DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 18 de febreiro de 2005 Páx. 2.838

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CENTRO DE ESTUDOS XUDICIAIS E SEGURIDADE PÚBLICA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 2005 pola que se convocan tres xornadas prácticas na loita contra incendios.

Dentro do programa de actividades que o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia ten previsto realizar no ano 2005, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2005, do 4 de xaneiro, do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, anúnciase a celebración de tres xornadas prácticas na loita contra incendios, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Xornadas de actualización e reciclaxe na loita contra os incendios, para aqueles voluntarios que teñen certa experiencia neste punto, poñendo ao día os coñecementos e habilidades precisas para actuar de maneira correcta ante os eventos producidos polo lume.

Segunda.-Destinatarios.

Voluntarios de protección civil que teñan realizado o curso básico de protección civil e o curso de 2º nivel sobre loita contra incendios urbanos e forestais, e que non realizasen o curso de especialización contra incendios de Ferrol.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas é de 20 para cada xornada.

2. Duración e datas: cada unha das xornadas terá unha duración de dous días, en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas e desenvolveranse os días 4 e 5; 6 e 7; 8 e 11 de abril de 2005, respectivamente.

3. Lugar: o curso realizarase na sede do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia no concello da Estrada.

4. Aqueles voluntarios seleccionados que teñan roupa axeitada para a realización das prácticas poderán vir provistos dela, de non ser así prestaráselles equipamento para o efecto.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestas xornadas deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 18 de marzo de 2005.

4. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do organismo ao que estea adscrito e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma entidade, relacionalas en orde prioritaria. Este será requisito indispensable para ser admitido na xornada.

5. As instancias deberán enviarse por correo á sede do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia a: Avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada ou fax nº 986 59 09 88 ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

Nelas trataranse os seguintes temas:

1. Equipamentos protección térmica.

2. Extinción incendios clase A-B.

3. Manexo de equipos ERA.

4. Rede contra incendios.

a) Conexión/desconexión; tendido/pregado.

b) Construción de liñas de extinción con mangueiras de diferentes tipos e diámetros, liñas de distribución, protección e ventilación. Montaxe de diferentes sistemas de xeración de escuma. Manexo de diferentes clases de espumóxeno asesorando das súas vantaxes e inconvenientes.

c) Prácticas estáticas con presión de auga, adestrando na composición de equipamentos de extinción.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización das xornadas esporase no taboleiro de anun

cios do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación á celebración do curso. Tamén poden confirmar a súa admisión chamando ao teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia a puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate da xornada entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

O Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia poderá modificar o desenvolvemento da xornada para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 9 de febreiro de 2005.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral do Centro de Estudos Xudiciais

e Seguridade Pública de Galicia