DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 25 de febreiro de 2005 Páx. 3.202

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 18 de febreiro de 2005 de creación da comisión asesora do Plan galego de preparación e resposta á pandemia de gripe.

A gripe é unha enfermidade moi frecuente, debida á infección polo virus que leva o mesmo nome, que aínda que popularmente se considera máis molesta que grave, en realidade é unha importante causa de morte nos nenos máis cativos e, especialmente, nas persoas maiores e nos que padecen certas doenzas especialmente prevalentes no noso medio. De feito, todos os anos nos que a actividade gripal é moderada ou intensa, prodúcense coincidindo co pico da epidemia os incrementos anuais máximos de demanda nos servizos de urxencias dos hospitais e de mortalidade, debido tanto á infección gripal propiamente dita como ás numerosas complicacións respiratorias que produce.

A enfermidade transmítese de persoa a persoa, directamente por vía respiratoria, e en cada tempada inféctase unha boa parte da poboación. Ademais, como a transmisión é doada, especialmente nos lugares onde se concentran moitas persoas, e o período de transmisibilidade é prolongado, ata 7 días nos nenos, a enfermidade é incontrolable con medidas orientadas a impedir a transmisión. A única medida de control é a vacinación, que diminúe a gravidade da enfermidade, e semella que tamén diminúe a transmisibilidade en persoas vacinadas. Xunto á vacina, que é un instrumento de uso poboacional, disponse de fármacos antivíricos de uso máis individualizado.

O virus da gripe, ou da influenza, é o responsable da gripe. Hai 3 tipos de virus da gripe: A, B e C, dos cales aquí só interesan os virus do tipo A, posto que son os únicos capaces de producir unha pandemia. Estes virus de tipo A están a circular de seguido na poboación humana, nunha continua sucesión de cepas que se substitúen unhas a outras practicamente cada ano. As cepas, que se agrupan en subtipos segundo sexan as súas hemaglutinina (H) e neuraminidasa (N), son produto de pequenas mutacións que sofre o xenoma do virus, que lle permiten escapar á inmunidade que deixou a cepa precedente nas persoas que tiveron contacto con ela. Este proceso de mutacións sucesivas, coñecido como drift, é o responsable das epidemias anuais de gripe e o que obriga á reformular e administrar a vacina da gripe todos os anos.

Pero ademais destes cambios anuais, o virus de gripe pode experimentar cambios máis profundos, que afectan a unha grande parte do seu xenoma e se coñecen como shift. De ocorrer un destes cambios colocaría o novo virus nunhas condicións óptimas para infectar as persoas e transmitirse entre elas, xa que atoparía unha poboación que, como non tivo contacto anterior cun virus semellante, está totalmente desprotexida desde un punto de vista inmunolóxico. Son estas, un virus novo e a suscep

tibilidade xeral, as circunstancias necesarias para que se desenvolva unha pandemia de gripe.

Ora ben, as pandemias son fenómenos raros. A rareza das pandemias depende fundamentalmente do virus, que ademais de novo, ten que posuír a virulencia (capacidade para producir unha enfermidade grave) necesaria e ser capaz de se transmitir dunha persoa a outra. Mais, nos últimos anos deuse a conxunción de dúas destas características, o que produciu a comprensible inquedanza nas autoridades internacionais, que instaron as autoridades dos distintos países a que elaborasen plans que lles permitan estar preparados e ser capaces de darlle a resposta axeitada a unha posible pandemia de gripe.

As características da pandemia serían as seguintes: o impacto simultáneo nas diferentes localidades, polo que queda limitada a posibilidade de transferir recursos dunha localidade a outra; o número crecente de persoas que necesitan hospitalización e atención ambulatoria; o probable déficit e atraso na dispoñibilidade de vacinas e fármacos antivíricos; a alteración das infraestruturas nacionais e comunitarias, incluíndo transporte, comercio, servizos e seguridade públicos; e a difusión global da infección con abrochos ao longo de todo o mundo.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) emitiu en maio de 2003 recomendación a todos os países nas que se establecían directrices para facer fronte a unha posible pandemia de gripe. No seu Plan de preparación para a pandemia de gripe, a OMS recomenda que todos os países establezan e dispoñan dun comité nacional para a preparación do plan de actuación. O papel deste comité é a coordinación e o desenvolvemento das estratexias apropiadas para facer fronte a unha posible pandemia de gripe, e será especialmente importante no momento no que a OMS confirme a existencia dunha nova cepa antixénica e a súa potencial capacidade para transmitirse entre os seres humanos.

Un comité destas características xa se constituíu a nivel nacional, por medio do Real decreto 1131/2003, do 5 de setembro, polo que se crea o Comité Executivo Nacional para a prevención, o control e o seguimento da evolución epidemiolóxica do virus da gripe, e agora débense constituír nas distintas comunidades autónomas, órganos asesores que colaboren neste tema, porque aínda sendo a pandemia de gripe un problema global, a resposta que precisa é un problema eminentemente local.

Neste sentido, segundo o disposto no artigo 21.1º da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, que establece que lle corresponde a Consellería de Sanidade o desenvolvemento e a coordinación da política sanitaria e sociosanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia, en concordancia coas prescricións do artigo 11.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que determina que cada Administración pública delimitará, no seu propio ámbito de competencias, as unidades administra

tivas que configuran os órganos administrativos propios das especialidades derivadas da súa organización, proponse a creación dunha comisión asesora para o seguimento do Plan galego de preparación e resposta á pandemia da gripe.

A comisión contará con representantes dos sectores nos que se espera que a pandemia teña máis repercusión, que serían os seguintes: a asistencia sanitaria e social, de persoas institucionalizadas ou ambulatorias; o control da infección en institucións sanitarias e socio sanitarias; a administración de vacinas e antivíricos; a seguridade pública, tanto no ámbito policial como de protección civil; a escola, polo seu papel na transmisión e como posible instrumento de control; a gandaría, por ser unha probable porta de entrada da pandemia; a vixilancia epidemiolóxica, pola súa necesidade para adaptar a resposta á situación concreta; e a economía, polas repercusións que a pandemia terá nas distintas actividades económicas locais e polas decisións que haxa que adoptar en termos económicos.

En consecuencia, e co obxecto de acadar estes fins, a teor do disposto no artigo 11.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así coma na DF 2ª do Decreto 13/2005, do 3 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, e no uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Créase a comisión asesora do Plan galego de preparación e resposta á pandemia de gripe, en adiante, comisión asesora, como órgano de seguimento, coordinación e, se é o caso, proposta de actuacións oportunas, para levar a cabo a execución do plan.

Artigo 2º.-Composición.

1. A comisión asesora estará composta por:

a) Presidente: o conselleiro de Sanidade ou persoa en quen delegue.

b) Secretario: persoa designada polo conselleiro de Sanidade, que terá a condición de membro da comisión con voz e voto.

c) Vogais:

c.1) Os directores xerais da Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde.

c.2) Un representante, con cargo de director xeral, de cada unha das consellerías seguintes:

-Xustiza, Interior e Administración Local: Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

-Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado: Dirección Xeral do Maior e Persoas con Discapacidade.

-Educación e Ordenación Universitaria: Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa.

-Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural: Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria.

-Economía e Facenda: Dirección Xeral de Orzamentos.

c.3) Un representante da Delegación do Goberno en Galicia.

2. A devandita comisión configúrase como un órgano asesor do conselleiro e estará adscrita á Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

Artigo 3º.-Funcións.

Correspóndenlle á comisión asesora as seguintes funcións:

a) Informar sobre a proposta da estrutura organizativa e dos niveis de responsabilidade das operacións de decisión e control para facer fronte a unha posible pandemia de gripe.

b) O seguimento e avaliación das actividades de planificación, incluíndo os plans de resposta.

c) Propoñer criterios de actuación, en función da fase da pandemia, de acordo cos criterios da OMS.

d) Asesorar sobre a información que deba subministrarse a organismos estatais e autonómicos.

e) Informar sobre as actuacións da Administración autonómica coa Administración xeral do Estado.

f) Calquera outra actuación relacionada coa pandemia de gripe que lle encomende o conselleiro a nivel de información e asesoramento.

Artigo 4º.-Normas de organización e funcionamento.

Esta comisión rexerase no seu funcionamento polo disposto, en materia de órganos colexiados, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 e pola Lei 24/2001.

Artigo 5º.-Grupos de traballo.

A comisión asesora poderá crear os grupos de traballo específicos que considere necesarios para o estudo e formulación das propostas que deberá de coñecer e estudar a comisión, antes da emisión do seu informe.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Saúde Pública para adoptar as medidas adecuadas en relación coa execución e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2005.

José Manuel González Álvarez

Conselleiro de Sanidade

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA