DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 07 de marzo de 2005 Páx. 3.767

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 28 de febreiro de 2005 pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria para o ano 2005 de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a pequenos comerciantes individuais autónomos que abandonen a actividade comercial en desenvolvemento do Plan de mellora da competitividade para o comercio galego.

Unha das debilidades do sector do comercio polo miúdo de Galicia é sen dúbida a elevada idade media dos titulares de establecementos comerciais tradicionais, así como as dificultades que existen para o relevo xeracional, unido a unha crecente perda

da capacidade competitiva de determinadas formas comerciais tradicionais.

Establécese a necesidade de acadar un axeitado nivel de equipamento comercial coa finalidade de acomodar as estruturas comerciais ás exixencias sociais, finalidade que se conseguiría cun incremento do mercado inmobiliario, favorecendo o cesamento da actividade comercial naqueles comercios sen viabilidade empresarial que asuman o compromiso de arrendar, traspasar, ceder ou vender o establecemento comercial, favorecendo a introdución de innovacións na oferta comercial.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, ten como obxectivo prioritario o establecemento das estratexias axeitadas para abordar esta problemática e, en consecuencia, o Plan de mellora da competitividade para o comercio galego, prevé entre as súas medidas a consecución do rexuvenecemento do tecido empresarial mediante a aparición de novos comerciantes e actividades comerciais, así como o incremento no mercado inmobiliario da dispoñibilidade dos locais comerciais, situados moitos deles en centros urbanos, núcleos históricos e lugares estratéxicos desde o punto de vista económico e social para a vida das cidades galegas. Para iso, o Plan de mellora da competitividade para o comercio galego recolle a conveniencia de establecer unhas liñas de actuación mediante as cales se aproben axudas e incentivos orientados á consecución destes obxectivos, de acordo co establecido no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas

e subvencións da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para a concesión de axudas para o ano 2005, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a fomentar o relevo xeracional dos empresarios individuais próximos a acadar a idade de xubilación na actividade comercial e o rexuvenecemento do tecido empresarial coa dispoñibilidade no mercado de novos locais comerciais.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas que se establecen nesta orde os comerciantes polo miúdo que teñan capacidade legal para exercer o comercio e se dediquen a el de xeito habitual, de acordo coa definición establecida no artigo 1 do Código de comercio, dedicándose a algunha das actividades que teñan como obxecto exclusivo ou principal a realización de actos de comercio, e que estean incluí

dos dentro das agrupacións 64 (comercio retallista de produtos alimenticios, bebidas e tabaco realizado en establecementos permanentes), 65 (comercio retallista de produtos industriais non alimenticios realizado en establecementos permanentes) e na epígrafe 662.2 (comercio retallista de toda clase de artigos incluíndo alimentación e bebidas), nun ou varios establecementos comerciais, que cese definitivamente en toda actividade do comercio polo miúdo.

Quedan excluídas as solicitudes presentadas polos comerciantes polo miúdo que desenvolvan actividades incluídas nalgunhas das seguintes epígrafes do imposto de actividades económicas:

646. Comercio polo miúdo de labores de tabaco e artigos de fumador.

652.1. Farmacias.

654.1. Comercio polo miúdo de vehículos terrestres.

654.3. Comercio polo miúdo de vehículos aéreos.

654.4. Comercio polo miúdo de vehículos fluviais e marítimos de vela, motor ou deportivos.

655. Comercio polo miúdo de combustibles, carburantes e lubricantes.

2. No caso de que a empresa estea dada de alta en dúas ou máis epígrafes do IAE, será considerada beneficiaria sempre que a actividade principal estea incluída dentro das agrupacións citadas. Considerarase actividade principal aquela que resulte de conxugar os elementos de facturación e superficie de venda destinada á actividade, que deberá acreditarse de ser o caso.

3. Con carácter accesorio, tamén poderá ser beneficiario das axudas o cónxuxe do empresario que cesa na actividade comercial, colaborador deste no seu establecemento comercial e autónomo, que reúna os mesmos requisitos có titular do comercio, no momento da solicitude da axuda polo devandito titular.

Artigo 3º.-Requisitos dos beneficiarios.

1. Requisitos do titular.

a) Posuír a condición de comerciante segundo a lexislación mercantil.

b) Exercer, como titular do comercio, unha ou varias das actividades comerciais, de forma ininterrompida durante os últimos dez anos.

Non obstante, considerarase cumprido este requisito polo comerciante que sucedese ou substituíse no exercicio da actividade comercial que viña desenvolvendo o seu cónxuxe, tras o falecemento deste ou tras o abandono deste de toda actividade comercial, antes da entrada en vigor desta orde, sempre que entre ambos os dous sumen os dez anos exixidos.

c) Estar en posesión dos correspondentes permisos e licenzas municipais expedidos polos concellos respectivos e, de ser o caso, das autorizacións da Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

d) Ter entre sesenta e sesenta e catro anos de idade no momento da solicitude. Non se outorgará ningunha axuda a quen durante o ano 2005 cumpra os sesenta e cinco anos.

e) Estar dado de alta no réxime de traballadores autónomos da Seguridade Social nos dez últimos anos de forma ininterrompida, agás no suposto previsto no parágrafo segundo do punto b) do artigo 3º, e ter cotizado á Seguridade Social un período previo tal que lle permita completar o período de carencia exixido para causar dereito á pensión de xubilación, polo menos ao chegar aos sesenta e cinco anos de idade.

f) Comprometerse a abandonar o exercicio profesional da actividade comercial polo miúdo no seu nome, como autónomo, así como a ceder todos os establecementos comerciais ou os locais de negocio nos que viña desenvolvendo a actividade, coa obriga de devolver as axudas obtidas e os correspondentes xuros de demora desde ao seu pagamento, no caso de reiniciar calquera actividade comercial.

g) Entenderase que se cumpre o requisito de cesión coa presentación dos correspondentes contratos ou escrituras de doazón, venda, arrendamento, traspaso ou rescisión, nos que figurará o compromiso do cesionario de abrir o local no prazo máximo de seis meses, e que vai desenvolver unha actividade comercial polo miúdo, ou para o exercicio dunha actividade económica ou profesional que complemente a oferta existente na zona onde se asente, logo do informe positivo da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, ou no seu defecto, certificado acreditativo, expedido por un axente da propiedade inmobiliaria (API), da posta á disposición para o mercado inmobiliario do devandito local para dedicarse exclusivamente a unha actividade de carácter comercial non excluída polo artigo 2º desta orde, ao valor de mercado e de lle dar publicidade, polo prazo máximo dun ano; antes de finalizado este prazo deberá presentar contrato de cesión, arrendamento, traspaso ou venda, xa que, de non facelo, deixará de

percibir a subvención.

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderalles solicitar aos axentes da propiedade inmobiliaria (API) correspondentes toda a información que considere necesaria sobre o cumprimento do disposto na letra g).

A cesión do establecemento comercial ou do local no que se viña exercendo a actividade será como mínimo de tres anos ou, en todo caso, polo tempo igual ao que falte para que o beneficiario cedente cumpra os sesenta e cinco anos de idade.

h) Que o resto de rendementos netos regulares da unidade familiar, sen os ingresos da actividade empresarial na que cesa, non supere os 12.000 euros no último exercicio.

i) Comprometerse a abandonar a actividade comercial polo miúdo e á cesión do local, de ser o caso, como autónomo, coa obriga de devolver as axudas obtidas e os correspondentes xuros de demora desde o seu pagamento no caso de reiniciar calquera actividade empresarial. No caso en que o solicitante non sexa propietario do local onde exerce a actividade comercial, deberá ter a autorización do propietario para poñer o local á disposición do mercado.

2. Requisitos do cónxuxe. Deberá cumprir os mesmos requisitos có titular no momento do cesamento.

En ningún caso o cónxuxe colaborador que reúna os requisitos para solicitar a axuda poderá seguir exercendo a actividade comercial xunto ao novo titular dela.

3. Os solicitantes non poderán estar incursos en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 4º.-Requisitos dos cesionarios.

Os cesionarios do establecemento comercial ou local de negocio deberán cumprir os requisitos seguintes:

a) Ser persoa física que non teña cumprido os 45 anos, nin os cumpra no ano no que se presenta a solicitude, con capacidade legal para exercer o comercio.

En ningún caso pode un cónxuxe ser cesionario do outro cónxuxe que cesa na actividade comercial.

b) Ser persoa xurídica. Neste caso os administradores ou xerentes deberán cumprir o requisito da idade establecido no punto anterior. Así mesmo non poderán ser titulares das súas accións ou participacións nin o empresario que cesa, beneficiario da axuda, nin o seu cónxuxe, nunha porcentaxe superior ao dez por cento, un só ou conxuntamente, nin tampouco das accións ou participacións, na mesma porcentaxe, das sociedades titulares de máis do vinte por cento do capital daquela.

Artigo 5º.-Contía e ámbito.

1. As subvencións que se establezan para as actuacións obxecto desta orde serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.04.521V 770.2. Plan de cesamento anticipado da actividade comercial, cunha consignación orzamentaria para o ano 2005 de 760.000 euros e as plurianualidades que se xeren, logo de autorización do Consello da Xunta de Galicia, e subordinadas aos créditos que para cada exercicio se consignen nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 58 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

A contía establecida no punto anterior poderá ser incrementada en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

2. Os cedentes percibirán, ata acadar a xubilación definitiva e como máximo ata ao día en que cumpran os sesenta e cinco anos de idade:

a) Un pagamento anual, con independencia do número de establecementos comerciais que se posúan e a variedade de actividades comerciais que se viñeran desenvolvendo, con importe incluíndo as cotas correspondentes á Seguridade Social do beneficiario que se fixa na cantidade de dez mil (10.000) euros ata cumprir os sesenta e cinco anos como máximo, rateándose a correspondente ao último ano por meses completos, en función daquel no que se acade aquela idade.

O primeiro ano percibirase o devandito pagamento na súa totalidade, sen rateo, en concepto de indemnización.

b) O cónxuxe do cedente que cumpra os requisitos establecidos no artigo 3º.2 terá dereito a percibir un 50% do importe fixado para o titular. No caso de se producir a xubilación do cedente, o seu cónxuxe conservará ao dereito á axuda que viñese percibindo e durante o período de tempo que lle falte para causar dereito á súa prestación por xubilación.

Artigo 6º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán axustarse ao modelo que se publica como anexo I desta orde e dirixirse ao conselleiro de Innovación, Industria e Comercio e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Innovación, Industria e Comercio ou a través de calquera das formas sinaladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que subscribiron convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración autónoma de Galicia.

2. A solicitude presentarase acompañada da documentación enumerada no anexo II desta orde e ademais poderanlle xuntar cantos outros documentos consideren que poden servir para xustificala.

3. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 29 de abril de 2005.

Artigo 7º.-Criterios de selección.

Tendo en conta o carácter de concorrencia competitiva desta convocatoria, no caso de que o importe das axudas correspondentes ás solicitudes recibidas supere a dotación orzamentaria dispoñible, as resolucións estimatorias ditaranse de acordo coa seguinte orde de prelación decrecente:

1. A maior idade dos comerciantes, titulares do establecemento que soliciten a axuda.

2. O menor número de traballadores afectados polo cesamento da actividade comercial.

3. Valorarase positivamente a actividade económica ou profesional que se desenvolverá no local, tras a súa cesión, que complemente a oferta comercial existente, no caso en que se indique na solicitude.

4. Valorarase positivamente a menor idade do posible cesionario no caso de que o solicitante o faga constar na súa solicitude, acompañe o DNI e resulte beneficiario da axuda.

Artigo 8º.-Instrución e resolución.

1. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución dos procedementos que se tramiten ao abeiro do disposto nesta orde.

2. Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude de subvención non reúne os requisitos exixidos nesta orde, o solicitante será requirido para que nun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte á recepción do devandito requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, terase por desistido da súa petición, tras a resolución que deberá ser ditada nos termos do artigo 42 da citada lei.

3. Os órganos administrativos encargados do procedemento poderán reclamar dos solicitantes a documentación adicional que consideren oportuna.

4. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, o órgano instrutor deberá emitir, como paso previo á valoración un informe relativo ao cumprimento dos requisitos que para os solicitantes se establecen no artigo 3º desta orde.

Unha vez informadas as solicitudes polo órgano instrutor, procederá a avaliación das solicitudes atendendo aos criterios de selección sinalados no artigo 7º, por unha comisión de valoración, constituída para o efecto, que estará integrada por un xefe de servizo, un xefe de sección e un técnico da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

5. O conselleiro de Innovación, Industria e Comercio ditará a resolución de concesión ou denegación da axuda ou subvención solicitada.

O beneficiario da axuda deberá aceptala no prazo de 15 días naturais contados a partir do seguinte ao da súa notificación, sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, e para os sós efectos da optimización dos créditos dispoñibles. No caso contrario, entenderase que renuncia á axuda ou subvención concedida e procederase de conformidade co establecido no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A aceptación da axuda formalizarase mediante documento asinado polo beneficiario no que se compromete a cumprir todas as condicións establecidas

nesta orde de convocatoria de axudas ou subvencións e, se é o caso, na resolución de concesión desta.

6. As resolucións de concesión ou denegación das axudas ou subvencións serán motivadas, de acordo cos criterios de selección das normas reguladoras, notificareselles aos interesados e poñerán fin á vía administrativa.

As resolucións estimatorias das solicitudes de concesión de axudas ou subvencións expresarán, polo menos, o obxecto, o nome e a contía da axuda e, no caso de que teña carácter plurianual, as cantidades outorgadas con cargo aos orzamentos de exercicios posteriores.

7. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses. O prazo computarase a partir da publicación da presente orde.

O vencemento do prazo máximo sen terse notificado a resolución, lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de axuda ou subvención.

Artigo 9º.-Xustificación da axuda ou subvención.

1. Concedida a axuda e previamente ao seu cobramento, o beneficiario deberá acreditar o abandono da actividade comercial e achegar a documentación que se relaciona no anexo III desta orde antes do 31 de outubro de 2005, salvo que na resolución do outorgamento se sinale un prazo maior.

A falta de presentación da devandita documentación no prazo indicado implicará a anulación da axuda ou subvención concedida.

2. Entre o día un e o trinta de xaneiro de cada ano posterior ao da concesión da axuda, e ata o remate desta, o beneficiario deberá presentar a documentación que se indica no anexo IV desta orde.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10º.-Certificación e pagamento.

1. Unha vez acreditado o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 9º.1, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo expediralles aos beneficiarios, unha certificación na que constará o importe das axudas e os períodos aos que corresponde a súa percepción.

2. O importe anual das axudas aboarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira o número de conta desinado polo beneficiario, para ao que se lle unirá á documentación de xustificación, certificación expedida pola entidade bancaria onde conste código do banco, código de sucursal, díxito de control e código de conta corrente, onde se debe realizar o aboamento.

3. Sen prexuízo do sinalado no parágrafo anterior, poderán efectuarse pagamentos parciais das subvencións concedidas ou autorizar anticipos con suxeición ao establecido nos artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 11º.-Réxime de recursos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta orde de convocatoria esgotarán a vía administrativa, e contra elas poderase interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición perante o órgano que as ditou, ou debeu ditalas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza ao acto presunto, segundo sexa ao caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza ao acto presunto.

E todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro que consideren procedente.

Artigo 12º.-Situación do beneficiario respecto da Seguridade Social.

1. Durante o período de percepción das axudas reguladas na presente orde, os beneficiarios quedarán coa obriga de cotizar no correspondente réxime da Seguridade Social, no caso de que deba seguir cotizando para cubrir o período mínimo de cotización de quince anos, debendo ser os propios beneficiarios os que fagan o pagamento das devanditas cotas de cotización á Seguridade Social, e a subscrición de ser o caso do correspondente convenio, ou documentación acreditativa de causar baixa no réxime de autónomos, se non se subscribe.

2. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar dos beneficiarios o cumprimento do indicado nos preceptos anteriores, así como realizar cantas xestións sexan precisas para a súa comprobación.

3. Os solicitantes ou beneficiarios deberán comunicar, coa maior brevidade, toda variación, no referente á súa situación respecto á Seguridade Social, que se produza, e en todo caso nun prazo non superior aos dez días seguintes á recepción da documentación acreditativa de tales circunstancias. Así mesmo, no caso de falecemento dalgún solicitante ou beneficiario, este feito deberá ser comunicado polos seus herdeiros inmediatamente, xuntando a correspondente certificación de defunción.

Artigo 13º.-Réxime de incompatibilidades.

1. A percepción das axudas reguladas nesta orde será incompatible coa percepción por parte do beneficiario da pensión de xubilación, en calquera réxime da Seguridade Social ou sistema de previsión que se financie en todo ou en parte con recursos públicos, ou de invalidez permanente no réxime especial de traballadores autónomos, e dedúcense do importe das axudas ás prestacións derivadas das situacións de maternidade e IT (incapacidade temporal), ou invalidez permanente en réximes compatibles, ou outras prestacións de carácter periódico da Seguridade Social. Esta dedución non afectará respecto das prestacións periódicas da Seguridade Social por fillo a cargo.

O beneficiario deberalle comunicar á Dirección Xeral de Comercio e Consumo calquera destas situacións nun prazo non superior aos dez días seguintes á recepción da documentación acreditativa de tales circunstancias.

2. Tamén é incompatible esta axuda con calquera outra axuda concedida por outra Administración pública, os seus organismos ou sociedades ou entes públicos, nacionais ou internacionais co mesmo obxectivo.

Artigo 14º.-Reintegro das axudas ou subvencións.

1. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora desde o momento do pagamento da axuda, ademais da perda da subvención para os exercicios que resten de vixencia dela, nos casos nos que o beneficiario a obteña sen reunir as condicións requiridas para iso ou incumpra a finalidade para a que foi concedida ou as condicións impostas con motivo da concesión.

2. Con independencia do establecido no punto 1, o incumprimento dos requisitos ou das condicións impostas con motivo da concesión polo beneficiario dará lugar tamén á revogación ou modificación da axuda accesoria concedida ao seu cónxuxe.

3. Todo isto con suxeición ao procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As cantidades que teñan que reintegrar os beneficiarios máis os xuros de demora terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 15º.-Fiscalización e control.

A concesión das axudas ou subvencións reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da

Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece ao capítulo V do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, as actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e no Consello de Contas, así como, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 16º.-Réxime sancionador.

As infraccións administrativas cometidas en relación coas axudas e subvencións reguladas na presente orde sancionaranse de conformidade co disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado parcialmente pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, e no capítulo VII do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 17º.-Publicidade.

Unha vez ultimada a concesión das axudas ou subvencións publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das concedidas con indicación do beneficiario, contía e finalidade da axuda ou subvención.

Artigo 18º.-Réxime xurídico.

En todo o non previsto nesta orde aplicarase o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada parcialmente pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado parcialmente pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para cada exercicio, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Disposición adicional

A execución, durante o ano 2005, dos compromisos de gasto, dará lugar á formalización dos correspondentes gastos plurianuais ao abeiro do disposto no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado mediante Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Comercio e Consumo para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2005.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL