DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 17 de febreiro de 2005 Páx. 2.739

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 26 de xaneiro de 2005 pola que se regulan os ficheiros de persoas interesadas en recibir información sobre a USC, de usuarios de servizos da USC e de xestión de pacientes ICA, e se modifican ficheiros de datos de carácter persoal da Universidade de Santiago de Compostela.

A disposición adicional segunda, 2, da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro), especifica que a creación ou modificación dos ficheiros das administracións públicas só poderán facerse mediante a disposición xeral correspondente.

A Universidade de Santiago de Compostela aprobou a regulación dos seus ficheiros para a súa adecuación á LOPD mediante Resolución do 24 de xuño do 2002 (DOG do 9 de agosto), pero a reflexión producida na elaboración do Plan Estratéxico das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións, a implantación efectiva de medidas de seguridade e a realización de novos servizos ou actividades por conta da USC, fixeron aconsellable a creación de novos ficheiros de protección de datos que se engaden aos xa existentes, así como a modificación dos existentes por reorganizacións administrativas producidas na Universidade de Santiago de Compostela, que foron aprobados por Resolución do 1 de xuño de 2004 (DOG nº 123, do 28 de xuño).

Como consecuencia da posta en marcha de novas accións, faise necesaria a creación dun ficheiro de potenciais estudantes da universidade como unha das accións destinadas a facilitarlles información sobre a oferta da USC, así como de usuarios de servizos da universidade que non se atopen noutros ficheiros universitarios xa declarados como os de persoal ou de xestión académica, polo que deben de crearse novos ficheiros de datos de carácter persoal. Así mesmo, créase un ficheiro de datos que se vai utilizar no Instituto de Ortopedia e Banco de Tecidos Musculoesqueléticos para o tratamento mediante a técnica denominada ICA.

Por outra banda, os cambios na organización universitaria producida recentemente coa desaparición dalgunhas vicerreitorías fai necesario cambiar a dependencia dalgún dos ficheiros aprobado no seu día.

Na súa virtude, e co fin de lle dar cumprimento ao mandato legal do artigo 20 da LOPD, sobre creación ou modificación de ficheiros que conteñan datos de carácter persoal xestionados pola Universidade de Santiago de Compostela, e de lles asegurar aos

administrados o exercicio dos seus lexítimos dereitos,

DISPOÑO:

Primeiro.-Créanse os ficheiros de persoas interesadas en recibir información sobre a USC, xestión de pacientes ICA e de usuarios de servizos da USC. A súa descrición contense no anexo desta resolución, indicando o nivel de medidas de seguridade básico, medio ou alto correspondente a cada un destes ficheiros, en aplicación do Real decreto 994/1999, do 25 de xuño, regulamento de medidas de seguridade dos ficheiros automatizados que conteñan datos de carácter persoal.

Segundo.-Modifícase o ficheiro 8: xestión de intercambio aprobado por Resolución do 24 de xuño de 2002 (DOG do 9 de agosto), na súa letra f) no seguinte sentido:

f) Órgano da Administración responsable dos ficheiros:

Vicerreitor/a de Estudantes e Relacións Institucionais.

Terceiro.-Os ficheiros que se indican no anexo rexeranse polas disposicións xerais e instrucións que se detallen, e estarán sometidos, en todo caso, ás normas legais e aos regulamentos de superior rango que lles sexan aplicables.

Cuarto.-A aprobación desta resolución non supón a supresión de ningún ficheiro de datos de carácter persoal, polo que non é necesaria a aplicación do disposto no artigo 20.3º da LOPD.

Quinto.-Ademais das cesións previstas para cada un dos ficheiros, poderanse realizar cesións sempre que así se recolla nunha norma ou para os efectos de lles remitir datos aos servizos estatísticos, tanto estatais como da comunidade autónoma, para o desenvolvemento das funcións propias destes servizos ou entidades, e cos límites establecidos na lei.

Sexto.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2005.

Senén Barro Ameneiro

Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO

Ficheiro 12: persoas interesadas en recibir información sobre a USC.

a) Finalidade do ficheiro e usos previstos para este:

Ficheiro para a xestión de persoas físicas e xurídicas interesadas en que a Universidade de Santiago de Compostela lles oferte os seus servizos acadé

micos e outra información institucional relativa á universidade.

Os usos previstos son facilitarlle información en soporte papel ou por calquera medio electrónico, incluíndo as mensaxes a móbil a persoas interesadas en recibir información da USC e potenciais estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, e a incorporación automatizada dos datos no ficheiro de xestión académica e alumnado para o caso de que formalicen a súa matrícula na Universidade de Santiago de Compostela.

b) Persoas ou colectivos sobre os que se pretende obter datos de carácter persoal ou resulten obrigados a subministralos:

Posibles futuros estudantes de 1º, 2º e 3º ciclo, de títulos propios, do CAP, de posgrao e formación continua e de todo tipo de cursos, seminarios e análogos ofertados pola USC, posibles futuros alumnos visitantes e participantes nos programas de intercambio e mobilidade e colectivos profesionais.

c) Procedemento de recollida de datos de carácter persoal:

Declaracións, formularios e transferencia de datos por medios electrónicos, magnéticos ou telemáticos.

d) Estrutura básica do ficheiro e descrición dos tipos de datos de carácter persoal incluídos nel:

-Estrutura de base de datos relacional.

-Tipos de datos:

* Identificativos e persoais.

* De circunstancias familiares, sociais e académicas.

e) Cesións de datos de carácter persoal e, de ser o caso, transferencias de datos que se prevexan a países terceiros:

Non se prevén cesións a terceiros. Os datos do ficheiro poden incorporarse a outros ficheiros de datos de carácter persoal da USC.

f) Órgano da Administración responsable do ficheiro:

Secretario xeral.

g) Servizos ou unidades ante os que se poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición:

Secretario xeral.

h) Medidas de seguridade con indicación do nivel exixible:

Nivel básico.

Ficheiro 13: usuarios de servizos da USC.

a) Finalidade do ficheiro e usos previstos para este:

Ficheiro para a xestión de persoas físicas ás que a Universidade de Santiago de Compostela lles oferte os seus servizos non académicos.

Os usos previstos son xestionar as actividades que oferta a estes usuarios e, se é o caso, facilitarlle información sobre servizos e actividades universitarias.

b) Persoas ou colectivos sobre os que se pretende obter datos de carácter persoal ou resulten obrigados a subministralos:

Usuarios de todo tipo de servizos e actividades, xa sexan culturais, deportivas, etc. que oferte a USC.

c) Procedemento de recollida de datos de carácter persoal:

Declaracións, formularios e transferencia de datos por medios electrónicos, magnéticos ou telemáticos.

d) Estrutura básica do ficheiro e descrición dos tipos de datos de carácter persoal incluídos nel:

-Estrutura de base de datos relacional.

-Tipos de datos:

* Identificativos e persoais.

* De circunstancias familiares, sociais e académicas.

e) Cesións de datos de carácter persoal e, de ser o caso, transferencias de datos que se prevexan a países terceiros:

A entidades colaboradoras da Universidade de Santiago: Club Deportivo Universitario, etc.

f) Órgano da Administración responsable do ficheiro:

Vicerreitor/a de Extensión Cultural e Servizos á Comunidade Universitaria.

g) Servizos ou unidades ante os que se poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición:

Vicerreitor/a de Extensión Cultural e Servizos á Comunidade Universitaria.

h) Medidas de seguridade con indicación do nivel exixible:

Nivel básico.

Ficheiro 14: xestión de pacientes ICA.

a) Finalidade do ficheiro e usos previstos para este:

Ficheiro para a xestión das actividades do Instituto de Ortopedia de Banco e Tecidos Muscoesqueléticos, en concreto para o illamento e multiplicación de condrocitos humanos en cultivo. No ficheiro recóllese a información dos pacientes que acompaña ás biopsias en que se inclúe o nome dos pacientes, exames serolóxicos, alerxias, así como o diagnóstico indicativo do tratamento con esta técnica.

Os usos previstos son para o illamento e multiplicación de condrocitos humanos mediante a técnica ICA.

b) Persoas ou colectivos sobre os que se pretende obter datos de carácter persoal ou resulten obrigados a subministralos:

Pacientes dos que os hospitais envían biopsias de cartilaxes para o seu posterior implante unha vez que o Instituto de Ortopedia illa e multiplica os seus condrocitos en cultivo.

c) Procedemento de recollida de datos de carácter persoal:

Declaracións, formularios e transferencia de datos por medios electrónicos, magnéticos ou telemáticos.

d) Estrutura básica do ficheiro e descrición dos tipos de datos de carácter persoal incluídos nel:

-Estrutura de base de datos relacional.

-Tipos de datos:

* Identificativos e persoais.

* De resultados de exames serolóxicos, alerxias, etc.

* Diagnóstico indicativo do tratamento.

* De comportamento e calidade dos condrocitos de cada cultivo.

e) Cesións de datos de carácter persoal e, de ser o caso, transferencias de datos que se prevexan a países terceiros:

Só se prevé a cesión destes datos aos médicos, hospitais e centros de saúde onde o paciente estea a levar a cabo o tratamento.

f) Órgano da Administración responsable do ficheiro:

Vicerreitor/a de Investigación e Innovación.

g) Servizos ou unidades ante os que se poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición:

Instituto de Ortopedia e Banco de Tecidos Muscoesqueléticos.

h) Medidas de seguridade con indicación do nivel exixible:

Nivel alto.