DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 16 de febreiro de 2005 Páx. 2.639

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 20/2005, do 3 de febreiro, de desenvolvemento da Lei 6/2004, do 12 de xullo, reguladora dos órganos de defensa da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 6/2004, do 12 de xullo, reguladora dos órganos de defensa da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, creou o Tribunal Galego de Defensa da Competencia, como organismo autónomo de carácter administrativo adscrito á Consellería de Economía e Facenda, que ten como fin xeral preservar o funcionamento competitivo dos mercados no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, garantindo a existencia neles dunha competencia efectiva. Procede neste momento desenvolver a súa estrutura orgánica, co fin de acadar un eficaz cumprimento das súas funcións.

Polo tanto, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, tras o informe favorable do Tribunal Galego de Defensa da Competencia e demais informes preceptivos, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de febreiro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O Tribunal Galego de Defensa da Competencia é un organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito á Consellería de Economía e Facenda, ao que lle corresponden as competencias e funcións que en materia de defensa da competencia lle atribúe a Lei 6/2004, do 12 de xullo, reguladora dos órganos de defensa da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Ademais, o tribunal poderá:

-Comunicarlle ao Servizo Galego de Defensa da Competencia aquelas actividades das que teña coñecemento que poidan dar lugar á instrución dun expediente por condutas incluídas no ámbito de aplicación da Lei 6/2004.

-Promover a realización de estudos en materia de competencia.

-Difundir na sociedade os beneficios que comporta a libre competencia.

Artigo 2º

Para o desempeño das súas funcións, o Tribunal Galego de Defensa da Competencia estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

I. O presidente do Tribunal Galego de Defensa da Competencia.

II. O Pleno do Tribunal Galego de Defensa da Competencia.

Artigo 3º.-O presidente do Tribunal Galego de Defensa da Competencia.

1. O presidente do tribunal, que ten a consideración de alto cargo, é o xefe superior do organismo. Ademais das atribucións que lle confire o artigo 6 da Lei 6/2004, do 12 de xullo, terá as demais funcións que lle poidan corresponder, segundo a lexislación vixente.

2. Do presidente depende a Secretaría Xeral, con rango de subdirección xeral, á que lle corresponden as seguintes funcións:

a) A xestión dos recursos humanos e materiais asignados ao tribunal, incluída a contratación administrativa.

b) A xestión orzamentaria, financeira, contable e patrimonial do organismo autónomo, así como a elaboración do anteproxecto de orzamentos do tribunal, o seguimento e control da súa execución e a xustificación das contas xerais.

c) A asistencia técnica ao presidente en cantos asuntos lle encomende, en especial os de natureza xurídica, xestión económica e réxime interior.

Artigo 4º.-O Pleno do Tribunal Galego de Defensa da Competencia.

1. O Tribunal Galego de Defensa da Competencia está rexido polo Pleno, integrado polo presidente ou presidenta e dous vogais, de acordo co establecido nos artigos 4 e 5 da Lei 6/2004, do 12 de xullo.

2. Correspóndenlle ao Pleno, ademais de elaborar as memorias e aprobar as resolucións, medidas, ditames e informes aos que fai referencia o artigo 3 da Lei 6/2004, do 12 de xullo, as seguintes funcións:

a) Elaborar o seu regulamento de réxime interior, que regulará o funcionamento do Pleno e, en particular, o réxime de convocatoria e sesións, de acordo co establecido na Lei 6/2004, do 12 de xullo, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

b) Resolver sobre as recusacións do presidente e os vogais.

c) Nomear e acordar o cesamento do secretario do Pleno.

d) Propoñer ou, de ser o caso, informar o proxecto de relación de postos de traballo do persoal ao servizo do tribunal.

e) Preparar o anteproxecto de orzamentos do tribunal.

f) Manter relacións cos outros organismos análogos.

3. Actuará como secretario do Pleno un funcionario do corpo superior da Administración da Xunta de

Galicia adscrito á Consellería de Economía e Facenda, con titulación de licenciado en dereito, que poderá ser o secretario xeral do organismo.

Ao secretario corresponderalle, en xeral, o exercicio das competencias que aos secretarios dos órganos colexiados administrativos lles atribúe a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O secretario asistirá o Pleno, o Presidente e os vogais na preparación das reunións do Pleno, ao que asistirá con voz pero sen voto, e asesorará sobre a legalidade dos actos e acordos que se sometan a este, coidando da observancia dos trámites e prazos dos procedementos.

Ademais, será responsable da custodia dos expedientes, actuacións e documentos do tribunal e da tramitación dos asuntos relacionados coas funcións deste.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade, o secretario será substituído temporalmente por quen designe o presidente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-As consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda realizarán as modificacións que procedan na relación de postos de traballo da Consellería de Economía e Facenda, derivadas da estrutura orgánica obxecto deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de febreiro de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda