DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 03 de marzo de 2005 Páx. 3.531

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 22 de febreiro de 2005 pola que se regula a concesión de axudas económicas a entidades locais de carácter supramunicipal destinadas a subvencionar os investimentos necesarios para a prestación dos servizos e actividades obxecto da súa competencia.

Os municipios galegos para a execución de servizos en común, de acordo co que dispón a normativa de réxime local, teñen a posibilidade de constituírse ou integrarse en entidades locais de carácter supramunicipal previstas nesta mesma normativa.

Así, en cumprimento do establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, a Xunta de Galicia vén colaborando coas entidades locais galegas, para fomentar a constitución de entidades locais de carácter supramunicipal, co fin de favorecer o asociacionismo municipal, no senso de favorecer mecanismos de xestión dos intereses locais que permitan facer fronte ás novas exixencias de servizos públicos, con organizacións fortes e dotadas de medios suficientes, demandadas polos veciños.

Igualmente, e dentro da concepción do pacto local como un acordo integral dirixido a resolver o conxunto dos problemas que ten formulada a Administración local galega, ocupa un lugar importante o acometemento das necesarias reformas infraestruturais para posibilitar a existencia de entidades locais coa

capacidade de xestión suficiente para acometer servizos cada vez máis necesarios e demandados.

Para isto, a potenciación do asociacionismo municipal constitúe un eixo básico, que motiva a instauración dunha nova liña de axudas dirixidas a estimular a prestación de servizos desde o ámbito supramunicipal.

Finalmente, o Decreto 226/2003, do 11 de abril, modificado polo Decreto 280/2003, do 17 de xuño e polo Decreto 16/2004, do 15 de xaneiro, establece a estrutura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, encomendándolle á Dirección Xeral de Administración Local as relacións coas corporacións locais.

Neste senso á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, de conformidade co establecido no artigo 11 do citado decreto compételle, entre outras materias, o relativo ás relacións coas corporacións locais, relacións que, ao abeiro dos artigos 194 e 195 da Lei 5/1997, do 22 de xullo de Administración local de Galicia, poderán ser de colaboración e cooperación económica e revestir as formas de subscrición de convenios e concesión de subvencións.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

Establécense subvencións en réxime de concorrencia competitiva a favor das entidades locais de Galicia de carácter supramunicipal previstas na Lei de Administración local de Galicia (mancomunidades de municipios, consorcios locais e áreas metropolitanas), en adiante entidades locais, dirixidas a financiar os gastos de investimento que estas teñan que levar a cabo para realizar a prestación de servizos.

Poderán ser gastos subvencionables os seguintes gastos:

a) Adquisicións de bens destinados á prestación dos servizos.

b) Execución das infraestruturas necesarias para a prestación dos servizos que leven a cabo estas entidades locais.

c) Adquisición do equipamento mobiliario e de oficina necesario para a xestión administrativa da entidade local.

Artigo 2º.-Crédito.

Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.760.2, programa 123.A, ata unha contía máxima de cincocentos dezanove mil catrocentos sesenta e seis euros (519.466 A) correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2005.

A axuda económica que se conceda poderá acadar como máximo o 80% do total do orzamento presentado.

Artigo 3º.-Iniciación.

1. As entidades locais que desexen acollerse aos beneficios desta orde elevarán petición, por medio de instancia dirixida ao conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, segundo modelo que figura como anexo I desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, no das delegacións provinciais ou de calqueira outro xeito dos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de corenta días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Igualmente, as entidades locais interesadas que teñan asinado o correspondente convenio de colaboración para a implantación do portal dos concellos Eido Local, poderán presentar as súas solicitudes a través de medios telemáticos, manifestando esta opción de forma expresa na súa solicitude, mediante a cubrición dos modelos normalizados que se poñen á disposición dos interesados no portal dos concellos Eido Local (http://www.eidolocal.es), segundo procedemento que se recolle nas instrucións dispoñibles nesta web, e no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria.

Así mesmo, e de acordo co artigo 5 do Decreto 200/2003, de creación do rexistro telemático da Xunta de Galicia, os modelos normalizados para a presentación de solicitudes por vía telemática estarán igualmente dispoñibles no enderezo http://xunta.es/servicios, de xeito que todos os interesados poderán presentar, igualmente, as súas solicitudes vía internet a través desta web, se ben o resto da tramitación transcorrerá pola vía ordinaria.

2. Xunto coa solicitude, tanto se esta se remite por vía ordinaria como telematicamente, presentarase a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo da entidade local pola que se aproba a realización das obras ou adquisición dos equipamentos, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

b) Memoria xustificativa das actuacións para as que se solicita subvención.

c) No caso de obras, o proxecto técnico delas, se a obra a subvencionar é obxecto de contratación ao abeiro dos artigos 56 e 121 do R.D.L. 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas unicamente será exixible o orzamento detallado, sen prexuízo da existencia de proxecto cando as normas específicas así o requiran.

d) No caso de equipamentos, orzamento detallado deles.

e) Relación de concellos que forman parte da entidade e nº de habitantes dela.

f) Copia dos seus estatutos ou norma de creación, se os tivesen.

g) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II desta orde).

Se algunha documentación das solicitadas no presente artigo xa estivese en poder da Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e non se producise desde o momento en que foron presentadas variación que afectara o contido ou á vixencia desta, non será necesario achegalas novamente, sen prexuízo de que esta dirección xeral reclame do solicitante a documentación que, se é o caso, estimase oportuna.

3. A tramitación e contratación das obras ou equipamentos será realizada polas entidades locais conforme á normativa de aplicación no ámbito local e, nomeadamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, sendo as entidades locais contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos se puideran derivar.

4. O defecto na solicitude seralles notificado aos interesados pola Dirección Xeral de Administración Local e daráselles un prazo de dez días para emendar os erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A notificación aos interesados poderá practicarse, así mesmo, por medios telemáticos, a través do portal dos concellos Eido Local, cando aqueles así o manifestasen expresamente, indicando o medio telemático como preferente para a recepción de notificacións na súa solicitude.

Cando, existindo constancia da recepción da notificación por vía telemática, transcorresen dez días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, cos efectos previstos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Unicamente cando concorran causas técnicas xustificadas, o interesado poderá requirir a Dirección Xeral de Administración Local para que as notificacións sucesivas non se practiquen por medios telemáticos, segundo o artigo 12.4º do Real decreto 263/1996, do 16 de febreiro, polo que se regula a utilización de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas pola Administración xeral do Estado.

Artigo 4º.-Criterios de avaliación.

A valoración das solicitudes presentadas basearase nos seguintes criterios, valorándose as mesmas de acordo coas seguintes porcentaxes:

a) Prestación de servizos, que cumprindo o exixido no artigo 1º desta orde, supoñan un aforro nos custos de prestación e un aumento na calidade respecto a se fosen prestados individualmente por cada concello (35%).

b) Número de concellos incluídos na entidade local, así como número de habitantes da mesma (15%).

c) Relación directa das actuacións solicitadas coa prestación de servizos básicos de carácter obrigatorio para os concellos membros (15%).

d) A necesidade das actuacións, así como a incidencia que a súa finalidade vai cumprir, especialmente se mellora a calidade de vida dos veciños e a atención de servizos esenciais (20%).

e) Acreditación do cumprimento por parte das administracións integrantes da entidade local das obrigas que teñen asumidas en virtude dos seus estatutos ou norma de creación (15%).

Artigo 5º.-Resolución e notificación.

1. Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas por unha comisión de valoración, presidida polo director xeral de Administración Local, e da que formarán parte o subdirector xeral de Xestión, Cooperación e Réxime Xurídico e os xefes de servizo de xestión e cooperación económica, e de cooperación coas entidades locais da Dirección Xeral de Administración Local. Actuará como secretario un funcionario da Dirección Xeral de Administración Local como nivel mínimo de xefe de sección.

2. O director xeral de Administración Local elevará a correspondente proposta ao conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, quen resolverá.

A resolución notificaráselles a todos os beneficiarios da subvención na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de seis meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Todo iso sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da devandita lei.

Así mesmo, a notificación da resolución da consellería poderá realizarse telematicamente a través do portal dos concellos Eido Local, sempre que os concellos interesados teñan sinalado na súa solicitude a opción telemática como medio de notificación.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Así mesmo, o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución a instancia do beneficiario, debendo cumprirse, en todo caso, os requisitos recollidos no artigo 12.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6º.-Aceptación.

1. O presidente da entidade local beneficiaria disporá dun prazo de quince días, contados a partir da recepción da resolución para comunicar a aceptación das condicións contidas nela.

A aceptación poderá realizarse por vía telemática, cando os interesados así o manifestasen expresamente, a través do portal dos concellos Eido Local, segundo procedemento que se recolle nas instrucións dispoñibles nesta web, e no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación, de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local poderá anular a resolución.

Artigo 7º.-Libramento de fondos.

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas as mesmas, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos co obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, o cumprimento da finalidade da axuda.

2. A xustificación poderá levarse a cabo de dous modos, segundo o tipo de tramitación polo que se opte, ordinario ou telemático:

2.1. Procedemento ordinario:

As entidades locais beneficiarias da subvención presentarán inescusablemente, no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local (Dirección Xeral de Administración Local), as xustificacións orixinais ou copias cotexadas, por triplicado, antes do 15 de outubro de 2005 mediante certificación de obra acompañada da correspondente certificación relativa ao acordo de aprobación pola entidade, expedida polo secretario da mesma.

No caso de que a obra sexa obxecto de contratación ao abeiro dos artigos 56 e 121 do R.D.L. 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas só será exixible a remisión da factura correspondente, acompañada da correspondente certificación, relativa ao acordo de aprobación pola entidade expedida polo secretario da mesma.

No caso de equipamento, facturas orixinais ou fotocopias cotexadas do gasto, acompañadas da correspondente certificación, expedida polo secretario da entidade local, relativa ao acordo da aprobación pola mesma.

Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

2.2. Procedemento telemático:

As xustificacións poderán ser remitidas, no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria, por vía telemática a través do portal dos concellos Eido Local, mediante certificación do secretario-interventor ou do secretario e interventor na que se acredite, para o caso de obras, aprobación da certificación da obra ou factura, e os datos referidos á mesma, indicando a entidade emisora, data de emisión, número de factura ou certificación de obra, obxecto e importe, e para o caso de equipamento, aprobación da certificación da factura e os datos referidos á mesma, indicando a entidade emisora, data de emisión, número de factura, obxecto e importe.

Así mesmo, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, segundo modelo normalizado dispoñible no portal dos concellos Eido Local.

3. Transcorrido o prazo establecido no punto 2.1 deste artigo sen ter presentadas as correspondentes xustificacións, poderase anular a concesión da subvención a esa entidade local, podendo esta consellería utilizar o dito crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

4. A Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conforme os xustificantes, proporá o libramento dos fondos; que en ningún caso superará o 80% do importe dos xustificantes presentados.

5. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 8º.-Cantidades dispoñibles.

As cantidades que resultasen sobrantes por causa de renuncia expresa ou non presentación de xustificacións correspondentes por parte das entidades locais beneficiarias, poderán adicarse a subvencionar a outras entidades locais que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro desta orde.

Artigo 9º.-Modificacións.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10º.-Incumprimentos.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local anulará os beneficios concedidos, e conforme o disposto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento que establece o Decreto 287/2000, do 21 de novembro; polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; e, se procede, instruirá expediente sancionador, conforme o previsto no citado decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde, haberá que se ater ao disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2005.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA