame e valoración das solicitudes e formulará a proposta de resolución.

Antes de ditar a proposta de resolución, os interesados deberán acreditar que se atopan ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da seguridade social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

A decisión do xurado será inapelable e o premio ou premios que considere oportunos poderán ser declarados desertos, ou tamén poderá declarar premios compartidos. A devandita decisión elevarase ao conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural quen ditará a resolución motivada de adxudicación dos premios.

A resolución seralles notificada aos premiados e publicada nos taboleiros de anuncios da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

A resolución que pon fin á vía administrativa poderase recorrer potestativamente, en reposición, nos prazos establecidos no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ser impugnada directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa. En ningún caso se poderán simultanear ambas vías de impugnación.

5. Entrega.

A resolución e a entrega dos premios farase nun acto público, en lugar e data que se dará a coñecer no seu momento.

Oitava.-Dotación dos premios.

Para cada unha das categorías concedérase un premio de 3.000 euros, do que se deducirá, de ser o caso, a retención que legalmente corresponda, ademais dun trofeo orixinal e dun diploma acreditativo.

Novena.-Publicidade das actuacións.

Os premiados só poderán facer mención do premio nas súas accións de promoción e publicidade, indicando a modalidade, o ano de concesión e o órgano convocante.

En todo caso, estas accións de promoción e publicidade axustaranse á normativa vixente na materia.

Décima.

A Xunta de Galicia poderá utilizar os traballos dos premiados para levar a cabo labores de difusión entre os demais axentes do sector. Este labor pode incluír a elaboración de publicacións con indicación da documentación presentada.