DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 17 de febreiro de 2005 Páx. 2.734

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 16 de febreiro de 2005 pola que se regula o exercicio do dereito ao voto do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia, no referendo consultivo da Nación sobre a decisión política de ratificar o Tratado que establece unha Constitución para Europa, convocado para o día 20 de febreiro de 2005 polo Real decreto 5/2005, do 14 de xaneiro.

Convocado referendo consultivo da Nación sobre a decisión política de ratificar o Tratado que establece unha Constitución para Europa polo Real decreto 5/2005, do 14 de xaneiro, cómpre regular as diversas situacións que poidan presentarse para o exercicio do dereito ao voto do persoal ao servizo da Administración autonómica que non desfruten do seu descanso semanal o día da votación, así como dos que interveñan no proceso electoral, posto que o referendo terá lugar en domingo, todo isto de conformidade co disposto no artigo 13 do Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais.

En consecuencia, en virtude do previsto na Lei orgánica 2/1980, do 18 de xaneiro, sobre regulación das distintas modalidades de referendo, na Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, e no Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais, e demais disposicións concordantes, esta consellería, de conformidade coas facultades que lle

confire o artigo 13 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia,

DISPÓN:

Artigo 1º

O persoal ao servicizo da Administración pública de Galicia que o día do referendo non desfrute do seu descanso semanal terá dereito a un permiso retribuído de catro horas libres para exercer o seu dereito ao voto, sempre que a súa quenda de traballo, o día 20 de febreiro de 2005, coincida polo menos en catro horas co tempo en que permanecerán abertas as mesas electorais. Cando o traballo se preste en xornada reducida, efectuarase a correspondente redución proporcional do permiso.

Artigo 2º

1. O persoal nomeado presidente ou vogal de mesas electorais, e os que acrediten a súa condición de interventores, teñen dereito, durante o día da votación, a un permiso retribuído de xornada completa se non desfrutan en tal data de descanso semanal,e a unha redución da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior.

2. Os que acrediten a súa condición de apoderados teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non desfrutan nese día de descanso semanal.

Artigo 3º

Os xefes dos servizos de persoal das distintas consellerías e dos organismos autónomos dependentes delas, e os secretarios provinciais das delegacións/direccións provinciais/territoriais das consellerías e dos organismos autónomos dependentes delas, onde presta os seus servizos o persoal afectado por esta orde, esixiranlle ó mencionado persoal os oportunos xustificantes expedidos polas mesas electorais de que foi exercido o seu dereito ao voto.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2005.

Jaime Pita Varela

Consellería da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL