DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 16 de febreiro de 2005 Páx. 2.648

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 21/2005, do 20 de xaneiro, de prevención de incendios e regulación de aproveitamentos forestais.

Os incendios forestais que veñen afectando os montes galegos, a súa concentración e reiteración en zonas concretas do territorio, fai conveniente adoptar medidas que eviten, ou polo menos palien, os danos e perdas que nelas se producen.

Os estudos espacio-temporais dos incendios forestais levados a cabo nos derradeiros anos, amosan unha evidente concentración en certos períodos e en determinadas zonas, como amosa o feito de que no período estival o 72,6% dos incendios forestais se producen no 28,1% do territorio galego, porcentaxes que non son moi diferentes se tomamos unha referencia anual, o 74,1% dos incendios forestais que se producen anualmente se concentran no 35,1% do territorio.

Os estudos sobre causalidade e os usos posteriores de terreos queimados nas parroquias máis castigadas polos incendios, realizados simultaneamente polos corpos e forzas de seguridade do Estado e a gardería forestal, amosan a existencia dunha serie de causas sobre as que cómpre actuar. A intencionalidade e a neglixencia no uso do lume en terreos forestais, os conflitos entre propietarios de montes e executores dalgúns aproveitamentos, son unha importante fonte dos incendios forestais que se producen cada ano en Galicia. Para contrarrestar estas circunstancias é necesario adoptar medidas que eviten, ou polo menos minoren, os danos que se producen nos espazos forestais, poñendo en marcha actuacións preventivas e restauradoras da súa riqueza ambiental, económica e social, tendentes a protexer e rexenerar os terreos queimados e impedir a erosión e deterioración da calidade edáfica.

No que se refire ao marco competencial e normativo en que se encadra esta disposición, é preciso resaltar que se dita ao amparo do artigo 27.10º do Estatuto de autonomía de Galicia, que lle atribúe á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de montes, aproveitamentos forestais, vías pecuarias e pastos, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.23 da Constitución que lle atribúe o Estado a competencia exclusiva sobre lexislación básica en materia de montes e aproveitamentos forestais.

Neste senso, a Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, a Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, o Decreto 485/1962, do 22 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de montes, e o Decreto 3769/1972, do 23 de decembro, polo que se aproba o Regulamento sobre incendios forestales, facultan a Administración para desenvolver unha serie de medidas preventivas que regulen os aproveitamentos do monte nestes espazos e que consigan a axeitada restauración das superficies queimadas.

Entre as actuacións previstas inclúese o control dos aproveitamentos da madeira afectada polo lume, de xeito que a súa extracción non impida a rexeneración natural da superficie queimada ou provoque efectos económicos ou ambientais negativos.

Igualmente se procede á regulación do pastoreo no terreo forestal, que de acordo coa Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes e o Decreto 485/1962, do 22 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de Montes, se considera un aproveitamento forestal. Ao ser o pastoreo sistemático sobre as áreas incendiadas unha práctica que contribúe á degradación acelerada dos solos, impedindo a rexeneración da cuberta vexetal, é necesario instrumentar medidas reguladoras que eviten os efectos daniños desta práctica.

Outras normas sectoriais, como a Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, ou a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural en Galicia, limitan o desenvolvemento de determinadas actividades en áreas afectadas por incendios forestais.

Na súa virtude, no uso das atribucións concedidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa concordante, e por proposta da Consellería de Medio Ambiente, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de xaneiro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Este decreto ten por obxecto compatibilizar e regular os aproveitamentos do monte, coa finalidade de previr os incendios forestais e as súas consecuencias, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As referencias que neste decreto se fagan ao terreo queimado, entenderanse como feitas aos terreos que fosen afectados por un incendio forestal, entendido como o lume que se estende sen control sobre combustibles forestais situados no monte segundo a definición deste recollida no artigo 6 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

Capítulo II

Prevención de incendios forestais

Sección primeira

Dos aproveitamentos de madeira queimada

Artigo 2º.-Aproveitamento de madeira queimada.

1. Os aproveitamentos de madeira queimada, con independencia da especie forestal, que se realicen en terreos afectados por un incendio, requirirá a autorización previa da delegación provincial da Consellería de Medio Ambiente que será solicitada polo

propietario do terreo ou o titular dos aproveitamentos.

2. A solicitude de autorización de aproveitamento irá acompañada dos datos do comprador e do prezo de venda.

Para os efectos de facilitar a presentación dos datos requiridos para as solicitudes de autorización, a Administración forestal proporcionará os impresos oportunos, recollidos no anexo I.

3. Exceptúanse de autorización os aproveitamentos para usos domésticos ata un máximo de 10 metros cúbicos anuais, que requirirán unicamente comunicación á Administración forestal, cun mínimo dun día de antelación á súa realización.

4. Se a Administración forestal non emitise resolución expresa no prazo dun mes, entenderase estimada, por silencio administrativo, a autorización de corta.

5. Cando a Administración forestal considere que, por razóns de sanidade vexetal, política forestal ou de seguridade, debe ser extraída a madeira queimada ou as árbores afectadas por anteriores incendios, requirirá o propietario para que nun prazo de dous meses proceda á extracción da dita madeira. O incumprimento desta obriga constitúe unha infracción administrativa tipificada no artigo 67 m) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

Artigo 3º.-Axudas e subvencións.

1. A Consellería de Medio Ambiente poderá establecer axudas, ben para a rexeneración da masa forestal, ben para a repoboación dos terreos afectados polos incendios, cando non sexa posible a rexeneración natural.

2. Por orde da Consellería de Medio Ambiente desenvolveranse as normas que regulen as axudas, que se axustarán ao establecido no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sección segunda

Actividades en terreos queimados

Artigo 4º.-Limitacións ao pastoreo.

1. Con carácter xeral, prohíbese o pastoreo en todas as áreas arboradas que resulten afectadas por incendios forestais, nun prazo mínimo de tres anos a partir da data en que se produza o lume e ata que as axeitadas condicións de restauración da masa arborizada queimada o permitan. Neste caso, e despois do informe favorable dos servizos provinciais de Defensa contra Incendios Forestais, o exercicio do pastoreo poderá ser autorizado pola Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais.

2. Se a zona queimada é de matogueira a prohibición de pastoreo manterase durante un mínimo de tres anos a partir da data en que se produciu o lume salvo autorización, por concorreren circunstancias excepcionais, da Dirección Xeral de Montes

e Industrias Forestais, logo de informe da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Transcorrido o prazo de tres anos desde a data en que se produce o incendio nestas zonas queimadas de matogueira, logo de solicitude do propietario e despois do informe favorable dos servizos provinciais de Defensa contra Incendios Forestais, o exercicio do pastoreo poderá ser autorizado pola Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais.

3. Para os efectos de facilitar a presentación da solicitude de autorización, a Administración forestal proporcionará os impresos oportunos, recollidos no anexo II.

4. O prazo para ditar as resolucións de autorización ás que se refire este artigo será de dous meses desde a solicitude. Se a Administración forestal non emitise resolución expresa no prazo citado, entenderase estimada por silencio administrativo.

Artigo 5º.-Obrigas urbanísticas.

1. As autorizacións para construción de instalacións en solo rústico queimado previstas na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, requirirá, durante un prazo de tres anos contados desde a data en que tivo lugar o incendio forestal cando o incendio fose superior a unha hectárea, do informe favorable da Consellería de Medio Ambiente. Exceptúanse do previsto neste punto as instalacións previstas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal regulado polo Decreto 80/2000, do 23 de marzo, así como aqueles proxectos sometidos á avaliación de impacto ambiental.

2. Para os efectos anteriores a Consellería de Medio Ambiente facilitaralle ao órgano competente para a concesión daquelas autorizacións a identificación mediante sistemas xeo-referenciados e cartografía a escala axeitada, dos solos que, por ter sufrido os efectos do lume, deban considerarse como solo rústico de protección forestal.

Artigo 6º.-Limitacións á actividade cinexética.

1. Os aproveitamentos e a repoboación cinexética en terreos queimados queda prohibida durante un período de tres anos desde a data do lume, salvo autorización expresa da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, logo de informe favorable da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais.

2. Nos terreos cinexeticamente ordenados, cando o número de incendios forestais ou a suma de superficies queimadas ao longo do ano así o aconselle, a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais poderá propoñer a revisión do contido dos plans de ordenación de aproveitamento cinexético. Asi mesmo, a Consellería de Medio Ambiente, polas causas recollidas anteriormente, poderá suspender temporalmente a actividade cinexética.

3. O reinicio da actividade cinexética tras a suspensión temporal prevista no número 2 deste artigo, será acordado pola Consellería de Medio Ambiente, oído o comité de caza correspondente e os titulares do aproveitamento, logo do informe favorable da Dirección Xeral de Montes e Industrias forestais.

Artigo 7º.-Outras limitacións.

Nos terreos arborados queimados prohíbese a realización de actividades cuxa viabilidade estea directamente relacionada coa desaparición do arborado, salvo autorización expresa da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais. Esta autorización outorgarase, logo de solicitude do interesado (anexo III), no prazo de tres meses desde a súa presentación nas delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente, entendéndose estimada por silencio administrativo de non recaer resolución expresa no dito prazo.

Sección terceira

Limitacións e medidas preventivas

contra incendios forestais

Artigo 8º.-Limitacións á utilización de explosivos.

1. Cando se empreguen explosivos para aperturas de estradas, traballos de canteiras, prospeccións mineiras e outras actividades que inclúan uso dos citados materiais en terreos forestais, deberán establecerse medidas e persoal con dotación de material para a extinción dos incendios forestais que eventualmente se puidesen producir, de conformidade coas normas ditadas pola Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais. Esta obriga esténdese a aquelas actividades complementarias de sinalización e mantemento que empreguen elementos con chama ou produtos de restos incandescentes.

2. Deberase comunicar cun prazo mínimo de 15 días aos servizos provinciais de Defensa contra Incendios Forestais a execución de tales traballos, que se poderán limitar ou prohibir cando o índice de perigo de incendios o faga necesario.

Sección cuarta

Zonas de especial risco de incendios forestais

Artigo 9º.-Declaración de zonas de especial risco de incendios forestais.

1. A proposta das delegacións provincias da Consellería de Medio Ambiente, a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais poderá declarar como zonas de especial risco de incendio, aquelas áreas en que a frecuencia ou virulencia dos incendios forestais ou a conflitividade que a execución dos aproveitamentos e usos engade á defensa do territorio, fagan necesaria a adopción de medidas especiais de protección contra o incendio forestal. As medidas especiais farán fincapé nas accións de prevención, vixilancia e investigación.

2. Periodicamente publicarase a relación das devanditas zonas, mediante orde da Consellería de Medio Ambiente, indicando os concellos en que estean situadas.

3. Nos concellos onde se sitúen zonas de especial risco de incendios forestais priorizaranse accións con independencia das especificadas no resto do territorio.

Artigo 10º.-Limitacións en zonas de especial risco de incendio.

1. Nas zonas de especial risco de incendio, e en calquera época do ano, queda prohibida a utilización do lume para eliminar restos de aproveitamentos forestais e de tratamentos silvícolas, salvo xustificación técnica de inexistencia doutras alternativas viables, caso en que a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais poderá autorizar a utilización do lume, logo de solicitude (anexo IV).

2. Se a Administración forestal non emitise resolución expresa no prazo dun mes entenderase estimada por silencio administrativo.

3. Esta autorización non exime da solicitude do correspondente permiso de queima.

Artigo 11º.-Perímetros de preferente ordenación.

1. Nas zonas de especial risco de incendio, poderanse declarar perímetros de preferente ordenación para o pastoreo. O pastoreo nestes perímetros, unicamente se poderá realizar no interior de cercados axeitados ao gando.

A contravención desta limitación levará aparellada o inicio do procedemento descrito no artigo 16º.

2. Unha vez declarado un perímetro de preferente ordenación para o pastoreo, manterase a dita declaración, independentemente do mantemento do seu contorno como zona de especial risco de incendios.

3. Poderán establecerse axudas públicas para a redacción de plans de aproveitamento gandeiro, a creación de cercados e outras accións de mellora nestas zonas de especial risco de incendio.

Artigo 12º.-Autorizacións de competicións deportivas.

1. A utilización do territorio incluído en zonas de especial risco de incendios forestais para competicións automobilísticas, de motocrós, de quaters e similares, deberá ser autorizada pola delegación provincial da Consellería de Medio Ambiente.

Todo isto con independencia da obtención do correspondente permiso do propietario do terreo que se deberá achegar á solicitude de autorización.

Para os efectos de facilitar a presentación da solicitude de autorización, a Administración forestal proporcionará os impresos oportunos, recollidos no anexo V.

2. Se a Administración forestal non emitise resolución expresa no prazo dun mes, entenderase estimada por silencio administrativo.

Artigo 13º.-Planos de defensa.

1. A Consellería de Medio Ambiente poderá elaborar un plano de defensa aplicable a cada unha

das zonas de especial risco de incendios forestais, onde se determinará:

-As medidas e traballos preventivos aplicables a elas. Estes traballos preventivos incluirán devasas, vías de acceso e puntos de auga que deban realizar os propietarios dos montes da zona, así como os prazos e modalidades de execución.

-Os usos, costumes e actividades que poidan existir na zona e que se manifesten a través da provocación reiterada de lumes ou do uso neglixente do lume, así como a determinación das épocas do ano de maior risco de lumes forestais.

-O establecemento e dispoñibilidade de medios de vixilancia e extinción necesarios para dar cobertura a toda a superficie forestal da zona, coas previsións para o seu financiamento.

-A regulación dos aproveitamentos e usos que poidan dar lugar a risco de lumes forestais.

Os planos de defensa en zona de especial risco poderán ser declarados de interese para a execución dos traballos incluídos neles, de acordo co previsto na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

2. Os organismos, empresas ou particulares responsables de ferrocarrís, vías de comunicación, liñas eléctricas ou instalacións de calquera tipo, temporais ou permanentes, sen prexuízo de que xa se adoptasen as medidas de seguridade de carácter xeral previstas na normativa vixente, deberán executar aquelas medidas preventivas recollidas nos plans de defensa, nos prazos e formas que se sinalen.

3. No caso de que as empresas e particulares a que se refire o punto anterior non cumprisen o disposto neste decreto e normas que o desenvolvan, se a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais considera urxente a súa execución, requirirá os interesados para que realicen o ordenado nos termos que lles sinale, apercibíndoos de que noutro caso se procederá a súa execución subsidiaria ao seu cargo, sen prexuízo de instruír o oportuno expediente sancionador.

4. A utilización de fitocidas para a eliminación de vexetación, co conseguinte aumento da combustibilidade da vexetación tratada, non eximirá das posteriores medidas de limpeza desta.

5. Os concesionarios de gasolineiras, propietarios de industrias pirotécnicas, de almacéns de materiais inflamables e similares, sen prexuízo dos dispositivos de seguridade que lle correspondan segundo a súa lexislación sectorial, manterán a súa propiedade limpa de vexetación nunha zona perimetral ao redor dela de 50 metros. Se a extensión da propiedade non acadase a superficie de 50 metros, esta obriga estenderase ata o límite desta.

A distancia anteriormente fixada medirase tomando coma referencia as instalacións de almacenamento e distribución dos ditos materiais.

6. A Administración poderá establecer axudas para a realización das medidas e dos traballos preventivos establecidos neste artigo.

Capítulo III

Dos aproveitamentos para fins agrícolas

e gandeiros

Artigo 14º.-Autorización de aradura.

1. A aradura de calquera terreo forestal para a implantación de cultivos agrícolas ou pasteiros deberá ser autorizada pola Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais. Para tal fin, a solicitude de autorización irá acompañada necesariamente do informe da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Para os efectos de facilitar a presentación da solicitude de autorización, a Administración forestal proporcionará os impresos oportunos, recollidos no anexo VI.

2. A Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais, cando se producise un incendio forestal nos últimos tres anos autorizará, só excepcionalmente e en atención a circunstancias especiais, a aradura prevista no punto anterior.

3. Se a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais non emite resolución expresa sobre a solicitude de autorización de aradura de terreos forestais no prazo de tres meses, esta entenderase estimada por silencio administrativo.

4. Cando se produza un incendio despois da autorización e deste xeito se faga constar mediante informe emitido, para tales efectos, polos servizos provinciais de Defensa contra Incendios Forestais, a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais poderá ou ben paralizar a realización dos labores de implantación do novo uso ou revogar definitivamente a autorización, todo isto logo de incoación do oportuno expediente administrativo e dando curso ao trámite de audiencia ao interesado.

Artigo 15º.-Da prohibición ou condicionamento dos aproveitamentos de pastos nos terreos forestais.

1. O titular do monte é o propietario dos aproveitamentos forestais producidos no seu monte. O aproveitamento polo gando de pastos en terreos forestais é un aproveitamento forestal, é deberá estar, se é o caso, regulado expresamente no correspondente instrumento de xestión forestal ou no plan de ordenación de recursos forestais en cuxo ámbito se atope o monte en cuestión.

2. Nos montes xestionados pola Administración forestal o pastoreo poderá ser prohibido por instancia do titular da propiedade ou da Administración forestal, neste último caso será necesaria a conformidade do propietario.

3. Nos montes veciñais en man común que non conten cun instrumento de xestión, a prohibición ou regulación do aproveitamento dos pastos terá que ser aprobada pola asemblea xeral conforme os seus

estatutos. No caso de que se acorde unha regulación do aproveitamento de pastos, esta recollerase nun plan de aproveitamento gandeiro.

4. O propietario dos pastos en terreo forestal que prohiba ou regule o seu aproveitamento poderá solicitar á Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais a inclusión destes montes nun rexistro público de terreos forestais de pastoreo, creado para tal efecto e adscrito á Consellería de Medio Ambiente, que recollerá os terreos forestais onde o pastoreo estea prohibido ou regulado.

A solicitude de incrición no devandito rexistro conterá como mínimo os seguintes datos:

-Nome do propietario.

-Nome do monte afectado.

-Localización.

-Superficie.

-Condicións do aproveitamento de pastos, se o sometemento a condicións destes fose a opción elixida.

A solicitude de inscrición no rexistro deberá acompañarse de:

-A documentación que acredite o dereito de propiedade sobre o terreo forestal do titular do aproveitamento de pastos.

-Un plan de aproveitamento gandeiro cando se trate dunha regulación do aproveitamento de pastos nun monte veciñal en man común. Este plan de aproveitamento gandeiro terá, polo menos, os contidos que se incluirán na documentación que a continuación se enumera:

a) Condicións e prazo ao que se axustará o aproveitamento.

b) Plano da parcela que se utilizará para o aproveitamento indicando a superficie destinada ao pastoreo.

c) Xustificación da carga gandeira que soportará a parcela.

5. A Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais, unha vez comprobados os datos contidos na solicitude, procederá á inscrición do monte no rexistro, do que dará conta ao solicitante. Se a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais non emite resolución expresa sobre a solicitude de inscrición no prazo de tres meses, esta entenderase desestimada por silencio administrativo.

6. O rexistro completarase coa información subministrada polos instrumentos de xestión aprobados pola Administración forestal, que non poderán entrar en contradición co contido dunha solicitude de inscrición no rexistro. En caso de discrepancia prevalecerá o disposto no instrumento de xestión aprobado pola Administración, podéndose, en todo caso, proceder, por instancia do propietario, á súa modificación.

7. A Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais comunicará anualmente á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural os terreos forestais inscritos no devandito rexistro, para os efectos oportunos.

8. A Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais poderá suspender de xeito temporal a dita inscrición naqueles casos en que a situación epideomolóxica dunha determinada zona, na cal previamente se autorizase o pastoreo e figure inscrita no rexistro, así o precise e logo da solicitude dos servizos con competencia en sanidade animal. Esta suspensión manterase ata que tal situación se normalice.

9. Os investimentos amparados polos convenios e consorcios coa Administración vixente, poderán incluír accións de promoción e mellora do aproveitamento de pastos que axuden a alcanzar os fins recollidos neste decreto.

Artigo 16º.-Aproveitamento de pastos onde estean prohibidos ou onde se realicen sen seguir os condicionantes establecidos polo propietario.

1. Ante a presenza continuada de gando no monte onde o aproveitamento de pastos estea prohibido ou onde se realice sen seguir as condicións e requisitos establecidos polo propietario, e constando deste xeito inscrito no rexistro previsto no artigo 15º, este deberá poñer o feito inmediatamente en coñecemento da Administración forestal que procederá a verificar a autenticidade dos feitos.

2. Unha vez comprobados os feitos, antes da apertura do correspondente expediente sancionador e como actuación previa, anunciarase no taboleiro de anuncios do concello e en lugares da parroquia en que se produciron os feitos, a apertura dun prazo de cinco días para que se proceda á retirada dos animais, polo propietario do gando ou o titular da explotación gandeira á que pertence.

3. No caso de non producirse a retirada dos animais a Administración forestal poderá acordar o comiso dos animais ben con carácter provisional e previo ao expediente sancionador, medida que deberá ser ratificada no correspondente procedemento sancionador pola autoridade competente para resolver, ou ben como medida cautelar ao iniciarse o procedemento sancionador.

Capítulo IV

Das infraccións e sancións

Artigo 17º.-Infraccións.

1. A potestade sancionadora en relación coas actividades de prevención de incendios e regulación de aproveitamentos forestais obxecto deste decreto axustarase ao disposto na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

2. Consonte prevé o artigo 67 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, e sen prexuízo do que se dispoña ao respecto a lexislación autonómica, considéranse infraccións administrativas:

a) O cambio de uso forestal sen autorización.

b) O emprego de lume nos montes e áreas estremeiras nas condicións, épocas, lugares ou para actividades non autorizadas.

c) O incumprimento das disposicións que regulen o uso do lume ditadas en materia de prevención e extinción de incendios forestais.

d) A modificación substancial da cuberta vexetal do monte sen a correspondente autorización.

e) O pastoreo nos montes onde estea prohibido ou se realice en violación das normas establecidas para o efecto polo órgano forestal da Comunidade Autónoma.

f) O tránsito ou a permanencia en camiños ou zonas forestais onde exista prohibición expresa en tal sentido.

g) O incumprimento das disposicións encamiñadas á restauración e reparación dos danos ocasionados aos montes e, en particular, os ocasionados por accións tipificadas como infracción, así como as medidas cautelares ditadas para o efecto.

h) A obstrución por acción ou omisión das actuacións de investigación, inspección e control das administracións públicas e dos seus axentes, en relación coas disposicións desta norma.

i) O incumprimento das obrigas de información á Administración por parte dos particulares.

Artigo 18º.-Clasificación das infraccións.

Segundo o artigo 68 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, as infraccións previstas no artigo anterior clasifícanse:

1. Infraccións moi graves:

As infraccións tipificadas nas alíneas a) ao g) do artigo anterior, cando os feitos constitutivos da infracción lle causasen ao monte danos cuxo prazo de reparación ou restauración sexa superior a 10 anos.

2. Infraccións graves:

As infraccións tipificadas nas alíneas a) ao g) do artigo anterior, cando os feitos constitutivos da infracción lle causasen ao monte danos cuxo prazo de reparación ou restauración sexa inferior a 10 anos e superior a 6 meses.

3. Infraccións leves:

a) As infraccións tipificadas nas alíneas a) ao g) do artigo anterior, cando os feitos constitutivos da infracción lle causen danos ao monte ou, cando existindo dano, o prazo para a súa reparación ou restauración non exceda de seis meses.

b) A infracción tipificada na alínea i) do artigo anterior.

Artigo 19º.-Sancións.

1. Conforme o artigo 74 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, as infraccións tipificadas neste capítulo, sancionaranse coas seguintes multas:

a) As infraccións leves, con multa de 100 a 1.000 euros.

b) As infraccións graves, con multa de 1.001 a 100.000 euros.

c) As infraccións moi graves, con multa de 100.001 a 1.000.000 de euros.

2. A competencia para resolveren os expedientes sancionadores e a imposición de sancións corresponderá:

a) Para as infraccións leves, ao delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente.

b) Para as infraccións graves, ao director xeral de Montes e Industrias Forestais.

c) Para as infraccións moi graves, ao conselleiro de Medio Ambiente.

Artigo 20º.-Medidas cautelares e comisos.

1. Consonte ó previsto nos artigos 72 e 136 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e 15 do Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, o órgano competente para resolver poderá adoptar en calquera momento do procedemento, para evitar a continuidade do dano ocasionado pola actividade presuntamente infractora, mediante acordo motivado, as medidas de carácter provisional que resulten necesarias para asegurar a eficacia da resolución que puidese recaer, o bo fin do procedemento, evitar o mantemento dos efectos da infracción e as exixencias dos intereses xerais.

2. Consonte prevé o artigo 79 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, a consellería competente en materia forestal poderá acordar o comiso tanto dos produtos forestais ilegalmente obtidos como dos instrumentos e medios utilizados na comisión da infracción.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Decreto 45/1999, do 21 de xaneiro, polo que se establecen medidas preventivas e de restauración de áreas afectadas polos incendios forestais.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, salvo o establecido nos artigos 15 e 16 que entrarán en vigor aos tres meses da publicación.

Santiago de Compostela, vinte de xaneiro de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL