DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 17 de febreiro de 2005 Páx. 2.756

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 2005, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto reformado do Parque Eólico Pena Ventosa, nos concellos de Viveiro, O Vicedo e Ourol (Lugo), promovido por Endesa Cogeneración y Cogeneración y Renovables, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 20 de decembro de 2004, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto reformado do Parque Eólico Pena Ventosa, nos concellos de Viveiro, O Vicedo e Ourol (Lugo), promovido por Endesa Cogeneración y Cogeneración y Renovables, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2005.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, só para os efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que fornezan unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, presentando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva ao proxecto reformado do Parque Eólico Pena Ventosa,

que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 49,6 MW de potencia total nos concellos de Viveiro, O Vicedo e Ourol (Lugo), constituído por 62 aeroxeradores Gamesa G-52 de 800 kW de potencia unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

606.0004.836.000

609.0004.836.000

610.0004.833.000

608.5004.829.000

605.0004.825.500

604.0004.825.500

603.2504.830.500

604.5004.833.000

606.0004.834.000

A localización dos aeroxeradores e infraestrutura asociada ao parque eólico será a reflectida no plano titulado Infraestruturas e instalacións proxectadas. Abril 2003, do estudo de impacto ambiental, agás para o que derive dos puntos 2.6 e 3.1.1 desta DIA.

2. Condicións xerais.

2.1. Protección da atmosfera.

Co fin de evitar a emisión de po á atmosfera, ademais da rega de superficies prevista no estudo ambiental, os camións de transporte de terras ou outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar.

2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

1. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como calquera captación e/ou vertedura, precisará da autorización de Augas de Galicia, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.

2. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que poidan atoparse na área de influencia das obras.

3. As augas residuais que se xeren no edificio corporativo e de control deberán ser conducidas ata a fosa séptica prevista, que deberá ser mantida periodicamente para garantir o seu correcto funcionamento, entregando os residuos obtidos a un xestor autorizado.

4. Tanto na fase de obras como na de funcionamento, realizarase un control do correcto funcionamento dos dispositivos de drenaxe e de disipación de enerxía previstos, así como das condicións de incorporación das augas de drenaxe á rede natural, co obxecto de comprobar se se producen fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos nestes puntos.

Para tal fin, levarase a cabo o plan de control do sistema de drenaxe proposto no estudo ambiental, téndose que adoptar as medidas protectoras e correc

toras oportunas, ademais das propostas, no caso de producirse os citados fenómenos.

5. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume e policía dos cursos fluviais nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorremento superficial. Non está permitido o lavado de maquinaria e materiais nos cursos de auga.

6. Co fin de controlar que a calidade das augas non resulta afectada, tanto na fase de obras como ao final destas ata que se constate a ausencia de afeccións, levarase a cabo o plan de control proposto no estudo ambiental.

2.3. Protección do solo.

1. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización das infraestruturas e instalacións proxectadas, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.

2. Procederase á delimitación das distintas zonas de obra mediante o seu balizamento, que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen.

3. A circulación de vehículos e maquinaria no parque, tanto na fase de obra como na de funcionamento, restrinxirase ás pistas e zonas acondicionadas para o efecto.

4. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.

5. Con carácter xeral, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso, deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada, tendo que restauralos ao finalizar a obra.

6. Para a localización da zona de casetas de obra e parque de maquinaria seleccionarase un lugar de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica.

7. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de construción do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.

2.4. Xestión de residuos.

1. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da construción, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

2. Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presenza.

3. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramos accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (mobilidade restrinxida), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispondo os medios necesarios para a recolla de posibles verteduras.

4. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.

5. En canto non se produzan as sucesivas entregas ao xestor autorizado, durante a fase de construción os contedores localizaranse na zona de instalacións de obra, e durante a fase de explotación disporanse na nave-taller anexa ao edificio corporativo e de control do parque.

2.5. Protección da fauna e vexetación.

2.5.1. Sobre a fauna.

1. Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións, que se determinarán en función do inventario faunístico incluído no estudo ambiental, implementando en todo caso as medidas necesarias para non alterar a fauna.

2. Nos pasos canadenses que se instalen para impedir o paso de gando deberán adoptarse medidas que posibiliten a fuxida dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, que poden consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer o foxo cun ou os dous laterais abertos.

3. Dada a importancia da comunidade de morcegos presente na zona (tanto polas especies que a constitúen como polo número de individuos), realizarase un seguimento da posible incidencia do parque eólico sobre as súas poboacións. Para tal fin, levarase a cabo o plan de vixilancia de quirópteros proposto no estudo ambiental, tanto na fase de obras como na de funcionamento do parque.

2.5.2. Sobre a vexetación.

1. A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ao estritamente necesario, efectuándose mediante sistemas de roza.

2. Previamente á corta de arboredo terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

3. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima destes restos, que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.

2.6. Protección do patrimonio cultural.

No que respecta á protección dos elementos do patrimonio cultural, observarase o disposto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tanto no relativo á localización final de infraestruturas e instalacións como ás medidas de control e seguimento arqueolóxico e calquera outra que se adopte ao longo das fases de traza, de execución de obra e de restitución de terreos en todo o ámbito do parque eólico. Ante a necesidade de introducir modificacións na planta do parque, para a selección de alternativas de localización terase en conta, para efectos ambientais, a información do estudo ambiental e o condicionado establecido nesta DIA.

2.7. Sobre a integración paisaxística.

1. Do mesmo xeito que para o edificio de control e a subestación transformadora, para a nave-taller deberán implementarse medidas que maximicen a súa integración paisaxística co contorno. No caso de empregar pintura de exteriores, a cor será acorde co contorno e de acabamento mate.

2. Ao finalizar as obras retiraranse as casetas de obra e calquera outra estrutura auxiliar, procedendo á restauración da zona afectada.

2.8. Sobre o programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propóndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo porá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Todas as medicións e/ou análises do programa de vixilancia deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.

Asemade, co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificándolle o seu nomeamento ao órgano substantivo.

3. Condicións específicas.

3.1. Fase previa ao inicio das obras.

1. Estudaranse localizacións alternativas para os aeroxeradores M-56 e M-57 e as súas infraestruturas

asociadas (pistas, gabia do cableado e zona de amoreamentos, se é o caso), de xeito que se sitúen fóra do hábitat prioritario existente na zona de implantación prevista, constituído por queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas con Erica ciliaris e Erica tetralix.

Para a selección das alternativas de localización terase en conta, para efectos ambientais, a información do estudo ambiental e o condicionado establecido nesta DIA, consensuando en todo caso a disposición derradeira coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

2. No que respecta á factoría para a fabricación de formigón en obra, deberán implementarse todas as medidas necesarias (impermeabilización do chan, canles perimetrais, balsas de decantación, etcétera) para garantir a non afección ao solo e aos cursos de auga por derramos ou verteduras accidentais.

Terase en conta que cando rematen as obras dos parques para os cales está previsto o uso da dita factoría, esta deberá ser desmontada e retirada, procedendo á limpeza e restauración da parcela ocupada pola instalación, tal e como se prevé no plan de restauración incluído no estudo ambiental.

3. Levaranse a cabo as campañas preoperacionais previstas nos plans de seguimento do nivel de ruído e o de control da calidade das augas. Os resultados das ditas campañas incorporaranse nos informes de seguimento ambiental (tanto os da fase de obra como os de funcionamento) para comparalos cos datos obtidos en cada periodo de seguimento.

4. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Proponse como importe do aval, que deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade de 197.682,37 euros, correspondente ao orzamento de execución por contrata dos labores de restauración asociados á fase de obras, segundo o plan de restauración presentado. Para a fase de desmantelamento e abandono do parque, proponse que o órgano substantivo considere a necesidade ou non de fixar un aval que garanta a dita fase e, de considerar que non, substituílo por outros mecanismos acordados co promotor, todo no ámbito das competencias que posúe para fixar a contía do aval segundo o citado Decreto 455/1996.

3.2. Fase de obras.

1. Á vista da configuración e desenvolvemento da rede hidrográfica na zona do parque, extremaranse as precaucións na execución de obras nas zonas de potencial afección á dita rede e ás pozas temporais e zonas hidromorfas identificadas no estudo de impacto ambiental, adoptando o conxunto de medidas protectoras e correctoras propostas, así como calquera outra que resulte necesaria para a súa pre

servación. Prestarase especial atención ao balizamento das ditas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra.

2. Tendo en conta que nas inmediacións da zona en que se instalará o parque eólico existen unha serie de importantes refuxios de quirópteros asociados a explotacións mineiras abandonadas, garantirase en todo momento que co motivo das obras non se produzan alteracións nos ditos refuxios.

3. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.8 desta DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, con carácter trimestral durante a execución das obras, un informe de obras co seguinte contido mínimo:

a) Cronograma de obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ao total. No cronograma figurará a data de actualización.

b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, tendo en conta que as medicións poderán realizarse só cando se estean executando obras preto de cada punto de control proposto, e non con carácter mensual en todos os puntos como se propón no plan presentado.

c) Resultados dos plans de control da calidade das augas, funcionamento da rede de drenaxe e seguimento de avifauna e quirópteros.

d) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os resultados dos controis efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, labores de restauración efectuados, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflectirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos recollidas nela.

e) Informe de avance da obra, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto. Acompañarase de reportaxe fotográfica (con indicación da data e hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no cal se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.

3.3. Ao final da fase de obras.

1. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe de fin de obras, co seguinte contido mínimo:

a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras e o estado final do parque após a finalización destas, así como os controis ambientais e medidas

protectoras e correctoras levadas a cabo, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, destino dos sobrantes de terras, residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a todos os aspectos previstos no estudo ambiental e no condicionado da declaración.

b) Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas en que se implantaron os aeroxeradores, estado das pistas, cunetas e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra), zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no cal se reflicta a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras.

3.4. Fase de funcionamento.

1. Tendo en conta que o parque eólico obxecto da presente DIA e o de Chan do Tenón se situarán no mesmo ámbito xeográfico, compartindo incluso infraestruturas e instalacións (subestación, edificio de control e liña de evacuación), levarase a cabo un seguimento da posible aparición de efectos acumulativos sobre a avifauna e os morcegos entre estes parques, mediante a valoración conxunta dos resultados dos seus respectivos plans de vixilancia, téndose que adoptar as medidas protectoras e/ou correctoras oportunas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos.

2. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitiralle ao órgano substantivo un informe de seguimento ambiental, con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque e anual os seguintes. Terase en conta que á vista dos resultados obtidos durante os dous primeiros anos de seguimento ou ben por proposta motivada do promotor, poderase modificar o contido dos sucesivos informes ou a frecuencia dos controis e informes para realizar. O dito informe incluirá, como mínimo, o seguinte contido:

a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición.

b) Resultados do plan de control do funcionamento da rede de drenaxe e, se é o caso, da calidade das augas, de acordo co sinalado nos puntos 2.2.4 e 2.2.6 da DIA.

c) Resultados dos plans de seguimento de avifauna e quirópteros e informe dos posibles efectos acumulativos, tendo en conta o sinalado nos puntos 2.5.1.3 e 3.4.1 da DIA.

d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no cal se describan os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado

das pistas, cunetas, plataformas de montaxe, gabias do cableado e aquelas zonas en que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto (indicando datas das visitas), así como a eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

3.5. Fase previa ao abandono.

No prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, o promotor remitiralle ao órgano substantivo un documento técnico onde se detallen todas as actuacións necesarias para desmantelar o parque e recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, prevendo, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada dos aeroxeradores e subestación, restauración das pistas creadas para uso exclusivo do parque, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación de todas as zonas alteradas pola desmontaxe. Acompañando a esta documentación presentarase o cronograma estimado das ditas actuacións.

3.6. Fase de abandono.

Ao longo da fase de desmantelamento e abandono do parque, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo todas as actuacións previstas polo promotor en cumprimento do sinalado no número anterior.

3.7. Fase posterior ao abandono.

Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitiralle ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención da xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e da restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.

ANEXO I

Resumo do proxecto

A reforma do proxecto denominado Parque Eólico Pena Ventosa, promovido pola empresa Endesa Cogeneración y Renovables, S.A., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 62 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, que se instalará nos concellos de Viveiro, O Vicedo e Ourol (Lugo). Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración.

As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:

* Número de aeroxeradores: 62.

* Modelo: Gamesa G-52.

* Potencia unitaria por aeroxerador: 800 kW.

* Potencia total instalada: 49,6 MW.

* Altura da torre: 55 m.

* Diámetro do rotor: 52 m.

* Investimento previsto: 26.180.913,90 euros.

O proxecto prevé, asemade, a construción dunha subestación transformadora 132/30 kV, unha nave-taller para reparacións e almacén e un edificio corporativo e de control do parque, con varias dependencias que inclúen despachos, aseos e vestiarios, salón de actos, sala de exposicións, etcétera. Así mesmo, reservouse unha zona anexa á explanación onde se localizarán estas edificacións para a instalación dunha factoría para a fabricación de formigón, que fornecerá este parque e o de Chan do Tenón. A evacuación da enerxía producida no parque realizarase a través dunha liña eléctrica a 132 kV, que xa conta con declaración de impacto ambiental, e que será de uso común para este parque e o de Chan do Tenón, co que tamén comparte a subestación transformadora e o edificio de control.

A obra civil prevé a execución duns 8.785 m de pistas de acceso e servizo aos aeroxeradores e o acondicionamento de 96 m de camiños existentes, cunha largura de rodadura de 5 m e dotados de cunetas e drenaxes transversais para a recolla e evacuación de augas pluviais. Asemade, escavaranse uns 19.850 m de gabias para soterrar o cableado de media tensión e de comunicacións que interconectará os aeroxeradores coa subestación e o edificio de control.

Segundo o estudo ambiental, a vexetación na área de implantación do parque está composta mormente por repoboacións de eucalipto e piñeiro e matogueira de queiroga e toxo, con presenza de distintas especies segundo o grao de humidade do terreo. No contorno das zonas habitadas abundan os prados e cultivos e na parte baixa dalgúns vales queda unha escasa representación de arboredo autóctono caducifolio (composto principalmente por carballos, castiñeiros e bidueiros). Nas marxes dalgúns cursos de auga existe vexetación de ribeira composta por amieiros, bidueiros e freixos.

ANEXO II

Resumo das medidas protectoras e correctoras

propostas na documentación avaliada

* Rega das superficies afectadas polas obras, especialmente nos cruzamentos coas estradas ou nas proximidades dos núcleos de poboación, co fin de evitar o levantamento de po.

* As obras non suporán afección directa aos afloramentos rochosos existentes na zona, cuestión que foi comprobada nunha primeira traza. Non obstante, balizarase con fita o contorno das áreas consideradas como puntos de interese, co fin de evitar a irrupción de maquinaria ou a realización de calquera outra actividade que poida afectalas.

* Balizamento previo de zonas con vexetación de interese ou exemplares valiosos de flora, para evitar calquera afección.

* Os aeroxeradores situaranse a unha distancia prudencial das zonas potenciais de cría das especies de vertebrados de maior interese. Procurarase evitar que as obras coincidan co período crítico de reprodución das aves, especialmente naqueles casos en que algún aeroxerador poida estar situado nas proximidades de zonas de cría de aves rapaces.

* Aproveitaranse pistas e estradas existentes como vías de comunicación do parque.

* As dimensións de vías e explanacións axustaranse ao mínimo imprescindible, co fin de minimizar o impacto paisaxístico e reducir os labores de restauración.

* Evitarase afectar pozas e pequenos cursos temporais de auga que poidan formarse en periodos de máxima precipitación.

* Os materiais procedentes das escavacións aproveitaranse na propia obra. No caso de existiren sobrantes, trasladaranse ao vertedoiro de inertes máis próximo. En ningún caso se abandonarán sobrantes nas inmediacións do parque eólico.

* O edificio de control integrarase no contorno rural seguindo, na medida do posible, a tipoloxía construtiva tradicional da zona. As paredes exteriores irán cubertas parcial ou totalmente con pedra vista da zona, a carpintaría das fiestras será de madeira e a cuberta superior de lousa.

* No referente á subestación, evitarase a accesibilidade visual mediante pantallas visuais, que poderán estar constituídas por arboredo ou sebes de crecemento rápido.

* Os cambios de aceite e lavados de maquinaria efectuaranse en zonas específicas afastadas de pozas e cursos de auga, onde non exista perigo de contaminación por vertedura de aceites.

* Restauración da cuberta vexetal orixinaria, empregando a terra vexetal previamente recollida e almacenada adecuadamente.

* Retirada dos cadáveres de animais de certo tamaño no contorno do parque, para minimizar as posibilidadades de colisión de aves preeiras. Medidas correctoras específicas no caso de superar limiares de aves mortas por colisión (estudos específicos, paradas técnicas de aeroxeradores, relocalización e/ou eliminación de máquinas problemáticas...).

Nos plans de control da calidade das augas e do funcionamento da rede de drenaxes, así como no plan de restauración e revexetación, inclúense máis medidas protectoras e correctoras específicas para cada un destes factores ambientais. As medidas protectoras e correctoras relativas ao patrimonio cultural recóllense no informe final do estudo de impacto arqueolóxico, que se presenta como documento anexo ao estudo ambiental.

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL