DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 28 de febreiro de 2005 Páx. 3.276

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CENTRO DE ESTUDOS XUDICIAIS E SEGURIDADE PÚBLICA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2005 pola que se convoca un curso de especialización contra incendios-II.

Dentro do programa de actividades que o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia ten previsto realizar no ano 2005, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2005, do 4 de xaneiro, do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, anúnciase a celebración dun curso de especialización Contra incendios-II, que se desenvolverá en colaboración co Centro de Instrución de Seguridade Interior da Armada, conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Conseguir no colectivo de voluntarios de protección civil, persoal cunha preparación especializada na loita contra os incendios, que facilite a formación de seccións que poidan actuar con garantía e seguridade nas tarefas que teñan encomendada dentro das AVPC.

Segunda.-Destinatarios.

Os cursos van dirixidos aos membros das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, que previamente superasen o curso de especialización Contra Incendios-I, realizado no Centro de Instrución de Seguridade Interior da Armada, sito en Ferrol.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para este curso é de 20.

2. Duración e data: o curso terá lugar do 25 ao 29 de abril, ambos inclusive en horario de 8.30 a 14.00 horas e cunha duración de 25 horas lectivas.

3. Lugar: Centro de Instrución de Seguridade Interior da Armada, Avda. das Telleiras s/n, Ferrol (A Coruña).

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 8 de abril de 2005.

4. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do organismo ao que estea adscrito e seladas, este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo á sede do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia a: Avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada ou fax nº 986 59 09 88 ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. Os seleccionados deberán presentar, antes do inicio do curso, un certificado médico de non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das prácticas con lume real.

Quinta.-Contido.

O contido do curso de especialización Contra incendios divídese en dúas partes:

Teórica:

-Extintores portátiles de auga, CO2 e po seco. Incendios de grandes proporcións. Efecto BLEVE. Lume a distinto nivel.

-Cámara termovisualizadora ARGUS. Materiais e equipamentos empregados na extinción con auga.

-Escumas extintoras. Clasificación e utilización.

-Equipamentos detectores de gases. Explosímetro, Combiwarn C. Multiwarn.

Práctica:

-Movemento básico de mangueiras. Técnicas de aproximación e extinción do lume. Lume exterior.

-Extinción de incendios con extintores portátiles.

-Extinción de incendios en exteriores con repartidores de caudal variable, conos oco e cheo.

-Equipamentos xeradores de escumas.

-Extinción de lumes con escumas.

-Risco durante os incendios. Precaucións de seguridade Adestrador C.I. Extinción de incendios combinados en Adestrador de C.I.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso esporase no taboleiro de anuncios do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación á celebración do curso. Tamén poden confirmar a súa admisión chamando ao teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

O Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia poderá modificar o desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 15 de febreiro de 2005.

P.A. (Decreto 23/1993, do 11 febreiro)

Montserrat Bolívar Chinchilla

Secretaria xeral do Centro de Estudos Xudiciais

e Seguridade Pública de Galicia

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA