DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 02 de marzo de 2005 Páx. 3.430

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 22 de febreiro de 2005 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas para o sector artesanal galego, en réxime de concorrencia competitiva, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2005.

Os cambios experimentados polos mercados supuxeron unha revalorización clara dos produtos con identidade propia, especialmente os produtos que acreditan a súa orixe, tendencia que se seguirá a reforzar no futuro. Atendendo a esta conxuntura, desde a Consellería de Innovación, Industria e Comercio vénse desenvolvendo unha estratexia para a mellora da competitividade do sector artesanal.

As actividades artesanais forman parte do tecido produtivo básico sobre o que se construíu a sociedade moderna e, moi especialmente no caso galego, significan o fío condutor de toda unha cultura. Deste xeito, a actividade artesanal ocupa en Galicia un lugar destacado, non só desde o punto de vista económico senón tamén cultural, nas comarcas en que se asenta, e conta cunha gran diversidade de oficios.

En consecuencia, faise necesario neste ámbito mellorar e adaptar as unidades produtivas en que se desenvolve a actividade artesanal, así como potenciar a creación de novos talleres capaces de xerar actividade e emprego; isto fai necesario contribuír á mellora da súa dotación, o cal terá unha incidencia directa na mellora da calidade das producións artesanais, das cales se fomentará a súa promoción cara á apertura de novos mercados.

O contido desta orde axústase ao establecido polo Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 142, do 23 de xullo), que recolle o réxime de axudas rexionais autorizado pola Unión Europea (axuda estatal nº 489/2000).

Na súa virtude, e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a convocatoria de axudas que se conceden no exercicio do 2005 para o fomento e desenvolvemento do sector artesanal na Comunidade Autónoma de Galicia, a través do apoio tanto ás unidades produtivas como ás asociacións de artesáns. A estratexia específica articularase en elementos básicos ou fundamentais como son a creación, mellora ou adecuación das unidades produtivas, a mellora no deseño e calidade das producións, a divulgación e promoción dos produtos artesáns, o fomento da participación en feiras profesionais ou a formación técnica.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os artesáns e obradoiros artesanais, sempre que estean esta

blecidos na Comunidade galega e inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía.

Así mesmo, poderán acceder a estas axudas as asociacións artesanais de carácter profesional e legalmente constituídas, con domicilio en Galicia e que conten entre os seus membros con máis de vinte artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

Para a concesión das axudas, propias dos investimentos que se convocan, destinarase o crédito global correspondente ás aplicacións orzamentarias que se mencionan:

AplicaciónDenominaciónAno 2005

(euros)

08.03.711-C.770.0Apoio ao sector artesanal245.000

08.03.711-V.770.0Apoio ao sector artesanal. Plan Galicia489.000

08.03.711-C.781.0Apoio ao sector artesanal. Axudas ás asociacións80.000

08.03.711-V.781.0Apoio ao sector artesanal. Axudas ás asociacións. Plan Galicia20.000

As cantidades antes citadas poderanse incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

3.1. Serán actuacións subvencionables as desenvolvidas por artesáns, obradoiros artesanais, asociacións artesanais e proxectos concertados (coa adhesión mínima de tres obradoiros), incluídas nas seguintes epígrafes:

a) Proxectos que se destinen a investimentos para a creación e posta en funcionamento de novas instalacións, así como á mellora, ampliación ou modernización das xa existentes, sempre que estes investimentos non sexan destinados a locais para usos non produtivos (comerciais, formación, etc.). As solicitudes para acollerse a esta tipoloxía de axudas deberán presentarse antes de comezar a execución dos proxectos de investimento, e dentro desta epígrafe atenderanse:

-Obras de reforma, rehabilitación, acondicionamento de locais produtivos e obras de nova construción, que deberán cumprir cos requisitos exixidos legalmente en cada caso, destinadas a talleres ou ao desenvolvemento dunha actividade artesanal. Só serán obxecto de subvención as obras realizadas no interior dos talleres, e quedará excluído calquera investimento realizado en zonas exteriores ou de acceso. O investimento mínimo para esta tipoloxía de axudas será de 1.800 euros. A contía máxima da subvención nestes conceptos será de 12.000

euros, sendo en calquera caso a porcentaxe máxima de axudas do 30% do investimento subvencionable.

b) Proxectos de innovación no proceso produtivo.

Dentro desta epígrafe subvencionaranse:

-Adquisición en réxime de propiedade de maquinaria, ferramentas e equipamento auxiliar propio do exercicio dunha actividade artesanal, que serán de fabricación externa cualificada.

-Equipamentos para procesos de informatización, cun máximo dunha unidade por entidade solicitante, propios das características da actividade artesanal, e instalacións de deseño asistido por ordenador; non se recollen nesta epígrafe as aplicacións informáticas de xestión. A contía máxima de subvención, na epígrafe de equipamentos informáticos, será de 1.800 euros.

Para a suma de todos os investimentos realizados nestas dúas tipoloxías de axudas para innovación no proceso produtivo, que deberán acadar unha cantidade mínima de 1.200 euros en conxunto, os equipamentos adquiridos deberán ser de primeiro uso.

c) Proxectos que se destinen a divulgar e promover produtos artesanais: deseño de imaxes corporativas, logotipos, realización de catálogos ou outro tipo de soporte publicitario, en papel, magnéticos ou CD/DVD, a edición de material impreso, audiovisual, sobre produción artesá, especificamente concibidos e dirixidos ao fomento da actividade e á potenciación dos produtos artesáns. Serán subvencionables os gastos de deseño, creación e contratación de dominio para páxina web do taller ou asociación de artesáns. Tamén se recolle nesta epígrafe o deseño de envases e embalaxes de produtos artesáns, excepto a súa impresión e reimpresión. Non serán obxecto de subvención os gastos en publicidade en medios escritos, radio ou televisión, nin os investimentos en calquera tipo de formularios ou materiais de uso administrativo. A contía máxima de subvención nesta epígrafe será de 6.000 euros.

d) Participación como expositor con posto propio en feiras de carácter profesional, considerándose subvencionables os gastos que ocasionen os espazos que se contraten, aluguer ou construción do posto e transporte do material, montaxe e desmontaxe dos postos, seguros, enerxía eléctrica, vixilancia, contratación de azafatas, de intérpretes, así como publicidade e publicacións relacionadas con esta participación; o límite de subvención por estes conceptos será de 3.000 euros por entidade participante. Así mesmo, será obxecto de subvención a adquisición de elementos ou mobiliario básicos que formen parte do deseño dun expositor para a súa utilización exclusiva en feiras profesionais, cunha contía máxima de subvención de 3.000 euros por entidade solicitante.

e) Os gastos de inscrición en programas formativos de especialización profesional que teñan relación coa súa actividade, cun máximo de dous asistentes por obradoiro. As actividades de formación non poderán ter unha duración superior a 100 horas; o número máximo de accións formativas por participante será de dous, e a contía máxima de subvención non excederá de 600 euros por acción formativa, cantidades que non serán computables para os efectos do 55% que se fixa no artigo 6º desta orde.

f) Proxectos que teñan por finalidade:

-Mellorar, impulsar e potenciar as producións das actividades artesanais tradicionais de: tecidos en baixo lizo, zoqueiro, toneleiro, selleiro, albardeiro, olaría, forxa, follalataría, caldeiraría, afiado, cestaría e labores de palla.

-Mellorar a comercialización dos produtos artesanais mediante o acceso aos novos mercados e o desenvolvemento de novos produtos.

-Mellorar a calidade das producións artesanais mediante a constatación das súas características técnicas.

-Achegar as actividades artesanais ás novas xeracións, mediante a introdución no seu contorno dos valores destas, dando a coñecer os procesos e actitudes que constitúen as características esenciais das actividades artesanais.

-Introducir as producións artesanais na sociedade da información como estratexia acorde cos novos hábitos comerciais.

g) Accións encamiñadas á incorporación do deseño ás novas liñas de produto, posibilitando que se estimule a actividade artesanal aos artesáns, como froito da colaboración con axentes externos profesionais que desenvolvan a dita actividade a título significativo.

O desenvolvemento de proxectos de deseño de produtos vai propiciar que melloren as súas prestacións, a súa adecuación aos mercados, así como atender a crecente preocupación ecolóxica, etc.

Neste punto terán a consideración de investimento subvencionable os custos externos derivados da realización de proxectos de deseño de produto, prevéndose os honorarios dos consultores de deseño así como os custos relativos aos materiais necesarios para plasmar en prototipos os deseños froito da colaboración.

Excluiranse os custos non vinculados coas ideas de deseño obxecto de proxecto en desenvolvemento, así como os proxectos en que non se acredite a existencia de colaboración cun equipo especializado de deseño, entendéndose por tal aquel que desenvolva a dita actividade a título principal.

3.2. A contratación en prácticas, por parte de obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, de traballadores desempregados inscritos no momento da contratación no Servizo Público de Emprego, que non tivesen relación laboral coa empresa a través dun contrato de igual modalidade.

Os contratos en prácticas deberán cumprir as exixencias e formalidades que establece o artigo 11 do Estatuto dos traballadores e as normas regulamentarias de desenvolvemento. As axudas previstas neste punto serán de aplicación aos contratos en prácticas que se realicen desde o 1 de xaneiro ao 14 de outubro de 2005.

Para que os devanditos contratos poidan ser obxecto da subvención, deberán concertarse a xornada completa, por unha duración inicial non inferior a doce meses, e non poderán supor a sucesión de traballadores en prácticas para ocupar o mesmo posto de traballo.

Exclúense desta epígrafe os contratos realizados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario ou dos que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como os que se produzan con estes últimos.

A contía total que se vai percibir por este concepto poderá acadar a cantidade de 3.600 euros por traballador.

3.3. Alta na Seguridade Social de novos artesáns: consideraranse as novas altas na Seguridade Social daqueles artesáns vinculados aos obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, que inicien a súa actividade no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2005.

A contía que se vai percibir por este concepto será dun máximo de 120 euros por cada unha das mensualidades satisfeitas á Seguridade Social, que poderán abarcar desde xaneiro a decembro de 2005, ambos inclusive.

A percepción de calquera contía vinculada con este punto da convocatoria será incompatible coa vinculada ao seu punto 3.2.

3.4. Terán carácter subvencionable as actuacións que desenvolvan asociacións profesionais artesanais ou proxectos concertados (coa adhesión mínima de 3 obradoiros), e que se destinen a:

-Desenvolver accións conxuntas de distribución, comercialización, promoción ou calquera outra fórmula de colaboración empresarial.

-Crear redes de comunicación e transferencia de información con outros lugares do Estado e coa Unión Europea.

-Mellorar a información sobre tendencias de mercado en relación co deseño, coa comercialización de produtos artesanais e co desenvolvemento do sector.

Con carácter xeral, e para todas as tipoloxías de axudas enumeradas anteriormente, a comisión de avaliación poderá determinar a exclusión dos investimentos subvencionables daquelas actuacións ou elementos que se consideren reiterativos doutros acometidos e subvencionados en exercicios anteriores.

Artigo 4º.-Subcontratación polos beneficiarios das actividades subvencionadas.

Para os efectos desta orde, non se entende por subcontratación a adquisición por parte do beneficiario de maquinaria e bens de equipo nin a contratación de servizos externos para realizar as actividades subvencionables especificadas no seu artigo 3º.

A subcontratación de actividades realizarase de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.

Os criterios de selección dos proxectos subvencionables, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os seguintes:

1. Adecuación técnica, calidade do proxecto que se vai executar, a incidencia deste na mellora da calidade do produto artesanal e a novidade das propostas.

2. Capacidade de xerar actividade económica na empresa, creación de novas unidades produtivas e contribución á potenciación e creación de postos de traballo.

3. Mellora da divulgación e promoción das producións artesanais.

4. En caso dun proxecto concertado, número de empresas participantes e efectos e vantaxes derivadas da cooperación.

5. Que o solicitante sexa mozo artesán ou muller.

6. Exercer algunha das seguintes actividades artesanais tradicionais: tecidos en baixo lizo, produción de zocos e zocas, tonelaría, sellaría, albardaría, olaría, forxa, follalataría, caldeiraría, cestaría e labores de palla.

Artigo 6º.-Contía das axudas.

As axudas poderán acadar as cantidades e porcentaxes máximas indicadas en cada punto do artigo 3º de actuacións subvencionables e, con carácter xeral, ata o 55% do investimento subvencionable alí onde non estea establecido un límite porcentual de subvención, cun máximo de 30.000 euros por entidade para a suma de todas as tipoloxías de axudas concedidas.

Á vista das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde de axudas, a comisión de avaliación poderá propor límites máximos de investimento subvencionable para cada concepto elixible.

Non se valorarán, para efectos de investimento, os gastos que se realicen en pagamento de impostos, IVE, taxas, contribucións, licenzas, etcétera, nin outros de carácter tributario, fiscal ou sometido a aranceis, e os investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro. Para o caso das subvencións solicitadas por asociacións de artesáns, no caso de estar exentas do pagamento do IVE, deberán presentar coa documentación de solicitude de axudas o documento expedido pola Axencia Tributaria que acredite a dita exención.

No caso de que os proxectos de investimento beneficiarios desta orde se desenvolvan nas áreas prioritarias determinadas no Plan de Dinamización Económica (PDE) da Xunta de Galicia, que se relacionan na súa disposición adicional, e sempre que os beneficiarios solicitasen a porcentaxe máxima de subvención prevista con carácter xeral nesta orde, as axudas poderán incrementarse ata en 10 puntos porcentuais.

Artigo 7º.-Ámbito temporal.

A esta orde poderán acollerse as actuacións establecidas no seu artigo 3º, sempre que se realicen no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2005 e a data de xustificación do investimento recollida no artigo 14º da convocatoria.

No caso das actuacións recollidas no artigo 3.1º a), as solicitudes deberán presentarse antes de comezar a execución dos proxectos de investimento.

Artigo 8º.-Presentación de solicitudes e documentación.

As solicitudes, que se dirixirán ao conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servizos centrais da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo para a súa presentación será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de abril do ano 2005, ambos incluídos. A presentación da solicitude implica a aceptación desta convocatoria así como das obrigas establecidas nela.

As ditas solicitudes presentaranse, conforme os modelos que se xuntan como anexos I, II e III, e xuntaráselles a seguinte documentación, todo isto por triplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e dúas copias):

a) Memoria explicativa pormenorizada, que conterá antecedentes da entidade solicitante, descrición das actividades profesionais realizadas, con mención expresa do proceso de produción artesá, volume de produción e facturación, descrición detallada dos investimentos por unidade de actuación e efectos esperados.

b) Orzamento desagregado do investimento e, nos casos en que proceda, presentarase: copia do proxecto elaborado pola empresa ou particular que o realice; factura pro forma ou contrato de maquinaria ou bens que se pretenden adquirir ou das actuacións que se van realizar, elaborada pola empresa subministradora. En calquera dos casos, o proxecto, o contrato ou a factura pro forma irán dirixidos ao solicitante da axuda e contarán coa sinatura e DNI ou CIF/NIF do autor do orzamento.

c) Carta de artesán e certificado de inscrición do obradoiro no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, agás cando a axuda que se solicita se destine á creación dun obradoiro artesanal, caso este en que se presentará a copia da carta de artesán; estes documentos serán solicitados de oficio polo órgano xestor das axudas.

d) Incluirase, segundo anexo III, declaración expresa de axudas, cumprimento de obrigas fiscais, de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social e coa comunidade autónoma. Neste documento, o solicitante manifestará se autoriza a Consellería de Innovación, Industria e Comercio para facer a comprobación telemática de todas as súas obrigas tributarias e sociais.

e) NIF/CIF do solicitante, e certificado de atoparse de alta no imposto de actividades económicas (IAE) que ampare a actividade artesanal. No caso de obradoiros que se constitúan no ano 2005, o segundo requisito deberase acreditar cando se presente a xustificación do investimento.

f) Documento público acreditativo do poder con que actúa o solicitante, de ser o caso, e fotocopia do seu DNI.

g) As asociacións profesionais artesanais presentarán fotocopia compulsada do CIF, estatutos e certificación ou documento que acredite a súa constitución legal. Así mesmo, certificación emitida polo secretario da asociación onde conste o número de asociados, e documento que acredite a inscrición dun mínimo de vinte artesáns no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

h) Para a execución de proxectos concertados, a adhesión das empresas plasmarase mediante cer

tificación destas, na cal se recolla o seu compromiso na execución dos devanditos proxectos.

i) No caso de acollerse ás axudas á contratación, memoria en que se recolla unha definición precisa dos postos de traballo e o compromiso de contratación dos traballadores. Se os contratos se realizan ao longo do ano 2005, presentarase a memoria, alta na Seguridade Social, DNI de cada traballador contratado e documento acreditativo da súa inscrición como demandante de emprego.

j) Para a actuación recollida no punto 3.3 do artigo 3º desta orde, escrito que recolla a previsión ou data de alta na Seguridade Social dos artesáns vencellados cos talleres artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia que inicien a súa actividade no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2005.

k) Certificados acreditativos de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega e coa Seguridade Social. O beneficiario das axudas poderá acudir á AEAT, á Consellería de Economía e Facenda, ou ás delegacións da Seguridade Social para solicitar a expedición dos certificados correspondentes, ou ben cubrir debidamente asinada a autorización que se achega no anexo III da solicitude de axudas para os efectos de que a Consellería de Innovación, Industria e Comercio lles poida solicitar esta información por vía informática aos ditos órganos recadadores.

l) De ser o caso, documentación acreditativa da exención do imposto sobre o valor engadido (IVE) ou do imposto sobre actividades económicas (IAE).

Así mesmo, a Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial poderá solicitar cantos informes técnicos considere oportunos para a valoración técnica dos proxectos.

Os anexos I, II e III desta orde poderanse obter, ben fotocopiándoos do Diario Oficial de Galicia en que se publique a convocatoria de axudas, ou ben na páxina da internet http://www.xunta.es/conselle/in

Artigo 9º.-Emenda de solicitudes.

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase do solicitante que, no prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con advertencia de que, de non o facer, se tera por desistido da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e cos efectos previstos no artigo 42.1º da citada lei.

Artigo 10º.-Instrución e selección de solicitudes.

Correspóndelle á Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial ou, de ser o caso, ás delegacións provinciais da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, a instrución do procedemento de concesión de subvencións, e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

Co obxecto de cumprir o principio de concorrencia competitiva, conforme o disposto no artigo 3.1º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación que se axustará aos preceptos contidos no título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Esta comisión estará constituída polos seguintes membros:

-Presidente: o director xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial.

-Cinco vogais: un subdirector xeral e un funcionario con coñecementos na materia por cada delegación provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, designado polo delegado provincial correspondente.

-Secretario: un xefe de servizo da Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial.

Esta comisión, tendo en conta os criterios de avaliación recollidos no artigo 5º da convocatoria, emitirá un informe razoado en que se concrete o resultado da avaliación efectuada. Neste informe incluirase unha relación ordenada dos proxectos que merezan ser financiados, así como unha proposta de orzamento para estes, que será determinado segundo criterios de máxima eficiencia na asignación de recursos, e unha relación de proxectos non financiables.

O órgano instrutor, á vista dos expedientes e do informe de avaliación emitido, formulará proposta de resolución motivada.

Artigo 11º.-Resolución.

Á vista da proposta de resolución, o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio ou, de ser o caso, o delegado provincial, ditará a resolución que proceda, motivada, con indicación do obxecto e importe do proxecto subvencionado, a porcentaxe de axuda concedida e a contía desta. A dita resolución poderá establecer condicións técnicas e económicas de obrigada observancia para a realización do proxecto. Particularmente, poderase proceder ao rateo segundo as tipoloxías establecidas nesta orde de axudas, entre os seus beneficiarios, do importe global máximo destinado ás subvencións.

Esta competencia delégase nos delegados provinciais da Consellería de Innovación, Industria e

Comercio de acordo co establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, ata o límite dos créditos que se desconcentren. A delegación esténdese á competencia para resolver os recursos potestativos de reposición que se interpoñan contra as resolucións por eles ditadas.

Sen prexuízo dos recursos que procedan, o beneficiario da axuda deberá aceptala no prazo de quince días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa notificación. En caso contrario, entenderase que renuncia á axuda concedida e procederase de conformidade co establecido no artigo 42.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A aceptación da axuda formalizarase mediante un documento asinado polo beneficiario en que este se comprometa a cumprir todas as condicións establecidas nesta orde e, de ser o caso, na resolución da súa concesión.

O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa será de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que remate o prazo de presentación de solicitudes. O vencemento do citado prazo, sen que se notifique a resolución expresa, lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

As resolucións de concesión serán publicadas no Diario Oficial de Galicia con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, beneficiario, cantidade concedida e finalidade/es da subvención.

Artigo 12º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Así mesmo, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario. Os requisitos que se deberán cumprir para isto son os seguintes:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade desta orde.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

Para solicitar a devandita modificación da resolución, os beneficiarios terán de prazo ata o día 15 de setembro de 2005.

En calquera caso, a conformidade expresa da Consellería de Innovación, Industria e Comercio ás ditas modificacións requirirá informe favorable da Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial, e só será outorgada cando non alteren significativamente o proxecto inicial.

Artigo 13º.-Seguimento e obrigas do beneficiario.

Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a:

a) Cumprir os requisitos ou condicións que determina o outorgamento da subvención.

b) Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamente a axuda así como dos requisitos ou condicións que determine a súa concesión, no prazo sinalado na convocatoria ou excepcionalmente o que se sinale na resolución cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso potestativo de reposición. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nesta orde e na resolución de concesión.

c) Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda outorgada durante un período de cinco anos desde a súa concesión.

d) Para o caso da creación dun obradoiro artesanal, darse de alta no imposto de actividades económicas (IAE) que ampara a actividade correspondente, e solicitar con anterioridade ao 15 de setembro de 2005 inclusive, perante a Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial, a inscrición na sección segunda do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

e) No caso de acollerse ás axudas á contratación, ao mantemento dos postos de traballo creados por un período mínimo dun ano. Os obradoiros que se beneficien destas axudas, co fin de garantir o mantemento dos postos de traballo creados, deberán presentar dentro do primeiro e o último trimestre do ano 2006 unha relación da variación das altas e baixas do persoal adscrito.

No suposto de extinción da relación laboral do traballador polo que se concedese subvención, a cobertura do posto por un novo traballador, que deberá reunir os mesmos requisitos ca o traballador subs

tituído, terá que realizarse dentro do mes seguinte ao da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria á Consellería de Innovación, Industria e Comercio, dentro dos 10 días seguintes ao da substitución. Esta nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda. Esta obriga manterase durante un ano desde a data de realización do contrato obxecto de subvención.

f) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución así como previamente ao cobramento da axuda, que está ao día nas obrigas tributarias estatais e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de que as xestións descritas na alínea k) do artigo 8º desta orde desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas, requirirase do solicitante ou beneficiario que regularice a súa situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

g) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa axuda concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

h) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de axudas ou subvencións para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público, así como calquera alteración producida nas xa comunicadas coa solicitude, co fin de que aquel poida avaliar a súa compatibilidade. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

i) As entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren con respecto ao proxecto subvencionado, o cofinanciamento dos seus activos pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial.

Para todas as modalidades de subvención establecidas nesta orde de axudas, en caso de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, observarase o disposto no seu artigo 17º.

Artigo 14º.-Xustificación do investimento.

Para o libramento da subvención, o beneficiario deberá presentar na respectiva delegación provincial ou nos servizos centrais da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das admi

nistracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, a documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención, tendo de prazo ata o 7 de novembro do ano 2005 inclusive.

Esta documentación xustificativa, sen prexuízo do establecido no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que se presentará por triplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e dúas copias), constará dos seguintes documentos:

a) Memoria pormenorizada en que se describa a realización do investimento, e na cal deberán quedar descritos e identificados os bens adquiridos ou servizos prestados, e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución.

b) Para todas aquelas actuacións intanxibles, tales como catálogos, soportes publicitarios, estudos ou proxectos, achegaranse ademais tres exemplares destes. Para as actuacións acollidas aos puntos 3.2 ou 3.3 do artigo 3º desta orde, deberá presentarse copia dos contratos e dos boletíns de cotización e relación nominal de traballadores da Tesouraría da Seguridade Social.

c) A xustificación a efectos de asistencia a programas formativos e feiras farase efectiva mediante a certificación expresa de participación no certame no período prefixado, emitida pola institución ou entidade organizadora, así como da factura xustificativa da contratación do espazo da feira, tendo que presentar igualmente a documentación mencionada no parágrafo anterior.

d) Para aqueles proxectos acollidos ao punto 3.3 da orde de axudas, o beneficiario achegará os correspondentes recibos das cotas satisfeitas á Seguridade Social. Para o resto das mensualidades previstas na resolución de concesión de axudas e correspondentes sempre ao ano 2005, o beneficiario presentará compromiso de mantemento do período de cotización; deberá, ademais, presentar durante o primeiro trimestre do ano 2006, e perante a Consellería de Innovación, Industria e Comercio, a xustificación de pagamento das mensualidades non xustificadas.

e) Documentos acreditativos do investimento (facturas e documentos xustificativos do seu pagamento).

f) Documento de inscrición do obradoiro artesán no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia (fotocopia compulsada).

g) Declaración de axudas obtidas e solicitadas para o mesmo investimento en calquera outra Administración, organismos ou entes públicos ou privados. No caso de ser beneficiario dalgunha axuda ou subvención para a mesma actuación, deberá achegarse a documentación necesaria para a súa valoración

para os efectos da súa concorrencia coa axuda outorgada pola Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

h) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento da subvención, na cal conste: código de banco, código de sucursal, díxitos de control e número de conta corrente.

i) Certificados acreditativos de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega e coa Seguridade Social. O beneficiario das axudas poderá acudir á AEAT, á Consellería de Economía e Facenda, ou ás delegacións da Seguridade Social, para solicitar a expedición dos certificados correspondentes, ou ben cubrir debidamente asinada a autorización que se achega no anexo III da solicitude de axudas para os efectos de que a Consellería de Innovación, Industria e Comercio lles poida solicitar esta información por vía informática aos ditos órganos recadadores.

j) Certificado de atoparse de alta no imposto de actividades económicas (IAE) que ampare a actividade artesanal e NIF/CIF do solicitante, segundo o disposto no artigo 8º.e).

k) Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da axuda.

Artigo 15º.-Pagamento das axudas.

A percepción das axudas terá lugar unha vez que os servizos técnicos da Consellería de Innovación, Industria e Comercio certifiquen, se é o caso, tras a inspección correspondente, que se realizou o investimento que foi obxecto de subvención e demais condicións impostas na resolución de concesión. Ademais, o beneficiario deberá presentar a documentación adicional que lle sexa requirida polos servizos técnicos, co obxecto de determinar o alcance do proxecto ou actuacións subvencionables.

Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto.

Artigo 16º.-Incompatibilidades.

As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería para o mesmo proxecto.

Polo demais, estas axudas serán compatibles con calquera outra das establecidas por calquera Administración, institución ou ente público sempre e cando non se exceda, en termos de subvención neta equivalente, a porcentaxe do 55%, dado o carácter

de Pemes que teñen as actividades artesanais, de acordo coas directrices sobre axudas de Estado de finalidade rexional (98/C 74/06) en relación co mapa de axudas de finalidade rexional para o período 2000-2006 en España, aprobado pola Comisión Europea/axuda de Estado número 773/99. O dito límite máximo aplicarase tanto se a axuda provén integramente de fontes nacionais como se foi cofinanciada con fondos comunitarios (punto 4.21º directrices comunitarias sobre axudas de Estado ás pequenas e medianas empresas. DOCE nº 213, do 23 de xullo de 1996).

Enténdese por subvención neta equivalente o beneficio último que a axuda lle debería proporcionar á empresa unha vez deducido o imposto sobre sociedades aboado en concepto da dita axuda.

Artigo 17º.-Reintegro da axuda.

1. Non se poderá exixir o pagamento da axuda ou subvención concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora percibidos desde o seu pagamento nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ao beneficiario con motivo da concesión da axuda.

2. Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima de investimento subvencionable que se estableza.

3. O procedemento de reintegro tramitarase de acordo co establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

4. As cantidades que os beneficiarios deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 18º.-Fiscalización e control.

A concesión das axudas reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e de control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos establecidos

no capítulo V do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 19º.-Réxime sancionador.

As infraccións administrativas cometidas en relación coas axudas e subvencións reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no capítulo VII do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 20º.-Réxime de recursos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa, e contra elas caberá:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que as ditou ou debeu ditalas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

E todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, de ser o caso, calquera outro que consideren procedente.

Artigo 21º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro; no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; no Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia; na Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005; e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 276, do 18 de novembro).

Disposición adicional

Única.-Para esta orde de axudas considerarase como concellos integrantes do PDE os recollidos nas ordes ministeriais PRE/3044/2002, PRE/3108/2002 e PRE/88/2003, que son, na provincia da Coruña, os concellos da Pobra do Caramiñal, Ares, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Boiro, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Camariñas, Cambre, Carballo, Cariño, Carnota, Cedeira, Cee, Corcubión, Corme, A Coruña, Culleredo, Dumbría, Fene, Ferrol, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mañón, Miño, Mugardos, Muros, Muxía, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ortigueira, Outes, Paderne, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Sada, Valdoviño e Vimianzo; na provincia de Lugo, os concellos de Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Ribadeo, O Vicedo, Viveiro e Xove; na provincia de Pontevedra, os concellos da Guarda, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Catoira, Marín, Meaño, Moaña, Nigrán, O Grove, O Rosal, Oia, Poio, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Vigo, Vilanova de

Arousa, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.

Aos concellos anteriores deberanse engadir, en virtude da súa inclusión no Plan de Dinamización Económica de Galicia, na provincia de Lugo os seguintes: Sarria, O Corgo, Monforte de Lemos, Bóveda, O Incio, Lourenzá, Mondoñedo, Begonte, Outeiro de Rei, Lugo, Trabada, Rábade e A Pobra do Brollón; e na provincia de Ourense os concellos de San Cibrao das Viñas, O Carballiño, Ribadavia, San Amaro, Cenlle, Ourense, Sandiás, Riós, Verín, O Pereiro de Aguiar, Paderne de Allariz, Taboadela, Allariz, Xinzo de Limia, Viana do Bolo, A Gudiña, Vilardevós, Xunqueira de Ambía, Leiro, Sarreaus, Beade, Carballeda de Avia, Melón, A Arnoia e A Mezquita.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados da Orde do 11 de marzo de 2002, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minaría, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo, o artigo 2.A).9 da orde así como o seu anexo IX.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2005.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio