DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 18 de febreiro de 2005 Páx. 2.863

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

EDICTO do 23 de decembro de 2004, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve o recurso de reposición de José Luis Vidal, en representación da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Vicente, do concello do Grove, contra resolución adoptada polo Xurado de Montes de Pontevedra o 3 de abril de 2004.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente José A. López Rodríguez (delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente).

Vogais:

Alfonso Castro Carrera (avogado polo colexio da provincia).

Manuel Francisco Gutiérrez (xefe do Servizo de Montes e Industrias Forestais).

Luis Mª Muiños Vidueira (letrado da Asesoría Xurídica da Xunta).

Secretaria: Pilar Pita Ponte (xefa de Sección do Servizo Técnico-Xurídico da Delegación de Medio Ambiente).

Na cidade de Pontevedra, sendo as dezasete horas do día quince de decembro de 2004, coa asistencia das persoas á marxe reseñadas, reúnese no 4º andar do edificio sito no nº 47 da rúa Benito Corbal o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir sobre o recurso de reposición interposto por José Luis Vidal, en representación da CMVMC de San Vicente, do concello do Grove, contra resolución adoptada polo Xurado de Montes de Pontevedra en data 3 de abril de 2004.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data de entrada 21 de setembro de 1998, Calixto Escariz Vázquez, en representación da Comunidade de Montes de San Vicente do Grove, presenta solicitude de iniciación de expediente de clasificación dos montes denominados Cornuda e outros como veciñais en man común para os veciños da parroquia de San Vicente, do concello do Grove.

Segundo.-O xurado, con data 3 de abril de 2002 acordou non incoar expediente para a clasificación con carácter de veciñal en man común das parcelas 2, 3, 6, 7, 8, 9, 10, 11, 12, 13, 14, 18, 19, 20, 21 e 22 denominadas respectivamente Regos da Rozabella, Lampáns, Campo do Río dos Ameneiros, Pedras Negras, Monte do Castro-Laxes, Con da Oliva-Barroqueiras-Pantoeiras-Con do Trebol-Coviña do Inferno, Regueira-Gándara, Correeira, Bizocas, Campos do Xeixaliño, Cruceiro dos Prados-Xesteiriña-Bodeira, Con da Corva, Baleela-Castriños, Campos do Con do Río, As Baladas e Costa I, da parroquia de San Vicente do Concello do Grove, fundamentándose a non incoación no feito de que as devanditas parcelas xa foron obxecto de estudo e resolución por acordo do xurado provincial de data 12 de xullo de 1993 e a inexistencia de variacións nas circunstancias que determinaron o citado acordo.

Terceiro.-Con data de entrada 31-5-2002 José Luis Vidal, na súa calidade de presidente da CMVMC de San Vicente do Grove presenta perante o xurado provincial, recurso potestativo de reposición, contra o acordo de non incoación do expediente de clasificación con carácter de veciñal en man común das parcelas antes referidas, fundamentado nas causas de oposición que de xeito resumido se expoñen a continuación:

-Que a resolución do xurado non foi motivada ao non xustificar a inexistencia de variacións en relación ás circuntancias que determinaron o acordo de

1993 cando si varían as circunstancias ao achegarse nova documentación.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para resolver os recursos de reposición contra as súas resolucións de conformidade co artigo 116 da Lei 30/1992.

Segundo.-Procede admitir a trámite o recurso de reposición interposto por cumprir cos requisitos exixidos polo artigo 117.1º da citada lei.

Terceiro.-Na resolución ditada polo xurado de data 12-7-1993, fundamentouse a non clasificación das parcelas obxecto deste recurso, no contido do informe elaborado polo enxeñeiro do Servizo de Montes no que sinalaba a concorrencia nas devanditas parcelas de circunstancias que imposibilitan o aproveitamento como nos areais, ou con notoria e pacífica ocupación de terceiros con urbanizacións e construcións ou instalacións incompatibles coa natureza insita na lei reguladora e na reunión do xurado de data 3 de abril de 2002 acordouse a non incoación de expediente no que se refire as parcelas obxecto do recurso fundamentándose a non incoación no feito de que as devanditas parcelas xa foron obxecto de estudo e resolución por acordo do xurado provincial de data 12 de xullo de 1993 e a inexistencia de variacións nas circunstancias que determinaron o citado acordo.

Á vista do expediente, resulta acreditado que o solicitante achega xunto coa solicitude de data 18-9-1998, nova documentación, pero desta non se desprende que as circunstancias que motivaron a non clasificación polo xurado no acordo de data 12-7-1993 cambiaran, polo que non existen causas que fundamenten a estimación do recurso.

En consecuencia, vistos os preceptos legais citados e demais normativa de xeral e pertinente aplicación, o instrutor propón e de maneira unánime o xurado

ACORDA:

Desestimar o recurso de reposición interposto por José Luis Vidal, contra a non incoación no expediente de clasificación das parcelas mencionadas no antecedente de feito segundo.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 109 a) e 116.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 23 de decembro de 2004.

José Antonio López Rodríguez

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra