DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 02 de marzo de 2005 Páx. 3.418

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2005, da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, pola que se regula o desenvolvemento dos programas de garantía social en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2005-2006.

A Orde do 5 de maio de 1997 (Diario Oficial de Galicia do 29 de maio) regula os programas de garantía social na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de facilitar a reinserción no sistema educativo da xente nova ou ben posibilitar o principio constitucional de acceso a un posto de traballo nas mellores condicións posibles para aqueles que decidan incorporarse á vida activa.

O Plan Galego de Formación Profesional refírese aos programas de garantía social no seu punto 6.2.4 ao propor un plan de reforzo da implantación destes programas.

Deste modo, coa oferta postobrigatoria e profesionalizadora que constitúen os programas de garantía social, o principio educativo de extensión do dereito á educación adquire un maior significado. O seu exercicio en condicións crecentes de calidade é un instrumento para evitar a desigualdade, xa que lle ofrece a este alumnado unha resposta específica que contribúe a potenciar a súa madureza, así como a lograr a autonomía necesaria para operar no seu medio e a adquirir as aprendizaxes básicas.

É, pois, unha medida máis de compensación da situación de desvantaxe e de desigualdade de oportunidades que cómpre desenvolver co fin de evitar a discriminación derivada de factores sociais, culturais, económicos, étnicos ou doutra índole, que lle impide a un determinado alumnado acceder ao ensino en condicións de igualdade.

En virtude do punto décimo terceiro da citada Orde do 5 de maio de 1997 e coa finalidade de desenvolver aqueles aspectos que a completen e permitan levar a cabo os programas de garantía social durante o curso 2005-2006, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Destinatarios.

Poderán acceder aos programas de garantía social as persoas menores de 21 anos que, polo menos, cumpran 16 anos no ano natural en que inicien o programa e se atopen nalgunha das seguintes condicións:

a) Estaren escolarizadas no segundo ciclo da educación secundaria obrigatoria e, tendo accedido a un programa de diversificación curricular, a xuízo do equipo educativo que os atende, non estar en condicións de acadar os obxectivos da etapa por esa vía. Excepcionalmente, tamén poderá acceder o alumnado ao que non lle fora posible cursar un programa de diversificación curricular e se atope, a xuízo do equipo educativo, en grave risco de abandono escolar.

O acceso aos programas de garantía social realizarase logo da avaliación psicopedagóxica, oídos os alumnos e os seus pais ou titores legais.

b) Estaren desescolarizadas e non posuíren titulación académica superior á do graduado escolar ou, tendo acadada esa titulación, carecer do título de formación profesional de primeiro grao.

c) Teren unha oferta dunha empresa para un contrato de formación.

Aquelas empresas que desexen realizar un contrato de formación a persoas que reúnan os requisitos de acceso aos programas de garantía social recollidos na presente resolución acordarán cos centros educativos que impartan estes programas o número de prazas para a área de formación básica e aqueloutras complementarias do programa.

Este alumnado poderase incorporar ao longo da realización destes programas.

Segundo.-Obxectivos.

Os programas de garantía social nas súas distintas modalidades orientaranse á consecución dos obxectivos indicados no punto segundo da Orde do 5 de maio de 1997.

O alumnado que siga os programas de garantía social poderá compatibilizalos coa obtención do título de educación secundaria polo réxime de adultos, cando a compatibilidade de horario o permita.

Asemade poderá realizar as probas libres para a obtención do título de educación secundaria obrigatoria, que convoca a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, sempre e cando reúna os requisitos da convocatoria.

O alumnado que supere un programa de garantía social, aínda que non cumpra o requisito de idade, poderá presentarse ás probas de acceso a ciclos formativos de grao medio que convoca a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para posibilitar a súa continuación no sistema educativo e a adquisición dunha maior cualificación profesional.

Terceiro.-Constitución de grupos.

Os programas de garantía social desenvolveranse en grupos cun mínimo de 10 alumnos e alumnas e un máximo de 15. En todos os programas poderá participar alumnado con necesidades educativas especiais, e non se poderán incorporar máis de tres alumnos destas características por grupo; de ser así, o número máximo de alumnos que constituirán o grupo reducirase en igual número ao de alumnos integrados. Non obstante, cando existan como mínimo oito alumnos con necesidades educativas especiais que, polas súas características, poidan ter dificultades para se integraren nun programa de garantía social, poderá constituírse un grupo exclusivamente para este colectivo.

Cuarto.-Modalidades de programas.

Os centros educativos públicos poderán acollerse aos programas de garantía social que figuran no anexo I e que responden ás seguintes modalidades:

-Programas de formación educativa e profesional: programas que se desenvolverán integramente nun centro educativo no que se impartan ensinanzas de educación secundaria, de educación de adultos, de artes plásticas e deseño, e de educación especial.

-Programas de iniciación profesional: programas en que a área de formación básica se desenvolva nun centro educativo dos indicados no punto anterior e a de formación profesional específica en colaboración con entidades da Administración local, con institucións públicas ou privadas sen ánimo de lucro ou con empresas.

Quinto.-Programa de formación educativa e profesional.

1. Obxectivos da modalidade: ademais dos obxectivos recollidos no punto segundo da Orde do 5 de maio de 1997, a modalidade de formación educativa e profesional considera de forma especial a formación para continuar estudos a través da proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio de formación profesional, ou para a obtención do título de graduado en ensino secundario obrigatorio.

2. Estrutura e distribución horaria: nesta modalidade, as áreas formativas e a súa distribución horaria para unha semana son as seguintes:

2.1. Área de formación profesional específica: 18 horas semanais.

2.2. Área de formación e orientación laboral: 2 horas semanais.

2.3. Área de formación básica: 8 horas semanais.

2.4. Titoría: 1 hora semanal.

2.5. Actividades complementarias: 1 hora semanal.

Non obstante, as delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través do Servizo de Inspección Educativa, poderán autorizar horarios distintos do anterior, sempre que existan razóns que xustifiquen esta modificación.

3. Formación en centros de traballo: complementando a formación impartida no centro educativo e para facilitar a súa inserción laboral, o alumnado poderá facer prácticas en centros de traballo relacionados co perfil profesional do programa. De ser así, o número de horas destinadas a esta formación computarase na área de formación profesional específica. Neste caso a duración máxima será de 150 horas.

Sexto.-Programa de iniciación profesional.

1. Obxectivos da modalidade: ademais dos obxectivos recollidos no punto segundo da Orde do 5 de maio de 1997, os programas de iniciación profesional considerarán de forma especial a orientación para a inserción laboral das persoas, en colaboración con empresarios e axentes sociais en xeral e en conexión con plans de emprego e inserción laboral.

2. Estrutura e distribución horaria: a estrutura desta modalidade de programas implica o desenvolvemento en tres bloques que se indican de seguido. Ademais, os centros poderanse acoller á estrutura horaria que figura nos programas de formación educativa e profesional, ou ben á seguinte:

-Bloque 1. Formación no centro educativo: esta parte terá unha finalidade fundamentalmente motivadora e orientadora e será impartida integramente no centro educativo. Estará estruturada en áreas, cunha distribución horaria que se axustará ao que se indica de seguido para cada unha delas.

2.1. Área de iniciación técnico-profesional: 150 horas (5 horas semanais).

-Formación económica e laboral: 60 horas (2 horas semanais).

-Aproximación ao mundo das profesións e ao contorno produtivo: 60 horas (2 horas semanais).

-Introdución á informática de usuario: 30 horas (1 hora semanal).

2.2. Área de formación e orientación laboral: 60 horas.

2.3. Área de formación básica: 70 horas.

2.4. Titoría: 60 horas.

2.5. Actividades complementarias: 20 horas.

-Bloque 2. Formación tecnolóxico-práctica: desenvolverase como módulo de formación profesional ocupacional relacionado co perfil do programa, en colaboración con entidades da Administración local ou institucións públicas ou privadas sen ánimo de lucro, ou en empresas coas que previamente se asinen convenios de colaboración. Este bloque terá unha duración de 500 horas.

-Bloque 3. Formación en centros de traballo: complementando a formación práctica do bloque anterior (formación tecnolóxico-práctica) e para facilitar a súa inserción laboral, o alumnado poderá facer prácticas en centros de traballo relacionados co perfil profesional do programa. O número de horas destinadas a este bloque será contabilizado dentro das horas do bloque de formación práctica.

Non obstante, as delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través do servizo de Inspección Educativa, poderán autorizar horarios distintos dos citados, sempre que existan razóns que xustifiquen esta modificación.

Sétimo.-Metodoloxía.

A metodoloxía nos programas de garantía social basearase nos principios de:

-Individualización, a través de estratexias diversas que posibiliten unha mellor aprendizaxe dos contidos da área de formación básica. Para iso é imprescindible identificar o nivel de coñecementos previos do alumnado, coa finalidade de deseñar e aplicar as actividades máis axeitadas, respectando sempre os diferentes ritmos de traballo e tendo en conta que as actividades deben seguir un proceso gradual e secuenciado. Favorecerase que o alumnado empregue as súas propias estratexias para aumentar o seu nivel de autoestima.

-Interdisciplinariedade, coa formulación que se propón como principio na área de formación básica para o alumnado dos programas de garantía social preténdese:

-Desenvolver as capacidades básicas a través do emprego de técnicas de traballo.

-Adquirir contidos de formación básica, evitando así o parcelamento dos seus compoñentes, apoiándose no medio real e conectando as actividades no taller.

En xeral, salvo autorización expresa do Servizo de Inspección Educativa, a área de formación básica non se poderá fragmentar en máis de dous ámbitos (ámbito socio-lingüístico e ámbito científico-matemático), polo que deberá ser impartida por un máximo de dous profesores.

As actividades complementarias serán actividades de tipo cultural, deportivo ou relacionadas co contorno socio-produtivo da zona.

Oitavo.-Avaliación.

A avaliación do alumnado que participe en programas de garantía social, en calquera das súas modalidades, será continua, individualizada e integradora, coa finalidade de detectar as dificultades no momento en que se produzan, investigar as súas causas e adoptar medidas correctoras oportunas. A tal fin, o profesorado fará o seguimento e a avaliación da área que imparta, referida a cada un dos alumnos. Terá como referencia os obxectivos e os criterios de avaliación sinalados nas programacións didácticas, así como o grao de madureza acadado, e requirirá a asistencia regular do alumno ou da alumna ás clases e ás actividades programadas para as distintas áreas.

Ao longo do proceso formativo débense considerar os seguintes tipos de avaliación:

-Avaliación inicial: realizarase ao comezo do curso para coñecer o nivel con que accede o alumnado e posibilitar a individualización do proceso de ensino-aprendizaxe, explicitando as adaptacións e os apoios que precise cada alumno ou alumna. Os seus resultados quedarán recollidos no expediente académico.

-Avaliación procesual ou formativa: cómpre que esta avaliación, especialmente ao principio do proceso formativo, valore máis a evolución persoal do alumnado coa aprendizaxe de contidos instrutivos.

-Avaliación final: representa o resultado do seguimento e da avaliación de todo o proceso formativo e dará lugar ás cualificacións das áreas formativas destas ensinanzas.

As cualificacións expresaranse por áreas e globalmente mediante unha escala numérica dun a dez, sen decimais. Son positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco. Nos casos das áreas de formación tecnolóxico-práctica e de formación en centros de traballo, a cualificación expresarase en termos de apto ou non apto. A cualificación destas áreas prácticas será realizada polo profesorado que efectúe o seu seguimento.

As actividades complementarias debido ás súas peculiaridades non serán avaliables.

Na avaliación do alumnado con necesidades educativas especiais terase en conta a dita circunstancia, tomando como referencia básica os criterios establecidos na adaptación curricular correspondente. De tratarse dunha adaptación curricular significativa, incorporarase ao seu expediente unha copia da resolución do órgano responsable que a autorice.

Polo menos, celebrarase unha sesión de avaliación parcial cada trimestre lectivo, o que se fará constar na acta correspondente, segundo o modelo do anexo II.

Os centros educativos realizarán a avaliación do alumnado durante o mes de maio, nas datas que permitan a todo aquel alumnado susceptible de presentarse ás probas de acceso aos ciclos de grao medio a súa preinscrición. Para este alumnado os centros educativos seguirán ofertando a formación básica nos horarios programados, ata a realización das probas. O punto anterior quedará recollido no calendario especificado no proxecto curricular do centro.

A superación dun programa de garantía social requirirá a avaliación positiva en todas e cada unha das áreas que o compoñen.

Noveno.-Certificacións, acreditacións e orientación.

1. Ao remate dun programa de garantía social autorizado ao abeiro desta resolución, o alumnado recibirá unha certificación acreditativa del, na que se farán constar as áreas e un resumo dos contidos que as integran, as cualificacións obtidas e o número de horas destinadas a cada unha delas. Este certificado será expedido polo/a secretario/a do centro co visto e prace do/a director/a (modelo no anexo III).

2. A certificación deberá ir acompañada dunha orientación sobre o futuro académico e profesional do alumno, co obxecto de asesoralo sobre a súa incorporación ao mundo do traballo para o exercicio profesional ou para proseguir ensinanzas, a través do acceso aos ciclos formativos de grao medio. A dita orientación ha preservar o dereito do alumno á confidencialidade e non terá carácter prescritivo.

3. A superación dun programa de garantía social halles permitir ás persoas interesadas concorreren á proba de acceso a ciclos formativos de grao medio.

Décimo.-Formación en centros de traballo (FCT).

O desenvolvemento da FCT realizarase tendo en conta as especificacións sobre os programas de garantía social recollidas na normativa que dita instrucións para o desenvolvemento de ciclos formativos.

A xestión dos documentos e datos relativos ao desenvolvemento do módulo de FCT realizarase mediante a utilización da aplicación informática FCT-Xade, subministrada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Décimo primeiro.-Dereitos e deberes.

Para o alumnado matriculado nos programas de garantía social é de aplicación a normativa pola que se establecen os dereitos e os deberes do alumnado e as normas de convivencia nos institutos de ensino secundario.

Décimo segundo.-Convocatorias.

Por norma xeral, o número de convocatorias nun programa de garantía social é de unha. Excepcio

nalmente, o alumnado que por enfermidade ou outra causa persoal, familiar ou social grave, que ao finalizar o programa non consiga superar os obxectivos, poderá permanecer por un período máximo dun ano nun programa de garantía social da mesma ou outra modalidade.

A escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais nos programas de garantía social poderase aumentar excepcionalmente nun ano escolar respecto do establecido con carácter xeral en centros ordinarios, conforme a Orde do 27 de decembro de 2002 pola que se establecen as condicións e criterios para a escolarización en centros sostidos con fondos públicos do alumnado non universitario con necesidades educativas especiais.

En calquera dos casos a autorización virá dada expresamente pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, logo de informe da Inspección Educativa.

Décimo terceiro.-Inscrición e matrícula.

Para os centros públicos que teñan autorizados programas de garantía social para o curso 2005-2006 establécese o período de inscrición durante o mes de xullo e de matrícula do 1 ao 14 de setembro.

A formalización da matrícula nos centros sostidos con fondos públicos, dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quedará condicionada a que haxa un número mínimo de 10 alumnos/as admitidos/as para cada programa de garantía social autorizado, sen prexuízo do previsto no artigo 3º desta resolución en relación ao alumnado con necesidades educativas especiais. A impartición destas ensinanzas cun número menor de alumnos exixirá a autorización expresa da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

Décimo cuarto.-Solicitudes.

Os centros educativos que soliciten impartir un novo programa de garantía social, ou que propoñan cambios respecto da oferta xa autorizada, remitirán á Inspección Educativa un informe no que se fagan constar os perfís profesionais solicitados, as empresas e os alumnos e alumnas susceptibles de cursalos e as programacións asociadas, incluíndo o calendario a que fai referencia o artigo 8º desta resolución. A data límite de recepción será o día 31 de abril de 2005. A resolución de autorización publicarase no DOG.

Décimo quinto.-Seguimento.

As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través dos servizos de Inspección Educativa, realizarán o apoio e o seguimento precisos para a posta en marcha e o desenvolvemento dos programas de garantía social autorizados, considerando as memorias indicadas no punto sétimo e velando pola boa marcha do proceso educativo.

Décimo sexto.-A presente resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2005.

Mª Luísa Castro Casas

Directora xeral de Formación Profesional

e Ensinanzas Especiais

ANEXO I

Catálogo de programas en relación coas familias profesionais.

Familia

profesional

PerfilCódigo

Mod. A/FEP

Código

Mod. B/PIP

Actividades agrarias.Operario de actividades forestais.GF01001GF01B01

Operario de cultivos hortícolas.GF01002GF01B02

Operario de explotacións agropecuarias.GF01003GF01003

Operario de viveiros e xardíns.GF01004GF01B04

Auxiliar de floraría.GF01005GF01B05

Actividades marítimo-pesqueiras.Operario acuicultor.GF03001GF03B01

Navegación e pesca costeira.GF03002GF03B02

Administración.Servizos auxiliares de oficina.GF04001GF04B01

Artes gráficas.Operario de imprenta rápida e manipulados.GF05001GF05B01

Auxiliar de infografía.GF05002GF05B02

Comercio e marketing.Dependente de comercio.GF06001GF06B01

Comunicación, imaxe e son.Auxiliar de imaxe.GF07001GF07B01

Edificación e obra civil.Operario de revestimentos lixeiros.GF08001GF08B01

Operario de albanelaría.GF08002GF08B02

Operario de carpintaría de obra.GF08003GF08B03

Pintor-empapelador.GF08004GF08B04

Xeseiro-escaiolista.GF08005GF08B05

Operario de pavimentación e colocación de azulexo.GF08006GF08B06

Operario de cantaría.GF08007GF08B07

Auxiliar de pintura e decoración.GF08008GF08B08

Operario de cubrición de edificios.GF08009GF08B09

Electricidade e electrónica.Instalador electricista.GF09001GF09B01

Auxiliar de electrónica.GF09002GF09B02

Operario de instalacións eléctricas de baixa tensión.GF09003GF09B03

Operario reparador de electrodomésticos.GF03004GF03B04

Fabricación mecánica.Ferreiro e forxador agrícola.GF10001GF10B01

Operario de construcións metálicas en aluminio.GF10002GF10B02

Operario de máquinas e ferramentas.GF10003GF10B03

Operario de soldadura e as construcións metálicas.GF10004GF10B04

Operario de soldadura.GF10005GF10B05

Operario de caldeiraría.GF10006GF10B06

Hostalaría e turismo.Axudante de cociña e restauración.GF11001GF11B01

Axudante de cociña.GF11002GF11B02

Familia

profesional

PerfilCódigo

Mod. A/FEP

Código

Mod. B/PIP

Axudante de repostaría e pastelaría.GF11003GF11B03

Operario de panadaría.GF11006GF11B06

Auxiliar de aloxamento, lenzaría e lavandaría.GF11004GF11B04

Axudante de servizos de restaurante e bar.GF11005GF11B05

Imaxe persoal.Auxiliar de perrucaría.GF12001GF12B01

Auxiliar de estética.GF12002GF12B02

Industrias alimentarias.Operario de conserveira vexetal.GF13001GF13B01

Operario de industrias lácteas.GF13002GF13B02

Operario de carnizaría e chacinaría.GF13003GF13B03

Operario de industrias conserveiras e semiconserveiras de marisco e peixe.GF13004GF13B04

Operario de captación, elaboración e envasado de produtos silvestres e ecolóxicos.GF13005GF13B05

Madeira e moble.Operario de fabricación e instalación de mobles modulares sinxelos.GF15001GF15B01

Operario de carpintaría de madeira maciza.GF15002GF15B02

Operario de mecanizado de madeira.GF15003GF15B03

Operario de carpintaría.GF15004GF15B04

Mantemento de vehículos autopropulsados.Axudante de mecánica xeral e electricidade do vehículo.GF16001GF16B01

Axudante de operacións de carrozaría do vehículo.GF16002GF16B02

Auxiliar de mantemento de motocicletas.GF16005GF16B05

Axudante de reparación de automóbiles.GF16003GF16B03

Axudante de reparación e mantemento de maquinaría agrícola.GF16004GF16B04

Mantemento e servizos á produción.Operario de refrixeración e climatización.GF17001GF17B01

Operario de mantemento básico de edificios.GF17002GF17B02

Operario de fontanaría.GF17004GF17B04

Operario de reparación e mantemento de maquinaria de téxtil e confección.GF17003GF17B03

Sanidade.Auxiliar de puericultura.GF19001GF19B01

Servizos á comunidade e socioculturais.Auxiliar de axuda no domicilio e residencias asistidas.GF20001GF20B01

Téxtil, confección e pel.Operario de téxtil e confección.GF21001GF21B01

Reparador de calzado e marroquinaría.GF21002GF21B02

Operario maquinista de confección industrial.GF21003GF21B03

Operario de tapizaría.GF21004GF21B04

Artes aplicadas á escultura.Forxador artístico.GP01001GP01B01

Artes plásticas aplicadas á indumentaria.Auxiliar de creación de indumentaria.GP02001GP02B01

Cerámica artística.Operario de olaría.GP05001GP05B01

Esmaltes artísticos.Operario de esmalte.GP13001GP13B01

Vidro artístico.Operario de sopra de vidro.GP10001GP10B01

Vidro e cerámica.Operario de olaría-cerámica.GF22001GF22B01

Xoiaría de arte.Operario de técnicas básicas de xoiaría.GP09001GP09B01

Operario de quincalla.GP09002GP09B02