DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 17 de febreiro de 2005 Páx. 2.767

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 24 de xaneiro de 2005, da Secretaría Xeral da Consellería de Medio Ambiente, pola que se fai pública a convocatoria de poxa para o alleamento das madeiras que se citan.

Por esta resolución, convócase a poxa para o alleamento de madeiras dos lotes que se citan no anexo, e de acordo co disposto no Decreto 244/1998, do 24 de xullo, da Consellería de Medio Ambiente e na orde da Consellería de Medio Ambiente do 8 de setembro de 1998 (Diario Oficial de Galicia do 16 de setembro). A súa realización terá lugar en salón de actos da Delegación Provincial da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, avda. da Habana, nº 79, baixo, Ourense.

Para esta poxa rexerán as ordes antes citadas e mais os pregos de condicións técnico-administrativas xerais e particulares destas que figuran no expediente correspondente no Servizo de Montes e Industrias Forestais de Ourense (rúa do Paseo, 18-3º, Ourense), onde poderán ser examinados polos interesados a partir do día da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución.

As ofertas poderanse presentar durante os vinte e seis días naturais seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución no rexistro da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente de Ourense ou en calquera das formas legalmente establecidas.

A apertura das proposicións será realizada pola mesa de contratación, que se reunirá ás 11.00 horas do noveno día hábil, que non cadre en sábado, contados a partir do termo do prazo de presentación das ofertas.

Cada licitador presentará dous sobres pechados para cada oferta. O sobre A coa documentación administrativa e o sobre B coa oferta económica.

O sobre A, que contén a documentación administrativa, poderá ser único para todas as poxas que teñan lugar ante a mesa e na mesma sesión. Deberá conter a seguinte documentación:

1. Acreditación da personalidade xurídica do empresario e, se é o caso, a súa representación.

2. Os xustificantes acreditativos de que están constituídas as fianzas provisionais, 2% do prezo de taxación, de acordo co disposto no artigo 35 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas.

3. Declaración responsable de non estar incursa en prohibición de contratar, consonte os artigos 15 a 24 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas.

4. Os que acrediten a cualificación empresarial do licitador.

5. Os que acrediten encontrarse ao día do cumprimento das obrigas tributarias e da Seguridade Social impostas nas disposicións vixentes.

No caso de que o licitador estea dado de alta no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma deberá indicar na parte exterior do sobre o seu número e incluír copia da inscrición da empresa no dito rexistro, os xustificantes acreditativos das fianzas provisionais e os que acrediten a cualificación empresarial do licitador.

O sobre B recollerá a proposición económica e presentarase no modelo normalizado que se encontra á disposición dos interesados no Servizo de Montes e Industrias Forestais de Ourense. Cada un dos lotes deberá figurar nun sobre B individual.

O adxudicatario constituirá a fianza definitiva do 4% do prezo de adxudicación dentro dos vinte días seguintes ao da data na que regulamentariamente se lle comunique que a adxudicación é definitiva.

Dentro dese mesmo prazo deberá aboar:

1. O importe total do remate, ou o importe do primeiro prazo, segundo se indique no prego de condicións particulares de cada poxa.

2. O importe das taxas.

3. Os gastos proporcionais deste anuncio.

4. Os demais que se establezan nos pregos particulares de aproveitamento.

O adxudicatario deberá aboar, ademais das cantidades expresadas no anuncio, a porcentaxe que corresponda, segundo o réxime especial ou xeral que aplique a propiedade do monte, en concepto de IVE.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2005.

Justo de Benito Basanta

Secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente