DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 02 de marzo de 2005 Páx. 3.480

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

ORDE do 22 de febreiro de 2005 pola que se regula a prestación económica de pagamento único por fillo menor a cargo para o ano 2005.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27.23º asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e da adolescencia establece no seu artigo 3.2º como principio reitor da actuación dos poderes públicos de Galicia o impulso dunha política integral de apoio á familia que teña en conta as

súas necesidades básicas e as dos seus membros, regulando, segundo o artigo 11.3º, aquelas prestacións económicas ou técnicas que teñan por obxecto incidir favorablemente nas situacións de carencia familiar.

A Xunta de Galicia, co fin de paliar, na medida do posible, os gastos dos primeiros anos de crianza dun fillo estableceu hai algúns anos deducións da cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas polo nacemento de fillos. Non obstante, non todas as persoas teñen obriga de efectuar a dita declaración, e son precisamente as de menor capacidade económica. A través das axudas directas que hoxe se regulan a Xunta de Galicia pretende equiparar este colectivo de persoas, con aqueles que gozan da correspondente dedución fiscal.

A Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo prevé na súa disposición adicional primeira que aquelas persoas que, cando entrou en vigor esta lei, tivesen ao seu cargo fillos menores de tres anos terán dereito a percibir unha prestación de 360 euros por cada un deles cando, por razón dos ingresos obtidos durante 2003, nin elas nin ningún dos membros da súa unidade familiar estiveron obrigados a presentar a declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a ese período.

O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, establece nos seus artigos 78 e 79 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma.

Esta orde segue o procedemento previsto con carácter xeral, establecido na referida norma, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos establecidos na Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

Con este fin, na Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, na aplicación 14.02.212A.486.0 existe partida orzamentaria consignada pola contía de 4.950.000 euros para as prestacións que se establecen no articulado desta orde. Este crédito poderá ser obxecto de ampliación, tal e como se establece no artigo 7.1º.g) da Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión da prestación familiar por fillo menor a cargo así como a convocatoria destas axudas para este ano.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarias desta prestación aquelas persoas que teñan ao seu cargo fillos menores de tres anos o 31 de decembro de 2004 e que, por razón dos ingresos obtidos durante o ano 2003, nin elas nin ningún dos membros da unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a este período.

No caso de fillos adoptados ou acollidos entre o 31 de decembro de 2003 e o 31 de decembro de 2004, a prestación poderase conceder durante os tres anos posteriores á data da inscrición da adopción ou do acollemento no rexistro civil. Cando non sexa necesaria a inscrición, a prestación poderase conceder a partir da data da resolución xudicial ou administrativa que a declare.

2. Nos supostos de nulidade, separación ou divorcio dos proxenitores, o beneficiario da prestación será o pai/nai que teña a custodia dos fillos, de acordo co establecido no convenio regulador ou sentenza de separación ou divorcio.

3. En ningún caso poderán ser beneficiarios os proxenitores privados da patria potestade dos seus fillos, ou se a tutela ou garda foi asumida por unha institución pública.

4. Os estranxeiros que residan en Galicia poderán beneficiarse desta prestación sempre que cumpran as condicións da Lei orgánica 4/2000, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e os requisitos establecidos nesta norma e tivesen a condición de contribuíntes para os efectos do disposto nos artigos 8 e 9 do Real decreto 3/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 3º.-Requisitos.

Será requisito necesario para a concesión da prestación:

-Que os pais teñan a súa residencia habitual na Comunidade Autónoma galega.

-Que na data da solicitude os nenos convivan co solicitante.

Artigo 4º.-Tipo de axuda e contía.

A prestación consistirá nun pagamento único por cada fillo menor que o solicitante teña ao seu cargo.

A contía da prestación será de 360 euros por cada un dos fillos menores que os beneficiarios teñan ao seu cargo, sen que o mesmo fillo poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. Novas solicitudes:

A solicitude formalizarase no modelo oficial que figura como anexo I desta orde, xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI/NIF ou NIE do solicitante e do seu cónxuxe ou parella.

b) Fotocopia do libro de familia ou certificación literal de nacemento, do rexistro civil, de cada un dos fillos menores de tres anos.

c) Certificado de empadroamento do solicitante.

d) Copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio e do convenio regulador, de ser o caso.

e) Nos supostos de adopción ou tutela, copia do auto xudicial de adopción ou da resolución xudicial de constitución da tutela.

f) Nos casos de proxenitores solteiros con fillos recoñecidos polo outro proxenitor, declaración xurada de convivencia co fillo (anexo III).

g) Fotocopia da folla da cartilla de aforros na que figure o número de conta.

Na presentación da solicitude de prestación o interesado autorizará a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria e da Consellería de Economía e Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar e para o pagamento da prestación, para o que deberá presentar debidamente cuberto o anexo II.

2. Solicitudes para persoas anteriormente beneficiarias:

Se o solicitante recibise a prestación familiar por fillo menor a cargo no ano 2004, só terá que presentar a solicitude formalizada no modelo oficial (anexo I) e copia do DNI ou NIE, sempre e cando non se modificasen as circunstancias persoais, xurídicas e económicas determinantes do dereito de prestación.

Neste caso, poderá obterse a solicitude debidamente cuberta no enderezo:

http://www.xunta.es/aplicacions/pfc

3. En calquera dos dous casos, se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou se non se presentase a documentación sinalada, requirirase o interesado para que no prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos perceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, entenderase que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Lugar e prazo para a presentación de solicitudes.

1. O prazo de presentación das solicitudes será de corenta días naturais, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. A presentación da solicitude poderá facerse, a elección do solicitante, por vía escrita ou por vía telemática:

a) Vía escrita:

A solicitude e mais a documentación requirida presentarase no rexistro da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Vía telemática:

A vía telemática establécese como un mecanismo de presentación nun único trámite para aqueles solicitantes que reúnan os seguintes requisitos:

-O solicitante deberá ter sido beneficiario destas axudas no ano 2004, e non ter variado as circunstancias persoais, xurídicas e económicas determinantes do dereito a prestación.

-Os solicitantes deberán posuír un certificado dixital baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, Real Casa da Moeda.

Poderá accederse a esta vía de presentación a través da aplicación informática establecida no enderezo da internet:

http://www.xunta.es/aplicacions/pfc

Onde se disporán os medios de axuda para a presentación de solicitudes.

Unha vez asinado co certificado dixital do solicitante o anexo I da solicitude, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao rexistro telemático da Xunta de Galicia creado polo Decreto 200/2003, do 20 de marzo.

Artigo 7º.-Resolución.

1. Correspóndelle á conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, a resolución destas axudas no prazo de 6 meses contados desde o día seguinte á data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Transcorrido este prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

2. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da devandita resolución. Neste caso non poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou por desestimación presunta o recurso de reposición.

Artigo 8º.-Compatibilidade.

As prestacións reguladas nesta orde serán compatibles con calquera outra establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 9º.-Pagamento.

O pagamento das prestacións reguladas nesta orde farase unicamente na conta que os solicitantes fixesen constar no anexo I, debendo permanecer activa para estes efectos en tanto non se teña constancia da finalización do expediente, non facéndose responsable a administración da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables aos solicitantes.

O pagamento axustarase ao establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Artigo 10º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios desta prestación quedan obrigados a someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino destas axudas.

Artigo 11º.-Revogación da prestación.

Procederá a revogación das axudas así como o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora devengado desde o momento do seu pagamento nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión destas prestacións terá como límite global o crédito consignado no orzamento da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado para estes fins.

Segunda.-Os beneficiarios atópanse suxeitos ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a directora xeral de Familia para ditar cantas disposicións sexan precisas en relación con esta norma.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2005.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte

e Voluntariado