DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 22 de febreiro de 2005 Páx. 2.957

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de febreiro de 2005 pola que se regulan as probas libres para a obtención dos títulos de técnico e técnico superior de formación profesional específica.

O Real decreto 942/2003, do 18 de xullo (BOE do 31 de xullo), que determina as condicións básicas que deben reunir as probas para a obtención dos títulos de técnico e técnico superior de formación profesional específica, establece as directrices xerais e os requisitos que deben cumprir estas probas. O artigo 2 establece que as probas serán convocadas polas administracións educativas.

O Real decreto 362/2004, do 5 de marzo (BOE do 26 de marzo), polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional específica, fixa no artigo 2 h), como unha das finalidades das ensinanzas de formación profesional, fomentar a formación ao longo da vida e motivar futuras aprendizaxes a través de vías formativas que se adapten ás situacións persoais e profesionais dos cidadáns. No artigo 26, que regula a acreditación, a validez e o rexistro de unidades de competencia, establece que a superación dun módulo formativo asociado a unha unidade de competencia dará dereito á acreditación desta. No artigo 30 especifica a posibilidade de exención do módulo de formación no centro de traballo pola súa correspondencia coa práctica laboral, e na disposición adicional oitava especifica o procedemento de validacións e de recoñecemento da experiencia laboral, así como das aprendizaxes non formais.

Pola súa parte, o Real decreto 733/1995, do 7 de maio (BOE do 2 de xuño), regula a expedición de títulos académicos e profesionais correspondentes ás ensinanzas establecidas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Así mesmo, o artigo 17 do Real decreto 777/1998, do 30 de abril (BOE do 8 de maio), polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo e das normas que o desenvolven, establece o procedemento de validacións e correspondencias.

Finalmente, o Plan Galego de Formación Profesional, elaborado no seo do Consello Galego de Formación Profesional e aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 27 de xuño de 2001, sinala no punto 1.3.1 entre as súas finalidades posibilitar o recoñecemento académico, profesional, laboral e social das diversas formas mediante as que as persoas adquiren e desenvolven a súa competencia ao longo da súa vida: práctica laboral, formación e as distintas oportunidades de aprendizaxe, tal como se

recollen no Memorando sobre a aprendizaxe permanente.

Neste marco e co fin de lles facilitar ás persoas adultas a posibilidade de recoñecer a súa experiencia laboral e as aprendizaxes non formais, para os efectos de superar os módulos que conforman os títulos de técnico e técnico superior, así como de recoñecer a competencia profesional asociada a estes, cómpre establecer, de modo progresivo, un procedemento de avaliación da competencia profesional personalizado e flexible mediante a convocatoria das probas para a obtención dos títulos de técnico e técnico superior de formación profesional específica que se imparta na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, e en virtude das competencias que ten atribuídas, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto regular, de acordo coas condicións básicas establecidas no Real decreto 942/2003, do 18 de xullo, e organizar, segundo establece a Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, no seu artigo 54.4º, as probas que leven a cabo as persoas adultas para a obtención do título de técnico e técnico superior de formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia, así como a acreditación das unidades de competencia.

2. A finalidade destas probas consiste en comprobar que os aspirantes acadaron as distintas capacidades terminais elementais e competencias profesionais de cada un dos módulos profesionais que compoñen o ciclo formativo.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos recollidos nesta orde entenderase o seguinte:

1. Unidade de competencia é o agregado mínimo de competencias profesionais susceptible de recoñecemento e acreditación, para os efectos previstos no artigo 8 da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional.

2. Competencia profesional é o conxunto de coñecementos e capacidades que permitan o exercicio da actividade profesional, conforme as exixencias da produción e do emprego.

3. Cualificación profesional é o conxunto de competencias profesionais con significación para o emprego, que poden ser adquiridas mediante a formación modular ou outros tipos de formación, e a través da experiencia laboral.

4. Aprendizaxe non formal é a que se realiza paralelamente aos principais sistemas de educación e

formación, e que non adoita proporcionar certificados oficiais. Este tipo de aprendizaxe pode adquirirse no lugar de traballo ou a través das actividades de organizacións e grupos da sociedade civil.

Artigo 3º.-Principios básicos.

Son principios básicos que deben presidir o desenvolvemento das probas reguladas nesta orde os seguintes:

1. A transparencia, a obxectividade e a calidade no desenvolvemento das probas libres de cada módulo profesional.

2. O carácter modular destas probas, polo que os aspirantes poderán optar polos módulos profesionais que sexan do seu interese, dentro dun mesmo ciclo.

3. A información e difusión entre os colectivos destinatarios das convocatorias que se efectúen en aplicación desta orde.

4. A especial consideración das características dos candidatos, polo que se lles proporcionará ás persoas que realicen a súa solicitude de admisión unha orientación profesional previa e ao longo de todo o proceso.

5. A avaliación das probas tomando como referencia as capacidades terminais elementais de cada módulo, segundo o establecido no decreto do currículo do ciclo formativo correspondente de técnico ou técnico superior de formación profesional específica vixente na Comunidade Autónoma de Galicia.

6. O carácter capitalizable da acreditación parcial das competencias adquiridas tras a superación das probas que se establezan.

7. A aprendizaxe permanente como principio básico do sistema de formación profesional, que debe permitir que cada cidadán adquira, actualice, complete ou amplíe as súas cualificacións.

Artigo 4º.-Convocatoria das probas.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocará, polo menos unha vez ao ano, probas para a obtención do título de técnico e/ou técnico superior de formación profesional específica.

2. En cada convocatoria determinaranse os ciclos formativos para os que se realizan as probas, o número de prazas que se ofrezan en cada un e os correspondentes criterios de selección dos aspirantes, o período de matriculación, a documentación para presentar, as datas e o horario de realización das probas, así como os centros públicos autorizados para a realización destas probas, nos cales se deberán estar impartindo estas ensinanzas. Así mesmo, estableceranse os requisitos para a avaliación e a acreditación das competencias.

3. Excepcionalmente, poderanse convocar probas libres de módulos dun ciclo formativo nun período diferente do establecido con carácter xeral.

Artigo 5º.-Requisitos de acceso e para a expedición do título.

1. Para acceder á realización das probas que se regulan nesta orde os solicitantes deberán ter dezaoito anos, no caso dos ciclos formativos de grao medio, e vinte anos para as probas de ciclos formativos de grao superior, cumpridos no ano natural de realización da proba.

2. Ademais dos requisitos de idade indicados anteriormente, os solicitantes deberán cumprir algún dos requisitos seguintes:

a) Acreditar unha experiencia laboral efectiva de polo menos dous anos, relacionada co sector produtivo do ciclo formativo ao cal pertenza o módulo profesional correspondente ou da unidade de competencia de que pretende o recoñecemento. Esta acreditación realizarase mediante os seguintes documentos:

1º Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, en que conste a vida laboral, e un informe de cotización ou certificación da mutualidade laboral á cal estivese afiliado, onde conste a empresa, a categoría laboral (grupo de cotización) e o período de contratación ou, de ser o caso, o período de cotización no réxime especial de traballadores autónomos ou de calquera outro medio de proba admitido en dereito.

2º Certificación da empresa en que adquirise a experiencia laboral, na cal conste especificamente a duración do contrato, a categoría laboral, a actividade desenvolvida e o período de tempo en que se realizou a dita actividade. No caso de traballadores por conta propia, certificación da alta no imposto de actividades económicas.

b) Achegar certificación xustificativa de que o interesado superou con anterioridade algún módulo ou materia de ensinanzas profesionais relacionadas co sector da familia profesional correspondente.

3. Para a solicitude do título correspondente, os aspirantes deberán achegar algunha das acreditacións seguintes.

1. Para os títulos de técnico:

a) Posuír o título de graduado en educación secundaria.

b) Posuír o título de técnico auxiliar.

c) Posuír o título de técnico.

d) Ter superado o segundo curso do bacharelato unificado e polivalente (BUP).

e) Ter superado o segundo curso do primeiro ciclo experimental de reforma das ensinanzas medias.

f) Ter superado o terceiro curso do Plan 1963 das ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos, ou o segundo curso de comúns experimental.

g) Ter superados outros estudos declarados equivalentes con algún dos anteriores para os efectos académicos.

2. Para os títulos de técnico superior:

a) Posuír o título de bacharelato establecido na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

b) Ter superado o segundo curso de calquera modalidade de bacharelato experimental.

c) Ter superado o curso de orientación universitaria (COU) ou preuniversitario.

d) Posuír o título de técnico especialista, técnico superior ou equivalente para os efectos académicos.

e) Posuír unha titulación universitaria ou equivalente.

f) Ter superados outros estudos declarados equivalentes con algún dos anteriores para os efectos académicos.

3. No caso de non posuír ningunha das anteriores acreditacións, poderá alegar ter superada a proba de acceso definida na Orde do 1 de abril de 2002 (DOG do 12 de abril).

Artigo 6º.-Matrícula.

1. A matrícula para a realización das probas deberase formalizar nos centros docentes públicos en que estas se desenvolvan e para os ciclos formativos e módulos que se determinen nas convocatorias anuais. A matrícula poderase realizar para un ciclo formativo completo ou para algún ou algúns dos módulos que o compoñen.

2. Durante un mesmo curso académico, un alumno non poderá estar matriculado nas ensinanzas conducentes a un título e, simultaneamente, nas probas que se regulan nesta orde, se teñen por obxecto a obtención do mesmo título. Xa que logo, o alumnado que estea matriculado nese curso e queira presentarse ás probas libres deberá darse de baixa antes de se inscribir para realizar as probas.

3. Así mesmo, durante un mesmo curso académico o alumnado non poderá matricularse para estas probas do mesmo ciclo formativo en máis dun centro.

4. Os aspirantes que, a través de aprendizaxes non formais ou de experiencia laboral, consideren ter adquiridas competencias profesionais que formen parte de unidades de competencia e de capacidades relacionadas con módulos non asociados con unidades de competencia que o decreto do currículo establece que poden ser obxecto de correspondencia coa práctica laboral, poderán solicitar a súa avaliación e o seu recoñecemento no momento de realizar a matrícula. A Administración educativa esta

blecerá os modelos que lles permitan ás empresas en que o aspirante adquirise a experiencia laboral emitir os certificados que acrediten as actividades desenvolvidas nela pola persoa que se matricula nestas probas. Nos centros prestaráselles a orientación e o asesoramento pertinentes aos aspirantes, para a elaboración desta documentación.

5. Para que as aprendizaxes non formais poidan ser avaliadas e recoñecidas pola comisión de avaliación das probas, deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Certificado da actividade formativa, no cal debe constar: a entidade que expide o certificado, o título da actividade de formación, o número de horas e o programa formativo.

b) No caso de ter realizados estudos parciais para a obtención dun título oficial, debe presentar o correspondente certificado expedido polo centro oficial responsable.

6. A matrícula quedará formalizada unha vez que a comisión resolva a súa aceptación, despois de verificar os requisitos establecidos no artigo 5º desta orde para os seleccionados segundo os criterios que se establezan na convocatoria anual.

7. Os aspirantes poderán presentar reclamacións ás listaxes provisionais de admitidos no prazo de dez días naturais contados a partir da súa publicación. As comisións de avaliación resolverán estas reclamacións nun prazo máximo de dez días naturais.

8. A relación definitiva de inscritos ás probas de cada módulo deberá estar publicada no taboleiro de anuncios do centro en que se vai realizar o exame, cunha antelación mínima de dez días ata o comezo das probas.

Artigo 7º.-Calendario das probas.

1. A inscrición formalizarase durante o primeiro trimestre de cada ano e as probas realizaranse entre o segundo e o terceiro trimestre do ano. Os períodos concretos determinaranse anualmente en cada convocatoria.

2. O calendario das probas farase público no taboleiro de anuncios de cada centro en que se vaian realizar, con polo menos 10 días de antelación á súa realización. Neste calendario faranse constar os días, as horas, os lugares e a duración de cada proba.

Artigo 8º.-Elaboración das probas.

1. A dirección xeral competente en materia de formación profesional coordinará a elaboración destas probas.

2. Confeccionarase unha proba por cada un dos módulos profesionais que compoñen os ciclos formativos, excepto no caso do módulo de formación en centros de traballo, que se aterá á disposición adicional segunda desta orde.

Artigo 9º.-Contido das probas.

1. Os contidos das probas axustaranse aos currículos dos ciclos formativos vixentes na Comunidade

Autónoma de Galicia e ás súas correspondentes competencias profesionais previstas no perfil profesional de cada título.

2. As probas incluirán contidos teóricos e prácticos que permitan evidenciar, a través das capacidades terminais elementais e das realizacións correspondentes, se o aspirante acadou as distintas capacidades e competencias.

Artigo 10º.-Comisións de avaliación.

1. A dirección xeral competente en materia de formación profesional, por proposta das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nomeará as comisións de avaliación que cumpra para a realización das probas.

2. As ditas comisións estarán constituídas, polo menos, por cinco membros, dos que un actuará como presidente e outro como secretario. Haberá como mínimo un membro con atribución docente para cada un dos módulos profesionais.

3. Para a avaliación dos módulos asignados a profesorado especialista poderanse integrar profesionais cualificados como asesores externos, no número que se considere necesario, que serán nomeados pola dirección xeral competente en materia de formación profesional.

4. Con carácter previo ás probas, as comisións de avaliación procederán á valoración da documentación achegada polos candidatos a que se refire o artigo 6.4º desta orde, e poderán requirir do interesado, se for necesario, a achega doutra documentación complementaria que evidencie a adquisición das competencias e das capacidades para as que solicita recoñecemento.

Artigo 11º.-Avaliación.

1. A avaliación realizarase tomando como referencia as capacidades terminais elementais de cada un dos módulos profesionais, así como as realizacións e os criterios de realización das unidades de competencia correspondentes.

2. A expresión da avaliación de cada un dos módulos profesionais e, de ser o caso, a cualificación final do ciclo formativo realizarase nos termos previstos na normativa vixente en materia de avaliación da formación profesional específica.

Artigo 12º.-Reclamacións.

1. Os resultados provisionais das probas publicaranse no taboleiro de anuncios do centro nun prazo máximo de cinco días hábiles, contados desde o día seguinte ao da finalización das probas do ciclo.

2. Contra estas cualificacións, os aspirantes poderán presentar reclamacións ante a comisión de avaliación, segundo o procedemento establecido na normativa vixente para alumnos de formación profesional específica de réxime xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, tal como especifica a Orde do 16 de xullo de 2002 (DOG do 13 de setembro),

pola que se regula a avaliación e a acreditación do alumnado que cursa a formación profesional específica de réxime xeral na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O procedemento e os prazos para a presentación e a tramitación das reclamacións será o seguinte:

a) A reclamación presentarase por escrito ante a comisión de avaliación no centro en que se realizaron as probas, nun prazo de cinco días naturais a partir da publicación da cualificación final ou da decisión adoptada.

b) A comisión de avaliación poderá, con base no que se establece no punto 1 deste artigo, e coa debida documentación, ratificarse na cualificación outorgada ou estimar a súa rectificación, e deberá resolver nun prazo máximo de cinco días. A listaxe definitiva publicarase no taboleiro de anuncios do centro en que se realizaron as probas.

c) Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada perante a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992 (BOE do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

d) A resolución deste recurso, que pon fin á vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses.

Artigo 13º.-Validacións e exencións.

1. Aos aspirantes seralles de aplicación o disposto na normativa vixente en materia de validacións de módulos profesionais pertencentes a ciclos formativos de formación profesional específica e de exención do módulo de formación en centros de traballo.

2. As persoas que desexen solicitar a validación ou a exención dun módulo, de conformidade coa normativa, terán que matricularse previamente para facer a proba libre dese módulo e facer constar no momento da matrícula que solicitan a validación ou a exención dalgún módulo, polo que terán que xuntar, nese mesmo acto de matriculación, a documentación que acredita o cumprimento dos requisitos exixidos para obtela.

3. No caso de solicitar a exención do módulo de FCT, a xustificación documental poderase presentar, non obstante, unha vez superado o resto dos módulos profesionais, facendo constar este extremo na solicitude de inscrición. A documentación para presentar será a mesma que se lles exixe aos alumnos que cursan ciclos formativos de formación profesional específica polo réxime presencial.

4. Se, como resultado do proceso de valoración que se indica no artigo 9º.4, as comisións de avaliación consideran que o aspirante acadou deter

minadas competencias profesionais ou capacidades, poderán eximilo da realización da parte correspondente das probas.

Artigo 14º.-Titulación, acreditación e rexistro.

1. Os interesados que superen todos os módulos profesionais dun mesmo ciclo formativo deberán acreditar, antes da solicitude de expedición do título correspondente, o cumprimento dos requisitos académicos ou de acceso establecidos no artigo 38 da Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación.

2. A superación dos módulos profesionais asociados a unha unidade de competencia darán dereito á acreditación desta. Para tal efecto, o centro docente emitirá un certificado, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde, no cal conste o módulo superado, a competencia adquirida e o ciclo formativo a que pertence.

3. A acreditación das unidades de competencia realizaraa a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e terá validez en todo o territorio do Estado.

4. O rexistro das acreditacións de unidades de competencia e, de ser o caso, das cualificacións profesionais, realizarase de acordo co procedemento establecido no Real decreto 733/1995, do 5 de maio (BOE do 2 de xuño), sobre expedición de títulos académicos e profesionais.

Disposición adicional

Primeira.-Realización do módulo de formación en centros de traballo

1. O módulo profesional de formación en centros de traballo deberase realizar de xeito presencial no número de horas que como duración fixa determine o currículo do ciclo formativo correspondente e despois de ter aprobados todos os módulos profesionais que compoñen o ciclo formativo. O centro en que se matricule deberá facilitar a empresa ou as empresas onde poida realizar a formación en centros de traballo, e fará o seu seguimento e a súa avaliación en idénticos termos e iguais condicións que os alumnos que cursan o ciclo en réxime presencial.

2. A matrícula para a realización deste módulo profesional de formación en centros de traballo poderase realizar en calquera centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia que teña autorizada a impartición do ciclo formativo a que pertence, e deberá realizarse inmediatamente despois, no prazo que lle corresponda.

3. Cando proceda, o centro educativo facilitará a compatibilidade da actividade laboral do alumno coa realización do módulo de formación en centros de traballo.

4. Será aplicable, para todos os efectos, a normativa reguladora da formación en centros de traballo vixen

te na Comunidade Autónoma de Galicia no momento de se realizaren as probas.

Disposicións transitorias

Primeira.-Se non está publicado o currículo galego.

1. No caso de non estar publicado o currículo galego dun ciclo, para os efectos do previsto nesta orde, terase en conta o establecido no real decreto polo que se establece o título e as correspondentes ensinanzas mínimas.

Segunda.-Avaliación das competencias profesionais.

1. A avaliación das competencias profesionais adquiridas a través de aprendizaxes non formais ou de experiencia laboral efectuarase atendendo ás correspondentes cualificacións profesionais incluídas no Catálogo Nacional das Cualificacións Profesionais, creado pola Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, e de conformidade co previsto no Real decreto 1128/2003, do 5 de setembro, polo que se regula o Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais (BOE do 17 de setembro).

2. Ata que non se inclúa nese catálogo a correspondente cualificación profesional, a avaliación das competencias as que se refire o punto anterior efectuarase atendendo ás unidades de competencia establecidas nos títulos de técnico e técnico superior de formación profesional específica previstas nos currículos dos ciclos formativos da Comunidade Autónoma de Galicia e, con carácter supletorio, no currículo do ciclo formativo aprobado para o ámbito de xestión do Ministerio de Educación e Ciencia. Xa que logo, haberá que aterse ao que se especifica no currículo do ciclo formativo correspondente aos módulos profesionais que son susceptibles de correspondencia e validación coa formación profesional ocupacional e coa práctica laboral.

3. Corresponderalle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a expedición dos títulos de formación profesional e, de ser o caso, a acreditación parcial das competencias profesionais asociadas a eles derivada da avaliación correspondente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Título competencial.

1. A dirección xeral competente en materia de formación profesional poderá desenvolver esta orde, así como adaptala ás peculiaridades das diferentes ofertas de formación profesional.

Segunda.-Entrada en vigor.

1. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA