DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 02 de marzo de 2005 Páx. 3.474

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 22 de febreiro de 2005 pola que se modifica a do 8 de setembro de 2004 pola que se modificou o Regulamento da denominación específica Orujo de Galicia e do seu consello regulador.

A Orde do 8 de setembro de 2004, da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, modificou o Regulamento da denominación específica Orujo de Galicia e do seu consello regulador no senso, fundamentalmente, de incluír no seu

ámbito de protección a augardente de herbas e os licores de herbas e de café, bebidas tradicionais da nosa comunidade que aínda non tiñan acadado esta protección como denominacións xeográficas.

Para acadar un axuste máis preciso entre o recollidos nesta nova redacción do regulamento e a normativa comunitaria faise preciso realizar unha modificación puntual do artigo 9 bis, que para unha maior claridade, redactase de novo.

Por iso, e de conformidade co artigo 30.I. 3 e 4 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 9 bis do Regulamento da denominación xeográfica Orujo de Galicia/Augardente de Galicia, Aguardiente de hierbas de Galicia/Augardente de herbas de Galicia, Licor de hierbas de Galicia/Licor de herbas de Galicia e Licor café de Galicia; modificado por Orde do 8 de setembro de 2004; que queda redactado do xeito que se expresa a continuación:

«Artigo 9 bis:

1. Augardente de herbas de Galicia é a bebida espirituosa tradicional elaborada en Galicia en instalacións inscritas nos rexistros do consello regulador, obtida a partir de augardente amparado pola denominación xeográfica Orujo de Galicia/ Augardente de Galicia, mediante maceración e/ou destilación do alcohol en presenza das herbas que o caracterizan, cun contido en azucres inferior a 100 gramos por litro e cun grao alcohólico volumétrico mínimo de 37,5 e máximo de 50.

2. Na elaboración da augardente de herbas de Galicia empregaranse un mínimo de tres plantas de entre as que se relacionan a continuación: menta, macela, herba luísa, romeo, ourego, tomiño, coandro, azar, fiúncho, regalicia, noz moscada e canela. Poderanse empregar tamén outras plantas autorizadas pola consellería competente en materia de agricultura tras a petición do consello regulador.

As plantas deberán ser recolleitas na súa máxima floración, lavadas e secadas ao aire en sitios frescos e con pouca luz ata o momento da súa utilización.

3. Para a edulcoración utilizaranse un ou varios dos produtos autorizados polo Regulamento (CEE) 1576/1989.

4. A coloración, que dependerá da fórmula do elaborador, poderá completarse con colorantes autorizados.

5. No proceso de elaboración empregaranse exclusivamente substancias aromatizantes naturais, quedando prohibida expresamente a adición de aromas e/ou preparacións aromatizantes, extractos ou esencias de calquera tipo».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2005.

José Antonio Santiso Miramontes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural