DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 28 de febreiro de 2005 Páx. 3.256

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 33/2005, do 17 de febreiro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de alargamento para carril lento, mellora de interseccións e reforzo do firme na estrada PO-331. Treito: O Porriño-Gondomar. (Clave: PO/04/112.06).

Con data do 28 de xullo de 2004, o director xeral de Obras Públicas, por delegación do vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda aprobou o proxecto de construción de alargamento para carril lento, mellora de interseccións e reforzo do firme na estrada PO-331. Treito: O Porriño-Gondomar. Clave PO/04/112.06.

Os bens e dereitos nos que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectuar a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, considerándose xustificada a referida declaración pola súa incidencia na seguridade vial. Dado que se realiza un carril lento e se mellora no p.k. 15+600 a intersección actual en T, cunhas condicións de visibilidade que, aínda que son aceptables, se melloran considerablemente mediante a construción dunha glorieta.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de febreiro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, para efectos de expropiación no proxecto de construción de alargamento para carril lento, mellora de interseccións e reforzo do firme na estrada PO-331. Treito: O Porriño-Gondomar. Clave PO/04/112.06.

Santiago de Compostela, dezasete de febreiro de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijoo

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda