DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 28 de febreiro de 2005 Páx. 3.257

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 8 de febreiro de 2005 pola que se convocan axudas para participar no programa de integración Aulas da Natureza 2005.

As aulas da natureza cumpren unha función importante ao facilitarlles aos alumnos a posibilidade de realizaren múltiples actividades de tipo formativo, cultural e deportivo, así como de integración formal no medio propiamente escolar, xa que sitúan o neno nun medio diferente ao seu, que o leva a propiciar unha maior convivencia e cooperación cos profesores e compañeiros, ampliando os seus coñecementos e a súa compresión integral, ao coñecer diferentes lugares, xentes, terras, costumes, historia e recursos.

Así mesmo, permiten a integración, mediante a convivencia, de alumnos de réxime xeral e alumnos con necesidades educativas específicas.

Con base no acordo subscrito pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, e co fin de permitirlles aos alumnos galegos de 5º e 6º de educación primaria e 1º e 2º de educación secundaria o contacto directo con outras zonas e culturas de España, esta consellería

DISPÓN:

1. Obxecto do programa.

Esta convocatoria ten por obxecto promover a convivencia e integración dos alumnos participantes con outros compañeiros de distintas zonas e culturas,

ademais da integración de alumnos de réxime xeral e alumnos con necesidades educativas específicas.

2. Requisitos de participación.

Poderán solicitar a súa participación os alumnos matriculados en centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

a) Para os alumnos de réxime xeral: cursar 5º ou 6º de educación primaria, ou ben 1º ou 2º de educación secundaria obrigatoria e ter nacido entre o 1 de xaneiro de 1991 e o 31 de decembro de 1994, polo que as súas idades estarán comprendidas entre os 10 e os 14 anos.

b) Os alumnos con necesidades educativas específicas deberán estar escolarizados en centros ordinarios ou específicos. Así mesmo, deberán posuír un grao de autonomía e condicións persoais que posibiliten a súa adaptación a programas de integración e a súa participación en actividades de grupo, requisito que deberá ser certificado polo director do centro docente en que o alumno estea matriculado no curso 2004/2005.

Así mesmo, estes alumnos deberán ter idades comprendidas entre os 10 e os 14 anos, aínda que, de forma excepcional, poderán participar alumnos de ata 16 anos, sempre que esta circunstancia sexa aconsellada polo responsable do equipo de orientación específico ou do departamento de orientación do centro no correspondente anexo III, e se trate de alumnos con necesidades educativas específicas, escolarizados en centros específicos (non ordinarios).

O grao de discapacidade psíquica dos alumnos con necesidades educativas específicas, de ser o caso, deberá ser lixeiro ou moderado.

3. Solicitudes.

3.1. Os alumnos que desexen participar deberán solicitalo a través do centro educativo en que estean escolarizados, cubrindo o modelo de instancia que figura como anexo I desta orde.

3.2. Á solicitude xuntaráselle a seguinte documentación:

a) Cuestionario individual do alumno, anexo II.

b) No caso de alumnos con necesidade educativas específicas deberán achegar ademais:

-Informe técnico do equipo de orientación específico ou do departamento de orientación do centro, anexo III, no cal se certificará que o alumno cumpre os requisitos establecidos no punto 2.b) desta orde.

-Certificado de minusvalidez ou ditame vixente de escolarización por necesidades específicas.

3.3. O prazo de presentación de solicitudes nos centros será de 30 días naturais contados a partir

do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3.4. Dentro dos dez días naturais seguintes ao remate do prazo de presentación de solicitudes de participación, os directores dos centros remitirán as solicitudes e o resto da documentación ás delegacións provinciais correspondentes, á atención do coordinador/a do programa en cada provincia, e que a continuación se relacionan:

A Coruña: inspector de Educación, Emilio Cubera Pereira.

Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Coruña.

Salvador de Madariaga, s/n (Zona Monelos), 15008 A Coruña.

Lugo: inspectora de Educación, Mª Celsa González García.

Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Lugo.

Ronda da Muralla, 70, 27071 Lugo.

Ourense: inspectora de Educación, Concepción Martín de la Calle.

Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Ourense.

Rúa Concejo, 13, 32003 Ourense.

Pontevedra: inspectora de Educación, Adoración de la Fuente Fernández.

Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra.

Avda. de Montero Ríos, 13, 36001 Pontevedra.

4. Procedemento de selección.

4.1. En cada provincia constituirase unha comisión de valoración das solicitudes presentadas que estará presidida polo inspector/a de Educación coordinador do programa e integrada, en calidade de vogais, por:

-Un director dun centro educativo participante.

-Un membro dos equipos de orientación específicos, designado polo/a delegado/a provincial, correspondente.

-Un pai/nai dun alumno/a solicitante.

Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da delegación provincial.

Valorarase que as solicitudes estean debidamente cubertas e acheguen a máxima información posible. A comisión terá en conta os criterios de selección recollidos no punto 5 desta orde.

4.2. Esta comisión de valoración enviará á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa no prazo máximo de 20 días naturais, contados desde

a finalización do prazo de presentación de solicitudes, a seguinte documentación:

a) Relacións, por orde de prioridade, de alumnos de réxime xeral e de alumnos con necesidades educativas específicas, propostos para a súa participación no programa, con indicación da quenda.

b) Relación de alumnos excluídos, que incluirá a aqueles que presentasen a solicitude fóra de prazo, así como os que non cumpran os requisitos establecidos na convocatoria.

4.3. A selección definitiva será realizada pola Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, a través dunha comisión constituída para tal fin, e baseada nas propostas das comisións provinciais, tendo en conta que o número de alumnos con necesidades educativas específicas non poderá superar o 30% do total, para cada quenda.

5. Criterios de selección.

5.1. Criterios xerais. Para a selección de todos os alumnos teranse en conta os seguintes criterios xerais:

a) Situación de orfandade (dun só proxenitor ou responsable familiar, 5 puntos ou dos dous proxenitores ou responsables familiares, 10 puntos).

b) Pertenza a familias en que os sustentadores principais se encontren en situación de desemprego ou sexan pensionistas (un só sustentador ou responsable familiar, 5 puntos, ou os dous sustentadores ou responsables familiares, 10 puntos).

c) Pertenza a familias numerosas, ata 10 puntos.

d) Ter a condición de bolseiro de calquera convocatoria de axudas realizada polas administracións educativas, ata 10 puntos.

e) Non ter a condición de beneficiario destas axudas nos últimos dous anos, ata 10 puntos.

f) Outras circunstancias familiares e/ou económicas que dean lugar a situacións de desprotección para os alumnos e que poidan ser valorados polos órganos de selección correspondentes, ata 10 puntos.

5.2. Criterios específicos: valoraranse as características persoais do alumno derivadas do tipo de escolarización que presenta e, fundamentalmente, as posibilidades reais de participación no programa de integración. Para valorar estes aspectos terase en conta a información dos anexos II e III.

A valoración será dun máximo de 65 puntos.

6. Desenvolvemento do programa.

6.1. Os alumnos participantes desenvolverán a súas actividades en períodos de doce días no centro de programas educativos de Viérnoles en Torrelavega (Cantabria), de acordo coa seguinte distribución temporal:

1ª quenda: do 12 ao 23 de xullo de 2005.

2ª quenda: do 23 de xullo ao 3 de agosto de 2005.

3ª quenda: do 3 ao 14 de agosto de 2005.

6.2. O lugar de xuntanza de onde sairá o autobús para Viérnoles (Cantabria) e a onde regresará será a estación de autobuses de Lugo.

6.3. O traslado dos alumnos desde o seu domicilio á estación de autobuses de Lugo e o regreso desde a estación ao domicilio familiar correrá a cargo da familia.

6.4. A estancia e mais o desprazamento dos alumnos seleccionados desde a estación de autobuses de Lugo e o regreso ata esta será gratuíto.

6.5. O programa estará coordinado por un responsable titulado e un número de monitores especialmente preparados para este programa, coa atención médica necesaria.

6.6. O centro de programas educativos de Viérnoles é unha instalación fixa, situada nun contorno adecuado para os obxectivos do programa e está correctamente dotada.

7. Relación definitiva de alumnos beneficiarios.

7.1. A relación definitiva dos alumnos beneficiarios das axudas farase pública a través do Diario Oficial de Galicia.

7.2. A Administración educativa enviará ao centro a que pertenzan os alumnos a relación dos seleccionados e a información necesaria para poder participar: quenda, data, lugar e hora de saída, materiais necesarios para participar, etc.

7.3. O prazo máximo para resolver as solicitudes será de 3 meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria. As solicitudes consideraranse desestimadas de non ditarse resolución expresa no prazo sinalado.

8. Recursos.

Contra a resolución de adxudicación da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa para ditar todas as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria