DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 17 de febreiro de 2005 Páx. 2.744

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 25 de xaneiro de 2005, da División de Recursos Humanos, de selección para vinculación temporal de técnicos en ergonomía e psicosocioloxía aplicada, para as institucións sanitarias deste servicio.

O pacto sobre selección temporal de persoal estatutario para vinculacións temporais nas institucións sanitarias do Sergas, subscrito pola Administración sanitaria de Galicia e as centrais sindicais CIG, CC.OO., UGT, CSI-CSIF e SAE (DOG nº 104, do 1 de xuño de 2004), permite para a selección de aspirantes a vinculacións temporais en determinadas categorías de persoal non sanitario que requiren unha formación específica por razón de complexidade ou especificidade dos postos que se van desempeñar, a posibilidade dunha convocatoria para o acceso a estes postos de traballo. A dita convocatoria constará dunha proba de coñecementos, co obxecto de garantir a idoneidade do profesional para o desempeño da praza ou posto de traballo.

Tendo en conta as características e especificidade das funcións dos técnicos de ergonomía e psicosocioloxía aplicada nas unidades de prevención de riscos laborais do persoal ao servizo das institucións sanitarias do Sergas, e logo do seu tratamento cos representantes da comisión central de seguimento do pacto sobre selección temporal, en uso das atribucións conferidas á División de Recursos Humanos do Sergas polo Decreto 45/2002, do 8 de febreiro de 2002 (DOG nº 37, do 20 de febreiro), no que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, e na Orde do 14 de marzo de 2002 (DOG nº 66, do 5 de abril) sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, esta División de Recursos Humanos

RESOLVE:

Primeiro.-Convocar proceso de selección para a configuración dunha listaxe de ámbito de Comunidade Autónoma de Galicia de técnicos superiores con formación na especialidade de ergonomía e psi

cosocioloxía aplicada, para prestar servizo nas unidades periféricas de prevención de riscos laborais nas institucións sanitarias do Sergas.

Segundo.-Requisitos.

Os aspirantes deberán estar en posesión de ou en situación de posuír no prazo de presentación de solicitudes, os requisitos seguintes:

a) Ter cumpridos 18 anos de idade e non exceder a idade de xubilación forzosa dentro do prazo de presentación de solicitudes.

b) Acreditar a nacionalidade española ou dun país da UE, ou, se é o caso, dispor de autorización para residir e traballar legalmente en España.

c) Estar en posesión, ou estar en condicións de obter dentro do prazo de presentación de solicitudes a titulación e formación exixida:

1. Titulado universitario (licenciado ou diplomado).

2. Formación acreditada na especialidade da área de psicosocioloxía segundo o anexo VI do real decreto de servizos de prevención do 17 de xaneiro de 1997 e Real decreto 780/1998, do 29 de abril, polo que se modifica o anterior (BOE do 31 de xaneiro de 1997, nº 27, e BOE do 1 de maio de 1998, nº 104).

d) Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que se deriven do correspondente nomeamento.

e) Non ter sido excluído das listaxes de vinculacións temporais por acordo de exclusión firme fundado en incumprimento grave do aspirante (norma xeral 5ª do pacto sobre selección temporal).

De non acreditar os anteditos requisitos no prazo fixado polo órgano convocante, o aspirante será excluído do proceso de selección.

Terceiro.-Solicitudes.

Os interesados poderán achegar a súa solicitude no prazo de 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG, no modelo normalizado que se xunta como anexo I, achegando con este a documentación requirida no mesmo e relación dos requisitos exixidos e dos méritos alegados.

Os documentos acreditativos dos requisitos exixidos e méritos alegados a que se fai referencia no parágrafo anterior serán requiridos polo órgano convocante aos profesionais que superaran a proba práctica, mediante anuncio no DOG e na páxina web do Sergas (www.sergas.es).

As solicitudes serán dirixidas ao director xeral da División de Recursos Humanos do Sergas, e deberán

presentarse preferentemente no rexistro xeral da Consellería de Sanidade, sito no edificio administrativo de San Lázaro, s/n. Presentar a solicitude será requisito imprescindible para adquirir a condición de aspirante.

No caso de seren seleccionados, os aspirantes que xa figuren inscritos nas listaxes de vinculacións temporais noutra categoría declarada incompatible, deberán remitir escrito no que opten a unha das categorías.

Cuarto.-Proba práctica.

Os aspirantes deberán realizar unha proba práctica que determinará a División de Recursos Humanos do Sergas, consistente nun cuestionario sobre a actividade que terá que desenvolver un técnico en ergonomía e psicosocioloxía aplicada no ámbito das institucións sanitarias do Sergas.

O anuncio coa data e o lugar de realización da proba será publicado no DOG.

A cualificación da proba práctica será de apto ou non apto. Superarase a proba de obter o 50% de respostas correctas.

Quinto.-Méritos.

Aos aspirantes que superen a proba seralles de aplicación o baremo contido no anexo VII (persoal non sanitario) do pacto sobre selección temporal (DOG nº 104, do 1 de xuño de 2004).

Só se valorarán os méritos acreditados ata o día inmediatamente anterior á data de publicación do anuncio da convocatoria no DOG.

Sexto.-Publicación das listaxes.

1. A listaxe de aspirantes coa cualificación de apto ou non apto acadada por estes na proba práctica será publicada nos taboleiros de anuncios nas direccións provinciais do Sergas, das xerencias das institucións sanitarias do Sergas, da Consellería de Sanidade, da Secretaría Xeral do Sergas e na páxina web do antedito organismo. Con esta publicación anunciarase o prazo para achegar a documentación acreditativa de méritos dos aspirantes que acadaran a cualificación de aptos na proba.

2. Unha vez baremados os méritos dos aspirantes que superaran a proba práctica, publicarase nos taboleiros de anuncios dos organismos indicados no parágrafo anterior a listaxe provisional de aspirantes admitidos e excluídos, coa puntuación obtida por estes na fase de baremación de méritos, e a relación de aspirantes excluídos, con indicación da causa de exclusión.

3. Contra a resolución pola que se publiquen estas listaxes provisionais, os interesados poderán formu

lar reclamación perante a División de Recursos Humanos do Sergas no prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da data de publicación. A estimación ou desestimación das reclamacións entenderanse implícitas na resolución que publique a listaxe definitiva.

4. Unha vez resoltas as reclamacións achegadas contra as listaxes provisionais, a relación definitiva de aspirantes admitidos, coa orde de prelación destes de acordo coa puntuación obtida na fase de baremación de méritos, será publicada do mesmo xeito que a relación provisional.

Sétimo.-Comisión de selección mediante proba práctica.

Para a realización da proba constituirase un tribunal composto por, cando menos, cinco membros, designados un deles polas organizacións sindicais asinantes do pacto sobre selección temporal e o resto polo órgano convocante.

Poderán formar parte da comisión con voz pero sen voto os expertos que o órgano convocante determine.

Oitavo.-Selección aspirantes.

A xestión das listaxes derivadas desta convocatoria rexerase polo disposto nas normas contidas no pacto sobre selección temporal (DOG nº 104, do 1 de xuño de 2004).

Noveno.-Período de proba.

Os aspirantes que resulten seleccionados serán sometidos a un período de proba de tres meses de traballo efectivo. Durante a vixencia do período de proba será posible a resolución da relación estatutaria a instancia de calquera das partes, que deberá ser comunicada mediante escrito, sen alegación de causa nin dereito a indemnización por tal motivo.

Décimo.-Retribucións.

As retribucións que percibirán os aspirantes que resulten seleccionados serán as recollidas na Orde do 14 de xaneiro de 2005 da Consellería de Economía e Facenda pola que se ditan instruccións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2005, en aplicación da Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2005 (códigos orzamentarios N-A-03, no caso de titulados superiores e N-B-14, nos titulados de grado medio).

Undécimo.-Xornada laboral.

A xornada que desenvolverán os aspirantes que resulten seleccionados será, con carácter xeral, a asignada ao persoal estatutario de xestión e servizos xerais no Sergas.

Duodécima.-Aboamento de taxas.

De conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, como requisito necesario para participar neste proceso, deberase aboar previamente en concepto de dereitos de inscrición nas listaxes o importe de 15,61 euros e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, mediante transferencia bancaria nalgunha das sucursais das entidades financeiras colaboradoras na recadación.

Estarán exentos do aboamento desta taxa os aspirantes que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33%. Tal circunstancia deberá ser acreditada documentalmente xunto coa solicitude de inscrición, mediante fotocopia compulsada da cualificación de discapacidade.

O impreso de autoliquidación, así coma os códigos para cubrilo, seranlles facilitados aos interesados xunto coa solicitude de inscrición nas direccións provinciais do Sergas, nos centros hospitalarios, nas xerencias de atención primaria e estarán publicadas na páxina web do Sergas, sen que en ningún caso a simple transferencia de ingreso poida substituír o trámite de presentación en tempo e forma da solicitude.

A non presentación deste impreso de autoliquidación, no que deberá figurar o selo da entidade bancaria, xunto co modelo de solicitude de inscrición, determinará a exclusión do aspirante.

En caso de erro ou discrepancia co importe autoliquidado, establecerase unha exclusión provisional, que poderá ser emendada no prazo de reclamacións á resolución de publicación das listaxes provisionais de aspirantes admitidos e excluídos.

Os aspirantes excluídos dispoñerán do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da data de resolución pola que se publiquen as listaxes definitivas de aspirantes admitidos e excluídos, para solicitar a devolución das taxas aboadas en concepto de inscrición.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Potestativamente, poderá interpoñerse recurso de reposición ante esta División de Recursos Humanos no prazo dun mes.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2005.

José Ignacio Lema Piñeiro

Director xeral da División de Recursos Humanos

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCIÓN NÚMERO UN

DE ARZÚA