DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 02 de marzo de 2005 Páx. 3.475

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 23 de febreiro de 2005 pola que se convocan axudas económicas, cofinanciadas polo FSE, para a realización de formación práctica en empresas destinadas a alumnos/as de programas de garantía social, patrón costeiro polivalente e ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica en centros dependentes desta consellería.

As prácticas en empresas do sector pesqueiro, ademais do seu carácter obrigatorio como módulo de formación en centros de traballo para os ciclos formativos de formación profesional específica, teñen un enorme interese polo seu valor didáctico e pedagóxico por achegar o alumnado ao mundo socio-laboral no que vai desenvolver a súa vida profesional.

Por todo isto, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos

DISPÓN:

Primeiro.-Convocar axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo para a realización de formación práctica en empresas destinadas a alumnos/as de programas de garantía social, patrón costeiro polivalente e ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica en centros dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Segundo.-Serán requisitos indispensables para solicitar estas axudas:

2.1. Que os/as solicitantes estean matriculados/as en programas de garantía social, patrón costeiro polivalente ou ciclos formativos de formación profesional específica en centros dependen da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e cumpran os requisitos exixidos neste artigo.

2.2. Que as solicitudes do alumnado se formalicen no modelo de impreso que figura no anexo, que estean asinadas polo interesado/a e teñan o visto e prace do director do centro conforme reúnen todos os requisitos.

2.3. Ter aprobados todos os módulos profesionais. Para os alumnos que iniciaron o ciclo no curso académico 2001/2002 ou con anterioridade, seralles de aplicación o establecido no artigo 7.4º da Orde do 1 de xuño de 1999, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro.-Presentación de solicitudes.

3.1. Os alumnos/as que reúnan os requisitos para participar destas axudas presentarán a correspon

dente solicitude, no modelo anexo a esta orde, no centro onde estean matriculados e nos prazos seguintes:

a) Para os alumnos/as de programas de garantía social, patrón costeiro polivalente, ciclo medio de acuicultura e ciclo medio de mergullo: nun prazo de 40 días naturais a partir do 1 de xuño de 2005.

b) Para os alumnos dos ciclos medios e superiores de: pesca e transporte marítimo, operación, control e mantemento de máquinas e instalacións do buque, navegación, pesca e transporte marítimo, supervisión e control de máquinas e instalacións do buque e produción acuícola: nun prazo de 40 días naturais a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Cuarto.-Criterios que determinan a contía das axudas.

4.1. A contía solicitada por día estará en función da distancia que exista entre a empresa e o domicilio do alumno/a, segundo o baremo seguinte:

-Dentro dun raio de menos de 6 km: 2,5 euros.

-De 6 a 15,9 km: 4,5 euros.

-De 16 a 30,9 km: 5,5 euros.

-De 31 a 50 km: 7,5 euros.

-Máis de 50 km (con retorno no día): 9,5 euros.

-Máis de 50 km (sen retorno no día): 30 euros.

4.2. O número máximo de xornadas para os alumnos en programas de garantía social e patrón costeiro polivalente será de quince, e, para os ciclos formativos, as suficientes para completar as horas que fixa o módulo de formación nos centros de traballo. A contía da axuda para os ciclos formativos non poderá superar os 755 euros no ciclo superior de produción acuícola e os 1.020 euros nos ciclos medios de acuicultura e mergullo.

4.3. Os alumnos con praza nos centros residenciais de Vigo e Ferrol poderán seguir usando a residencia e o comedor durante o período de formación en centros de traballo (en diante FCT) se as condicións da empresa ou de embarque e de desembarque, a xuízo do titor, así o aconsellasen.

4.4. Cando a empresa estea a menos de 1 km de distancia dos centros residenciais de Vigo e de Ferrol, o alumno non percibirá ningunha axuda polo transporte.

4.5. Dadas as características singulares da FCT marítimo-pesqueira, na elaboración do proxecto económico os centros seguirán os seguintes criterios:

a) Para os alumnos que fagan períodos de prácticas en terra seranlles de aplicación automática os criterios recollidos no punto 4.1.

b) Nos períodos de embarque percibirán unha contía de 9 euros por día.

4.6. Cando a empresa colaboradora da FCT realice embarques ou desembarques fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, o alumno percibirá unha axuda complementaria máxima de 170 euros polos gastos da viaxe.

4.7. Aos alumnos do ciclo medio de mergullo que teñan que realizar a FCT fóra da súa comunidade

autónoma por falta de empresas relacionadas co sector, seralles de aplicación directa o recollido no punto 4.2.

4.8. Non obstante o anterior, se a contía total das solicitudes superase o crédito dispoñible, queda autorizada a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para reaxustar a dita contía en función da distancia, embarque e do orzamento dispoñible. Neste caso comunicaráselle aos/ás interesados/as a modificación efectuada.

4.9. O alumnado estará acollido á mutualidade do seguro escolar e á póliza de seguro de accidentes de traballo e responsabilidade civil.

4.10. Os alumnos dos ciclos medio e superior de ponte realizarán a totalidade da FCT embarcados e os do ciclo medio e superior de máquinas realizarán polo menos un 75% da FCT en barcos de pesca ou mercantes.

Quinto.-Comisión de selección e seguimento das axudas.

5.1. A selección das peticións e o seguimento das axudas levarase a cabo por unha comisión integrada por:

-O delegado territorial da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou persoa en quen delegue.

-Un funcionario do Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras.

-O director do centro.

-O xefe de estudos do centro.

-Un funcionario do centro, que actuará como secretario, con voz e voto.

5.2. Das reunións celebradas pola comisión levantarase acta que lle será remitida á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Sexto.-Adxudicación de axudas.

6.1. A dirección do centro, unha vez revisadas as solicitudes, confeccionará un proxecto de expediente económico para a formación en empresas. Unha copia do expediente económico, xunto cunha fotocopia de todas as solicitudes, remitiráselle á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro dentro dos 10 días seguintes ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

6.2. A comisión de selección e seguimento das axudas, vistas as solicitudes presentadas, os proxectos económicos e o crédito dispoñible, levantará acta e faralle a oportuna proposta provisional de adxudicación á directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Sétimo.-Resolución.

7.1. A directora xeral, por proposta da Comisión de Selección e Seguimento, resolverá, por delegación expresa do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, notificándolle a cada centro a concesión ou denegación provisional das axudas, e, se é o caso, a modificación das contías solicitadas.

7.2. A partir da data de comunicación aos centros, abrirase un prazo de 10 días para que os interesados formulen as reclamacións que consideren oportunas perante a Comisión de Selección.

7.3. Resoltas as reclamacións formuladas, a dirección xeral, no prazo de 10 días, ditará resolución na que se farán constar as adxudicacións definitivas.

Contra esta resolución poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición perante o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados en ambos os casos desde o día seguinte á notificación ou publicación da citada resolución.

7.4. O prazo máximo para a resolución da concesión das axudas será de 6 meses a partir do prazo de presentación das solicitudes.

Oitavo.-Pagamento das axudas.

O pagamento das axudas farase dunha soa vez, logo da certificación do centro de que os alumnos iniciaron as xornadas prácticas na empresa e ata un límite de 98.794 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 12.04.322S.480.0. Formación profesional FSE dos orzamentos da Comunidade Autónoma para 2005.

Xunto coa mencionada certificación deberase acompañar unha declaración de cada un dos beneficiarios na que manifeste que non percibiu nin está pendente de percibir outra subvención ou axuda para a mesma finalidade procedentes de calquera outra administración ou ente público.

Noveno.-Estas axudas son incompatibles coas de residencia por razón de estudos.

Décimo.-O beneficiario está obrigado ao reintegro total ou parcial da axuda no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Ademais, está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Para o non establecido especificamente na presente orde, haberá que aterse ao disposto nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e demais normativa aplicable.

Disposición derradeira

Autorízase a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro a desenvolver o disposto nesta orde, que entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2005.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE

E VOLUNTARIADO