DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 18 de febreiro de 2005 Páx. 2.841

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2005 que modifica a do 23 de abril de 2004 (DOG do 14 de xuño), pola que se fan públicas as taxas que se deberán aboar pola inscrición nas convocatorias para a selección de persoal da Universidade de Santiago de Compostela (USC)

A Resolución do 23-4-2004 (DOG do 14 de xuño) estableceu as taxas que se deberán aboar pola inscrición nas convocatorias para a selección de persoal da USC de conformidade coa Lei 6/2003, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, actualizadas nese momento pola Lei 8/2003, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

O orzamento da USC para o ano 2005, aprobado polo Consello Social na súa sesión do 29 de decembro de 2004, inclúe como anexo as tarifas pola prestación de servizos universitarios e, entre elas, as taxas que se deberán aboar pola inscrición nas convocatorias para a selección de persoal da USC segundo a tarifa vixente durante o ano 2004, pendente da actualización para o ano 2005 pola Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma galega para 2005.

Publicada a Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, o seu artigo 32 eleva os tipos das taxas de contía fixa vixentes ata a cantidade que resulte da aplicación do coeficiente do 1,02, aplicables ás contías exixibles no momento da entrada en vigor da antedita lei. Por outra banda, esta norma amplía os supostos de exención de taxas na inscrición.

En consecuencia, procede actualizar a Resolución do 23 de abril de 2004 para adaptala ao establecido na Lei autonómica 13/2004, do 29 de decembro, antes citada.

Por todo o anterior, esta reitoría resolve:

Modificar os puntos primeiro e quinto da resolución do 23 de abril de 2004, sobre taxas que se deberán aboar pola inscrición nas convocatorias para a selección de persoal da USC, establecendo a seguinte redacción:

«Primeiro.-A contía das taxas que se deberán aboar pola inscrición nas convocatorias para a selección de persoal da USC durante o ano 2005 será a seguinte:

-Para acceder a un posto de traballo do grupo A ou grupo I do convenio: 37,45 A.

-Para acceder a un posto de traballo do grupo B ou grupo II do convenio: 32,25 A.

-Para acceder a un posto de traballo do grupo C ou grupo III do convenio: 28,09 A.

-Para acceder a un posto de traballo do grupo D ou grupo IV do convenio: 22,89 A.

Quinto.-Gozarán de exención na inscrición nas convocatorias para a selección de persoal as persoas con minusvalidez igual ou superior ao 33%, e aqueloutras que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. No caso de membros de categoría xeral, terán unha bonificación do 50%».

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2005.

Senén Barro Ameneiro

Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA