DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 14 de febreiro de 2005 Páx. 2.482

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2005 pola que se convoca unha Xornada sobre o silencio administrativo e as notificacións.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2005 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración co Centro de Estudos Xurídicos Superiores, unha Xornada sobre o silencio administrativo e as notificacións, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Levar a cabo un estudo das distintas tipoloxías da inactividade administrativa, con especial referencia ao silencio administrativo. Precisamente pola importancia do réxime xurídico dos actos presuntos, os relatorios dedícanse a coñecer a natureza xurídica do silencio, así como unha exposición do réxime xurídico comun na materia, con particular incidencia en novidades orixinadas polos avances tecnolóxicos ou a comunitarización do dereito interno, mais sen descoidar cuestións clásicas pero sempre controvertidas como o silencio contra legem, completándose cun estudo pormenorizado do réxime de notificacións dos actos administrativos.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-As notificacións no dereito administrativo. Decisións notificables. Destinatario, receptor e lugar de notificación. Publicacións substitutivas.

-Contido das notificacións. Efectos da falta de notificación e das notificacións inválidas. A caducidade de procedementos.

-Natureza xurídica do silencio administrativo. Os prazos do silencio e o seu cómputo. Silencio positivo e negativo (recovabilidade e silencio contra legem).

-Cómputo do prazo do silencio. Réxime de impugnación dos actos producidos polo silencio administrativo.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e data: a xornada convocada desenvolverase no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, sito na Ronda da Muralla, 70, da citada cidade, o día 2 de marzo de 2005.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o venres, día 28 de febreiro de 2005.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública, Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4 - 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 1 de marzo, de 8.30 a 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento da xornada, así como o de cancelala, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ao remate da xornada, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a ela, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2005.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA