DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 28 de febreiro de 2005 Páx. 3.263

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 17 de febreiro de 2005 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a modernización e mellora do comercio retallista e se procede á súa convocatoria para o ano 2005 en desenvolvemento do Plan de mellora da competitividade do comercio galego.

A evolución da sociedade e dos hábitos de consumo obrigan o pequeno e mediano comercio a un necesario proceso de modernización da súa xestión e á adaptación continuada para poder ser competitivos.

Esta situación fixo necesaria a elaboración dun conxunto de medidas dentro do marco dunha política de comercio interior que asegure o sector tradicional do comercio, a posibilidade de adaptarse ás novas necesidades que exixen as actuais circunstancias económicas, non só para garantir a súa supervivencia, senón para posibilitar que este tipo de comercio siga proporcionando á sociedade boa parte dos servizos de abastecemento, proximidade, diversificación de oferta e mantemento dos conxuntos urbanos que desde sempre veu prestando, mediante a creación dun Plan de mellora da competitividade do comercio galego 2005-2008, que se orienta a dar resposta aos problemas actuais do sector.

O contido desta orde de axudas axústase ao establecido polo Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 142, do 23 de xullo),

que recolle o réxime de axudas rexionais autorizado pola Unión Europea.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Innovación, Industria e Comercio en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. O obxecto desta orde é a convocatoria para o ano 2005 do programa de axudas para a incorporación das novas tecnoloxías da información á xestión dos establecementos comerciais, co obxectivo de asegurar a súa continuidade en condicións de competitividade.

2. Serán beneficiarios os comerciantes retallistas, xa sexan persoas físicas ou xurídicas, sociedades civís e comunidades de bens, legalmente constituídas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que desenvolvan a súa actividade en establecementos comerciais ou en comercio ambulante no territorio galego e cuxos investimentos se realicen en establecementos comerciais situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que a súa actividade principal estea incluída nalgunha das agrupacións ou epígrafes correspondentes á clasificación do imposto de actividades económicas relacionados no anexo III desta orde. No caso de que o solicitante estea dado de alta en dúas ou mais epígrafes do IAE, entenderase como actividade principal aquela que comporte a maior facturación e se isto non fose posible de determinar, atenderase á superficie de venda destinada a cada actividade.

c) Que non superen os dez traballadores.

d) Que os seus locais comerciais non superen os 300 m de superficie comercial destinada á exposición e venda ao público (quedan excluídos para o cómputo da dita superficie as oficinas, almacéns, salas de refrixeración, talleres e outros locais dedicados á elaboración ou manipulación de produtos, aulas, aseos, etc.).

e) Os solicitantes non poderán estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables.

1. Los conceptos subvencionables serán:

* Adquisición de máquinas rexistradoras, caixóns portamoedas, terminais de punto de venda, lectores de códigos de barras, sistemas de pesaxe e etiquetaxe e sistemas antifurto incorporados ao produto.

* Ordenadores de sobremesa e periféricos destinados a aplicacións de contabilidade, facturación, almacén e automatización de vendas.

* Aplicacións e programas de carácter xenérico ou estandar destinados aos fins sinalados no punto anterior, debéndose presentar neste caso unha pequena descrición das súas principais funcións e a súa relación coa actividade comercial.

* Páxinas web destinadas ao comercio electrónico, así como os equipamentos necesarios para o acceso e xestión delas.

2. Conceptos excluídos:

* Ordenadores portátiles.

* Cámaras dixitais.

* Fotocopiadoras e aparellos de teléfono e fax.

* Hardware e software que de forma clara non se poida relacionar cunha mellora da xestión comercial, tales como programas de revelado e impresión de fotografías, tratamento da imaxe e son, deseño, obras de consulta que non correspondan á actividade desenvolvida, programas de lecer, etc.

3. Non terán carácter subvencionable os investimentos realizados mediante contratos de arrendamento financeiro ou outras modalidades de financiamento, nin se computará como investimento a compra de mercadorías obxecto de comercialización pola empresa beneficiaria.

Quedarán así mesmo excluídos de subvención aqueles conceptos desta natureza xa subvencionados nas convocatorias dos anos 2003 e 2004 ao amparo do programa cuadrienal de modernización do sector comercial retallista 2001-2004.

4. O destino das axudas obxecto desta convocatoria serán os investimentos que se realicen a partir do 1 de xaneiro de 2005 ata a data de finalización da xustificación dos investimentos, establecido no artigo 8º desta orde, en cada un dos establecementos comerciais que así o soliciten, e que sexan destinados ao exercicio da actividade comercial.

Artigo 3º.-Contía e ámbito.

1. Para a concesión das subvencións, propias dos investimentos que se convocan, destinaranse os créditos globais correspondentes a aplicación orzamentaria 08.04.521V. 770.1 Transferencias de capital. Axudas ao comercio retallista, destinándose para o financiamento daquelas a cantidade de 1.200.000 euros.

Aplicación orzamentaria: 08.04.521 V.770.1.

Aano 2005: 1.200.000.

Esta cantidade poderá incrementarse en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

2. Para poder optar á subvención establécese unha contía mínima de investimento subvencionable de 1.500 euros, IVE excluído. O investimento máximo subvencionable será de 7.000 euros.

3. Dentro dos límites establecidos no número anterior a contía máxima de subvención que se outorgará será do 35% do investimento subvencionable, IVE

excluído. Non obstante, a porcentaxe de subvención que se outorgará poderá alcanzar ata o 50%, IVE excluído, para os investimentos vinculados á incorporación por parte do comerciante ou beneficiario da axuda a un proxecto dunha ou varias agrupacións de comerciantes que asuman conxuntamente a realización dalgunha das seguintes actuacións: medios de pagamento, plans de fidelización, acceso á internet, operacións de comercio electrónico e sistemas de xestión integral da empresa, centrais de compras e servizos; que deberá ter o visto e prace previo da Consellería de Innovación, Industria e Comercio. O citado proxecto deberá ser presentado para a súa validación antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes establecido no artigo 4º desta orde.

En ambos os casos a porcentaxe de subvención que se aplicará sobre o investimento subvencionable incrementarase en cinco puntos cando o establecemento comercial se atope en concellos de menos de 5.000 habitantes de acordo co Real decreto 2348/2004, do 23 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2004.

4. O importe das axudas e subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas e subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais supere o 70% do investimento subvencionable.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán dirixirse ao conselleiro de Innovación, Industria e Comercio e presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais ou a través de calquera das formas sinaladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñen subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A solicitude de subvención, segundo o modelo normalizado do anexo I irá acompañada da documentación que a continuación se relaciona por duplicado exemplar, en orixinal ou copia compulsada, polo menos unha delas:

a) Documentos acreditativos da personalidade ou identidade do solicitante (DNI ou CIF no caso de sociedades) e, se é o caso, da representación en que se actúa.

b) Copia da escritura de constitución e modificacións posteriores, no caso de ser unha sociedade.

c) Documentación acreditativa do número de traballadores da empresa (TC2) do mes anterior á presentación da solicitude ou, se é o caso, certificación

da Seguridade Social da non existencia de traballadores e último recibo de cotización no réxime da Seguridade Social correspondente.

d) Certificación expedida pola Axencia Tributaria en que se indiquen aos epígrafes do imposto de actividades económicas nos que figura dado de alta o solicitante.

e) Copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou do imposto de sociedades do último exercicio, neste último caso se o solicitante está dado de alta en dúas ou máis epígrafes do IAE deberá acreditar que a súa actividade principal é subvencionable, segundo os datos de facturación ou no seu defecto de superficie de venda.

f) Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais; así como declaración expresa de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, segundo o anexo II desta orde.

g) Breve memoria descritiva do proxecto e obxectivos que se pretenden alcanzar.

h) Orzamentos ou facturas pro forma do investimento que se vai realizar. Non terán a consideración de orzamentos, as estimacións de gastos efectuadas polo solicitante.

i) Certificados acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública de Galicia.

j) Certificación acreditativa expedida pola asociación ou agrupación de comerciantes correspondente, de que o dito investimento se enmarca dentro dun proxecto global promovido por elas, no seu caso.

3. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 29 de abril de 2005.

Artigo 5º.-Criterios de selección de proxectos.

Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, comercial e financeiramente viables e a resolución das solicitudes efectuarase por orde de entrada, unha vez completada a documentación exixida, ata esgotar as dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 6º.-Instrución e resolución.

1. As solicitudes e a documentación presentada xunto con aquelas serán examinadas polas respectivas delegacións provinciais da Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

2. Se a solicitude e/ou a documentación que se xunta non reúnen os requisitos establecidos no artigo 4 requirirase o solicitante para que, no prazo de dez días, contados a partir do seguinte ao da recepción do citado requirimento, emende o defecto ou presente os documentos preceptivos, coa indicación de que, si non o fixer, considerarase desistido

na súa petición despois da correspondente resolución, de conformidade co disposto polo artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Os órganos administrativos encargados do procedemento poderán reclamar dos solicitantes a documentación adicional que consideren oportuna.

4. Completada a documentación, a delegación provincial correspondente, atendendo aos criterios de selección sinalados no artigo 5º emitirá o correspondente informe proposta de resolución dos proxectos seleccionados na provincia respectiva.

5. O conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, á vista dos informes proposta de resolución, ditará as resolucións de concesión ou denegación das axudas ou subvencións que procedan.

6. As resolucións de concesión ou denegación das axudas ou subvencións serán motivadas e expresarán, polo menos, o obxecto e importe do proxecto subvencionado, a subvención concedida e a contía desta ou se é o caso, o motivo da denegación.

O beneficiario da axuda deberá aceptala no prazo de quince días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, e para os únicos efectos de optimización dos créditos dispoñibles. No caso contrario entenderase que renuncia á axuda ou subvención concedida e procederase de conformidade co establecido no artigo 42.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A aceptación da axuda ou subvención, formalizarase mediante un documento asinado polo beneficiario no que se compromete a cumprir todas as condicións establecidas nesta orde da convocatoria de axudas e, se é o caso, na resolución de concesión desta.

7. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses. O prazo computarase a partir da publicación desta orde.

O vencemento do prazo máximo sen notificárselles a resolución lexítima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de axuda ou subvención.

Artigo 7º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario. Os requisitos que deberán cumprirse para isto son os seguintes:

a) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

b) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de haber concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

c) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

3. O beneficiario deberá solicitar esta modificación mediante instancia dirixida ao conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos establecidos no punto anterior, cun límite de 20 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento.

4. O acto polo que se acorde a modificación da resolución ou, se é o caso, se denegue, será ditado polo órgano concedente logo da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia aos interesados na forma prevista no artigo 9.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 8º.-Xustificación dos investimentos.

1. As subvencións concedidas farense efectivas unha vez que se presenten por duplicado, preferentemente en orixinal ou no seu defecto copia compulsada dos documentos que a continuación se relacionan:

a) Facturas xustificativas da materialización do investimento, indicando nelas concepto, importe sen IVE e importe total, así como documentos xustificativos do pagamento dos investimentos realizados.

b) Certificados de estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter débedas por ningún concepto coa Xunta de Galicia.

c) Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, para a mesma finalidade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades publicas ou privadas, nacionais ou internacionais segundo, anexo II desta orde.

2. Os órganos competentes da Consellería de Innovación, Industria e Comercio poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideran adecuadas. No caso de que non fosen remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale poderá entenderse que renuncia á axuda ou subvención concedida.

3. A falta de presentación da xustificación implicará a anulación da subvención concedida.

4. A documentación acreditativa do investimento obxecto da subvención, deberá ser presentada polo beneficiario con data límite o día 30 de setembro de 2005. Excepcionalmente para as solicitudes estimadas como consecuencia do incremento das dis

poñibilidades de crédito poderá establecerse unha data distinta na resolución de concesión.

A documentación acreditativa da xustificación presentarase na respectiva delegación provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Pagamento da axuda ou subvención.

1. O libramento da subvención farase nun único pagamento mediante transferencia bancaria unha vez xustificada o investimento, para o cal uniráselle a documentación de xustificación que se indica no artigo anterior, certificación expedida pola entidade bancaria onde se vai a realizar o aboamento, en que conste o código de banco, código da sucursal, díxito de control e código de conta corrente.

2. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o inverstimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto de o investimento realizado non sexa inferior a contía mínima establecido no artigo 3.2º. En caso de concorrencia con outras axudas observarase o establecido no artigo 3º.4.

Artigo 10º.-Réxime de recursos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados ao amparo do disposto nesta orde de convocatoria esgotarán a vía administrativa e contra elas poderase interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

E todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro que estimen procedente.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas do beneficiario:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da axuda ou subvención.

b) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que está ao día das súas

obrigas tributarias estatais e coa Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma galega.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como calquera outra comprobación e control que poidan exercer os órganos de control competentes, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle a entidade concedente a obtención de subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos incluídos os documentos electrónicos en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Todos os investimentos deberán permanecer polo menos tres anos desde a súa concesión no establecemento comercial declarado polo beneficiario na solicitude, salvo petición razoada á Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

No caso de vendedores ambulantes, deberán declarar na solicitude o lugar en que se localizan os investimentos.

Excepcionalmente, de maneira razoada, poderán presentarse para a sua autorización pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo, solicitude de cambio de localización do investimento.

Artigo 12º.-Reintegro das axudas ou subvencións.

1. Non se poderá exixir o pagamento da axuda ou subvención concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora percibidos desde o seu pagamento nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación, ou xustificación insuficiente nos termos do artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos, falseando as condicións requiridas para súa concesión ou ocultando aquelas que o impidan.

c) Incumprimento da finalidade, actividade, proxecto ou a non-adopción do comportamento para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas o beneficiario con motivo da concesión da axuda ou subvención.

2. Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da axuda ou subvención, illadamente ou en concorrencia con outras axudas ou subvencións das distintas administracións públicas o calquera dos seus entes ou sociedades públicas o privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vaia

desenvolver, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable establecido no artigo 3º, número 4.

3. O procedemento de reintegro tramitaranse de acordo co establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

4. As cantidades que os beneficiarios deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 e 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 13º.-Fiscalización e control.

1. A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e de control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o capítulo V do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e as actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

2. A Consellería de Innovación, Industria e Comercio poderá inspeccionar en calquera momento os investimentos realizados.

Artigo 14º.-Réxime xurídico.

No non previsto nesta orde atenderase ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada parcialmente pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ao establecido nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificados parcialmente pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para cada exercicio, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 15º.-Réxime sancionador.

As infraccións administrativas cometidas en relación coas axudas e subvencións reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado parcialmente pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, e no capítulo VII do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Disposición derradeira

Facúltase ao director xeral de Comercio e Consumo para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela. 17 de febreiro de 2004.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio

ANEXO III

Epígrafes do IAE subvencionables

641.-Comercio polo miúdo de froitas, verduras, hortalizas e tubérculos.

642.-Comercio polo miúdo de carnes e miúdos; de produtos derivados cárnicos elaborados: de ovos, aves, coellos de granxa, caza; e de produtos derivados deles.

643.-Comercio polo miúdo de peixes e doutros produtos da pesca e da acuicultura e caracois.

644.-Comercio polo miúdo de pan, pastelaría, confeitaría e similares, e de leite e produtos lácteos.

645.-Comercio polo miúdo de viños e bebidas de todas as clases.

647.1.-Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e de bebidas en establecementos con vendedor.

647.2.-Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e de bebidas en réxime de autoservizo ou mixto en establecementos cuxa sala de vendas teña unha superficie inferior a 120 metros cadrados.

647.3.-Comercio polo miúdo de calquera clase de produtos alimenticios e de bebidas en réxime de autoservizo ou mixto en supermercados, denominados así cando a superficie da súa sala de vendas encontre comprendidos entre 120 e 399 metros cadrados.

651.-Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro.

652.2.-Comercio polo miúdo de produtos de drogaría, perfumaría e cosmética, limpeza, pinturas, vernices, disolventes, papeis e outros produtos para a decoración e de produtos químicos.

652.3.-Comercio polo miúdo de produtos de perfumaría e cosmética, e de artigos para hixiene e aseo persoal.

652.4.-Comercio polo miúdo de plantas e herbas en herbolarios.

653.-Comercio polo miúdo de artigos para o equipamento do fogar e a construción.

654.5.-Comercio polo miúdo de toda clase de maquinaria.

657.-Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.

659.2.-Comercio polo miúdo de mobles de oficina e máquinas e equipamentos de oficina.

659.3.-Comercio polo miúdo de aparellos e instrumentos médicos, ortopédicos, ópticos e fotográficos.

659.4.-Comercio polo miúdo de libros, periódicos, artigos de papelaría e escritorio e artigos de debuxo e belas artes.

659.5.-Comercio polo miúdo de artigos de xoiaría, reloxaría, prataría e bixutaría.

659.6.-Comercio polo miúdo de xoguetes, artigos de deporte, roupa de deportivas, de vestido, calzado e lacado, armas, cartucheira e artigos de pirotecnia.

659.7.-Comercio polo miúdo de sementes, fertilizantes, flores e plantas e pequenos animais.

661.3.-Comercio polo miúdo en almacéns populares, entendendo por tales aqueles establecementos que ofrecen en seccións múltiples e venden en autoservizo ou en preselección unha variedade relativamente ampla e pouco profunda de bens de consumo, cunha gama de prezos baixa e un servizo reducido.

663.-Comercio polo miúdo fóra dun establecemento comercial permanente.