DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 02 de marzo de 2005 Páx. 3.424

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 18 de febreiro de 2005 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións a corporacións locais para actividades de fomento ao investimento en mercados retallistas, en rúas e zonas peonís-comerciais, e noutros equipamentos comerciais de carácter social, en réxime de concorrencia competitiva e se procede á súa convocatoria para o ano 2005.

A promoción, adecuación e mellora dos equipamentos comerciais de uso colectivo e de carácter social constitúen un elemento clave para o mantemento e desenvolvemento do pequeno comercio e a revitalización dos centros urbanos e dos núcleos históricos.

Así o considera o Plan de Mellora da Competitividade para o Comercio Galego, entre cuxas medidas figura un programa específico de apoio á ordenación territorial do comercio, e dentro deste a través das corporacións locais para equipamentos comerciais de carácter social e eixes comerciais, sendo como son os concellos, protagonistas indiscutibles no discorrer da actividade comercial da poboación e, especialmente, no relativo a actuacións de carácter urbanístico e de adecuación de contornos.

Polo tanto, parece oportuno establecer una liña de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Innovación, Industria e Comercio e as corporacións locais para posibilitar medidas e actuacións que sirvan para modernizar e potenciar o comercio naquelas áreas que son, ou poden chegar a ser, polos de atracción con efectos expansivos para o tráfico comercial. O desenvolvemento dos eixes comerciais, é dicir, aquelas partes neurálxicas e de atracción ao redor das cales xira o tráfico mercantil máis representativo, potenciará a zona no seu conxunto tendo como obxectivo revitalizar, impulsar e dotar dunha personalidade propia, atractiva e dinamizadora, o comercio do centro ou de certas partes do núcleo urbano dunha poboación.

O contido desta orde de axudas axústase ao establecido polo Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 142, do 23 de xullo), que recolle o réxime de axudas rexionais autorizado pola Unión Europea.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuída a Consellería de Innovación, Industria e Comercio en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. Constitúen o obxecto destas subvencións as actividades de fomento ao investimento en equipamentos

comerciais de carácter social y terán a consideración de investimento subvencionable as seguintes actuacións:

a) A realización de estudos para establecer plans concretos de actuación sobre determinadas áreas urbanas de proxección comercial. Estes estudos deberán ter por obxecto unha área territorial limitada en municipios de máis de 10.000 habitantes, debendo analizar a situación actual do comercio da dita área e do seu contorno inmediato, problemas de accesibilidade, transporte público, déficit e superávit de actividades comerciais, locais vacantes, valores do solo, polos de atracción e de centralidade, e desenvolvemento en concordancia con esta ánalise, propostas de mellora do tecido urbano, do amoblamento, sinalización, zonas de carga e descarga, inserción ou reconversión de actividades, rotulación comercial, mellora do transporte público e dos aparcamentos.

b) A realización de estudos de mellora da organización tanto física como funcional, dos mercados retallistas e centros comerciais de barrio, especialmente naquelas áreas que se encontren degradadas e/ou nas que recentemente se implantaran algunhas novas fórmulas comerciais, especialmente de gran superficie, así como a realización dos proxectos de investimento de mellora física, xestión, ou accesibilidade, como consecuencia das propostas concretas formuladas nos devanditos estudos.

c) O investimento en rúas ou zonas peonís comerciais, en concreto, as derivadas de proxectos de creación, modificación e mellora das rúas e zonas peonís-comerciais, como consecuencia das propostas especificamente formuladas.

d) A actuación nos eixes comerciais, é dicir, aqueles puntos neurálxicos e de actuación respecto dos cales xira o tráfico mercantil máis representativo. Os proxectos deberán promover o amoblamento urbano, sinalizacións, rotulación comercial e todos aqueles complementos que estimulen unha mellor actividade comercial.

e) O investimento en mercados retallistas, en concrreto, a construción, reparación, modernización e remodelación da estrutura física e das instalacións de uso comunitario de mercados retallistas de titularidade municipal.

f) O investimento noutros equipamentos comerciais de carácter social, en particular, as dotacións de equipo e instalaccións xerais ou complementarias que se integren en unidades comerciais afíns.

2. Poderán beneficiarse das subvencións obxecto desta orde os concellos da comunidade Autónoma de Galicia e as actuacións subvencionables comprenderán as executadas entre o 1 de xaneiro de 2005 e a data límite de presentación da xustificación da subvención de acordo co artigo 8º desta orde.

Artigo 2º.-Contía.

1. Para a concesión das subvencións destinarase o crédito correspondente á aplicación orzamentaria 08.04.521-V.761.1, «Transferencias de capital. Corporacións locais. Equipamentos comerciais de carácter social», coa seguinte distribución para o ano 2005 e as plurianualidades ano 2006 e 2007, con indepen

dencia dos orzamentos que se aproban nos ditos exercicios.

Aplicación orzamentaria: 08.04.521-V.761.1.

Ano 2005: 2.999.517,83 A.

Ano 2006: 1.000.000 de A.

Ano 2007: 800.000 A.

Todas estas cantidades poderán ser incrementadas en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

2. A contía máxima da subvención que se outorgue non poderá superar o 70% do investimento realizado, nin o 90% no caso de que se lle acumulen outras subvencións para igual fin, sendo á vez de aplicación as seguintes limitacións:

a) Para os investimentos considerados nos parágrafos c), d) e e) do artigo 1º, a subvención poderá alcanzar ata un máximo do 70%.

b) Para os investimentos considerados no parágrafo f) do artigo 1º, a subvención poderá alcanzar ata un máximo do 50%.

c) Para os investimentos considerados nos parágrafos a) e b) do artigo 1º, a subvención poderá alcanzar ata un máximo do 30%, excepto os referentes á materialización dos estudos, que poderán alcanzar ata o 70%.

3. Poderán adquirirse compromisos de gasto de carácter plurianual nos termos e límites do artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Para os investimentos plurianuais entenderase que os investimentos que se efectúen desde a data límite de xustificación do exercicio corrente ata o final do ano, corresponderán á anualidade seguinte, e, polo tanto, poderanse presentar como xustificantes para o cobramento da referida anualidade.

Artigo 3º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán dirixirse ao conselleiro de Innovación, Industria e Comercio e presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais ou a través de calquera das formas sinaladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñen subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Á solicitude de subvención, segundo modelo normalizado do anexo, deberá xuntarse a documentación que a seguir se relaciona por duplicado exemplar, en orixinal ou copia compulsada, polo menos unha delas:

a) Certificación do acordo de aprobación, polo correspondente órgano municipal do proxecto de investimento, da solicitude de subvención coa súa contía exacta e do plan de financiamento do proxecto.

b) Certificación acreditativa da titularidade municipal dos inmobles onde estea o mercado retallista ou das vías nas que estea previsto realizar o investimento, segundo os casos.

c) Memoria explicativa que considere os seguintes aspectos:

-Interese, oportunidade e necesidade do investimento.

-Programa de execución con especificación das datas de inicio e remate previstas.

-Estado actual do equipamento de que se trate e, se é o caso, detalle das súas instalacións, antigüidade, capacidade comercial e adecuación entre necesidades e funcións que cumpre.

d) Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras axudas ou subvencións efectuadas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

3. Así mesmo, deberá presentarse a seguinte documentación específica segundo as actividades que se relacionan:

-Realización de estudos: memoria descritiva, metodoloxía e finalidade perseguida.

-Actividades de fomento en mercados retallistas: memoria técnica, anteproxecto ou proxecto de obra realizado por técnico facultativo, visado polo colexio profesional correspondente, cando proceda.

-Actividades de fomento en rúas, zonas peonís-comerciais e eixes comerciais: estudo técnico de viabilidade do proxecto.

-Actividades de fomento noutros equipamentos comerciais de carácter social: orzamento ou factura pro forma, con expresión das características do investimento que se vai realizar.

4. O prazo de presentación de solicitudes será a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e ata o 15 de abril de 2005.

Artigo 4º.-Instrución e resolución.

1. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución dos procedementos que se tramiten ao amparo do disposto nesta orde. Non obstante cando a competencia estea delegada nos delegados provinciais desta consellería, o órgano instrutor será a secretaría xeral da respectiva delegación provincial.

Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude de subvención non reúne os requisitos exixidos nesta orde para cada caso concreto, o concello será requirido para que nun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte á recepción do devandito requirimento, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, teráselle por desistido da súa petición, tras a resolución que deberá ser ditada nos termos do artigo 42 da citada lei.

Os órganos administrativos encargados do procedemento poderán reclamar dos concellos solicitantes a documentación adicional que consideren oportuna.

Revisados os expedientes e completados, se é o caso, o órgano instrutor deberá emitir, como paso previo á valoración, un informe relativo ao cumprimento dos

requisitos que para os solicitantes se establecen no artigo anterior.

2. Unha vez informadas as solicitudes polo órgano instrutor, procederá a avaliación destas por unha comisión de valoración, constituída para o efecto en cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, composta polo secretario provincial, que a presidirá, un xefe de sección e un técnico.

3. O conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, ou se é o caso, o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, ditará a resolución de concesión ou denegación da subvención solicitada.

O beneficiario da subvención deberá aceptarla no prazo de quince días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, e para os sós efectos da optimización dos créditos dispoñibles. En caso contrario entenderase que renuncia á subvención concedida e se procederá de conformidade co establecido no artigo 42.1º da lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A aceptación da subvención formalizarase mediante documento asinado polo beneficiario no que este se compromete a cumprir todas as condicións establecidas nesta orde e, se é o caso, na resolución de concesión desta.

4. As resolucións de concesión ou denegación das subvencións serán motivadas, de acordo cos criterios de outorgamento das normas reguladoras, notificarase aos interesados e poñerá fin á vía administrativa.

As resolucións estimatorias das solicitudes de concesión de subvencións expresarán o obxecto e importe do proxecto subvencionado, a porcentaxe da subvención concedida e a contía desta e, no caso de que teña carácter plurianual, as cantidades outorgadas con cargo aos orzamentos de exercicios posteriores.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses e computarase a partir da publicación da correspondente convocatoria.

O vencemento do prazo máximo sen haberse notificado a resolución, lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

6. As delegacións provinciais, en calquera momento, poderán inspeccionar os investimento realizados e, se é o caso, as obras en curso.

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión e contía das axudas, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os seguintes:

a) A realización de estudos para establecer plans concretos de actuación sobre determinadas áreas urbanas de forte contido comercial, coas seguintes prioridades.

1. Ter por obxecto unha área territorial limitada, analizando a súa problemática actual e desenvolvemento propostas de mellora e do establecemento de medios profesionais de xestión.

2. Ter por obxecto a mellora da organización tanto física como funcional dos mercados retallistas e centros comerciais de barrio.

b) Os proxectos de obras en instalaccións de rúas e zonas peonís-comerciais, cando se sitúen en núcleos con gran presenza comercial, e as actuacións nos eixes comerciais das cidades coas seguintes prioridades:

1. Que sexan consecuencia de propostas concretas formuladas en base a estudos previos.

2. Que o proxecto sexa compartido polas asociacións de comerciantes beneficiadas coas actuacións que se vaian realizar, e que á súa vez estas tivesen un proxecto de desenvolvemento comercial da dita área.

3. Que o proxecto responda a un plan integral que resolva os aspectos estruturais e funcionais da zona, de acordo con criterios de orde xeral en materia de urbanismo comercial.

4. Que se conte cun plan de rehabilitación de vivendas e edificios da zona, que se adecue a criterios específicos de ordenación dos usos e formas comerciais.

5. Que as características físicas e comerciais da zona aconsellen a súa creación ou modificación e estas sean factibles no seu marco urbanístico.

c) Os proxectos destinados á adecuación de edificios, instalaccións e equipos en caso de mercados municipais retallistas e de abastos.

1. Que se producira unha deterioración grave nas instalaccións, nos accesos e demais particularidades do mercado.

2. Que o mercado se deba adaptar ás exixencias das normativas técnico-sanitarias e das normas básicas de seguridade en edificacións.

3. Que a natureza das obras proxectadas responda a unha reparación xeral e non a actuacións de mantemento.

d) En relación coas actividades de fomento noutros equipamentos comerciais de carácter social, terase en conta:

1. Que se remodelen as superficies comerciais para procurar un hábitat máis racional nos puntos de venda e doutros elementos comúns dos mercados retallistas ou de unidades comerciais afíns.

2. Que se faga unha ordenación axeitada do conxunto, segundo criterios de accesibilidade, comodidade e información dos consumidores e usuarios.

Artigo 6º.-Actuacións plurianuais.

1. No caso de actuacións plurianuais que excedan o exercicio da convocatoria, poderanse establecer os correspondentes compromisos anuais dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente, de conformidade co prazo de execución do investimento, para aterse ao disposto, para os efectos oportunos, no artigo 58 da Lei de réxime financiero e orzamentario de Galicia.

2. Os libramentos correspondentes a estas subvencións faranse efectivos con cargo aos créditos consignados para cada exercicio orzamentario. Se a materialización ou o pagamento do investimento se anticipase ao calendario establecido na resolución de concesión e non fose posible o reaxustamento das anualidades de subvención, o investimento ou o pagamento adiantado poderá servir de xustificación para o libramento das anualidades posteriores sempre que se obtivese a conformidade do órgano competente para a concesión da axuda.

3. Nas subvencións plurianuais, entenderase que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata o final do ano, corresponden á anualidade seguinte e polo tanto poderanse presentar como xustificantes para o cobramento da dita anualidade.

Artigo 7º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de concorrer na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

3. O beneficiario deberá solicitar a dita modificación mediante instancia dirixida ao órgano concedente, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior; cun límite de 20 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento.

4. O acto polo que se acorde a modificación da resolución, ou se é o caso, se denegue, será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente no que se dará audiencia aos interesados na forma prevista no artigo 9.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 8º.-Xustificación.

1. As subvencións concedidas faranse efectivas unha vez se presenten por duplicado os documentos que a continuación se relacionan:

a) En caso de obras:

-Proxecto de execución de obras que serviu de base para a adxudicación.

-Certificación acreditativa da adxudicación que indique o nome do contratista, o importe líquido da adxudicación, e, se é o caso, a baixa na licitación.

-Certificación da obra realizada, expedida polo técnico facultativo e aprobada polo órgano competente do concello beneficiario.

b) En caso de estudos, acta de recepción e conformidade.

c) Nos demais casos, certificación acreditativa do investimento ou da adquisición dos equipamentos.

d) En todos os casos:

-Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, para a mesma finalidade tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes, doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais.

-Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que foi concedida e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto.

2. A documentación acreditativa do investimento obxecto de subvención acollida á presente anualidade, deberá presentarse polo beneficiario con data límite o día 31 de outubro de 2005, na respectiva delegación provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas contempladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Pagamento.

1. O libramento da subvención correspondente á presente anualidade farase nun único pagamento, unha vez xustificado o investimento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado, para o que se lle unirá a documentación da xustificación, certificación expedida pola propia entidade bancaria na que conste díxito de control, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente, onde se debe realizar o aboamento.

2. Sen prexuízo do reseñado no parágrafo anterior, poderán efectuarse pagamentos parciais das subvencións concedidas ou autorizar anticipos con suxeción ao establecido no artigo 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión e sempre que este garantida a consecución do obxecto, ou de resultar a concorrencia con outras subvencións ou axudas sempre que a contía total supere o 90% do investimento.

Artigo 10º.-Réxime de recursos.

As resolucións, expresas ou presuntas dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas caberá interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xusticia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa ou de seis meses contado a partir do día seginte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercitar, se é o caso, calquera outro, que estimen procedente.

Artigo 11º.-Obrigas do beneficiario.

Son obrigacións do beneficiario:

a) Realizar o investimento ou a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Acreditar ante a entidade concedente a realización do investimento ou a actividade, así como o cumprimento dos requisitos ou condicións que determinan a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que se efectuará polo órgano concedente, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar á entidade concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos incluídos os documentos electrónicos en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Adoptar as medidas e disposicións necesarias para garantir unha adecuada publicidade no lugar das actuacións subvencionadas durante o prazo de execución, debendo constar que están subvencionadas pola Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia.

Artigo 12º.-Reintegro das subvencións.

1. Non se poderá exixir o pagamento da subvención concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora desde o seu pagamento nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos do artigo 30 da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para isto ou ocultando aquelas que o impidan.

c) Incumprimento da finalidade, actividade, proxecto ou non adopción do comportamento para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ao beneficiario con motivo da concesión da subvención.

2. Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos nos que o importe da subvención,

illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario, ou se é o caso, a porcentaxe máxima de investimento subvencionable establecido.

3. O procedemento de reintegro tramitarase de acordo ao disposto no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

4. As cantidades que os beneficiarios deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 13º.-Fiscalización e control.

A concesión das subvencións reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece o capítulo V do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 14º.-Réxime xurídico.

En todo o non previsto nesta orde haberá que aterse ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada parcialmente pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundio da Lei de réxime financiero e orzamentario de Galicia, modificado parcialmente pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para cada exercicio, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 15º.-Réxime sancionador.

As infraccións administrativas cometidas en relación coas subvencións reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia modificado parcialmente pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Artigo 16º.-Publicidade.

Unha vez ultimada a concesión das axudas publicaranse no Diario Oficial de Galicia a relación das concedidas con indicación da entidade beneficaria, contía e finalidade da subvención.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Comercio e Consumo para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2005.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio