DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 02 de marzo de 2005 Páx. 3.485

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

ORDE do 24 de febreiro 2005 pola que se fixan os prezos de inscrición para Volunet. Conferencia Internacional de Voluntariado e Novas Tecnoloxías que levará a cabo a Dirección Xeral do Voluntariado da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado no mes de abril de 2005.

Dando cumprimento ao disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, procede regular os prezos de inscrición para a asistencia a Volunet. Conferencia Internacional de Voluntariado e Novas Tecnoloxías que levará a cabo a Dirección Xeral do Voluntariado da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

A Lei 6/2003, que regula as taxas, prezos e exaccións, dispón no seu artigo 51 que a contía destes será acordada por orde da consellería correspondente, logo do informe favorable da Consellería de Economía e Facenda. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Os prezos privados exixibles pola inscrición en Volunet. Conferencia Internacional de Voluntariado e Novas Tecnoloxías, son os que se fixan no anexo a esta orde e xestionaranse de acordo co disposto na normativa vixente en materia de prezos privados.

2. Estes prezos entenderanse, se é o caso, co IVE incluído.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a directora xeral do Voluntariado para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2005.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte

e Voluntariado

ANEXO

A inscrición en Volunet. Conferencia Internacional de Voluntariado e Novas Tecnoloxías, terá dúas tarifas:

1. Contía que deberán pagar as persoas que posúan o carné xove, carné máis, carné universitario ou título de familia numerosa.-Contía por persoa: 15 euros.

2. Contía que deberán pagar as persoas que non se atopen nas circunstancias anteriores.-Contía por persoa: 30 euros.