DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 28 de febreiro de 2005 Páx. 3.256

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 16 de febreiro de 2005 pola que se aproba definitivamente o Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Oroso.

Por orde desta consellería do 29 de novembro de 2004, resolveuse non aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Oroso, de conformidade co previsto no artigo 85.5º b) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, ordenando a emenda dunha serie de deficiencias.

Segundo se fai constar en certificación municipal que consta no expediente, o concello, en sesión plenaria do 28 de decembro de 2004, aprobou as correccións e modificacións derivadas da Orde do 29 de novembro de 2004.

O Concello de Oroso remite o documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal, no que se recollen as referidas correccións, para a súa aprobación definitiva, de conformidade co previsto no artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O Consello da Xunta de Galicia, en sesión do 3 de febreiro de 2005, aprobou o expediente de deslindamento entre os concellos de Oroso e Santiago de Compostela, que afecta a parte do ámbito terri

torial da parroquia da Barciela, que pasa a formar parte do Concello de Oroso. Co fin de evitar un baleiro de determinacións nesta zona, procede acoutar a ordenación transitoria que se vai aplicar entretanto non sexa formulada polo Concello de Oroso, e finalmente aprobada, a súa ordenación urbanística.

A Lei 15/2004, do 29 de decembro, de modificación da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, foi publicada no DOG do 31 de decembro de 2004, producíndose a súa entrada en vigor o día 20 de xaneiro de 2005.

De conformidade co disposto polo artigo 89.1º da Lei 9/2002, a competencia para a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

Visto canto antecede, ao abeiro do disposto no artigo 85.5 a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, segundo informe do 14 de febreiro de 2005,

RESOLVO:

Artigo 1º

Outórgase aprobación definitiva ao Plan Xeral de Ordenación Municipal de Oroso, coas seguintes matizacións:

-Artigo 8.1º.5 punto 1, letra c) da normativa do plan: no seu último parágrafo, a frase «Os cerres e valados serán preferentemente vexetais, sen que os realizados con material opaco de fábrica superen a altura de 1,5 metros, salvo en casos expresamente xustificados e derivados da implantación que se realice.», substituirase por esta outra «Os cerramentos e valados serán preferentemente vexetais, sen que os realizados con material opaco de fábrica superen a altura de 1 metro, agás en parcelas edificadas, onde poderán acadar 1,5 metros.» (artigo 42.1 c) da Lei 9/2002 modificada), permanecendo inalterado o resto dese parágrafo.

-Artigo 8.1º.5, punto 4, da normativa do plan: este parágrafo deberá ser substituído polo contido do punto 2º do artigo 44 da Lei 9/2002 (redacción modificada pola Lei 15/2004).

Artigo 2º

Unha vez producida a entrada en vigor do decreto polo que se resolve o expediente de deslindamento dos concellos de Oroso e Santiago de Compostela, o Concello de Oroso formulará un proxecto de modificación do plan xeral que se vén de aprobar, co gallo de establecer a ordenación urbanística dos terreos que pasan a integrarse no territorio de Oroso.

Artigo 3º

Entretanto non resulte aprobada definitivamente a modificación referida no artigo anterior, no ámbito afectado polo novo deslindamento, serán de aplicación con carácter transitorio as determinacións do vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Santiago de Compostela.

Artigo 4º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas (axustadas conforme o expresado no artigo 1º desta orde) do plan aprobado definitivamente no BOP.

Disposición derradeira

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contenciosa-administrativa.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2005.

Alberto Núñez Feijoo

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda