DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 07 de marzo de 2005 Páx. 3.762

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 28 de febreiro de 2005, conxunta da Consellería de Innovación, Industria e Comercio e da Consellería de Sanidade, pola que se convocan as axudas para a realización de proxectos de investigación en establecementos sanitarios públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

A xestión do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica correspondelle á Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Consellería de Innovación, Industria e Comercio. Pola súa parte, a Consellería de Sanidade, a través do Servizo Galego de Saúde, ten encomendado, entre as súas funcions, o fomento e desenvolvemento de estudos e investigacions científicas na área da saúde.

Así mesmo, no artigo 154 da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, queda establecido que se fomentarán as actividades de investigación no sistema sanitario, como elemento fundamental para o seu progreso.

Con esta finalidade de cara á futura incorporación ao Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica dun programa de investigación en ciencias da saúde, a Consellería de Innovación, Industria e Comercio, a través da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Consellería de Sanidade, a través da División de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, deciden realizar unha convocatoria conxunta de axudas para a execución de proxectos de investigación.

Neste sentido, o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, prevé a concesión de axudas e subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Estas axudas concederanse ao abeiro do disposto nos artigos 78 e 79 desta norma.

O réxime e xestión destas subvencións rexeranse polos principios xerais establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; así como polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo isto, e de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a convocatoria de axudas para a realización de traballos de investigación en

Galicia, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.

Estes traballos, realizaranse nos centros, servizos e establecementos sanitarios públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Requisitos xerais.

1. Poderán acollerse aos beneficios desta convocatoria os grupos ou equipos de investigación con acreditada capacidade investigadora que pertenzan aos centros, servizos e establecementos sanitarios públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Só poderán aparecer como investigadores principais os profesionais do sector sanitario público que teñan un posto de traballo dependente da Consellería de Sanidade ou do Servizo Galego de Saúde. Todos os compoñentes do grupo terán unha vinculación laboral de duración igual ou superior á duración do proxecto coa Consellería de Sanidade, co Sergas ou con calquera das institucións participantes.

3. Os proxectos aos que se refire esta orde poderanse ter iniciados na data do 1 de xaneiro de 2005 e estenderase a súa execución ata o 30 de setembro.

4. As axudas serán compatibles con outras axudas concedidas para o mesmo fin. Non obstante, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, supere o custo da actividade subvencionada.

5. O material inventariable e bibliográfico adquirido con cargo á axuda concedida serán propiedade do centro no que se execute o proxecto.

6. Nos proxectos de investigación deberán respectarse os principios éticos fundamentais e cumprir a normativa legal correspondente. Para os proxectos que impliquen investigación en seres humanos ou utilización de mostras biolóxicas de orixe humana, deberá solicitarse e presentar a preceptiva autorización emitida polo Comité Ético de Investigación Clínica de Galicia.

Artigo 3º.-Solicitudes e documentación.

1. Os formularios da solicitude de axudas adaptaranse ao formato normalizado que figura no anexo I. Estes formularios poderán obterse e cubrirse a través da aplicación informática establecida no enderezo da internet http://www.dxid.org/san, http://www.xunta.es/conselle/in/index.htm, ou http://www.xunta.es/conselle/san/index.htm.

Para a súa correcta formalización seguiranse as instrucións indicadas no citado enderezo da internet.

Os formularios estarán dispoñibles ata a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, o solicitante poderá dirixirse á Dirección Xeral de Investigación e Desen

volvemento, a través do teléfono 981 54 15 88, do número de fax 981 54 10 39, ou do enderezo electrónico dxid.informatica*xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para solucionalas ou facilitar a presentación por escrito de solicitudes.

2. Os solicitantes deberán dispor da seguinte documentación para a súa presentación tal e como se establece no artigo 4º:

a) Formularios normalizados de solicitude -obtidos a través da aplicación informática sinalada no artigo anterior, que unha vez cubertos asinaranse sen engadir ningún outro dato nin realizar emendas ou riscaduras no seu formato orixinal.

Na memoria económica, no concepto de gastos de persoal, non se admitirán como beneficiarios aos profesionais que teñan un posto de traballo dependente da Consellería de Sanidade ou do Sergas.

As cantidades dedicadas a material, a gastos de desprazamento e a outros gastos deben xustificarse adecuadamente na memoria do proxecto.

b) Curriculum do investigador principal e, de ser o caso, dos restantes membros do equipo, segundo o modelo normalizado da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento, modelo que se pode obter na propia aplicación ou na páxina web http://www.dxid.org.

c) Declaración xurada do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou actividade.

d) Certificación da dirección ou xerencia do centro de traballo, no que se acredite o posto que ocupa o solicitante, e na que se cite expresamente o coñecemento e a aprobación do proxecto, así como o compromiso de facilitar, por parte do centro, a infraestrutura necesaria para a súa realización (segundo o modelo normalizado obtido da aplicación).

e) Informe de autorización emitido polo Comité Ético de Investigación Clínica de Galicia nos proxectos que impliquen investigación en humanos ou utilización de mostras biolóxicas de orixe humana.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes.

O prazo de presentación será de 40 días naturais que se contarán desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación de solicitudes poderá facerse, por vía telemática ou por escrito, do seguinte xeito:

1. Por escrito:

O interesado presentará a documentación sinalada no artigo anterior, dirixida á Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou á División de Asistencia Sanitaria do Sergas, en calquera dos rexistros xerais da Consellería de Sanidade ou do Sergas, da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, ou en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro,

de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Por medios telemáticos:

A vía telemática establécese como un mecanismo de presentación nun trámite único sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) A solicitude será asinada polo investigador principal do proxecto, que deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 (Clase 2 CA) expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre - Real Casa da Moeda.

b) Xunto cos formularios de solicitude, deberá anexar necesariamente os documentos que se detallan no artigo 3º, número 2, subalíneas do b) ao d) e, de ser o caso, o e). Para iso a aplicación de presentación permitirá anexar á solicitude arquivos informáticos cunha limitación máxima de 3 megabytes, sempre que se presenten nos seguintes formatos: .pdf, .rtf, .doc, .jpg, .gif. No caso de que a solicitude sexa estimada, o peticionario deberá presentar os orixinais destes documentos no momento de aceptación da axuda.

Unha vez asinados co certificado dixital do solicitante todos os documentos que compoñen a petición, procederase á transferencia telemática da documentación ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 200/2003, do 20 de marzo. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no rexistro de entrada.

No momento da presentación, o rexistro expedirá un recibo no que quedará constancia desta, de acordo ao citado Decreto 200/2003.

Cando se utilice a vía telemática para a formalización da solicitude, tamén se poderá empregar esta vía para a recepción de notificacións e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda, agás aqueles referentes á aceptación desta e os orixinais que o órgano xestor lle requira.

Para recibir as notificacións por vía telemática será preceptivo que o solicitante indique na petición a preferencia pola utilización desta vía. Para acceder ás notificacións o solicitante deberá entrar na web institucional da Xunta de Galicia, nos enderezos indicados no artigo 3º. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a aceptación de entrega das notificacións (xustificante de recepción telemática).

Artigo 5º.-Tramitación.

A instrución do procedemento de concesión destas axudas corresponde á Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Calquera que sexa a vía de presentación, se a documentación achegada estivese incompleta requiriráselle ao solicitante para que no prazo de 10 días, complete ou emende as deficiencias observadas, coa indicación de que, se así non o fai, teráselle por desistido da súa petición, procedéndose conforme

o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Aqueles investigadores que non cumpran os requisitos establecidos nestas bases serán excluídos e, no caso de que o grupo de investigación resultante non cumpra os requisitos mínimos exixidos, a solicitude será desestimada.

A ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada con independencia de que poida acordarse outro tipo de actuacións.

Artigo 6º.-Criterios de valoración na puntuación total.

Cada un dos criterios valóranse e puntúanse segundo se especifica a continuación:

1. Calidade científica e metodoloxía do proxecto, valorada a través dos antecedentes e obxectivos, deseño e metodoloxía da proposta. Ponderación: 0,3.

2. Viabilidade da proposta:

a) Experiencia e capacidade do equipo na liña de investigación que se vai desenvolver. Ponderación: 0,1.

b) Plan de traballo. Ponderación: 0,1.

c) Adecuación e xustificación do orzamento. Ponderación: 0,05.

d) Aspectos éticos do proxecto. Ponderación: 0,05.

3. Utilidade e aplicabilidade dos resultados. Ponderación: 0,2.

Serán máis valorados os que se refiran a necesidades específicas da Comunidade Autónoma de Galicia e ás prioridades recollidas no Plan de Saúde de Galicia.

En calquera caso, os temas de investigación deberán responder ás prioridades establecidas no Plan Nacional de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, no Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica e no VI Programa Marco.

4. Plan de difusión e divulgación dos resultados do proxecto actual: publicacións, participación en congresos, organización de cursos, talleres e seminarios. Ponderación: 0,05.

5. Consecución dos obxectivos en proxectos financiados en convocatorias anteriores. Ponderación: 0,05.

6. Interdisciplinariedade na composición do grupo, participación de distintos niveis asistenciais e/ou colaboración entre distintos organismos e institucións. Ponderación: 0,1.

Artigo 7º.-Avaliación e selección.

1. Todas as solicitudes admitidas serán obxecto de avaliación por expertos externos que emitirán informe previo á proposta de resolución.

2. A selección das solicitudes será realizada por unha comisión de valoración que estará formada por cinco persoas. Tres serán designadas polo Sergas, unha actúa como presidente e outra como secretario e as outras dúas serán designadas pola Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

A comisión, tras comprobar que a documentación se adecúa aos requisitos e criterios da convocatoria e unha vez considerados os informes emitidos polos expertos externos, ditará proposta de resolución elevándoa aos órganos competentes.

Artigo 8º.-Resolución.

1. A adxudicación das solicitudes efectuarase mediante resolución conxunta dos conselleiros de Innovación, Industria e Comercio e de Sanidade, de acordo co disposto no artigo 72 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia así como co establecido no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de seis meses, contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

3. A resolución notificarase aos interesados e será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia. A dita resolución conterá a relación de solicitudes aos que se lles concede a subvención, e fará constar de maneira expresa a desestimación do resto das solicitudes.

Artigo 9º.-Recursos.

1. A resolución pola que se conceden as axudas porá fin á vía administrativa e contra ela poderán, os interesados, interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio ou ante o conselleiro de Sanidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial Galicia ou no prazo de tres meses desde que se entendan desestimadas as solicitudes por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Así mesmo, esta resolución poderá ser impugnada directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que se contarán a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ou de seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, en virtude do artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 10º.-Aceptación da axuda.

Cada beneficiario deberá aceptar expresamente a axuda e as súas condicións, a través dun escrito dirixido á División de Asistencia Sanitaria do Sergas (edificio administrativo de San Lázaro, s/n. 15703 Santiago de Compostela) ou á Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento (Rúa dos Feáns, nº 7. Local C. 15706 Santiago de Compostela), no prazo máximo de 10 días naturais que se contarán a partir do seguinte ao da publicación da resolución das axudas no Diario Oficial de Galicia.

Conxuntamente con este escrito de aceptación o beneficiario presentará orixinais dos documentos descritos no artigo 3º, número 2, subapartados do b) ao d) e, de ser o caso, o e).

Transcorrido ese prazo sen efectuar a aceptación, entenderase que o beneficiario renuncia á axuda.

Artigo 11º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º.-Xustificación dos fondos recibidos.

1. Antes do 30 de setembro de 2005, os beneficiarios deberán remitir á División de Asistencia Sanitaria ou á Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento unha memoria do traballo desenvolvido.

2. Así mesmo, nun prazo máximo de tres meses, enviarase unha memoria final da investigación desenvolvida, na que se indicarán as seguintes epígrafes: introdución, xustificación e obxectivos, material e métodos, resultados obtidos, discusión, posibilidades de divulgación/difusión e conclusións.

Artículo 13º.-Finalización dos traballos.

1. Os traballos e mais os resultados obtidos serán propiedade dos seus autores, pero no momento de publicalos deberán facer referencia explícita da axuda recibida da Xunta de Galicia. Enviarase un exemplar das publicacións correspondentes, no caso de habelas, á División de Asistencia Sanitaria do Sergas.

2. A Xunta de Galicia reconóceselle un dereito prioritario de empregar os resultados destes traballos para a realización dos seus propios estudos e planificacións, respectando a normativa vixente en materia de propiedade intelectual e industrial.

Artigo 14º.-Orzamento.

1. O orzamento previsto é de cento cincuenta mil euros (150.000 A) achegados pola Consellería de Innovación, Industria e Comercio, con cargo ás aplicacións orzamentarias da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento 08.05.432A.710.0 e 08.05.432A.780.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, de acordo coa seguinte distribución:

Partidas orzamentarias 08.05.432A.710.0 08.05.432A.780.0

Ano 2005 144.000 euros 6.000 euros

No entanto, os fondos dedicados a esta convocatoria poderán ampliarse a través de achegas da Consellería de Sanidade logo de sinatura de acordo de cooperación coa Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

2. O importe máximo de cada axuda non superará os doce mil euros (12.000 A).

Artigo 15º.-Prazo e forma do pagamento.

1. O pagamento das axudas efectuarase despois de que o organismo correspondente expida, con data límite do 30 de setembro, certificación xustificativa da realización do gasto referente a subvención outorgada. Así mesmo, previamente ao pagamento, deberá presentarse declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. As axudas aboaranse mediante transferencia ao organismo ao que pertenza o investigador principal do proxecto.

Artigo 16º.-Control.

Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Innovación, Industria e Comercio e a Consellería de Sanidade, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas, así como á obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida por estes últimos.

Artigo 17º.-Interpretación e reintegro.

1. O director xeral da División de Asistencia Sanitaria do Sergas e o director xeral de Investigación e Desenvolvemento resolverán todas as incidencias que poidan xurdir na aplicación desta convocatoria.

2. O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e as bases desta convocatoria dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas, de conformidade co disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e seguindo o procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, pola que se regula o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2005.

José Manuel González ÁlvarezJuan Rodríguez Yuste

Conselleiro de SanidadeConselleiro de Innovación

Industria e Comercio