DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 17 de febreiro de 2005 Páx. 2.735

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 28 de xaneiro 2005 pola que se ditan normas para a cesión en propiedade de vehículos especialmente preparados para misións de protección civil, aos concellos e mancomunidades de concellos galegos.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2º, alínea c), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82) determinan que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía de participación dos seus cidadáns en diferentes materias, e entre elas a protección civil, xa que, ante unha situación de emerxencia que poida poñer en perigro a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.

Así mesmo, a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, establece a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns á protección civil a través de organizacións que se orientarán, principalmente, á colaboración e apoio en situacións de emerxencia, actividade fundamentalmente desenvolvida polas agrupacións de voluntarios de protección civil.

Conforme o Decreto 226/2003, do 11 de abril, mediante o que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, correspóndelle a esta consellería, entre outras competencias, as de protección civil.

De acordo co Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, a Administración autonómica colaborará na dotación de medios e recursos necesarios á Administración local para a súa actuación en materia de protección civil.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, consciente da magnitude e transcendencia dos valores que están en xogo nas situacións de emerxencia, así como das necesidades que se xeran e os recursos humanos e materiais que é preciso mobilizar, continuando a liña de anos anteriores, quere dotar dos medios axeitados os concellos para o cumprimento dos seus labores en materia de protección civil.

Na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións -os seus preceptos declarados básicos pola disposición derradeira primeira-, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21

de novembro, establécense os requisitos xerais ás subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa á cal, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

De acordo co exposto, preténdese por medio desta orde regular o procedemento e os requisitos para a cesión en propiedade de vehículos especialmente preparados para misións de protección civil aos concellos e mancomunidaes de concellos da Comunidade Autónoma galega.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, para colaborar e aumentar a eficacia dos concellos na súa misión de protección á súa comunidade veciñal e para equipar cun medio necesario á protección civil, cederalles en propiedade vehículos todo terreo aos concellos e mancomunidades de concellos galegos que conten con servizo municipal de Protección Civil ou agrupación de voluntarios de Protección Civil, que estean inscritos no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia conforme o Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Para poderen acceder aos beneficios outorgados mediante esta orde, os interesados deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Dispor de servizo municipal de Protección Civil ou de agrupación de voluntarios de Protección Civil debidamente inscritos no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia conforme o Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

b) Que nos seus orzamentos anuais dispoñan dunha cantidade destinada a temas de seguridade e protección civil.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo a que se refire esta orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local destinará ata un límite de 280.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.231A.624.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2005, que se dedicarán á adquisición de vehículos todo terreo para cedérllelos en propiedade aos concellos e mancomunidades de concellos.

Artigo 4º.-Solicitude.

1. Os interesados en acollerse aos beneficios concedidos nesta orde presentarán a súa solicitude, no prazo de corenta días naturais contados a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, empregando o modelo que se indica no

anexo I desta orde, no rexistro xeral das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentarán os seguintes documentos:

2.1. Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos

2.2. Certificados expedidos polo secretario do concello ou polo presidente da mancomunidade:

a) De ser o caso, da existencia de servizo municipal de Protección Civil.

b) Dos gastos correntes e de investimento considerados nos orzamentos do ano 2005 destinados ás funcións de seguridade e protección civil.

c) Relativo ao acordo adoptado polo órgano competente polo que:

-Se acorda solicitar a cesión en propiedade, regulada nesta orde, aceptando integramente os seus termos e prescricións.

-Se faculta o alcalde do concello ou o presidente da mancomunidade para aceptar a cesión en propiedade nas condicións establecidas pola consellería e para asinar a correspondente acta, no caso de resolución favorable da consellería.

d) De ser o caso, do acordo de creación da Xunta Local de Protección Civil.

2.3. Memoria asinada polo alcalde, como xefe local de Protección Civil ou polo presidente da mancomunidade, na cal se indiquen:

a) Os riscos potenciais existentes no ámbito territorial do concello ou mancomunidade, conforme o establecido no Plan Territorial de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia (Platerga), ou no Plan de Emerxencia Municipal (Pemu) de telo aprobado.

b) Medios materiais de transporte de que dispón actualmente o concello ou a mancomunidade e a agrupación de voluntarios de Protección Civil destinados a tarefas de protección civil.

c) Cumprir os requisitos indicados no artigo 2º, especificando cada un dos puntos.

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados aos interesados polas delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, e concederáselles un prazo de dez días para emendaren os erros ou omisións. Transcorrido o antedito prazo, se non se producise a dita enmenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido

na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrución.

1. Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, os/as delegados/as provinciais remitirana á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, acompañada dun informe administrativo sobre o cumprimento do sinalado no artigo 4º.

2. Constituirase unha comisión de avaliación, que estará presidida polo director xeral de Interior e Protección Civil e formada polo subdirector xeral de Protección Civil e polos catro delegados provinciais da Consellería de Xustiza Interior e Administración Local, actuando como secretario un funcionario da Subdirección Xeral de Protección Civil que non terá dereito a voto.

3. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, cun número de beneficiarios igual ao número de vehículos ofertados, e conterá unha lista de reserva de cara á posible renuncia dalgún beneficiario ou á adquisición de máis vehículos, que será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, e para a elaboración da proposta de resolución teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a gradación que en cada caso se indica:

1. A situación xeográfica do concello ou mancomunidade e os riscos potenciais existentes, conforme o establecido no Plan Territorial de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia (Platerga) ou, se é o caso, no Plan de Emerxencia Municipal (Pemu), ata un 10%.

2. Número de colaboracións realizadas, en temas de protección civil, coa Xunta de Galicia, especialmente co Centro de Xestión de Emerxencias 112 SOS-Galicia, e plans de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia no Sistema de Protección Civil de Galicia, así como a participación activa nos últimos anos da agrupación de voluntarios de Protección Civil en situacións de urxencia e emerxencia, ata un 30%.

3. Dispor de servizo de 24 horas na agrupación de voluntarios de Protección Civil, ata un 15%.

4. Recursos humanos e medios materiais, de titularidade propia, que o interesado e, se é o caso, a agrupación de voluntarios de Protección Civil poida mobilizar ante unha emerxencia, ata un 10%.

5. Ter creada a Xunta Local de Protección Civil, ata un 10%.

6. Ter elaborado e presentado ás autoridades de Protección Civil da Xunta de Galicia o seu Plan

de Emerxencias Municipal (Pemu) ou, de ser o caso, o/os Plan/s de Actuación Municipal (PAM) ata un 15%.

7. Cantidade destinada polo interesado, nos seus orzamentos anuais, para cumprir coa normativa vixente en materia de seguridade e protección civil, ata un 10%.

Artigo 7º.-Resolución, publicación e notificación.

1. A resolución será adoptada polo conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación, e procederase á súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento de patrimonio da comunidade autónoma (introducido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo) e co disposto no artigo 11º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, supoñendo a cesión en propiedade do vehículo todo terreo.

2. A notificación da resolución será efectuada pola Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do prodecemento administrativo común.

No suposto de que, transcorridos seis meses contados desde a publicación desta orde, non se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Na notificación das resolucións faranse constar as seguintes condicións particulares que deberá cumprir o interesado ao cal se lle conceda o vehículo:

a) Aboar en concepto de achega compensatoria polos custos xerados no procedemento de cesión a cantidade resultante de aplicar a porcentaxe do 15% ao importe unitario de licitación dos vehículos, por ser este importe certo, no correspondente procedemento de contratación.

b) Serán por conta dos beneficiarios os gastos de matriculación, incluído, se é o caso, o imposto especial sobre determinados medios de transporte, seguros, mantemento, conservación e calquera outro gasto que pudiese supoñer a cesión, así como as indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos, calquera que sexa a súa contía.

c) Os interesados comprométense a que os vehículos sexan destinados a misións de protección civil

d) Compromiso da inalterabilidade das condicións tidas en conta para a concesión.

4. Contra a resolución do conselleiro poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ou recurso potestativo de reposición ante o propio conselleiro.

Artigo 8º.-Aceptación, xustificación e pagamento.

1. O alcalde do concello ou o presidente da mancomunidade ao cal se lle concedese un vehículo disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da comunicación individual da resolución favorable, para comunicar a aceptación das condicións contidas no artigo 7º.3.

2. Considérase como medio de xustificación, para facer efectiva a entrega do material correspondente, a certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que solicita a axuda e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto, segundo se recolle no artigo 15.2º c) do Decreto 287/2000.

3. Transcorrido o prazo referido no punto 1º deste artigo sen que se comunique a aceptación, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local poderá anular a resolución.

Artigo 9º.-Formalización da cesión.

Para a formalización da cesión, observarase o disposto no artigo 96.bis 4 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do patrimonio da comunidade autónoma, e realizarase mediante acta subscrita polo alcalde ou presidente da mancomunidade ou persoa en quen delegue, e o secretario xeral da consellería ou funcionario en quen delegue, na cal constará o acordo de cesión en propiedade e a aceptación polo cesionario.

Os gastos de matriculación, seguros, impostos, mantemento, conservación do material cedido e as indemnizacións derivadas das posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal por uso do material, calquera que sexa a súa contía, serán por conta dos concellos ou mancomunidades.

Artigo 10º.-Reversión dos bens na comunidade autónoma.

1. Se o vehículo cedido non se aplicase ao fin sinalado ou deixase de estalo con posterioridade, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á comunidade autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

2. A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local estará dotada de facultades de vixilancia e control para comprobar o cumprimento das obrigas que leva aparelladas a cesión e, de ser o caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposición adicional

A achega compensatoria realizada polo beneficiario segundo o disposto no artigo 7º.3 a) poderá xerar créditos no estado de gastos do orzamento desta consellería que poderán ser utlizados na adquisición e na adxudicación de máis vehículos do mesmo tipo e características que os cedidos inicialmente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Interior e Protección Civil para ditar, no ámbito das súas com

petencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Será de aplicación supletoria o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2005.

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Administración Local