DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 18 de febreiro de 2005 Páx. 2.800

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 4 de febreiro de 2005 pola que se convocan subvencións a empresas privadas para a innovación e renovación de campamentos públicos de turismo dirixidas á implantación de sistemas de calidade e xestión ambiental.

Os campamentos de turismo, tamén coñecidos como campings, son unha das variedades turísticas con máis crecemento e demanda nos derradeiros anos. Así o camping converteuse nun sinónimo de turismo alternativo, nunha forma distinta, fundamentalmente representada polo maior contacto coa natureza, de desfrutar das vacacións e do tempo libre.

A importancia do camping no ámbito turístico galego vénse poñendo de manifesto non só polo volume da súa frecuentación senon tamén porque potencia o turismo complementario activo (pesca, rafting, senderismo...) ao tempo que amplía a súa clientela, ao facela extensiva ás persoas de idade madura e familias, grazas á modernización das súas instalacións.

É, en consecuencia, neste concreto campo da actividade turística referida aos campings onde a implantanción e desenvolvemento dos elementos de calidade tanto nas instalacións como na prestación dos servizos turísticos, sobre todo se pertencen a sistemas de calidade homologados polos organismos competentes, o que os dota dun selo diferenciador que dá lugar a unha vantaxe competitiva fronte a outros operadores, que consegue a satisfacción do cliente, favorece o crecemento comercial da empresa que o implanta, e produce, a medio prazo, un aforro patente de recursos económicos e humanos.

O turista elixe as súas vacacións en función do destino, polo que este é un elemento básico de actuación se o que se persigue é ir cara adiante na mellora da calidade da oferta turística da Comunidade Galega, referida, neste caso, aos campamentos de turismo. A mellora constante na xestión das empresas para lograr a satisfacción dos clientes, xunto coa das persoas, propietarios e empregados das mesmas, así como o respecto ao ambiente e a responsabilidade social, configuran o horizonte que se denomina excelencia na xestión, meta esta que a Comunidade Galega pretende alcanzar en todas as súas actividades turísticas.

Neste sentido de excelencia na xestión, que pretendemos alcanzar, debe primarse ao mesmo tempo que a calidade, e aínda máis se cabe, o desenvolvemento de procesos ambientais positivos e aunar os esforzos, tanto do sector público como o privado, para reducir os impactos que a actividade turística pode supoñer no ambiente.

A mellora da calidade ambiental, a través das actuacións que as empresas turísticas poñan en marcha, por medio de todos aqueles procesos de protección que estean o seu alcance, debe verse non só desde un punto de vista de gasto económico senón como unha forma máis de aforro de custos (enerxía, auga, redución de volume de lixo) ao tempo que supón unha incentivación máis que redunda en beneficio tanto do propio contorno, e polo tanto da Comunidade en xeral, como do propio turista que desfrutará non só da calidade dos servizos que se lle ofertan senon tamén da propia conciencia de preservación do medio natural.

Deste xeito debe ser obxectivo primordial no sector turístico que este se leve a cabo sobre criterios de calidade baseados nos principios do desenvolvemento sostible, é dicir, debe ser, ao tempo que viable economicamente, soportable desde o punto de vista

ecolóxico a longo prazo. Unha boa xestión do turismo exixe garantir a sustentabilidade dos recursos dos que depende así como todas as actividades relacionadas con el, independentemente do contorno onde teñan lugar.

É intención, e polo tanto importante factor para a incentivación e fomento de toda actuación que teña que ver coa finalidade que deixamos exposta sobre a calidade xa non só de infraestruturas e servizos senón tamén ambiental, que a nosa Comunidade Autónoma destaque pola súa preocupación e traballo sobre un turismo de calidade e de preservación do medio natural que podería denominarse como ecolóxico, comezando, neste caso, polo sector camping como tal camping ecolóxico.

Por todo o exposto, as subvencións que se convocan por medio desta orde teñen por finalidade actuacións encamiñadas a facer de Galicia un destino turístico no que prime a calidade dos seus establecementos turísticos así como a do servizo prestado, concretados neste caso na calidade dos campings, actuacións que permitan en todo caso a súa adhesión ao Sistema de Calidade no Sector de Campings (ICTE), ou a calquera outro sistema de calidade recoñecido como válido para este sector, así como aquelas actuacións que pretendan a implantación de sistemas de protección ou mellora do comportamento ambiental que permitan acceder, como derradeira finalidade, á adhesión ao sistema comunitario de gestión e auditoria ambiental (EMAS).

Por todo isto e con cargo aos créditos da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo asignados para esta finalidade así como os límites de intensidade establecidos no Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia e todo isto consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei e tendo en conta o determinado no Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse axudas destinadas á innovación e renovación de campamentos públicos de turismo que polo súa conceptuación como actividade turística considérase incentivable ao abeiro do antedito Decreto 172/2001 e, por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Son obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde, as accións encamiñadas á creación e mellora de campamentos públicos de turismo que conduzan á implantación de sistemas de calidade e xestión ambiental.

Serán subvencionables os proxectos dirixidos a financiar as seguintes actuacións:

1. Creación de campamentos públicos de turismo de acordo co establecido na normativa vixente.

2. Actuacións de mellora dos campamentos públicos que conten coa autorización de apertura da Administración turística relativas a:

a) Proxectos dirixidos á implantación do sistema de xestión de calidade de camping, de acordo coa normativa establecida polo Instituto de Calidade Turísitica Española (ICTE), tales como:

* Reforma e modernización das instalacións fixas de uso colectivo, accesos, viais, aparcamentos, cerramentos, sistemas de seguridade, etc.

* Incorporación de novos servizos e realización de investimentos encamiñados á mellora da calidade co obxectivo da obtención dunha marca de calidade recoñecida, incluíndo certificacións ambientais.

b) Proxectos relativos á renovación, tecnificación e innovación dos campamentos de turismo autorizados pola admón. turística que conduzan á implantación de sistemas de protección e mellora ambiental, tales como

* Actuacións dirixidas a implantación de tecnoloxías que permitan un mellor uso e depuración das augas, xestión enerxética, emisións atmosféricas, vertedura de augas, xeración e tratamento de residuos e contaminación acústica.

* Reforma e modernización das instalacións eléctrica, de auga potable e tratamento e eliminación de residuos sólidos e augas residuais e servizos hixiénicos.

* Actuacións que permitan evitar, reducir ou controlar a contaminación como a reciclaxe ou tratamento de residuos, substitución de materirais etc.

c) Proxectos dirixidos á modernización e remodelación das instalacións existentes, a substitución dos equipamentos obsoletos das ditas instalacións, así como a creación e mellora da oferta complementaria.

Non formará parte do investimento subvencionable a adquisición de terreos, así como ningún tipo de taxa ou imposto.

Será subvencionable o equipamento e mobiliario así como os honorarios técnicos.

Artigo 2º.-Determinacións orzamentarias.

Ás ditas concesións que se imputarán á aplicación orzamentaria 10.05.651A.770.1, destínase un crédito de 255.000 euros, distribuídos en dúas anualidades, a saber, no ano 2005, 150.000 e no 2006, 105.000 A. Como as subvencións concedidas teñen carácter plurianual, haberá que aterse ao que dispoñen os artigos 16.dous e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime

de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos do pagamento correspondente ás anualidades dos exercicios do 2005 e do 2006 sendo nestas axudas posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen a porcentaxe máxima do investimento subvencionable segundo o legalmente establecido.

Os proxectos que se recollen nesta orde como accións subvencionables, poderán acadar unha axuda económica de ata o 30% sobre o investimento subvencionable. Á dita cantidade engadiráselle 6.100 euros por posto de traballo a crear con carácter indefinido e que supere a porcentaxe mínima de contratación estable que, para ser beneficiario de subvención, se esixe nesta orde. En todo caso, a porcentaxe máxima de axuda non poderá superar, en ningún caso, o 40% do custo do proxecto.

O importe total da subvención será distribuído en dúas anualidades.

No caso de que os proxectos presentados ao concurso de subvención obxecto desta orde fosen de tal importancia para os obxectivos turísticos e, tal feito determinase que se fixera preciso ampliar o importe do crédito determinado neste artigo, a Dirección Xeral de Turismo fará a correspondente proposta nos termos establecidos na normativa orzamentaria.

Artigo 3º.-Requisitos dos beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios de subvencións para a innovación e renovación de campamentos públicos de turismo os titulares de campamentos públicos de turismo, en calquera das formas de posesión que determina o código civil, sempre e cando desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

1. Os proxectos que se presenten na procura de subvención, terán que cumprir os requisitos exixidos pola normativa turística vixente.

2. Os campings para os que se solicita subvención deberán de estar inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia e cumprir o disposto na normativa vixente sobre este tipo de establecementos.

3. O investimento mínimo subvencionable non poderá ser inferior a 9.000 A.

4. Os proxectos que se presenten serán globais, é dicir, estarán contidos nunha única solicitude.

Artigo 4º.-Obrigas dos solicitantes.

Os solicintantes das subvencións para a innovación e renovación de campamentos públicos de turismo adquiren os seguintes compromisos:

1. Crear os postos de traballo a que se comprometen na declaración xurada reflectida no anexo II nun

prazo de 5 anos contados desde a data de autorización de apertura pola administración turística do establecemento que se cree ao abeiro desta orde e mantelos durante un período de 5 anos. Así mesmo deberán manter os investimentos subvencionados durante o dito período de 5 anos.

2. Someterse ás actuacións de comprobación que vaia efectuar a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e as previstas na lexislación do Tribunal de Cuentas e o Consello de Contas.

3. Comunicarlle á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calesquera administración ou entes públicos nacionais ou internacionais.

4. A obter as certificacións correspondentes ao obxecto da subvención nun prazo máximo de 2 anos desde a concesión desta.

5. No caso de creación, deberán iniciar a súa actividade turística provistos da correspondente autorización de apertura da administración turística, incluídos todos os servizos determinados no proxecto presentado ao concurso de subvencións, no prazo máximo de 6 meses contados a partir da data de xustificación final do investimento.

6. A reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido da subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

* Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

* Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

* Incumprimento da obriga de xustificación nos prazos e termos establecidos nesta orde.

* Ter obtida a subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

* Superar a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

7. Executar a actuación subvencionada de total conformidade coa presentada ao concurso de subvencións ou, se é o caso, o modificado coa autorización da Administración Turística Galega.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de subvención e a documentación que de seguido se especifican, estarán dirixidas ao delegado provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, correspondente á provincia de localización do investimento, e presentaranse, por duplicado exemplar, no Servizo Provincial de Turismo da respectiva delegación pro

vincial, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo de corenta días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Anexo II

c) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

d) Memoria explicativa, asinada por técnico competente do investimento proxectado. Á dita memoria achegaráselle orzamento pormenorizado por conceptos do investimento e planos correspondentes cando este afectase a distribución ou uso das instalacións existentes.

e) Licenza urbanística ou licenza por obra menor, se é o caso, que posibilite a execución do investimento para o que se solicita a subvención. No caso de carecer dela no momento de realizar a solicitude de subvención, presentarase informe urbanístico emitido polo concello onde especificamente se determine se a execución do proxecto para o que se solicita subvención, é conforme coa legalidade urbanística vixente. Coa primeira solicitude de pagamento será obrigatoria a presentación da antedita licenza urbanística.

f) Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas, achegarase escritura de constitución ou modificación, se é o caso, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil e coa dilixencia do seu secretario, que os seus estatutos están vixentes.

g) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

h) Se é o caso, solicitude debidamente motivada para que, por circunstancias de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades do sector ou da empresa concreta, se solicite á Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos que autorice de xeito excepcional a non exixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obter a consideración de beneficiario da axuda.

2. Os interesados emendarán os defectos das solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non facelo teráselles por desistidos na súa petición logo de resolución ditada para o efecto.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servizos centrais ou provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes serán estudadas por unha comisión técnica constituída pola titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vogais un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os xefes dos servizos provinciais de Turismo e os xefes do Servizo, de Fomento e Promoción, de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística e de Ordenación do Turismo da Dirección Xeral de Turismo e o xefe da Área de Xestión de Calidade de Turgalicia. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe do Servizo de Fomento e Promoción.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta en orde decrecente os seguintes criterios:

1º Que as actuacións para as que se solicita a subvención se adecuen ás directrices requiridas polos plans de calidade normalizados e recoñocidos nos mercados, en particular, os homologados polo Instituto da Calidade Turística Española.

2º O grao de innovación en materia de calidade que a acción contiña.

3º Nivel de implicación da propiedade ou dirección do establecemento na implantación do sistema de calidade neste.

4º Análise do destino en relación á calidade dos accesos, das infraestruturas básicas e a oferta de servizos de utilización turística.

5º A relación entre a oferta de servizos proxectada para o establecemento que supere a exixida pola normativa reguladora do establecemento e o investimento proxectado.

6º A incidencia que nos recursos turísticos ten na área do investimento consonte a estudos e análise aprobados pola Dirección Xeral de Turismo.

2. As delegacións provinciais emitirán informe no que se deberá indicar a valoración desde un punto de vista turístico do proxecto presentado e se o establecemento para o que se solicita subvención está inscrito no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia, así como se cumpre os demais requisitos administrativos esixibles para ser obxecto de subvención.

3. O xefe da Área de Xestión de Calidade de Turgalicia emitirá informe sobre se o proxecto se axusta ás necesidades de mellora establecidas nas Normas de Calidade para campamentos turísticos do ICTE e no Regulamento de certificación medioambiental.

4. Esta Comisión, á vista dos expedientes e informes emitidos , así como dos informes que considere necesarios, analizará e cualificará os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, elevará á directora xeral de Turismo a valoración adoptada. Desta valoración redactarase a correspondente acta.

5. No ámbito territorial da súa competencia e vistos os acordos adoptados pola referida comisión técnica, os delegados provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ditarán ao abeiro das competencias que lles atribúe o Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, as resolucións de concesións ou, se é o caso, de denegación de subvencións. Contra os ditos actos resolutivos, que non esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo no prazo dun mes desde a recepción da notificación da correspondente resolución.

A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias para os anos 2005 e 2006.

No caso de concesión de subvención tras a resolución dun recurso administrativo as datas para a presentación da documentación, así como os prazos establecidos no artigo 9º.1 terase que determinar no acto que resolva o dito recurso. As ditas datas e prazos non poderán ser, en ningún caso, posteriores ao 30 de xuño de 2006.

6. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data de publicación da orde.

Artigo 7º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios da subvención deberán comezar a súa execución durante o ano 2005 e estar rematados con tempo dabondo para xustificar o investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde, aínda que tamén poden ser subvencionados os proxectos iniciados con anterioridade ao ano 2005, sempre e cando os solicitantes acheguen certificación valorada, asinada por técnico facultativo, das obras realizadas, as cales non computarán para os efectos de investimento subvencionable.

2. Os proxectos que se subvencionen terán que publicitar a colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo - Dirección Xeral de Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá en sitio ben visible. As características do dito cartel, así como a súa localización e contido serán indicados polos correspondentes servizos provinciais de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

3. Os proxectos que se subvencionen terán que cumprir o disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude desta orde terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

Fase do 2005, 1 de novembro de 2005.

Fase do 2006, 30 de xuño de 2006.

Se a documentación non reúne os requisitos necesarios, concederase un prazo de dez días para formalizarlos segundo o establecido no artigo 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, procedendo a declarar decaídos no seu dereito aos interesados que non cumpran o disposto neste artigo logo de resolución ditada ao efecto.

De non xustificarse o investimento executado correspondente á primeira anualidade, quedará anulada toda a subvención.

De non xustificarse o investimento executado nos prazos indicados, anularase a subvención correspondente á dita anualidade.

2. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ao investimento non xustificado que nunca poderá ser inferior ao mínimo subvencionable.

3. Para percibir a subvención os beneficiarios remitirán á correspondente delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo III.

3.2. Facturas orixinais, ou copia compulsada destas, relativas ao investimento executado.

3.3. Certificación da entidade bancaria acreditativa do número de conta e do CIF/NIF do beneficiario.

3.4. Certificados de estar ao día nas suas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da Comunidade Autónoma e de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

3.5. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recollan os compromiso aos que se fai referencia no artigo 4º e no anexo II desta orde. Este documento será obrigatorio presentalo coa primeira solicitude de pagamento.

3.6. Licenza urbanística ou licenza por obra menor, se fose o caso, que posibilitase a execución do investimento subvencionado. O dito documento é precep

tivo, de non presentalo coa primeira solicitude de pagamento, a Dirección Xeral de Turismo anulará a subvención concedida.

3.7. Antes do derradeiro aboamento os beneficiarios deberán achegar, xunto co resto da documentación, declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3.8. Cando se solicite o pagamento da anualidade de 2005 ou 2006, ademais da presentación da documentación indicada no punto 3 deste artigo, tamén deberán concorrer as seguintes circunstancias e condicións ás que fai referencia o artigo 16.2º do Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Deberá solicitalo o interesado.

b) Deberá xustificarse non só o investimento senón os pagamentos efectuados na mesma proporción que represente o pagamento parcial respecto da subvención concedida ata ese momento con cargo ao proceso de investimento aprobado.

c) O importe que se poida satisfacer por pagamentos parciais non poderá exceder en ningún caso da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario nin tampouco superar o 80% do total da subvención concedida.

d) Os pagamentos parciais quedarán condicionados ao resultado da liquidación definitiva da subvención.

3.9. En calquera caso os pagamentos parcias teranse que garantir conforme ao determinado no artigo 17 do anteriormente sinalado Decreto 287/2000, do 21 de decembro.

A garantía ou aval deberá cubrir o importe dos anticipos ou pagamentos fraccionados xunto cos xuros destes calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión e polo prazo que medie entre a data da solicitude do pagamento e como mínimo aquela en que se cumpran dous meses da do remate do prazo de xustificación previsto na norma reguladora ou convocatoria.

Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o que se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

Disposicion adicional

Primeira.-A condición de beneficiario de subvención, sen prexuízo dos demais requisitos que nesta se establecen, só poderá adquirirse cando polo menos o 35% do cadro de persoal da empresa solicitante de axuda teña contratos por tempo indefinido.

A porcentaxe de estabilidade mínima laboral, no caso de empresas con menos de 10 traballadores e para os efectos de adquirir a condición de beneficiario de subvención, será dun 33%.

Non será preciso dar cumprimento os anteditos requistos de estabilidade laboral no caso de que a subvención solicitada ou, se é o caso, concedida sexa inferior a 60.101 euros.

En todo caso non será exixible o requisito de estabilidade mínima laboral en relación aos centros de traballo radicados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-As modalidades de contratos aceptados nesta orde, para os efectos de creación de emprego, son:

I. Autoemprego.

II. Indefinidos.

III. Fixos-descontinuos.

Deberá sinalarse se a xornada que se vai desempeñar é a tempo completo ou se se trata de xornada partida.

Todo isto con independencia de se a cotización á Seguridade Social se fai a través do réxime xeral ou especial de traballadores por conta allea ou polo de traballadores autónomos.

Se é o caso, e para o cálculo da equivalencia ao ano, procederase a dividir a suma de horas traballadas, pola xornada anual de actividade, determinando este resultado o número de postos creados.

O cumprimento das condicións relativas á creación de emprego acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente.

Terceira.-De xeito excepcional, logo de petición do solicitante, e coa debida motivación, en casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos, poderá autorizar a non exixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obter a consideración de beneficiario da axuda.

Cuarta.-Para os efectos desta orde entenderase como creación de emprego a reconversión de postos de traballo temporais en postos de traballo fixos.

Disposición derradeira

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto, para esta materia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e nas correspondentes leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2005.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL