DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 18 de febreiro de 2005 Páx. 2.797

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 1 de febreiro de 2005, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se lle dá publicidade ao convenio de colaboración para o desenvolvemento do Plan Marco de Modernización do Comercio Interior, celebrado entre o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e a Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia.

O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e a Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia subscribiron, o 23 de novembro de 2004, un convenio de colaboración para o desenvolvemento do Plan Marco de Modernización do Comercio Interior, polo que en cumprimento do disposto no artigo 8.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procede a publicación no Diario Oficial de Galicia do devandito convenio, que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2005.

Víctor Tello Calvo

Director xeral de Comercio e Consumo

ANEXO

Convenio de colaboración para o desenvolvemento do Plan Marco de Modernización do Comercio Interior celebrado entre o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e a Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia.

En Madrid o 23 de novembro de 2004.

Reunidos José Montilla Aguilera, ministro de Industria, Turismo e Comercio, de conformidade coas competencias atribuídas pola disposición adicional décimo terceira da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción establecida pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, nomeado polo Real decreto 558/2004, do 17 de abril.

Juan Rodríguez Yuste, conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, da Xunta de Galicia, que en virtude do disposto no artigo 3 da Orde da Consellería de Innovación, Industria e Comercio do 21 de xaneiro de 2003, sobre delegación das competencias en materia de subscrición de convenios no secretario xeral da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, reclama neste acto para si o exercicio da competencia delegada pola dita orde, actuando no exercicio do seu cargo e en función das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Recoñecéndose, na representación que desempeñan, competencia para celebrar este convenio,

Expoñen que ante o importante cambio estrutural que se produciu no sector da distribución comercial nos últimos anos e o previsible mantemento desta tendencia no futuro máis próximo, é necesario desenvolver un marco de actuación para o fomento do sector de distribución comercial, de forma que se lles proporcione aos pequenos comerciantes unha colaboración eficaz por parte dos poderes públicos para enfrontarse a este proceso de innovación.

O Plan Marco de Modernización do Comercio Interior, aprobado polo Consello de Ministros na súa reunión do 12 de maio de 1995, e a súa reforma, aprobada polo Consello de Ministros na súa reunión do 13 de decembro de 1996, recollen unha serie de medidas encamiñadas a mellorar a competitividade do comercio retallista.

Que esta reforma foi presentada e adoptada na Conferencia Sectorial de Comercio, que tivo lugar o 19 de novembro de 1996, xa que a súa execución suporá a adopción dun conxunto de medidas e estímulos económicos que se programarán de maneira conxunta por cada comunidade autónoma co apoio da Administración xeral do Estado.

Que por acordo da Conferencia Sectorial do 21 de xullo de 2004, ratificado por acordo do Consello de Ministros do 17 de setembro, foi prorrogado o período de vixencia do Plan Marco de Modernización do Comercio Interior durante o ano 2004.

Que é vontade do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e da Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia, impulsar e potenciar a colaboración, a corresponsabilidade e a coordinación dos diferentes niveis das administracións públicas na realización de actuacións previstas no Plan Marco de Modernización do Comercio Interior.

En virtude do exposto, en execución da competencia exclusiva do Estado prevista no artigo 149.1º.13 da Constitución e da competencia atribuída á Xunta de Galicia no artigo 30.1º.4 do seu Estatuto de autonomía, as partes asinantes,

ACORDAN:

Primeiro.-As partes asinantes colaborarán para desenvolver o Plan Marco de Modernización do Comercio Interior, dentro do ámbito xeográfico da Xunta de Galicia, como marco en que se recolle unha estratexia común para todo o sector e no cal quedan encadradas as iniciativas que se inclúen neste convenio.

Segundo.-En desenvolvemento do Plan Marco de Modernización do Comercio Interior, a Xunta de Galicia comprométese a convocar axudas nos seguintes programas:

a) Programa de cooperación empresarial, dirixido a lles outorgar axudas ás pequenas e medianas empresas comerciais, asociadas en organizacións

que realicen funcións comerciais para a implantación de redes informáticas, a reforma de establecementos retallistas e a implantación ou renovación de establecementos maioristas, así como á propia organización.

b) Programa de apoio á ordenación territorial do comercio, de cuxas axudas serán beneficiarias as asociacións de comerciantes, sempre que se orienten á súa creación ou ao seu desenvolvemento mediante a implantación de servizos comúns de xestión, así como á remodelación física dos establecementos colectivos e á adecuación dos locais particulares.

Tendo en conta as competencias que en materia urbanística teñen as corporacións locais, a partir deste convenio estimularase a participación da Administración local como elemento indispensable para poder sentar as bases dunha adecuada actuación territorial e, polo tanto, poderase considerar como beneficiarios das axudas aos concellos.

En canto ás actuacións para mellora e adecuación dos mercados retallistas, e tendo en conta a titularidade municipal destes mercados, os concellos poderán ser tamén beneficiarios destas axudas, mediante convenio con eles e, ocasionalmente, con asociacións de comerciantes ou empresas públicas ou privadas.

c) Programa de apoio a comerciantes independentes, dirixido ás pequenas e medianas empresas de distribución comercial retallista para realizar investimentos na transformación física dos establecementos, a adquisición de equipamento comercial e de xestión, así como a formación de empregados.

Deste programa quedan excluídas as actividades comerciais que no espírito do plan marco non se consideran de interese prioritario, tal como se acordou na Conferencia Sectorial de Comercio Interior do 15 de decembro de 1998.

d) Poderán, así mesmo, ser obxecto das axudas deste convenio, as actividades que, aínda non previstas no plan marco, se poidan relacionar de forma evidente co espírito del e contribúan co seu desenvolvemento á consecución da modernización da distribución.

Terceiro.-As actuacións que se acollan a este convenio serán cofinanciadas por ambas as dúas partes.

A achega do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio representará un máximo do 40% para o programa previsto na alínea a); do 30% para os da alínea b); do 20% para os da c) e do 30% para os da d), da axuda concedida pola comunidade autónoma.

Estas achegas do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio financiaranse, dentro dos límites orzamentarios, con cargo á partida orzamentaria 751 (transferencias de capital ás comunidades autónomas -Plan de Modernización do Comercio Interior), Programa 763 A (ordenación e modernización das estruturas comerciais), Servizo 16 (Dirección Xeral de Política Comercial)

A asignación de recursos á Xunta de Galicia é do 6,89683% da dotación territorializada da partida orzamentaria de transferencias ás comunidades autónomas do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, no concepto Plan Marco de Modernización do Comercio Interior; e que é o 75% do crédito orzamentario (isto é, 6.761.385 euros), quedando o 25% restante para dispoñer del segundo se recolle na cláusula sexta, de conformidade co acordado na Conferencia Sectorial de Comercio Interior do 21 de xullo de 2004 e formalizado en Consello de Ministros do 17 de setembro, equivalente a 466.321,23 euros.

Cuarto.-A xestión das axudas realizarase de acordo co seguinte procedemento:

1. As solicitudes de concesión de axudas públicas presentaranse na unidade administrativa e nos termos que estableza a normativa de convocatoria que dite a Administración da Xunta de Galicia.

2. A Administración da Comunidade Autónoma instruirá e resolverá o outorgamento das axudas solicitadas.

3. A unidade administrativa correspondente da comunidade autónoma enviará, antes do 30 de novembro de 2004, á Dirección Xeral de Política Comercial a relación de expedientes subvencionados para os cales solicita a mencionado cofinanciamento, aludida no punto terceiro.

Na elaboración da mencionada relación de expedientes terase en conta o programa informático establecido por esta dirección xeral.

Poderase solicitar da comunidade autónoma información complementaria sobre os expedientes para os cales se solicita o cofinanciamento do Plan Marco cando o investimento poida acadar unha contía importante, como no caso das subvencións aos concellos (Ordenación Territorial do Comercio), co obxecto de determinar o gasto elixible.

4. A Comisión de Seguimento a que se alude no punto quinto decidirá cales dos expedientes subvencionados pola comunidade autónoma son cofinanciables a través do Plan Marco de Modernización do Comercio Interior, tendo en conta tamén o último parágrafo do punto segundo.

5. Redactadas e asinadas as correspondentes actas pola Comisión de Seguimento, efectuaranse as transferencias de fondos á comunidade autónoma.

6. No suposto de que, unha vez analizadas pola Comisión de Seguimento as propostas de cofinanciamento de todas as comunidades autónomas, se verifique a existencia de crédito dispoñible na partida orzamentaria correspondente do Estado, ben porque algunha comunidade autónoma non esgotase os recursos que se lle asignaron ou ben porque se producise algunha xeración de crédito, e o cofinanciamento solicitado pola Xunta de Galicia non puidese ser atendida na súa integridade, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio poderá incrementar a súa achega inicial prevista.

A cuantificación desta achega complementaria levarase a cabo de acordo e en aplicación dos criterios obxectivos de distribución acordados na Conferencia Sectorial de Comercio Interior do 21 de xullo de 2004 e formalizado en Consello de Ministros do 17 de setembro e, exclusivamente, entre as comunidades autónomas que teñan un exceso de demanda de proxectos.

7. O pagamento aos perceptores do importe total das axudas será efectuado polo organismo pagador da Administración autonómica.

8. Os expedientes enviados á Dirección Xeral de Política Comercial polas comunidades autónomas para o seu cofinanciamento, poderán acollerse a este convenio aínda que a concesión da axuda pola comunidade autónoma fose, dentro do ano 2004, anterior á data do asinamento do convenio.

9. Correspóndelle á Xunta de Galicia o control da execución e o seguimento dos expedientes cofinanciados por decisión da Comisión de Seguimento, comunicando á Dirección Xeral de Política Comercial as incidencias que se produzan. Para tal fin, de acordo coas comunidades autónomas poderase establecer o sistema de intercambio de información que se considere necesario. Particularmente, a comunidade autónoma achegará á Dirección Xeral de Política Comercial, e non máis tarde do 31 de marzo de 2005, un estado de execución do exercicio, indicando as contías totais de compromisos de créditos, obrigas recoñecidas e pagamentos realizados no ano. Todo isto enténdese sen prexuízo do control financeiro que lles corresponde á Intervención Xeral da Administración do Estado e ao Tribunal de Contas.

Quinto.-Crearase unha Comisión de Seguimento para o desenvolvemento do convenio, integrada por tres representantes de cada unha das partes asinantes designados, respectivamente, polo ministro de Industria, Turismo e Comercio e o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio.

Serán funcións desta ccmisión o seguimento da aplicación deste convenio e de todas aquelas actuacións que se regulen ou deriven del, e en particular as seguintes:

a) Analizar as solicitudes de cofinanciamento a través do Plan Marco de Modernización do Comercio Interior enviadas pola comunidade autónoma para acollerse a este convenio, e decidir os proxectos que se van cofinanciar, de acordo co punto terceiro.

b) Realizar o seguimento das actuacións que se desenvolven en execución deste convenio e reflectir o seu grao de desenvolvemento.

c) Interpretar este convenio e dar solución ás dúbidas e controversias que no seu cumprimento se poidan producir.

Sexto.-De acordo co último parágrafo do punto terceiro, co 25% aludido, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio poderá cofinanciar, cun máximo

do 50% do achegado pola comunidade autónoma, determinadas actuacións de especial interese polo seu efecto innovador ou porque constitúan unha acción piloto que exerza un efecto de arrastre para outras accións. A selección deste tipo de actividades que se van cofinanciar entre as solicitadas pola totalidade das comunidades autónomas farase mediante acordo en reunión de directores xerais de Comercio, como Comisión de Conferencia Sectorial, segundo delegación expresa realizada polo Pleno desta do 21 de xullo de 2004.

Como se indica no mencionado parágrafo terceiro, este confinanciamento será tamén con cargo á partida orzamentaria 751, Programa 763A, Servizo 16 do cal se retivo un 25% do crédito para o efecto e a cantidade dispoñible para el é de 2.253.795 euros.

As actuacións singulares que aspiren a este cofinanciamento deberán ser presentados pola comunidade autónoma á Dirección Xeral de Política Comercial do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio antes do 30 de novembro de 2004, xunto coa memoria e desagregación orzamentaria, e as transferencias de fondos ás comunidades autónomas efectuaranse unha vez que a reunión de directores xerais de Comercio decida os proxectos que se van cofinanciar.

Ao igual que se recolle no punto cuarto, a comunidade autónoma achegará á Dirección Xeral de Política Comercial, e non máis tarde do 31 de marzo de 2005, un estado de execución do exercicio, indicando as contías totais de compromisos de créditos, obrigas recoñecidas e pagamentos realizados no ano.

Sétimo.-Os fondos achegados polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio acóllense ao Programa Operativo 2000-2006, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Por este motivo, de acordo coas recomendacións da Comisión Europea, a comunidade autónoma non deberá presentar a esta dirección xeral, para acollerse aos beneficios deste convenio, aqueles expedientes para os que fosen solicitados retornos polo mencionado programa operativo ou calquera outro programa da Unión Europea.

A Xunta de Galicia comunicaralles o cofinanciamento europeo (Programa Operativo para a Mellora da Competitividade e Desenvolvemento do Tecido Produtivo 2000-2006) aos beneficiarios dos proxectos acollidos a este convenio.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Política Comercial poderá solicitar da comunidade autónoma información complementaria sobre os expedientes aprobados pola Comisión de Seguimento, co fin de poder cumprir a normativa contida no Programa Operativo 2000-2006.

Para poder solicitar os retornos da Unión Europea correspondentes aos fondos achegados polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a Comunidade Autónoma da Xunta de Galicia deberá presentar as certificacións de pagamento antes do 30

de xullo de 2006, con independencia do previsto nos puntos cuarto, número 9 e último parágrafo do punto sexto deste convenio.

Oitavo.-Sen prexuízo do procedemento previsto e das funcións asignadas á Comisión de Seguimento, a difusión do Plan Marco no ámbito da comunidade autónoma corresponderalle á Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Administración autonómica da Xunta de Galicia.

Noveno.-Este convenio entrará en vigor desde a data do seu asinamento e terá unha vixencia temporal ata o 31 de decembro do ano 2004. Non obstante, poderá producirse a súa resolución antes do prazo indicado, por mutuo acordo das partes, por incumprimento ou por denuncia dalgunha delas, ata dous meses antes da data de extinción do convenio.

Décimo.-O réxime xurídico aplicable a este convenio é o establecido no título I da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sendo de aplicación, así mesmo, as restantes normas de dereito administrativo en materia de interpretación, modificación e resolución das cuestións non recollidas no convenio que se subscribe.

As cuestións litixiosas que poidan xurdir na interpretación e cumprimento deste convenio serán de coñecemento e competencia da orde xurisdicional do contencioso-administrativo.

E, en proba de conformidade, asinan os intervenientes, no lugar e data indicados no encabezamento.

O ministro de Industria, Turismo e Comercio. Rubricado. O conselleiro de Innovación, Industria e Comercio. Rubricado.

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO