DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 16 de febreiro de 2005 Páx. 2.640

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 9 de febreiro de 2005 pola que se regula a concesión de subvencións a empresas editoriais para impulsar a creación, tradución e adaptación de libros e materiais didácticos e complementarios, para niveis non universitarios, impresos en lingua galega.

O Estatuto de autonomía para Galicia, no seu artigo 5, especifica que a lingua propia de Galicia é

o galego e que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento. Segundo o artigo 27.20º, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva da promoción e o ensino da lingua galega.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu título III, do uso do galego no ensino, establece: «O galego, coma lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos» e «as autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino».

Así mesmo, no artigo 1 do Decreto 454/2003, do 26 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, disponse que a Administración educativa é o órgano da Comunidade Autónoma de Galicia ao que lle corresponden as competencias e funcións en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado, en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, así como a promoción e ensino da lingua galega. Todo isto sen prexuízo do disposto na Constitución e nas leis orgánicas e demais disposicións legais.

O Decreto 247/1995, do 14 de setembro, polo que se desenvolve a citada Lei 3/1983, ordena no seu artigo 8.2º que os materiais que se empreguen nas áreas e materias impartidas en lingua galega estarán escritos normalmente en galego, terán a calidade científica e pedagóxica adecuada e atenderán, sen prexuízo da súa proxección universal, ás peculiaridades de Galicia. Concrétase de seguido que, con esta finalidade, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fomentará a elaboración e a publicación dos materiais curriculares correspondentes.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Suxeitos.

A presente orde vai dirixida ás editoriais legalmente constituídas como empresas privadas, que elaboren material escolar incluíble no seu ámbito de aplicación.

Artigo 2º.-Obxecto.

Convócanse subvencións en réxime de concorrencia competitiva a empresas do sector editorial para impulsar a creación, tradución e adaptación de libros e material didáctico de niveis educativos recollidos na Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación (LOCE), con suxeición ás normas contidas nesta orde.

Artigo 3º.-Orzamento.

As subvencións concederanse con cargo á partida orzamentaria 07.06.353E 470.1, por unha contía máxima total de 1.085.300 euros, distribuídos como segue: 905.000 na anualidade de 2005, e 180.300 no exercicio de 2006.

Cada empresa solicitante poderá percibir un máximo de 160.000 euros ao abeiro desta orde, tendo en conta sempre a existencia de dispoñibilidade orzamentaria.

Artigo 4º.-Requisitos.

Subvencionaranse os libros de texto e o material didáctico e complementario que cumpran as seguintes condicións:

1ª. Estaren correctamente escritos en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro). Non obstante o anterior, admitiranse proxectos globalizados se ben só se terán en conta os contidos en lingua galega, para os efectos desta convocatoria.

2ª. Ter como mínimo 50 (cincuenta) páxinas, agás os libros infantís e os que formen parte dunha única serie ou proxecto.

3ª. Ter unha tiraxe mínima de 1.000 exemplares.

4ª. Posuír o correspondente número de ISBN e o do depósito legal definitivo, debendo estar feito o depósito de exemplares establecido no Decreto 43/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa nesta materia. O depósito legal terá unha data posterior o 1º de xaneiro de 2004.

Entenderase por material didáctico e complementario os diccionarios, atlas, mapas temáticos, láminas de aula, material audiovisual diverso e libros (agás os de lectura) que complementen o currículo dos proxectos editoriais para cada área ou materia e que se utilicen como material de apoio.

Artigo 5º.-Exclusións.

Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta orde, aínda cumprindo os requisitos exixidos no artigo precedente:

1. Os libros de bibliófilo.

2. As publicacións de difusión gratuíta.

3. Os libros publicados por clubs do libro ou entidades similares, destinados a seren distribuídos entre os seus subscritores.

4. Os libros de uso escolar correspondentes ás áreas ou materias de lingua e literatura galegas.

5. As publicacións ou material didáctico non destinado a uso escolar.

6. As obras que non sexan primeira edición

7. As publicacións que recibisen subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

8. As publicacións ou material didáctico que teñan recibido subvención da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en anteriores convocatorias.

9. As que non posúan número de ISBN nin depósito legal definitivo.

10. As publicacións ou material didáctico que teñan un prezo de venda ao público (incluído IVE) superior a 50 euros, agás, excepcionalmente, os casos que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria considere debidamente xustificados.

Artigo 6º.-Documentación.

Os editores que desexen acollerse aos beneficios desta orde elevarán petición de acordo cos prazos establecidos nas correspondentes bases específicas, por medio de instancia dirixida ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, seguindo os modelos que figuran como anexos desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou nas súas delegacións provinciais, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A solicitude irá xunto coa seguinte documentación:

1. Declaración xurada, asinada polo presidente ou director da empresa, especificando o número de contratos acollidos ao réxime da Seguridade Social.

2. Acreditación da identidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia compulsada da escritura pública de constitución da entidade ou modificación, se é o caso, dela, e do poder notarial correspondente; a inscrición de ambos os dous documentos debe constar no Rexistro Mercantil ou no rexistro que corresponda.

3. Se o solicitante é unha persoa física deberá acreditar a súa constitución como editor, así como fotocopia compulsada da cédula de identificación fiscal ou do número de identificación fiscal.

4. Copia compulsada do último recibo de pagamento do imposto de actividades económicas, ou, se é o caso, acreditación da exención de pagamento e fotocopia da alta no citado imposto.

5. Certificación bancaria orixinal actualizada onde conste como titular a empresa solicitante.

6. Certificado de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia expedido pola Consellería de Economía e Facenda.

7. Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias expedido pola correspondente delegación ou axencia tributaria do Ministerio de Economía e Facenda.

8. Certificado de encontrarse ao corrente nas obrigas sociais expedido pola Tesouraría da Seguridade Social.

9. Catálogo da produción realizada pola editorial.

10. Certificación do editor en que se faga constar a relación de títulos publicados en galego durante os dous anos anteriores.

11. Constancia documental da existencia dun contrato debidamente asinado, se o houber, co autor ou co tradutor da obra, que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

12. Un exemplar editado das obras para as que se solicita subvención. Excepcionalmente, e ata un máximo de dous títulos por editorial e sempre que se trate de libros de texto, aceptarase:

a) Un exemplar completo da maqueta definitiva da obra, ou ben, os guións e as imaxes cando se trate de vídeos didácticos, así como unha memoria explicativa en que se recollan as características técnicas, a temporalización da edición, os destinatarios aos que vai dirixido o citado material, etc.

b) Unha declaración xurada do editor pola que se compromete a ter editada a obra subvencionable o día 20 de setembro de 2005 como data límite. Unha vez rematada a edición notificarase expresamente á Dirección Xeral de Política Lingüística dentro do citado prazo, enviando, así mesmo, un exemplar da obra.

Desestimaranse automaticamente as solicitudes que non se axusten estritamente a estes requisitos e os expedientes arquivaranse sen máis trámite.

Neste aspecto, cos proxectos editoriais que concorran na base B haberá que aterse ao estipulado na correspondente base específica da convocatoria.

13. Xustificante, se houber lugar, de ter iniciada a xestión de cesión dos dereitos precisos para a publicación da obra.

14. O orzamento desagregado de gastos correspondente ao custo real de execución da obra, en que ademais deberá constar expresamente a tirada de exemplares e o prezo de venda ao público sen IVE.

15. Declaración de conxunto de todas as solicitudes, efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

A documentación relacionada nos puntos 1 a 10 deste artigo presentarase unha soa vez no caso de achegar varias solicitudes de subvención.

Toda a documentación que se lle deba unir á solicitude, ou que sexa requirida no seu momento para a tramitación do expediente, presentarase en orixinal ou fotocopia compulsada.

Artigo 7º.-Procedemento.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación serán analizadas e, se é o caso, requirirase os editores para que nun prazo de dez días hábiles emenden os posibles erros ou ausencias de documentación. Se transcorrido este prazo non se eliminasen as deficiencias observadas, as solicitudes arquivaranse sen máis trámite. Aquelas solicitudes que cumpran cos requisitos da orde de convocatoria serán valoradas pola comisión que se creará para tal fin, segundo os criterios de valoración establecidos no artigo 8º. Esta comisión de avaliación estará presidida polo director xeral de Política Lingüística, ou persoa en quen delegue, e estará composta ademais polos seguintes membros:

-O subdirector xeral de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

-Dous funcionarios con experiencia docente.

-Un xefe de Negociado ou de Grupo da Dirección Xeral de Política Lingüística, que actuará como secretario con voz e sen voto.

Con posterioridade o director xeral de Política Lingüística elevaralle a correspondente proposta ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias desta convocatoria. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e poralle fin á vía administrativa, sendo de aplicación o recollido no artigo 9º desta orde.

Artigo 8º.-Criterios de concesión e valoración das propostas.

Consideraranse criterios preferentes de concesión da subvención os seguintes:

1. A calidade das obras presentadas, que se valorará segundo os seguintes parámetros:

-Adaptación dos contidos ao currículo establecido.

-Estrutura pedagóxica da obra (secuenciación, temporalización, etc.).

-Exposición e recursos didácticos.

-Calidade técnica (encadernación, fotografía, etc.).

Cada un destes parámetros será valorado de 0 a 10 puntos, e para ser obxecto de subvención será preciso acadar unha puntuación global mínima de 20 puntos.

2. O grao de orixinalidade, de acordo coa seguinte escala:

a) Creación propia (0-10 puntos).

b) Refundición, adaptación (0-6 puntos).

c) Tradución (0-4 puntos).

Unha vez aplicados estes parámetros repercutirase un coeficiente modificador que vai desde 0,25 a 4, en función do número de páxinas e do formato dos títulos achegados.

Artigo 9º.-Resolución.

Entenderanse desestimadas as solicitudes presentadas, de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 10º.-Aceptación da subvención e compromisos.

1. Os solicitantes quedarán obrigados a xustificar as subvencións concedidas, debendo comunicar a súa aceptación por escrito no prazo máximo de dez días naturais contados a partir da publicación da resolución. Do mesmo xeito, nun prazo non superior a dez días naturais, deberán achegar as posibles renuncias ás subvencións adxudicadas, cun escrito en que se expresen os motivos que as ocasionan.

2. Os beneficiarios que presenten títulos xa editados, deberán facer constar nas sucesivas edicións destas obras que a primeira edición foi subvencionada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria-Dirección Xeral de Política Lingüística, utilizando para isto a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Non obstante, a colaboración aparecerá impresa nas obras que concorran como proxecto e, así mesmo, nas que se acollan á base B desta convocatoria, situando o mencionado patrocinio na contraportada ou na páxina de créditos.

3. Recibidos os exemplares e a documentación para a xustificación das subvencións, a Dirección Xeral de Política Lingüística de atopalos conformes, proporá o libramento dos fondos, de acordo coa normativa orzamentaria vixente.

Artigo 11º.-Xustificación.

O prazo improrrogable de xustificación e entrega da documentación das subvencións concedidas rematará o día 20 de setembro de 2005 (base A) e nos prazos que recolle a base específica B para cada anualidade.

Antes da citada data deberán remitirse á Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, xunto cun escrito no que se cite o número de expediente, os seguintes documentos:

1. Xustificantes orixinais, ou fotocopia compulsada, dos gastos relizados para a edición da obra, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados na proposta presentada, xunto cunha relación detallada e numerada destes, que incluirá o número de factura, o emisor, a suma parcial folla por folla e a suma do total da relación.

Só se admitirán como xustificantes os relativos a:

a) Gastos de imprenta e material: composición, impresión, encadernación, fotomecánica, etc.

b) Gastos de persoal: autoría/dereitos, ilustración/deseño, maquetación, fotografía, tradución, revisión de textos, etc.

Sempre que a factura ou xustificante de gasto teña un concepto xenérico (papel, plastificados, etc.), xuntarase unha certificación en que se recolla a parte proporcional que corresponde á edición da obra subvencionada.

2. Os exemplares obxecto da axuda concedida e copia dos albarás de entrega dos citados volumes no lugar que se lles indique na resolución de concesión.

3. Certificacións expresas de estar ao corrente coas súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter contraídas débedas por ningún concepto coa Xunta de Galicia.

4. Unha certificación da tiraxe e do prezo de venda ó público sen IVE definitivos, expedida polo editor ou polo representante da editorial.

5. Acreditación da existencia do correspondente depósito legal. Para estes efectos abondará cunha certificación emitida polo impresor ou, se é o caso, polo representante legal da empresa, en que se exprese a posesión do depósito legal definitivo. Polo que se refire á base B, isto incluirase na xustificación do exercicio de 2005.

6. Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para cada proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Neste caso hai que ter en conta a incompatibilidade expresa coas axudas concedidas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo que se estipula no artigo 5º desta convocatoria.

Artigo 12º.-Perda da subvención.

Calquera alteración verbo dos datos que figuran no impreso de solicitude e calquera outro incumprimento das normas contidas nesta orde terá como consecuencia a revogación da axuda logo da audien

cia á empresa interesada, e esta, se fose o caso, terá que reintegrar as cantidades percibidas e mailos xuros de mora devengados desde o momento do seu pagamento, de acordo co estipulado nos artigos 78.9º e 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Os beneficiarios das subvencións teñen a obriga de lles facilitar aos servizos competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística toda a información requirida e estes poderán levar a cabo labores de inspección destinados a verificar que as subvencións sexan destinadas á finalidade para a que foron concedidas. Así mesmo, quedarán obrigados a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

No caso de que se lle conceda á empresa outra subvención para esta mesma finalidade no prazo de vigor desta orde, terá que llo comunicar á Administración, sendo de aplicación o disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo o cal o importe da subvención minorarase cando a súa contía, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, supere o 100% do investimento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde adáptase ás normas básicas do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE do 18 de novembro), e ás do seu desenvolvemento.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO I

Bases específicas para a concesión das subvencións

A) Subvencións a obras editadas orixinalmente nos anos 2004-2005 en lingua galega, ou traducidas ou adaptadas doutra lingua distinta do galego.

Esta base subdivídese nos dous epígrafes que se describen a continuación:

a) Comprende os libros de texto e, se é o caso, os cadernos e calquera outro material de traballo que forme parte dos mesmos.

b) Engloba o material didáctico e complementario (agás os libros de lectura). Destínase un máximo de 360.000 euros do orzamento total desta convo

catoria ás axudas que se concedan ao abeiro desta tipoloxía. De non se esgotar coas subvencións que se asignen, o sobrante engrosará a dotación económica do epígrafe anterior.

A-1) As solicitudes deberán presentarse dende o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 31 de maio de 2005, e en todo caso nun prazo que non será inferior a 40 días naturais. Cada editor encadrará as súas solicitudes dentro do epígrafe que corresponda, sen prexuízo de que o órgano de xestión das axudas poida reconducir a solicitude de acordo co seu mellor encaixe.

A-2) As obras deberán estar publicadas en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/ 1982, do 17 de novembro).

A-3) Os editores deberán comercializar nas librarías un mínimo do 50 por cento da tiraxe declarada certificada.

A-4) A contía de cada subvención non poderá superar a cantidade de vinte mil (20.000) euros por título para o caso das obras orixinalmente editadas en lingua galega, e quince mil (15.000) euros, para as obras traducidas ou adaptadas, co límite da porcentaxe máxima do 100% do custo de producción (excluído o IVE). No caso da existencia de títulos compostos por varios volumes, estas cifras poderán ser concedidas de xeito global ou ben considerando de modo independente cada un dos tomos de que conste a obra, cando a complexidade e calidade que presente a edición así o aconsellen e o xustifiquen.

A-5) Os importes máximos de cada subvención estableceranse con estrita suxeición ás dispoñibilidades orzamentarias, e determinaranse tendo en conta a materia e o curso aos que vai destinada a obra, os centros de ensino susceptibles de recibir os exemplares que correspondan, co fin de fornecer os fondos das súas bibliotecas, e os criterios de concesión recollidos no artigo 8º desta convocatoria. Cada editor achegará un número de exemplares da obra subvencionada que resultará da relación entre o importe da axuda asignada a cada título e o seu prezo de venda ao público sen IVE.

A-6) A contía fixada na resolución poderá ser revisada á baixa polo órgano responsable da concesión da axuda, se a calidade da obra, o prezo de venda ao público e a tiraxe definitiva certificada non concordasen cos inicialmente declarados na solicitude.

A-7) Ademais de achegar a documentación solicitada no artigo 6º e de observar os requisitos e limitacións recollidos nos artigos 4º e 5º desta orde, para que unha obra poida optar a estas subvencións terá que cumprir as seguintes condicións:

-Ter como mínimo cincuenta (50) páxinas, agás os libros de educación infantil e aqueles títulos que formen parte dun único proxecto (caso dos libros e material didáctico da área de música, por exemplo)

e que así o xustifiquen nunha memoria explicativa que acompañará á solicitude.

-Ter unha tiraxe mínima de 1.000 exemplares.

-Ter feito o depósito legal definitivo, que terá data posterior ao 1º de xaneiro de 2004.

A-8) Para xustificar as subvencións deberán entregarse, con data límite o día 20 de setembro de 2005, os exemplares obxecto da axuda concedida e fotocopias compulsadas das correspondentes facturas e xustificantes de gasto que causara a realización da obra subvencionada, ás que se xuntará unha relación detallada e numerada dos xustificantes mencionados, que incluirá o número de factura, o emisor, a suma parcial folla por folla e a suma do total da relación, segundo expresa o artigo 11º.

Se o importe xustificado fose inferior ao da subvención asignada, esta minorarase porcentualmente.

B) Subvencións para editar en lingua galega libros de texto e material didáctico e complementario, de especial complexidade, para seren utilizados no ámbito escolar.

B-1) Estas subvencións terán carácter plurianual, de acordo co preceptuado no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na demais lexislación aplicable. Destinaranse a axudas para os proxectos que concorran ao abeiro desta base un máximo de 180.300 euros, que se aboarán na anualidade de 2006.

B-2) As solicitudes deberán presentarse no prazo de 40 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

B-3) As obras que se subvencionen publicaranse en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

B-4) Os editores deberán comercializar nas librarías un mínimo do 50 por cento da tiraxe declarada certificada.

B-5) O importe de cada subvención establecerase con estrita suxeición ás dispoñibilidades orzamentarias, e non superará a cantidade de sesenta mil cen (60.100 euros) euros, nunha porcentaxe máxima do 100% do custo de produción (excluído o IVE). A valoración poderá realizarse de xeito global ou ben considerando de modo independente cada un dos tomos de que conste a obra, cando a complexidade e calidade que presente a edición así o aconsellen e o xustifiquen.

Cada editor achegará o número de exemplares da obra subvencionada que resulte da relación entre o importe da axuda asignada a cada título e o seu

prezo de venda ao público sen IVE, e os centros de ensino destinatarios.

B-6) A contía fixada na resolución poderá ser revisada á baixa polo órgano responsable da concesión da axuda, se a calidade, o prezo de venda ao público e a tiraxe definitiva certificada non concordasen cos inicialmente declarados na solicitude.

B-7) Ademais da documentación solicitada no artigo 6º desta orde, presentarase:

-Unha declaración xurada do editor pola que se compromete a ter editada a obra subvencionable o día 15 de outubro de 2006 como data límite. Unha vez rematada a edición notificarase expresamente á Dirección Xeral de Política Lingüística enviando, así mesmo, un exemplar da obra para incorporar ao seu expediente. De non se cumprir estes requisitos dentro do prazo establecido arquivarase sen máis trámite.

-Constancia documental da existencia dun contrato debidamente asinado, se o houber, co autor ou co tradutor, que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-O proxecto da obra para a que se solicita subvención e, polo menos, unha ou dúas unidades didácticas da mesma ou, se é o caso, unha mostra suficientemente representativa que permita a súa correcta avaliación.

-Unha memoria explicativa das características técnicas e pedagóxico-educativas co plan de traballo que desenvolverá o proxecto editorial.

-Un orzamento desagregado en que se exprese a temporalización e, se as houber, as fontes de financiamento.

-Unha previsión da tiraxe e do prezo de venda ao público (excluído o IVE).

B-8) Unha vez remitidas as aceptacións das subvencións o prazo improrrogable de xustificación rematará o 15 de outubro de 2006. A axuda concedida librarase no ano 2006, logo da correcta xustificación do investimento realizado, mediante os orixinais ou fotocopias compulsadas das facturas e xustificantes de gasto que causara a edición, xunto cunha relación detallada e numerada, que incluirá o número de factura, o emisor, a suma parcial folla por folla e a suma do total da relación. Ademais disto e do estipulado no artigo 11 da orde, achegarase o correspondente número de exemplares da obra subvencionada.

Se o importe xustificado fose inferior ao da subvención asignada, esta minorarase porcentualmente.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria