DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 10 de febreiro de 2005 Páx. 2.302

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 24 de xaneiro de 2005 pola que se modifica a do 1 de decembro de 2000 que establece o procedemento para solicitar a acreditación de actividades no sistema acreditador da formación continuada das profesións sanitarias na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 1 de decembro de 2000 estableceu o procedemento para solicitar a acreditación de actividades no Sistema Acreditador da Formación Continuada das profesións sanitarias na Comunidade Autónoma de Galicia, determinando no seu artigo 1º as actividades susceptibles de tal acreditación.

Este artigo enumeraba como profesións sanitarias e titulacións acreditables as de medicina, farmacia, veterinaria, odontoloxía, enfermaría, fisioterapia, terapia ocupacional, podoloxía e nutrición humana e dietética; así como aqueloutras vinculadas coas titulacións de física, bioloxía, química, bioquímica e psicoloxía clínica, sempre que sexan actividades relacionadas na súa especialización coas ciencias da saúde.

A Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, estableceu nos seus artigos 2º e 3º as profesións sanitarias tituladas (niveis de licenciado e diplomado), así como os profesionais da área sanitaria de formación profesional (de grao superior e de grao medio), dispondo ademais que as administracións sanitarias establezan -nos casos en que resulte procedente- os modelos para a integración e incorporación dos técnicos superiores e técnicos de grao medio, e das súas actividades profesionais sanitarias, aos centros e establecementos dependentes ou adscritos a aquelas administracións, regulando os sistemas de formación continuada e de desenvolvemento destes.

Por outra banda, os artigos 6º e 7º da mesma Lei 44/2003 antes citada conteñen a enumeración das licenciaturas e diplomaturas sanitarias a que se refire o artigo 2º da mesma norma.

Esta normativa básica estatal obriga a adaptar a normativa autonómica vixente na materia, co obxecto de estendela ás profesións sanitarias que prevé a Lei 44/2003, do 21 de novembro.

Para tal fin, de acordo coas atribucións que me confire a disposición derradeira primeira do Decreto 8/2000, do 7 de xaneiro, para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento dese decreto; así como as previstas no artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, e de conformidade co ditame nº 679/2004, do 7 de xaneiro de 2005, do Consello Consultivo de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do artigo 1º da Orde do 1 de decembro de 2000:

Modifícase o artigo 1º da citada orde, que quedará redactado como segue:

«Artigo 1º.-Profesións sanitarias e titulacións acreditables.

Poderán ser obxecto de acreditación, de acordo cos criterios establecidos pola Comisión Nacional de Formación Continuada, as actividades relacionadas coas seguintes titulacións e profesións sanitarias:

1. Profesións sanitarias tituladas:

a) De nivel licenciado: as profesións para cuxo exercicio habilitan os títulos de licenciado en medicina, en farmacia, en odontoloxía e en veterinaria, e os títulos oficiais de especialista en ciencias da saúde para licenciados a que se refire o título II da Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias.

b) De nivel diplomado: as profesións para cuxo exercicio habilitan os títulos de diplomado en enfermería, en fisioterapia, en terapia ocupacional, en podoloxía, en óptica e optometría, en logopedia e en nutrición humana e dietética, e os títulos oficiais de especialista en ciencias da saúde para tales diplomados a que se refire o título II da Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias.

2. Profesionais da área sanitaria de formación profesional:

a) De grao superior: os que teñan os títulos de técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía, en dietética, en documentación sanitaria, en hixiene bucodental, en imaxe para o diagnóstico, en laboratorio de diagnóstico clínico, en ortoprotésica, en próteses dentais, en radioterapia, en saúde ambiental, e en audiopróteses.

b) De grao medio: os que teñan os títulos de técnico en coidados auxiliares de enfermaría e en farmacia».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2005.

José Manuel González Álvarez

Conselleiro de Sanidade

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA