DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 28 de febreiro de 2005 Páx. 3.251

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 21 de febreiro de 2005 pola que se regula o procedemento de adxudicación de prazas para fillos do persoal dos servizos centrais da Xunta de Galicia, no Centro de Atención á Primeira Infancia de Vite dependente da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

Dentro da política de fomento da acción social destinada aos seus traballadores, que vén levando a cabo a Xunta de Galicia, inclúese, entre outras, a atención ás necesidades derivadas da situación familiar daqueles. Tales necesidades, apreciadas pola Administración, foron, así mesmo, postas de manifesto en diversas ocasións polas organizacións sindicais con representación entre o citado colectivo.

Polo exposto e sendo consciente a Administración da importancia do problema, con data do 28 de xaneiro de 2005, a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado asinaron un acordo de prórroga do acordo de colaboración asinado o 1 de xullo de 1996 que tiña por obxecto poñer a disposición do persoal de servizos centrais da Xunta de Galicia cinco novas unidades do Centro de Atención á Primeira Infancia de Vite, dependente da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, para a atención dos seus fillos de idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos.

Por todo o exposto, en virtude das competencias que teño atribuídas

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento de adxudicación de prazas para fillos do persoal dos servizos centrais da Xunta de Galicia no Centro de Atención á Primeira Infancia de Vite da cidade de Santiago de Compostela, dependente da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, tanto no relativo ás solicitudes de novo ingreso e de reserva de praza como á cobertura de vacantes que poidan producirse ao longo do curso 2005/2006.

Artigo 2º.-Requisitos.

Para a cobertura destas prazas establécense como requisitos:

-Ser fillo/a do persoal dos servizos centrais da Xunta de Galicia ou estar acollido legalmente por algún deles.

-Ter como mínimo 3 meses de idade e non ter cumpridos os 3 anos antes do 31 de decembro deste ano.

Artigo 3º.-Servizos.

1. Os servizos dos centros desagregados en dúas opcións: asistencia con comedor e asistencia sen comedor. Os usuarios que opten polo servizo de asistencia sen comedor, ateranse aos horarios establecidos no centro para estes efectos.

A opción de servizos elixida farase constar nos impresos de solicitude de novo ingreso ou renovación

de praza, e deberá manterse durante todo o curso salvo circunstancias sobrevidas, debidamente acreditadas, que xustifiquen a necesidade de modificación da opción elixida inicialmente.

2. Todos os centros de atención á primeira infancia dependentes desta consellería, ampliarán a 12 horas diarias, de luns a venres, a prestación do seu servizo.

A permanencia dos nenos no centro será, con carácter xeral, dun máximo de 8 horas diarias, agás causas excepcionais e convenientemente xustificadas que serán valoradas pola comisión de baremación á que se refire o artigo 8º desta orde.

Artigo 4º.-Solicitudes.

As solicitudes, por parte dos pais ou representantes legais dos nenos/as, presentaranse segundo os modelos normalizados recollidos nesta orde:

Anexo I. Reserva de praza.

Anexo II. Novo ingreso.

Os impresos de solicitude facilitaranse no propio centro, no rexistro da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública ou no enderezo electrónico (WWW.Xunta.es/conselle/fm/dxf/inex.htm).

4.1. Reserva de praza.

Os pais ou representantes legais dos nenos/as xa matriculados no centro que desexen renovar praza neste, deberán cubrir o modelo oficial de reserva de praza recollido nesta orde -anexo I-, no que deberán figurar os ingresos económicos actualizados (última nómina e copia da declaración do IRPF do exercicio 2003).

As variacións alegadas neste anexo serán cumpridamente xustificadas.

Non poderá renovar praza quen no momento de formalizar a súa solicitude manteña algunha mensualidade impagada de calquera curso.

4.2. Novo ingreso.

A solicitude de novo ingreso formularase segundo o modelo oficial recollido nesta orde -anexo II-.

Xunto coa solicitude, achegaranse os seguintes documentos cotexados:

* Fotocopia do DNI do solicitante, e se é o caso, do representante legal.

* Fotocopia do libro de familia, no seu defecto, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.

* Fotocopia da última nómina na que se acredite estar traballando nos servizos centrais da Xunta de Galicia.

* Fotocopia da declaración do IRPF do ano 2003 de cada membro da unidade familiar obrigado a declarar.

No caso de non ter obriga de presentar declaración:

1. Os solicitantes de devolución rápida (MOD. 104) achegarán copia da comunicación que lles envía a Axencia Estatal de Administración Tributaria.

2. As persoas non obrigadas a declarar e que non solicitan devolución rápida (MOD. 104) achegarán certificación dos datos existentes na Administración, expedida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

Considerarase unidade familiar, para estes efectos, a formada polos pais e fillos menores de 18 anos, ou fillos maiores de 18 cunha minusvalía superior ao 33%. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros da unidade familiar.

* En caso de nenos de integración, informe do correspondente equipo de valoración e orientación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado no que se indique a necesidade de integración do neno, se é o caso. No suposto de que estes nenos superen o límite dos 3 anos de idade, exixirase o ditame do Equipo de Orientación Específico, dependente da Inspección de Educación e Ordenación Universitaria.

* Certificación de minusvalía, se é o caso, unicamente no suposto de que non fose expedida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes de reserva de praza e novo ingreso (anexoI/anexoII) presentaranse no rexistro da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, sen prexuízo do disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das devanditas solicitudes será do 7 ao 21de marzo.

Artigo 6º.-Emenda.

No caso de que as solicitudes de reserva de praza ou novo ingreso non reúnan os requisitos exixidos, a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública requirirá ao interesado para que, nun prazo de dez días, corrixa os defectos detectados, con indicación de que, se así non se fixera, terase por desistida a súa petición, logo de resolución en tal sentido.

Artigo 7º.-Baremo de admisión.

Se a demanda supera a oferta de prazas, aplicaráselle a todas as solicitudes o baremo que a continuación se especifica:

Criterios económicos.

R.P.C. mensual da unidade familiar (pais e fillos), referida ao salario mínimo interprofesional vixente:

-Inferior ao 50% do SMI: 3 puntos.

-Entre o 50% e o 75% do SMI: 2 puntos.

-Superior ao 75% e inferior ao 100% do SMI: 1 punto.

Entenderase por RPC o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar (pais e fillos), o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familiar.

Para efectos desta orde, ten a consideración de ingresos, a suma da parte xeral mais a parte especial da base impoñible previa á aplicación do mínimo persoal e familiar do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Criterios familiares:

-Por ocupación laboral de ambos os dous pais 2: 2 puntos.

-Por familia numerosa: 2 puntos.

-Por familia monoparenta: l2 puntos.

-Por ter 1 ou máis irmáns no centro: 1 punto.

-Por ter formalizado un acollemento familiar: 1 punto.

-Outras circunstancias sociofamiliares susceptibles de valoración a xuízo da comisión de baremaciónata: ata 3 puntos.

A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o devandito baremo. Para estes efectos todos os extremos alegados acreditaranse documentalmente.

No caso de obter igual puntuación daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa, e tras a aplicación deste criterio, terán preferencia as solicitudes de asistencia con servizo de comedor.

Artigo 8º.-Comisión de baremación.

A comisión de baremación terá a seguinte composición:

-Presidente: subdirector xeral de Familia.

-Secretario: xefe de sección de Relacións Laborais.

-Vocais:

* 2 técnicos da Dirección Xeral de Familia.

* 1 funcionario/a da Dirección Xeral da Función Pública.

* O/A director/a do centro infantil.

* 1 representante sindical do persoal funcionario.

* 1 representante sindical do persoal laboral.

Artigo 9º.-Relación provisional de admitidos.

1. A comisión fará pública a relación provisional, coa puntuación obtida, por cada un dos solicitantes entre o 4 e 8 de abril.

Esta relación expoñerase na Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, na Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, no centro e na páxina web da Dirección Xeral de Familia (www.xunta.es/conselle/fm/dx/inex.htm)

2. Os solicitantes que o desexen poderán efectuar as reclamacións, debidamente documentadas, que coiden oportunas no prazo de dez días contados desde a data de publicación da relación provisional.

Artigo 10º.-Relación definitiva de admitidos.

1. Unha vez examinadas e resoltas as posibles reclamacións, por resolución da Dirección Xeral da Función Pública, procederase á publicación da relación definitiva de admitidos e da listaxe de espera coa puntuación obtida en cada caso, na última semana de abril. Tales relacións exporanse nos taboleiros de anuncios das consellerías de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado e da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, no propio centro e na páxina web da Dirección Xeral de Familia. A comisión elaborará a proposta de selección e determinará a tarifa ou as exencións aplicables en cada caso, sempre de acordo coas tarifas en vigor segundo o disposto no artigo 13º.

2. As resolucións recaídas deberánselles notificar aos solicitantes admitidos. Estes disporán dun prazo de dez días para confirmar a súa praza e achegar

a documentación complementaria segundo o disposto no artigo 11º.

Contra estas resolucións que non esgotan a vía administrativa, caberá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.

3. Con carácter xeral o prazo máximo para resolver o procedemento previsto nesta convocatoria será de 5 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

Artigo 11º.-Documentación complementaria.

Os interesados terán que presentar dentro dos dez días seguintes á notificación da admisión, certificado médico do neno ou nena, para confirmar a súa praza.

Se non se presentase a devandita documentación no prazo sinalado, terase por decaída a solicitude da praza, logo de resolución en tal sentido.

Artigo 12º.-Listaxe de espera.

As solicitudes que, por circunstancias sobrevidas debidamente xustificada, non se presentaran nos prazos fixados nesta convocatoria, serán tramitadas e baremadas para a súa inclusión na listaxe de espera, ocupando o lugar que lles correspondería segundo a puntuación obtida.

Artigo 13º.-Tarifas.

1. Para a determinación das tarifas aplicables procederase segundo o establecido no Decreto 70/2002, do 28 de febreiro, polo que se aproba o réxime de prezos dos centros de atención á primeira infancia dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

2. O pagamento de tarifas será mensual e deberanse aboar nos dez primeiros días de cada mes.

3. Todos os beneficiarios aboarán a contía de 11 mensualidades por curso salvo as excepcións recollidas na normativa reguladora destes centros.

No caso de que se soliciten máis de 8 horas diarias de asistencia, o prezo mensual que lles corresponda aboar incrementarase atendendo ao número de horas que permaneza no centro, segundo o fixado no decreto referido no punto 1 deste artigo; así mesmo, se a asistencia é dun máximo de 4 horas diarias o prezo reducirase nun 50 por cento.

Se por calquera motivo distinto o período de vacacións anuais, o centro permanecese pechado durante un número superior a quince días hábiles consecutivos, non se aboará a tarifa que corresponda a este período.

4. A inasistencia do usuario durante un período determinado non supón redución ningunha nin exención da tarifa, mentres non se formalice a baixa correspondente.

Non obstante, e con carácter excepcional, aqueles usuarios que por motivos de saúde deixen de asistir ao centro temporalmente estarán exentos de aboar a cota mensual desde o primeiro día do segundo mes natural seguinte á data de comezo do período de ausencia. Esta suspensión temporal durará ata o día primeiro do mes natural no que o usuario se reincorpore. Non

obstante, se a reincorporación se produce con posterioridade ao día 15 do mes, a cota correspondente ao dito mes, reducirase nun 50%. Nestes casos a solicitude de exención da tarifa durante o período que corresponda, xunto coa acreditación documental da circunstancia que a motiva, deberá presentarse perante a directora xeral da Función Pública.

13.5. Ao longo do curso poderase proceder á revisión da tarifa fixada inicialmente, cando concorran e se xustifiquen variacións socioeconómicas na unidade familiar referidas aos seguintes casos:

a) Modificación das variables que determinan os descontos recollidos no decreto regulador de prezos destes centros (anexo III.3).

b) Variacións nos seus ingresos, sempre que estes sufrisen durante máis de seis meses consecutivos, e mantivesen na data de revisión de tarifa, unha diminución ou incremento do 25%, fronte aos ingresos declarados na solicitude de praza.

Neste senso, o beneficiario queda obrigado a comunicar calquera variación que se produza ao respecto.

A modificación da tarifa, se é o caso, será resolta pola directora xeral de Función Pública e aplicarase a partir da data da súa revisión.

Artigo 14º.-Baixas.

Causarase baixa no centro por algunha das circunstancias seguintes:

1. Por cumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia no centro.

2. Por vontade dos pais ou representantes legais.

3. Por perda da condición de traballador/a dos servizos centrais da Xunta de Galicia

4. Por comprobación de falsidade nos documentos ou datos achegados.

5. Por incompatibilidade ou inadaptación absoluta do neno para permanecer no centro.

6. Por falta de asistencia continuada durante un mes sen causa xustificada.

7. Impago da cota establecida durante 2 meses consecutivos ou tres alternos, calquera que sexa o curso escolar ao que se refire a débeda.

As baixas serán resoltas pola Dirección Xeral da Función Pública unha vez oídos a dirección do centro e mais o interesado, agás a reflectida no punto 2.

As baixas producidas ao longo do curso escolar por calquera dos motivos anteriormente expostos cubriranse coas solicitudes que quedasen en listaxe de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral da Función Pública para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2005.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

Documentación que se xunta:

-Copia del DNI.

-Última nómina.

-Libro de familia.

-Xustificación de ingresos (declaración do IRPF do ano 2003, ou no caso de non ter obriga de declarar, certificación expedida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria).

-Informe do organismo competente sobre a necesidade de integración, no caso de nenos/as con discapacidade física, psíquica ou sensorial.

-Contrato de acollemento familiar.

-Documentación acreditativa de incidencias alegadas no eido socio-familiar, excepto certificación de minusvalía se fose expedida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA