DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 15 de febreiro de 2005 Páx. 2.563

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 7 de febreiro de 2005 pola que se anuncia a convocatoria para presentar proxectos de fomento do uso do galego e de formación para os traballos dos equipos de normalización lingüística dos centros públicos de educación infantil, especial, de adultos, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, adscritos a esta consellería.

A Administración educativa de Galicia garante que os alumnos, conforme van acabando cada un dos ciclos nos que o ensino do galego é obrigatorio, vaian acadando un dominio, oral e escrito, similar dos idiomas galego e castelán, tal e como determina o artigo 14.3º da Lei 3/1983, de normalización lingüística.

Para poder conseguir iso, esta mesma lei encoméndalle á Xunta de Galicia a regulamentación no ensino do uso desas dúas linguas oficiais en Galicia. Esa regulamentación está establecida nos decretos 247/1995, do 14 de setembro, e 66/1997, do 21 de marzo.

Como órgano impulsor e dinamizador das medidas necesarias para levar a cabo o que dispoñen eses decretos e, consecuentemente, para conseguir que os alumnos acaden o dominio do galego que establece a Lei de normalización lingüística, cada centro ten que constituír un equipo de normalización lingüística. Este equipo é o que recollen os decretos 324/1996, do 26 de xullo (DOG do 9 de agosto) e 374/1996, do 17 de outubro (DOG do 21 de outubro), polos que se aproban os regulamentos orgánicos dos institutos de educación secundaria e das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria, respectivamente, decretos que foron desenvolvidos, tamén respectivamente, polas ordes do 22 de xullo e do 1 de agosto de 1997 (publicadas no DOG do 2 de setembro).

No ano 2005, a Administración educativa galega, á parte de manter este proxecto de fomento do uso do galego nos centros educativos, recolle a posibilidade, a través dunha partida adicional orzamentaria, de lles complementar os incentivos a aqueles centros que, cumprindo os obxectivos que regulan os decretos 247/1995, do 14 de setembro, e 66/1997, do 21 de marzo, que regulan o uso do galego no ensino, destacan por estender o seu uso a outras áreas curriculares.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.

1. A presente orde ten por obxecto financiar proxectos de fomento do uso do galego e de formación en réxime de concorrencia competitiva destinados aos equipos de normalización lingüística dos centros públicos que imparten ensinanzas de educación infantil, especial, de adultos, primaria, secundaria,bacharelato e formación profesional de Galicia,

adscritos á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, durante o ano 2005.

2. Os centros educativos incluídos na epígrafe anterior poderán solicitar financiamento a través de dúas modalidades non excluíntes:

Modalidade A: para todos os centros educativos, que como en anos anteriores, presenten proxectos e traballos para os que se soliciten incentivos, consonte os contidos establecidos na programación anual de actividades elaboradas e aprobadas por cada centro para acadar os obxectivos previstos nos plans específico e xeral para o uso do idioma galego (artigos 83 e 64 dos decretos 324/1996, do 26 de xullo, e 374/1996, do 17 de outubro, respectivamente).

Modalidade B: neste grupo só poderán participar aqueles centros que, ademais de participar na modalidade A e de cumprir os mínimos establecidos nos decretos 247/1995, do 14 de setembro, e 66/1997, do 21 de marzo, que regulan o uso do galego no ensino, realicen outros obxectivos máis ambiciosos e que as súas actividades destaquen por encima das previstas e exixidas pola lexislación vixente; feito que deberán constatar cubrindo o anexo II desta orde e a certificación que figura canda o modelo de solicitude.

Segundo.-Nos proxectos de fomento do uso do galego e de formación atenderase preferentemente:

Na modalidade A:

1. A satisfacer os gastos de adquisición e/ou elaboración de material didáctico, bibliográfico, fonográfico, videográfico e informático en galego.

2. A organizar programas e actividades que teñan como finalidade o fomento do uso da lingua propia de Galicia entre os distintos compoñentes da comunidade educativa do centro.

Na modalidade B: ademais dos previstos nas epígrafes unha e dúas deste artigo, á realización de proxectos de carácter excepcional que impliquen un financiamento complementario.

Terceiro.-Os proxectos de formación e fomento do uso do galego das modalidades A e B financiaranse con cargo á partida orzamentaria 07.06.353E.640.4 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, aprobados pola Lei 13/2004, do 29 de decembro, destinándose unha contía máxima de 580.000 A (cincocentos oitenta mil euros) para a modalidade A e unha contía máxima de 100.000 A (cen mil euros) para a modalidade B.

Cuarto.-A contía concedida a cada proxecto, na modalidade A, non poderá superar a cantidade máxima de 2.000 A (dous mil euros); na modalidade B, non poderá superar a cantidade máxima de 1.000 A (mil euros) e, no caso de concorrer en ambas as dúas modalidades, non poderá superar a cantidade máxima de 2.300 A (dous mil trescentos euros).

Quinto.

1. Para acceder a este financiamento será necesario que o equipo de normalización lingüística estea formalmente constituído segundo o disposto nos artigos 82 do Decreto 324/1996, do 26 de xullo, e 63 do Decreto 374/1996, do 17 de outubro, e que o seu programa de actividades fose aprobado polo centro e enviado canda a programación xeral anual á Inspección Educativa, o órgano encargado de lle presentar á correspondente comisión avaliadora o informe relativo a cada centro.

2. Non se poderán dotar de asignación económica ningunha aqueles centros que non xustifiquen debidamente o financiamento que lles foi concedido para o ano académico 2003/2004, ao abeiro da Orde do 6 de febreiro de 2004 (DOG nº 30, do 12 de febreiro), ou que non cumpran o sinalado na epígrafe 6º.4 desta orde e corresponderalle emitir os debidos informes sobre este punto ao/á xefe/a do Gabinete de Normalización Lingüística.

Sexto.

1. O prazo de presentación das solicitudes será dos 40 días naturais seguintes ao da publicación desta orde no DOG.

2. As solicitudes para participar en ambas as dúas modalidades realizaranse utilizando os formularios que figuran como anexos desta orde. Irán asinadas polo coordinador do equipo de normalización lingüística, co visto e prace do director do centro, e mandaranse á Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondente, e será de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Canda a solicitude, ben da modalidade A, ben da modalidade B, ou das dúas, presentarase un proxecto, asinado polo coordinador do equipo de normalización lingüística, co visto e prace do director do centro, no que se especifiquen, englobándoas no punto correspondente do artigo 2º, as actividades previstas para acadar os obxectivos que figuran nos plans específico e xeral para o uso do galego. Con cada unha das accións terá que figurar a súa cuantificación económica. No caso das actividades de prensa escolar, considerarase como mérito preferente o feito de que esas actividades se levasen a cabo tamén en anos anteriores. Se se dá esa circunstancia, deberase achegar canda a solicitude un exemplar do último dos números editados.

4. As actividades previstas no proxecto faranse necesariamente segundo o establecido na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (disposición adicional) e no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, sobre normativización da lingua galega.

5. De observarse algunha falta na documentación, antes de realizar a proposta de resolución informaranse os solicitantes, para que, no prazo de dez días,

poidan alegar o que crean oportuno e presentar os documentos que estimen pertinentes.

Sétimo.-Para o exame e a avaliación das solicitudes constituirase en cada delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha comisión integrada por:

-O delegado provincial, que a presidirá.

-Un representante do Servizo de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega, da Dirección Xeral de Política Lingüística.

-Un/unha representante da Inspección Educativa.

-O/a xefe/a do Gabinete de Normalización Lingüística.

-Un funcionario ou funcionaria da delegación provincial, que actuará de secretario/a.

Oitavo.-Unha vez examinadas e avaliadas as solicitudes, as comisións presentaranlle as propostas de asignación de contías ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o cal resolverá.

Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición diante do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non recaer resolución expresa no prazo de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no DOG.

Noveno.

1. Para a concesión de incentivos aos proxectos de fomento do uso do galego, as comisións de selección terán en conta a calidade do proxecto e o número de alumnos do centro, en ambas as dúas modalidades. A calidade do proxecto será avaliada en tres tramos, de maior a menor (A, B, C), en función de:

-Número de actividades previstas polo centro para fomentar o uso da lingua galega.

-Repercusión das actividades no incremento do uso da lingua galega.

-Custo e dificultade da actividade.

O número de alumnos valorarase en cinco tramos, de maior a menor: A: máis de 600 alumnos; B: de 400 a 600 alumnos; C: de 200 a 400 alumnos; D: de 100 a 200 alumnos; E: menos de 100 alumnos.

2. Excluiranse aquelas solicitudes que non se reciban dentro de prazo.

Décimo.-Antes do 15 de novembro de 2005, cada equipo, coa conformidade da dirección do centro, terá que lles remitir aos gabinetes de Normalización Lingüística das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a seguinte documentación:

1. Unha memoria das actividades realizadas durante o ano 2005 para as que se lle concedeu a asignación económica.

2. Facturas orixinais, expedidas a nome do propio centro educativo, correspondentes ás actividades programadas e aos gastos totais de material destas.

3. Certificación orixinal na que consten os datos bancarios, selada e asinada pola entidade financeira correspondente.

Décimo primeiro.

1. O pagamento dos incentivos concedidos farao a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través das súas delegacións provinciais, logo da xustificación dos interesados, tal e como se indica na epígrafe 10.

2. O importe dos incentivos non será superior ao 100% dos gastos que leve consigo a realización do proxecto.

Décimo segundo.-O seguimento e a avaliación da realización dos proxectos de fomento da lingua galega que presenten os equipos e a verificación do cumprimento do establecido nos plans específico e xeral para o uso do galego nos centros levaraos a cabo a Inspección Educativa, consonte o disposto no artigo 11 do Decreto 247/1995, do 14 de setembro.

Décimo terceiro.

1. A non entrega das memorias e dos xustificantes de gasto aos que fai referencia a epígrafe 10 no prazo sinalado poderá ser causa de revogación do incentivo concedido e producirá como efecto a denegación deste para o ano seguinte, e o centro procederá ao reintegro da cantidade percibida, sen prexuízo das responsabilidades que se poidan exixir.

2. O incumprimento total ou parcial dos proxectos poderá anular ou modificar a contía do incentivo concedido.

3. Toda alteración das condicións que se tivesen en conta para a súa concesión poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria